Desde Cultura Galega:
“A pequena compaña é o título da obra coa que Carlos Labraña Barredo obtivo o VIII premio Estornela de Teatro para nenos. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez, destacou a “perfecta caracterización dos personaxes, a tensión dramática e o vibrante ritmo narrativo” así como a mestura de tradición galega e mitoloxía clásica da obra. O galardón que convoca de xeito bienal a Fundación Neira Vilas está dotado con 600 euros en metálico e mais a publicación da obra. Canda a este traballo, entre os 18 presentados, o xurado concedeu tamén mencións de honra ás obras As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro Martínez, e mais a As aventuras de Odiseo, de Xosé Luna Sanmartín.”
Arquivos da etiqueta: Xosé Neira Vilas
Cuestionario Proust: Afonso Eiré
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Afonso Eiré:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O ímpeto, aínda que o paso do tempo foimo amainando.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia entre o que se di e o que se fai.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Saber que os tes aí, nada máis e nada menos.
4.– A súa principal eiva?
– Ser moi confiado.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e, para o lecer, ir de viños, que non é o mesmo que “ir beber viño”.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar ao xeito cos que eu quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Quedar só no meu mundo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Petrucio en Riopedroso, a miña aldea.
9.– En que país desexaría vivir?
– No meu País… coas arelas cumpridas.
10.– A súa cor favorita?
– Os verdes, teño nome para 24 deles.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A da mazaira do inverno.
12.– O paxaro que prefire?
– A rula…, tiven unha á que lle abría a porta da xaula e, un día, non volveu.
13.– A súa devoción na prosa?
– Francisco de Quevedo, un “xornalista” cheo de humor.
14.– E na poesía?
– Manuel María, cos pés na Terra.
15.– Un libro?
– Non sería quen son se non tivese lido de rapaz o Sempre en Galiza e Memorias dun neno labrego.
16.– Un heroe de ficción?
– Balbino.
17.– Unha heroína?
– Casandra.
18.– A súa música favorita?
– A folk.
19.– Na pintura?
– Luís Seoane.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Medrei con dous: O Piloto (o guerrilleiro) e Xoán Acuña (Porteiro). Quería ser os dous.
21.– O seu nome favorito?
– Rosa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A crueldade.
23.– O que máis odia?
– Se odias máncaste a ti mesmo. Aborrezo aos lambecús.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco, pois aínda padecemos os seus actos.
25.– Un feito militar que admire?
– O levantamento de Galiza contra Napoleón, foi a súa primeira derrota.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De moi vello e logo de beber unha cunca de viño coma meu avó.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que son unha influencia da sociedade.
30.– Un lema na súa vida?
– Mentres loitas, vives.”
Compostela: presentación de Cantos de sol a sol, de Xosé Neira Vilas
A Bandeira lembra a Ramón de Valenzuela no seu centenario
Desde Sermos Galiza:
“O venres 3 de outubro, ás 20:30 horas, terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural “Vista Alegre” da Bandeira a conmemoración do centenario do escritor Ramón de Valenzuela, autor, entre outras, das obras Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar, pioneiras no tratamento literario do golpe militar do 1936.
Unha mesa redonda na que participaran os investigadores Xosé Manuel Maceira e Xoán Carlos Garrido Couceiro moderada por Matías Rodríguez da Torre achegarase á figura do escritor despois do saúda da presidenta da A. C. Vista Alegre, Dolores Sangiao, e a presidenta de Adellis, Rosa Fernández. Unha proxección sobre o autor ademais da interpretación dun fragmento da súa obra continuarán o programa antes do peche da xornada no que intervirán o escritor Xosé Neira Vilas e o fillo do autor José Ramón Valenzuela.”
Xosé Neira Vilas, Premio da Cultura Galega 2014
Desde Galaxia:
“O escritor Xosé Neira Vilas, a Galería Trinta, o actor Cándido Pazó, o Festival de Ortigueira, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), o profesor David Mackenzie, o Grupo Marcelo Macías e o Centro PEN Galicia son os galardoados deste ano cos Premios da Cultura Galega, que constitúen un recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural.
Conformado por representantes das principais institucións culturais e profesionais independentes, baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o xurado dos premios reuniuse onte na Cidade da Cultura de Galicia para determinar, entre un total de preto de 40 candidaturas, os galardóns das oito modalidades que conforman os premios: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua.
