Ambrose Bierce, Anatole France ou Maupassant tamén se poden ler en galego

Desde Sermos Galiza:
“Desde que en 1985 se creou a Asociación de Tradutores Galegos, o seu proxecto estrela, a Biblioteca Virtual Bivir foi facéndose a cada máis sólido na rede. A estas alturas son máis de cento setenta títulos da literatura universal verquidos ao galego que se poden ler directamente na rede. Son todas obras libres de dereitos que se poden descargar de maneira gratuíta en formato PDF a través da propia web ou doutros proveedores na rede.
O catálogo de Bivir está composto xa por máis de cento setenta títulos entre os que podemos atopar obras singulares mais tamén tradutores e tradutoras de especial relevancia, desde os nomes pioneiros na tradución galega como Lois Tobío, Fernando Pérez-Barreiro ou Valentín Arias até figuras da literatura actual que ofrecen as súas versións de obras de referencia.
No amplo catálogo, o papel do tradutor ou tradutora merece destaque e é o que ordena polo alfabeto as distintas entradas. É dicir, o nome de quen traduce leva á obra traducida. Xela Arias a Baudelaire, Valentín Arias a Diderot, Moisés Barcia ou Emilio Pérez a Bierce, Silvia Duarte a Kafka, Saleta Fernández a Rilke, Antón Figueroa a Émile Zola, Ánxela Gracián a Xulio Verne ou Emma Lazaré a Gustave Flaubert ou Guy de Maupassant. A colección sorprende con pezas como a obra de Paul Valéry traducida por Salvador Lorenzana, pseudónimo de Fernández del Riego.
Ademais de María Reimóndez, traductora de profesión, con obras de Skahawat Hussain e Mary Prince, outros escritores galegos aparecen na listaxe como autores de tradución, como Xavier Queipo -tradutor do Ulysses de Joyce que estará pronto nas librarías- achegan a obra de André Thevet ou Rodríguez, Domínguez Alberte a Bécquer ou Baixeras a Boccaccio.”

Seis nomes, ningunha muller, pechan a lista de candidatos ao Día das Letras Galegas

Desde Sermos Galiza:
“O próximo día 21 celébrase no edificio da Rúa Tabernas un dos plenos do ano máis relevantes para a Academia. Del sairá o nome de quen vai ser homenaxeado o Día das Letras Galegas do 2014 e sobre a mesa xa hai seis candidatos, todos homes.
De se cumprir formalmente as condicións que a RAG estipula para escoller o nome do Día das Letras Galegas, o plenario tería que elixir entre Ricardo Carvalho Calero, Díaz Castro, Fiz Vergara Vilariño e Xosé Filgueira Valverde, os catro que cumpren as tres condicións que a nova executiva quere que, a partir de agora se teñan en conta na elección: levar máis de dez anos morto, estar avalado por tres membros da Academia e estar presentado con tempo abondo como para que se adxunten na propia convocatoria da xuntanza.
De todas maneiras, e dado que esta sería a primeira edición na que se teñan en conta estas reglas, desde a executiva teñen vontade de ser “brandos” á respecto do seu cumprimento, é dicir, deixarán á vontade do propio pleno aceptar outras candidaturas que non se adaptan ás tres regras sinaladas. De ser así e do pleno aceptar as propostas xa presentadas mais non cos requisitos anteriores, dous nomes máis entrarían na elección. Trataríase do narrador Ramón de Valenzuela e do historiador Francisco Vales.
En todo caso, as posíbeis candidatas Luísa Villalta e Xela Arias non parece que teñan oportunidade nesta ocasión de seren lembradas no Día das Letras Galegas. Até o de agora podíanse engadir nomes no propio plenario, mais todo parece apuntar que nesta ocasión esa posibilidade non se vai dar, co cal a listaxe está xa pechada, como máximo, cun total de seis nomes. En principio, tamén, e a diferenza do que acontecía en anteriores edicións, parece ser que a executiva non quere ter parte activa na elección e os seus membros votarán a título persoal polo candidato que estimen oportuno mais sen vontade de condicionar o resultado.”

