Compostela: faladoiro Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, por Iria-Friné Rivera Vázquez, o 25 de setembro

“O faladoiro Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, da man da historiadora da arte e escritora Iria-Friné Rivera Vázquez, terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o xoves, 25 de setembro, ás 19 horas. Presentado polo patrón do Museo Xosé Ramón Fandiño, o faladoiro pecharase cun coloquio aberto para debater conxuntamente. A entrada é libre até completar capacidade.
Será unha conversa centrada na exploración das temáticas e influencias presentes na novela de terror e fantasía Un ollo de vidro (1922) de Castelao. Concretamente, afondarase no xeito no que o autor resulta a man mestra que, xunto con Vicente Risco e Camilo Díaz Baliño, estableceu o xénero fantástico e terrorífico tanto na literatura como na arte galega.
Un ollo de vidro é unha sinerxía entre a cultura popular galega e as culturas de Centroeuropa e Europa Oriental materializando o sentido da universalidade, tanto como emancipación cultural como en contribución ao progreso da Humanidade. Como obra conta tanto con referencias a realidade coetánea como con citas históricas (a arte gótica, a arte flamenca), contemporáneas (o Romanticismo Negro), arte nova (cinema, deseño gráfico, ilustración e cartelismo) e vangardas (Expresionismo Alemán). Ao participar de todos este elementos, a obra de Castelao transcendeu o seu imaxinario ata albiscar moita da linguaxe cinematográfica que hoxe en día continúa vixente.”

A Baña reivindica a figura de Avelino Pousa Antelo co nomeamento de fillo predilecto

Desde o Concello da Baña:
“O pleno do Concello da Baña nomeará a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto nun acto que se celebrará o próximo sábado, 14 de maio. O intelectual, escritor e mestre recibirá deste xeito unha merecida homenaxe póstuma da veciñanza do lugar que o veu nacer hai 108 anos, un recoñecemento que se prolongará coa colocación dunha placa conmemorativa na casa da cultura, cun xantar de irmandade e cunha presentación literaria.
Pousa Antelo (A Baña, 1914 – Teo 2012) foi un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX. O seu traballo como mestre e como dinamizador do rural loce a carón da súa talla intelectual e do seu labor en favor da cultura galega. A Baña quere honrar o seu percorrido vital co nomeamento de fillo predilecto, por acordo plenario o próximo sábado 14 ás doce da mañá.
Despois da cerimonia no salón de plenos, na casa da cultura descubrirase unha placa conmemorativa dedicada a Pousa Antelo. Intervirán no acto Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura do homenaxeado); César Ramos (concelleiro da Baña); un representante do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor Xosé Luís Rivas ‘Mini’; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Carme Varela, filóloga e escritora; e un familiar do celebrado intelectual. O músico Emilio Lois acompañará o acto coas súas pezas e interpretará o himno galego.
Para despois deste acto está prevista a celebración dun xantar de irmandade. Xa pola tarde, a escola vella de Barcala acollerá a presentación do libro As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega (Ed. Valentín Arias / Amancio Liñares), na que se recollen as súas intervencións nas ondas. Participará o alcalde da Baña Andrés García; o portavoz socialista e exalcalde José Antonio Pereira; Ángeles e Nora Pousa, fillas do homenaxeado; familiares de Valentín Arias; o poeta Xoán Xosé Fernández Abella e o editor Amancio Liñares.”

Adolfo Caamaño, novo gañador do premio Modesto R. Figueiredo de narración curta 2020

“O premio de narración curta Modesto Rodríguez Figueiredo, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro, fallouse o 6 de marzo no Concello de Silleda, que colabora nesta 46 edición do certame. O escritor e historiador pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) alzouse co galardón polo relato Derradeiras paisaxes do Conde, pola súa proposta orixinal e por abordar un relato histórico xa coñecido –segundo transmitiu o xurado– dende unha perspectiva inédita.
O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro; Estíbaliz Espinosa, escritora e gañadora da anterior edición de 2019; a escritora silledense Ana Cabaleiro, en representación do Concello de Silleda; Agustín Agra, escritor en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega; Rubén Eiré, escritor en representación do Pen Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, e por David Otero, secretario do xurado e da fundación, tamén destacou a boa documentación deste relato que supón “unha metáfora da decadencia”.
Nesta edición de 2020, que veu retrasando a data do fallo prevista por mor da situación sociosanitaria, tamén se outorgaron dos acceses: para Esteban Brea Castro (Cambre, 1990), polo relato Progresión en escala menor, que aborda unha temática complicada de xeito elegante, cunha proposta anovadora e frescura na narración; e para o profesor e escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962), polo relato Áncora, do que o xurado destacou o ritmo intenso e áxil desta historia de temática marítima, con frescura e argumentalmente ben resolta.
O xurado reuniuse ese mediodía no Salón de Plenos do Concello de Silleda, municipio que colabora nesta edición de 2020, e no que se entregarán –previsiblemente no mes de maio– os galardóns desta 46 edición do certame, ao que concorreron un total de 75 traballos.”

Estíbaliz Espinosa gaña o certame Modesto R. Figueiredo

Desde La Voz de Galicia:
“A escritora coruñesa Estíbaliz Espinosa resultou gañadora do certame galego de narracións breves Modesto R. Figueiredo, que se fallou en Ribeira. Despois de analizar as 39 obras que concorreron a esta cuadraxésimo quinta edición, o xurado decidiuse polo seu traballo, titulado 23 xeitos de inventar unha constelación. Tamén se concederon dous accésit, que foron a parar a mans de Yolanda Ceide Calviño, por Trinta minutos antes, e Virxilio Rodríguez Vázquez, por A primeira vista.
O rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, foi o encargado de entregarlle o galardón, un cheque por importe de 1.000 euros, á escritora da Coruña, nun acto que contou coa presenza de Xosé Ramón Fandiño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que é a promotora deste certame considerado un dos referentes da literatura galega contemporánea. Os autores dos outros dous textos que foron distinguidos recibiron 400 euros. (…)
David Otero, que exerceu como secretario do xurado, leu a acta no salón de plenos da casa consistorial ribeirense. Xunto a el, encargáronse de revisar e valorar os textos presentados o propio Fandiño; o escritor ribeirense Antonio Piñeiro; Pablo Rubén Eyré, en representación do Pen Club de Escritores de Galicia; Agustín Agra, pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; e José Carou, membro tamén do Pedrón de Ouro.
A entrega de galardóns contou coa asistencia de María Xosé Rodríguez, que se sumou en representación da familia de Modesto Figueirido. (…)”