Entrevista de Xoán Costa a Pilar García Negro en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): A lingua que nos fai ser. Fálenos do título…
– Pilar García Negro (PGN): De primeiras, pensei en utilizar o verso derradeiro dun soneto da obra Pedinche luz prestada (2001), de Marica Campo, que reza: “É tempo de falarmos. Somos nós”. O seu primeiro verso é: “Tiñamos unha lingua para amar”, e todo el téñoo usado con grande eficacia en moitas aulas de Lingua. É, na realidade, unha mini-historia poética da diacronía do galego, con exhortación final incluída. Posta á fala coa escritora, para lle solicitar permiso de utilización, rápida como un raio, unha vez explicada a petición, sentenciou: hase titular A lingua que nos fai ser.
Pola miña parte, moi agradecida pola suxestión. Como a terra debe ser para quen a traballa, igualmente debe constar a autoría do título en cuestión. É, como se ve, un oitosílabo, de modo e maneira que ben podería encabezar un a xeito de romance actual dedicado á lingua nacional, tan sofrida como precisada de amparo efectivo.
– ND: A actuación da Xunta en materia de Lingua aparece recollida en varios dos artigos. Agora a Administración competente anuncia un ‘Pacto pola lingua’. Como interpreta vostede ese ofrecemento considerando os vinte anos do Plano Xeral de Normalización Lingüística e os resultados estatísticos que nestes días coñecemos?
– PGN: O papel da Xunta, con efeito, é central na cuestión da lingua, e a súa responsabilidade, máxima. Ten facultades plenas nesta materia e levamos décadas de retraso e dunha política aplicada a manter o statu quo, isto é, o absoluto predominio do español, hoxe multiplicado exponencialmente, coa correlativa perda para o galego, cunha restrita utilización marxinal que non garante en absoluto a súa digna sobrevivencia. “Digna” é normal. “Normal” é equivalente á que ten o español en España, ou o francés na Franza ou…
A situación agrávase no ensino, nos meios de comunicación, na Xustiza, na Sanidade, na debida aproximación do galego na infancia… Nen unha só das medidas contempladas no Plano… de 2004 foi executada. Que é o que se quer pactar? O silencio? A resignación? A benzón da política anti-galega?
– ND: Vostede ten dito, e así aparece escrito nesta publicación, que a lexislación autonómica que marca o ponto de partida para a normalización lingüística naceu eivada. Tamén se ten dito que, en materia de normalización, é preciso tomar outro camiño. Mais eu pregúntolle, para alcanzar a normalización plena do galego basta con tomar outro camiño se non variamos o punto de partida?
– PGN: Si tal, ten eivas conxénitas e adquiridas, co cal a palabra “normalización”, na política oficial, é un significante baleiro, substituída por “dinamización”. Nun caso de anemia galopante, “dinamizamos” o paciente ou inxectámoslle a transfusión de sangue conveniente? Cómpre que o galego volva ser a lingua necesaria e inevitábel da Galiza; foino durante séculos e, grazas a iso, persistiu. Éo o español, nunha hexemonía derivada dun proceso de dominio histórico-político, o que determina unha posición absolutamente deprimida do galego na súa propria terra. Por certo, definir o galego como “lingua propia” (Estatuto) significa que a outra é allea. Ou acaso xa non respeitamos a semántica mínima dos adxectivos? Toda proclamación legal favorábel ao galego ha de prever: obxectivos, medidas, accións concretas e temporalizadas, avaliación continua. Se non, é oquedade balofa…
– ND: A publicación non é un manual de sociolingüística mais trata con rigor e sentido común certos tópicos como a imposición lingüística ou o bilingüismo harmónico, cordial e outros adxectivos que se lle van apondo ultimamente. Que nos pode dicer sobre iso?
– PGN: Aclaremos, para non nos sumarmos á realidade ás avesas. A imposición ubicua, elefantiásica, permanente, cun “bombardeo” constante de mensaxes, lemas, discursos e ideoloxía, é a da lingua oficial do Estado, o español, en total coherencia coa dificultade maiúscula de admitir a realidade plurinacional do mesmo. Imposición ferreña, legal, administrativa, escolar, xudicial…, outrora con castigos físicos incluídos, e hoxe garantida por millenta normas e actuacións fácticas. Quen fala de “impoñer” o galego na realidade está a protestar por “poñer” o galego nun lugar social e / ou público diferente do habitual diglósico. Vender-comprar cebolas en galego na feira de Carballo non molestou nen molesta nada.
Si, utilizalo en voz alta e segura en espazos públicos xerais. Aí lle doe… Mais é o único que pode variar, para ben, a situación. Canto ao bilingüismo harmónico-cordial, remito a un artigo aquí incluído con ese título. Só direi que o bilingüismo leva anos e anos a se utilizar como un ideoloxema para impedir, mesmamente, o aparecemento do galego. Branquear, pois, o bilingüismo equivale, sen máis, a dar por boa a situación abaixada do galego. Este precisa volver ser o signo unitivo de todos nós, galegas e galegos, independentemente do noso lugar de nacemento, de onde moremos, do noso traballo ou da nosa clase social. Non outra cousa é unha lingua normal. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xoán Costa
A Coruña: “A prensa en galego e en papel. A experiencia de compromiso de O Sil e Nós Diario“, con Carlos Hervella e Xoán Costa
Compostela: visita guiada ao Panteón de Galegos Ilustres, guiada por Xoán Costa, organizada pola A. C. O Galo, o 5 de outubro
“A A. C. O Galo convídate á visita guiada ao PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES. Podedes levar a 1 acompañante.
Actividade: Visita guiada ao PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES
Data e hora: Sábado, 5 de outubro de 2024, ás 11:55h.
Guía: Xoán Costa, profesor de ensino medio que escribiu varios estudos sobre este panteón.
Lugar de encontro: convento de S. Domingos de Bonaval. Na entrada ao Museo do Pobo Galego (Compostela).
Tedes que anotarvos poñendo nome, dous apelidos e número do DI, voso e de quen vos acompañe, enviando un email a comunicacion@ogalo.gal antes do xoves 4 de outubro ás 14h. Esa tarde avisarase ás persoas obtiveron prazas.
Na visita saberemos como se xerou e converteu nunha realidade o Panteón de Galegos Ilustres, ollaremos os seus enterramentos e teremos explicacións arredor das personaxes que nel descansan. Entre elas están figuras de tanto relevo para a cultura ou a política galega, como o xeógrafo Fontán, a escritora Rosalía de Castro, o escultor Asorey ou o político e artista Castelao.”
A Coruña: Club de Lectura de Literatura Universal, guiado por Xoán Costa
Desde a A. C. Alexandre Bóveda:
“O Club de literatura universal da entidade, coordinado por Xoán Costa, reunirase, en 2024, os 9 e 23 de outubro, 6 e 20 de novembro e 4 e 18 de decembro. Comezarase lendo Costa dos murmúrios de Lídia Jorge. Toda a información aquí.”
A Coruña: presentación de Os reis e as raíñas da Galiza
O 25 de xuño, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, preséntase Os reis e as raíñas da Galiza. No acto intervirá un dos autores, Alexandre Peres Vigo, profesor da Universidade da Coruña (UDC), e Xoán Costa, Presidente do Consello de administración de Sermos Galiza. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.