Arquivos da etiqueta: Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Benito Reza: “Aquí puxéronse remendos, pero non se buscaron remedios eficaces para o rural”
Entrevista
de Montse Dopico a Xosé Benito Reza en Praza:
“(…) – Praza (P): Dicía nunha entrevista que fixera este libro [Terradentro] como homenaxe ás persoas maiores que lembraba de neno, que tanto padeceran…
– Xosé Benito Reza (XBR): Pasa unha cousa: este é o meu primeiro libro de ficción. Vivo na Praza Maior de Celanova, perto da casa onde nacín. Cando marchei para Santiago, porque fun director xeral de Conservación da Natureza co goberno bipartito, no 2005, a casa de meus pais estaba como estivera sempre: meu pai, miña nai e miña tía Gumersinda, unha señora moi entrañable da que falo tamén na novela. Era unha muller cunha sensibilidade moi especial que, con non ter unha ampla cultura, porque era dunha familia humilde de Vilanova dos Infantes, foi a persoa que me deu a ler os primeiros poemas que coñecín de Curros, de Rosalía –á que admiraba moito-, de Celso Emilio…
Estivera emigrada en Venezuela, coñecera a Celso Emilio alí e fixéranse amigos, polo que tiña libros del dedicados para ela… Pois, cando volvín a Celanova, no 2009, a casa estaba pechada. Era un baleiro absoluto, unha tristeza tremenda, porque nese pouco tempo morreran miña nai –que ademais morreu dunha forma violenta e tráxica- meu pai e miña tía. Entón eu sentín necesidade de repensar aquel mundo. Sempre me gustou moito a novela negra e policiaca e, ademais, meu pai era avogado na vila. Era unha persoa moi ben considerada que sabía moitos dos segredos da vila pola súa profesión pero, claro, nunca contaba nada, aínda que xa dicía el que ás veces, máis que o avogado, parecía o cura, porque lle consultaban cousas que non eran só de avogado… (…)
– P: Algo que pode chamar a atención tamén no libro son as descricións detalladas: dos personaxes, dos ambientes… Facíame pensar nos nosos clásicos…
– XBR: É que eu son un clásico, como me di Ferrín… Por un lado podo dicirche que, claro, o libro trata unha materia moi miña. Eu fun o redactor da lei galega da paisaxe. É un tema que sempre me gustou moito. E xa escribira antes moito sobre os Ancares, o río Arnoia… Por iso é normal que haxa descricións da paisaxe, da natureza… Ademais do interese literario, é algo moi persoal, relacionado coa miña vida profesional. E, claro, si, xa que falas de clásicos, encántame Otero Pedrayo, Ánxel Fole…
– P: Xusto: é en Otero Pedrayo en quen pensara.
– XBR: Teño as súas obras nun pequeno altar no meu despacho. E logo que, a ver, a min encántame ler pero non son un home de letras. A miña formación é de ciencias. E penso que Ferrín me deu bos consellos. Cando eu lle preguntaba de onde sacaba tanto vocabulario el dicíame: “lendo, neno, lendo”. E eu son un lector voraz, pero non sei de tendencias e correntes literarias. O que si podo dicirche é que escribín porque sentía a necesidade de escribir e que, ademais, gocei moito facéndoo. Imaxinaba como reaccionarían meu pai ou miña avoa… Pero o libro é un fin en si mesmo. (…)”
Compostela: presentación de Seis poemas galegos
O
28 de xuño, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase Seis poemas galegos, de Federico García Lorca, nunha edición a cargo de Luís Cochón e Manolo González, que recuperaron autógrafos e apógrafos para reconstruír o texto previo á edición de 1935. O volume inclúe debuxos inéditos de Luís Seoane e textos [entre outras persoas] de Xosé Luís Méndez Ferrín, Isabel Bugallal e Arcadio López Casanova.
Vigo: presentación do número 2 da revista Follas Novas
Vigo: presentación de Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa
Vigo: presentación de Arraiano enre arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín
A
sexta feira 9 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, Xosé Luís Méndez Ferrín presenta Arraiano entre arraianos, publicado por Positivas.
Arraiano entre arraianos: as fronteiras na palabra de Xosé Luis Méndez Ferrín
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A súa última publicación é Arraiano entre arraianos, unha recompilación de artigos sobre as fronteiras de Galicia editados en diferentes xornais durante as tres últimas décadas. Ferrín recolleu, ademais, o premio Laxeiro este sábado. Pode verse aquí.”
Cuestionario Proust: Ana María Fernández
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ana María Fernández:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A impulsividade e a resolución.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A empatía e a solidariedade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-A honestidade e a gana de compartir o seu tempo comigo.
4.– A súa principal eiva?
-A impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
-Escribir historias e poemas.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Estar cos meus e vivir con intensidade cada momento da vida.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-A perda das persoas queridas.
8.– Que lle gustaría ser?
-O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
–No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
-Azul, laranxa…, calquera.
11.– A flor que máis lle gusta?
-As pequenas flores silvestres.
12.– O paxaro que prefire?
-As andoriñas, as merlas…
13.– A súa devoción na prosa?
–X. L. Méndez Ferrín, Cunqueiro…
14.– E na poesía?
-Rosalía, Lorca, Neruda…
15.– Un libro?
–O Principiño.
16.– Un heroe de ficción?
-Don Quixote.
17.– Unha heroína?
-Mafalda.
18.– A súa música favorita?
-A de Beethoven.
19.– Na pintura?
-Monet, Sorolla, Miró…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Quen traballa por mellorar as vida dos demais sen pensar no propio beneficio.
21.– O seu nome favorito?
– Xoán.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A calumnia.
23.– O que máis odia?
-A agresividade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-A de calquera ditador que só busca eliminar o contrario.
25.– Un feito militar que admire?
– Os servizos de salvamento nas grandes catástrofes.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-O da oratoria.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Coa maior tranquilidade e aceptación.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-A alegría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os pequenos defectos da xente nova.
30.– Un lema na súa vida?
-Pensa cousas boas e fai sempre o mellor para todos.”
Xosé Luís Méndez Ferrín, Premio Laxeiro 2018
Desde
Xerais:
“O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foi galardoado co Premio Laxeiro 2018 que concede a Fundación Laxeiro como recoñecemento a toda unha vida dedicada á literatura e a unha traxectoria que alcanzou un nivel de calidade excepcional. A entrega terá lugar o sábado 24 de febreiro no transcurso dun xantar que conmemora a festa que realizaba anualmente o pintor Laxeiro para celebrar o seu aniversario a base de lacón con grelos. Os encargados de entregalle o galardón serán o presidente da Fundación Laxeiro e mais o alcalde de Vigo, engrosando o listado de personalidades que reciben este premio desde o ano 2004 como recoñecemento ao seu labor na potenciación e desenvolvemento da cultura galega. A convocatoria para asistir ao xantar de entrega é aberta e as persoas interesadas deben poñerse en contacto coa Fundación Laxeiro para facer a súa reserva para un acto calificado de entrañable que reúne cada ano a máis de cen persoas, pertencentes ao mundo da cultura, da empresa e da política galegas.
O xornal Faro de Vigo, do que X. L. Méndez Ferrín é colaborador, publicou unha entrevista co escritor galardoado.”
Xosé Luís Méndez Ferrín recibe o Premio Voz de Liberdade
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Xosé Luís Méndez Ferrín recibe o Premio Voz de Liberdade que concede o Centro PEN Galicia. “En realidade nunca deixei de estar na oposición e por tanto anhelar un réxime de liberdade de expresión pleno”. Pode escoitarse aquí.”