Xela Arias e Luísa Villalta poderían ser candidatas ao Día das Letras Galegas

Desde Sermos Galiza:
“A Academia decide o día 21 a quen lle dedicará o Día das Letras Galegas. Tres membros do plenario terán que presentar cada unha das propostas que logo se debaterán no plenario. Durante estas xornadas previas, os nomes amoréanse entre as posíbeis candidaturas e, canda os que cada ano recuncan nestas datas, súmanse outros que por vez primeira nesta edición cumpren as condicións requeridas pola Academia.
Á listaxe incorpóranse os nomes de dúas escritoras, mortas a idade temperá que revalidarían o entusiasmo que se viviu no ano de Lois Pereiro. A escritora Luísa Villalta e a poeta e tradutora Xela Arias poderían xa ser as protagonistas dun novo Día das Letras que contarían co respaldo do seu entorno literario e da súa obra contemporánea. Xela Arias morreu en 2003 e Luísa Villalta o 6 de marzo do 2004, é dicir, en calquera dos casos o 17 de maio tería feito dez anos do seu pasamento. Tanto unha como outra están aínda na memoria persoal dos seus contemporáneos, homes e mulleres, en especial poetas, que compartiron con elas iniciativas e proxectos e formaron parte do panorama cultural desde os anos oitenta.
Canda elas, o nome de Ricardo Carvalho Calero volve de novo ao escenario, mais, coa condición que desta volta fai máis explícita a Academia de que sexan os propios numerarios os que acheguen o nome ao plenario, faise máis difícil aínda mesmo a presentación da súa candidatura. Desde fóra de Tabernas, a de Carvalho Calero é unha das demandas que máis vontades congrega por unha parte da intelectualidade que entende xa como inxustiza que non se recoñeza unha figura que contribuíu como poucas á historia da lingua e a literatura e cunha sólida obra literaria.
Máis forza cobra este ano a figura de Díaz Castro, eterno candidato ao que o centenario o próximo 2014 dálle aínda máis forza, avaliada pola campaña que se está a desenvolver desde Guitiriz e a iniciativa promovida polo propio alumnado do centro de ensino Poeta Díaz Castro que presentou un audiovisual dedicado ao autor de Nimbos.
Candidato asegurado para o Día das Letras Galegas é Carlos Casares, que por segunda vez podería optar á homenaxe aínda que parte do seu entorno prefería por distintas razóns, cando menos na anterior edición, agardar algo máis a que se conmemorase a súa figura cun Día das Letras Galegas.
Do exilio e a resistencia antifranquista, dous nomes de dous narradores entran nunha posíbel listaxe para o 17 de maio. O escritor Ramón de Valenzuela, autor de Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar, entre outras e o xornalista e narrador Manuel Lueiro Rey poderían ser protagonistas da homenaxe da Academia. Os dous mantiñan relación persoal e política co presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.
A proposta do poeta berciano Antonio Fernández Morales, candidato apoiado pola Asociación Xarmenta e tamén unha firme aposta do anterior presidente Xosé Luís Méndez Ferrín é outro dos nomes que soan en cada edición. Desta volta, o nome do autor de Paradela, Manuel Rodríguez López chega á sede de Tabernas proposto por GaliciaDixital.”

Ramón Nicolás: Dez anos de letras galegas (2002-2012)

Artigo de Ramón Nicolás, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“Este pasado sábado 5 de xaneiro, no seo da entrega especial do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, por mor dos seus 500 números publicouse este texto que reproduzo a continuación. Ao tempo tamén se incluíron o que entendo como dez títulos esenciais dunha década, no xénero da narrativa e mais do ensaio, entre outros que ben se poderían escoller, e que incorporarei nun apuntamento posterior.
Hai por volta de dez anos, pouco despois de vivirmos aqueles célebres efectos do cambio do milenio, nas letras galegas vivíase a recente desaparición de Carlos Casares e tamén a do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Ausencias nunca definitivas pois sempre, afortunadamente, quedan os libros. Non debera converterse este artigo en obituario ningún pero non quixera esquecer que, neste período, tamén nos deixaron, ficando un pouco máis orfos, presenzas ben relevantes na nosa historia cultural máis recente como son -no que é unha nómina inxusta polos esquecementos- Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Marcos Valcárcel, ou poetas de percorrido truncado como Xela Arias e Luísa Villalta.
Malia todo a vida segue, tamén as letras galegas claro é, nun período talvez con luces e sombras, sobre todo estas últimas por condicionantes de carácter social e económico que pouco axudan a seguir gañando espazos para a promoción e difusión da literatura galega. A imaxinación, aliada coa crenza de que as letras en galego teñen futuro, deparou, por apenas citar dúas propostas, un proxecto como o “Culturgal”, cada vez máis afortalado como convocatoria anual das denominadas industrias culturais, e mais tamén a revista Biblos. Clube de Lectores, sempre fiel á súa cita bimestral e que supón achegar o libro galego a quen lle queira abrir a porta.
Asemade, ao meu xuízo converxen, nestes dez anos, algunhas liñas de forza  que, na súa medida, contribúen á precisa solidez dun edificio no que cómpren moitas mans mentres que talvez as que deberan non fan todo o que lles correspondería. Entre estas mans encóntranse, quen dubida contemplalas agora como un elemento de normalidade, as das narradoras. Se ben o espertar e mais a incorporación das novelistas resultou sincopado nos derradeiros anos do XX é ben certo que nesta década voces como as de Inma López Silva, Rosa Aneiros, Iolanda Zúñiga ou María Reimóndez, entre outras moitas, explican unha realidade literaria viva, plural e poliédrica malia –todo hai que dicilo- a súa escasa visibilización.
A carón, con todo, da dinámica habitual dun sistema literario como o noso no que conviven, afortunadamente, xeracións e estéticas moi diversas, talvez cómpre subliñar tres factores  que apuntan á necesaria fidelización do lectorado: velaí a presenza, ou promoción nalgúns casos, da literatura galega na rede, que vai dando os seus primeiros pasos na comercialización dos seus produtos; a vontade de estabilizar propostas literarias para un público amplo, sustentadas nunha inequívoca calidade literaria como as que asinan, por exemplo, Domingo Villar ou Pedro Feijoo entre outros e, finalmente, a estabilidade e proxección da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, tanto no que se refire ao sector autorial –onde apareceron voces realmente significativas que supoñen unha feliz continuidade respecto doutras ben recoñecidas – como ao propiamente editorial e penso, por exemplo, nos recoñecementos obtidos a todos os niveis por Kalandraka Editora.
E, falando de editoriais, apenas dúas liñas para saudar pequenos proxectos que permiten acceder con garantías a propostas escritas noutros idiomas, entre eles Rinoceronte Editora e a máis recente, pero con resultados excelentes, como é o selo Hugin e Monin. Cómpre, malia todo, ser optimistas, eu son dos que pensan que seguirmos supón unha gran vitoria.”

Muxía: Xela Arias na Galería de Mulleres no mes de maio

O Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de maio centrarase en Xela Arias.