“O
xoves 5 de xullo, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia organiza unha homenaxe institucional a quen foi cofundador da Editorial Galaxia en 1950, o ilustre galeguista Xaime Isla Couto, falecido en Vigo o pasado 25 de abril. No acto intervirán, ademais do presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, o presidente de Editorial Galaxia, o rector da Universidade de Vigo (institución que concedeu a Isla Couto o doutorado honoris causa), o presidente da Real Academia Galega, un representante da Fundación Isla Couto e un representante da familia. (…)” Vía Galaxia.
Arquivos da etiqueta: Xunta de Galicia
Un gran acto cívico lembrará os 50 anos do Día das Letras Galegas
Artigo
en La Voz de Galicia:
“A Real Academia Galega xa ten perfilado o acto co cal vai conmemorar os 50 anos da celebración do Día das Letras Galegas. Será a finais deste ano na Coruña, na praza de María Pita, e o obxectivo é que teña unha ampla representación institucional, pero tamén social. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, adiantou onte en Santiago as liñas nas que traballa a institución, logo de compartir unha longa conversa de máis dunha hora en San Caetano co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos. «Había moito que falar coa Xunta, pero estamos contentos coa súa implicación», dixo Méndez Ferrín, quen recoñeceu que aínda queda moita programación por pechar e que a Real Academia precisará da axuda das institucións para preparar un acto no que queren que haxa presenza dos alcaldes das cidades e vilas que contaron cun homenaxeado nalgún 17 de maio do último medio século. Tamén queren encher María Pita con estudantes de colexios deses mesmos municipios. Con certa ironía, o presidente da RAG referiuse á necesidade de «cofinanciación». «Porque nós somos unha entidade pobre», apuntou. Con todo, non marchou coas mans baleiras do despacho do presidente da Xunta. No encontro, Feijoo confirmou o compromiso da Xunta para a organización das actividades especiais e avanzoulles aos académicos o programa no que traballa a Administración autonómica para as Letras Galegas. O Goberno acompañará ao plenario da RAG no acto institucional do 17 de maio en Vigo, dedicado a Valentín Paz-Andrade, e tamén impulsará diversas actuacións de dinamización social, como o apoio á web oficial sobre o homenaxeado, promovida por Industrias Pesqueras. Tamén haberá unha difusión especial de poemas sobre o escritor a través da televisión en formato de minipezas audiovisuais e con accións de rúa de música e poesía. (…)”
Abre a mostra interactiva sobre Celso Emilio
“A
Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), en Compostela, acolleu o luns 26 de marzo a inauguración da mostra multimedia promovida pola Consellaría de Cultura que repasa a vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro. O proxecto, coordinado pola empresa Ouvirmos, toma a forma dun punto de información sobre o poeta. No mesmo, unha pantalla amosa unha liña do tempo interactiva que achega imaxes, fragmentos de audio e outros contidos encol do autor. Canda a isto, nunha mesa de luz poden verse obxectos persoais do homenaxeado. Logo da estadía en Compostela, a mostra percorrerá as bibliotecas nodais de Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e Vigo para visitar con posterioridade diversos centros de ensino de todo o país.” Vía Cultura Galega.
A cultura galega rende hoxe homenaxe a Isaac Díaz Pardo
“
A Xunta de Galicia renderá hoxe, mércores 8 de febreiro, homenaxe á figura de Isaac Díaz Pardo mediante un acto no que participará o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo, a familia Díaz Pardo e destacadas figuras da vida cultural galega. O acto terá lugar ás seis da tarde na Biblioteca de Galicia. Ademais da intervención do presidente da Xunta, tamén falarán nesta homenaxe o fillo do desaparecido empresario e intelectual, Xosé Díaz, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e máis o presidente do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi. Na homenaxe tamén intervirán os arquitectos Andrés Fernández Albalat e Manuel Gallego Jorreto, e os escritores Luz Pozo Garza e Xavier Seoane.” Vía La Voz de Galicia.
A Xunta confirma a supresión da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos
“O
Consello da Xunta aprobou hoxe a nova estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Educación, trala remodelación do goberno galego decidida polo Presidente da Xunta. A nova Consellería de Cultura e Educación unifica os delegados territoriais de Cultura cos de Educación, e suprime a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos (aínda que mantén unha subdirección xeral de Bibliotecas). A Secretaría Xeral de Cultura asume o resto dos departamentos da anterior Consellería.” Vía Cultura Galega.