Na modalidade de Letras o premiado foi o escritor e académico Xosé Neira Vilas, un dos nomes máis destacados e dos escritores máis lidos da literatura galega actual. Autor de numerosos artigos en revistas e xornais, e fundador da Editorial Follas Novas con Anisia Miranda, Neiras Vilas é un dos narradores que mellor describiu a dureza da vida campesiña e o sentimento de desarraigo do emigrante galego. (…)
Xunto co titular de Cultura e Educación formaron parte do xurado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Maximino Zumalave Caneda, en representación do presidente do Consello da Cultura Galega; Henrique Monteagudo e Manuel Quintana Martelo en representación da Real Academia Galega e da de Belas Artes, respectivamente; e Gloria Pena Uris, secretaria xeral da Universidade de Vigo, por delegación do reitor.
Completaron o xurado tres persoas de prestixio no ámbito cultural como son a profesora e investigadora de literatura galega Blanca-Ana Roig Rechou; o produtor e presidente do Clúster Audiovisual Galego, Andrés Barbé Riesco; e a pianista e directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez González. Actuou como secretaria Cristina Fabeiro, subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural.
Na edición 2014, o premio para distinguir a excelencia cultural en cada unha das modalidades consiste nunha obra do pintor ourensán Antón Pulido, que lles será entregada aos premiados nun acto a final de ano. (…)”
A Estrada: Encontro Castelao. Nova interpretación do seu pensamento, do 16 ao 18 de setembro
Carballo: actividades do sábado 30 na Praza dos Libros
Continúa esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 28 ao 30 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o sábado 30, destacamos os seguintes:
– 19:30 h. Presentación de Días de Cuba e Epistolario diverso, de Xosé Neira Vilas, publicados en Galaxia e Embora. No acto participan, xunto ao autor, Víctor Freixanes e Miguel Toval.
– 20:30 h. Presentación de Contos de taberna, publicado polo Concello de Carballo.
Xosé Neira Vilas: “José Martí ten moitas referencias a Concepción Arenal e Pardo Bazán”
Entrevista a Xosé Neira Vilas en La Voz de Galicia:
“Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é moito máis que Memorias de un neno labrego. É a memoria de moitos persoeiros: Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, Ernesto Che Guevara, Luís Seoane, Díaz Pardo… Con moitos deles mantivo correspondencia: «Pero por cada unha das súas cartas hai tres miñas, porque eu quería saber moitas cousas», dicía onte. «O número non importa moito», asegura, pero vai polos 50 libros publicados, «contando as traducións». Os dous volumes últimos presentounos onte na Feira do Libro da Coruña: Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade (Edicións Bolanda) e Días de Cuba (Galaxia).
– La Voz de Galicia (LVG): Son as lembranzas de Cuba?
– Xosé Neira Vilas (XNV): É a memoria dos meus 31 anos na illa de Cuba, da vida laboral, xornalística, sindicalista, a relación co Che Guevara… (…)
– LVG: ¿Desde cando coñecía a Isaac Díaz Pardo?
– XNV: Coñecino en Arxentina no ano 1955 e estiven na fábrica de cerámica que fixo nas aforas de Bos Aires. Logo reencontramos aquí, en Galicia, e a miña compañeira, Anisia Miranda, e mais eu vivimos ano e medio en San Marcos; alí ten alí habitacións e ocupámolas nós mentres facían a nosa casa en Gres. Foi unha experiencia moi rica. Logo presenteino varias veces, demos conferencias conxuntas e no libro aparece tamén o que dixen o día do seu enterro en Santiago.
– LVG: Escribíanse moito?
– XNV: Son 110 cartas que me mandou e acumulei e 175 que eu lle mandei a el; é a correspondencia de medio século, onde está toda a vida cultural, política e social de Galicia. Eu faláballe de Cuba, que lle interesaba moito como era a evolución institucional xa que todo era novo, e el falábame do que estaba pasando entonces en Galicia, o que eu quería saber. (…)
– LVG: Segue escribindo?
– XNV: Ata que o corpo aguante. Estou con Roi Casal traballando nunhas letras. E teño un libro disco con poemas e cancións cantadas por Galinova que se titula Cantos de sol a sol e sairá en setembro. E Mini e Mero tamén están con cantos de emigrantes de retorno.”
A Coruña: actos literarios destacados do venres 8 na Feira do Libro
O venres 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 19:00 h. Xosé Neira Vilas fará a presentación dos seus libros Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade, publicado por Bolanda e Días de Cuba, publicado por Galaxia. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares dos libros e do resto da súa obra.
– 20:00 h. Lemos, cantamos, gozamos. II Semana da música infantil da Coruña. Xiqui Xoque Fiú Fiú!, de María Fumaça.
– 20:00 h. O escritor Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro As crebas, outro xeito de andar ao mar, publicado por Baía Edicións, con fotografías de Maribel Longueira. No acto participan, xunto aos autores, Manuel Rodríguez e Belén López Vázquez.
– 21:00 h. Presentación do libro Salseiros, do actor e escritor Suso Lista, publicado por Edicións Embora.