A cultura galega estará presente nas feiras do libro Boloña, Bos Aires e Guadalaxara
“O DOG publica hoxe a licitación dun concurso para a organización dos actos da extinta Consellaría de Cultura e Turismo (agora Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) nas feiras do libro de carácter internacional para este 2012. Segundo esta resolución, prevese a organización de actividades nos encontros de Boloña (50.000 euros), Bos Aires (60.000 euros) e Guadalaxara (México, por 45.000 euros). As tres feiras son de especial relevancia para o sector libreiro ás que a Galicia acode de xeito continuado. A cifra de licitación é inferior a de edicións anteriores polo descenso, non da contía destinada a cada feira, senón pola redución de citas ás que se acode. En 2010, o importe foi de 280.000 euros e incluía, ademais das tres citas ás que se acode este ano, Frankfurt e Líber (que alterna entre Barcelona e Madrid).” Vía Cultura Galega.
Anxo Lorenzo é o novo secretario xeral de Cultura
“A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xa ten estrutura e xa se coñecen algúns dos nomes designados tralo cambio de goberno. As competencias de Cultura que se adscribiron a este departamento terán a Anxo Lorenzo (Vigo, 1964) como o seu máximo responsable. O que foi o secretario xeral de Política Lingüística asume agora o reto de xestionar a política cultural da Xunta. A súa secretaría xeral perde a dirección xeral de Libro, Bibliotecas e Arquivos creada hai xusto un ano (que substituía á de dirección e promoción cultural) e queda só cunha dirección xeral, a de Patrimonio Cultural. O decreto, publicado no DOG o xoves 5 de xaneiro, establece tamén que a Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais, segue adscrita a este departamento.” Desde Cultura Galega, onde tamén se recollen declaracións súas.
O sector cultural ve con reticencias a remodelación do goberno
Desde Cultura Galega:
““Considero que é un paso atrás” aseguraba Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. A adscrición das competencias de Cultura en Educación, desaparecendo a actual consellaría de Cultura e Turismo, é vista pola Asociación de Actores e Actrices, como “unha mostra máis do desmantelamento da cultura galega”, en palabras de Casilda Alfaro, vicepresidenta da Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Outras entidades, como Agapi, optan por esperar a que se coñeza todo o organigrama. “É unha mensaxe que o goberno nos fai para o noso autogoberno ao emular o Ministerio de Cultura de Madrid xa desaparecido. Pero a situación é diferente porque o ministerio desaparece porque están transferidas ás comunidades autónomas” puntualizaba Bragado, quen considera que a austeridade dun goberno “non depende do número de consellarías como da eficacia na xestión”. Nese sentido, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, apunta que “depende máis dos recursos que do feito de dispor un departamento propio”. Con todo, o sentir maioritario é o de agardar ata que se coñeza a estrutura orgánica deste departamento. “Hai que agardar a organización, e ver se mantén a Dirección Xeral do Libro. Unha vez publicado haberá que estudar o organigrama e ver que se manteñen os compromisos de futuro” puntualizaba Bragado. Desde a AAAG teñen convocada unha xuntanza para este xoves co obxecto de facer unha valoración oficial do colectivo ante esta situación.”
Desaparece a Consellaría de Cultura e Turismo na remodelación da Xunta
“Alberto
Núñez Feijoo deu a coñecer hoxe, martes 3 de xaneiro, a remodelación do seu equipo de goberno de cara á recta final da súa lexislatura. A no organigrama da nova Xunta desaparece a Consellaría de Cultura e Turismo repartindo as súas competencias actuais entre outros departamentos. De tal xeito, a área de Cultura intégrase en Educación que mantén á súa fronte a Jesús Vázquez. As competencias de turismo pasan a ser asumidas directamente polo presidente da Xunta.” Vía Cultura Galega.
O Cancioneiro de Petrarca e Que me queres, Amor? de Manolo Rivas, entre as traducións que máis axuda reciben
“O importe máximo que a Xunta achegou para axuda a promoción, produción e edición do libro galego no que se refire á tradución (doutras linguas para o galego e viceversa) foi de 6.000 euros por título. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación de beneficiarios desas axudas, nas que as contías máis altas foron para o Cancioneiro de Petrarca, no que foi a tradución para o galego. No tocante a tradución a outros idiomas de obras orixinarias na nosa lingua, foron Que me queres, Amor? de Manolo Rivas, Pirata de María Reimóndez ou Land Rover de Suso de Toro dos que recibiron a máxima contía. En total achegáronse preto de 200.000 euros entre 26 editoras. É Reverso Comunicación e Cultura S.L, a que recibe a cifra máis alta, con 24.410,19 euros para unha vintena de proxectos. A convocatoria desta liña de axuda supón un terzo do que se viña destinando a este fin, de tal xeito que descendeu dos 300.000 euros de edicións anteriores a 200.000. Con respecto aos criterios esablecidos este ano, na convocatoria deste ano préstase especial atención a apoiar obras de interese cultural vencelladas a aniversarios e centenarios que se celebren no período sinalado.” Vía Cultura Galega.