Desde Radiofusión:
“Henrique Rivadulla “Corcón” vén de publicar na colección Merlín de Xerais o libro: Cando soa a buguina, que logra algo ben difícil, contar unha historia dramática para un público infantil e que esa historia resulte unha aventura, a través do xogo dos protagonistas. A Carme, nena de 9 anos, desaparécelle o pai no mar, nun naufraxio. Ela sabe que non volverá velo pero, co seu amigo Tonecho, buscan o lugar onde pode estar. A rapazada tamén sofre a traxedia do naufraxio. Esa busca equilibra a pena que trae a morte.
“A protagonista non quere ser o capitán Carmenciña senón a capitana Barrientos”. O carácter de Carme na obra de Rivadulla é o carácter das mulleres dos mariñeiros que, ante a súa ausencia, toman as rendas e gobernan a vida. Tamén é fermosa e natural a historia de amor entre os protagonistas. Rivadulla cita neste libro a diferentes autores galegos que escreben sobre o mar, como Fernández Naval ou Xurxo Souto, demostrando que o mar é moi literario, non so a paisaxe, que tamén, senón o traballo do mar. Se non existise o mar, non existiría a poesía.”
A entrevista pode escoitarse aquí.
Arquivos da etiqueta: Xurxo Souto
Sarria: presentación de Pangalaica, de Xurxo Souto
Celebrado o 30 aniversario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
“As actividades de Arteixo no venres 14 de maio, na maior proximidade do Día das Letras dedicado a Xela Arias, comezaron ás 19:30 coa inauguración do Paseo das Letras, o que desde ese momento deixa ver, mediante placas de aceiro no chan da parte máis concorrida do paseo fluvial de Arteixo, os nomes de todas as persoas premiadas en trinta anos de Certame. A inauguración foi acompañada polos representantes dos partidos políticos do Concello de Arteixo, así como polo gaiteiro Óscar Miranda Lodeiros, quen interpretou o himno do Antigo Reino de Galiza.
A continuación foi plantada unha nova árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario, ao pé da cal reza a seguinte lenda: “Na horizontal da terra / a vertical dos soños”. Tal breve texto foi brevemente explicado ao público polo autor da proposta, o director literario do Certame, Alfredo Ferreiro Salgueiro. Este xesto ecolóxico contou coa interpretación a violín da peza “O pasodobre da Fraga” por Nuria Naya Riveiro.
O evento de entrega de premios no Centro Cívico Cultural de Arteixo comezou perto das 20:30 e contou coa presentación do polifacético artista Xurxo Souto, quen non deixou de amenizar o acto coas súas dotes de contador de historias e de cantante sempre extasiado pola cultura popular. Tamén tiveron presenza os discursos dos coordinadores ou directores literarios do Certame do presente e do pasado: Henrique Rabuñal Corgo, quen falou dos inicios e da consolidación do Premio; Julio Mancebo Moreiras, quen mandou un texto lido por Xurxo Souto sobre os avances na súa etapa de coordinador; e Alfredo Ferreiro Salgueiro, quen recoñeceu o traballo dos seus predecesores, do Servizo de Cultura, do xurado de 2021, paritario na súa composición nos últimos anos e que conta coa colaboración permanente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega e coa Asociación Galega da Crítica. Tampouco se deixou de agradecer a participación dos máis de 70 traballos recibidos no Certame, nin a presenza do público a un acto que estaba a ser gravado integramente.
Na parte central do evento, entregáronse os premios segundo o ditame que Souto leu da correspondente acta asinada por Alejandro Mene Pazos, Beatriz Maceda Abeleira, Inmaculada Otero Varela e Alfredo Ferreiro Salgueiro, na que figuraban os nomes dos premiados:
1º. María Aránzazu Portabales Santomé, polo relato Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”, premiado con 4000 euros e a edición da obra.
2º. Gabriel Gómez Estévez, polo relato A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”, premiado con 2000 euros e a edición da obra.
3º. Cecilia Fernández Santomé, polo relato As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”, premiado con 1000 euros e a edición da obra.
Ademais dos premios, as persoas galardoadas recibiron unha peza escultórica de Dores Polo e Benito Freire, obra en miniatura e peza única que lembra outra maior dos mesmos autores situada no xardín da fachada do Centro Cívico Cultural, instalada en novembro pasado para inaugurar a conmemoración do Certame.
Deuse, por outra parte, unha sentida homenaxe sorpresa a José Manuel Piñeiro Balay, concelleiro de Cultura propulsor da creación deste certame no momento da súa creación, que consistiu na colocación dunha placa co seu nome nunha butaca do Auditorio e na entrega dunha peza conmemorativa, que agradeceu entre os aplausos de todos os presentes.
O evento contou coa intervención do Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Rodríguez, e foi oportunamente clausurado polo Alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez, quen tivo o decoro de citar todas a persoas que nos 30 anos precedentes tiñan posibilitado o Certame, independentemente da súa función ou ideoloxía. En todo momento unha pantalla estivo mostrando os nomes gañadores e os nomes dos xurados no fondo do escenario, para que non esquecésemos que o prestixio que o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía foi erguido co traballo e o talento de moitas persoas, como acontece con todo que ten valor autenticamente humano en calquera tempo e lugar.”
“Poesía polos Penedos”, na Costa da Morte
Monforte: presentación de Pangalaica, de Xurxo Souto
O XXX Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo aumenta a contía dos premios que entregará o próximo 14 de Maio
Reunido o xurado o pasado 18 de abril por vía telemática, a organización do Certame Manuel Murguía anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 14 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Álex Mene Pazos (terceiro gañador da 29ª edición), Beatriz Maceda Abeleira (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Inma Otero Varela (crítica representante da Asociación Galega da Crítica) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (neste caso por orde alfabética de título):
– A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”
– As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”
– Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”
De todos os relatos recibidos, 70 foron admitidos a concurso por cumpriren as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 2000 € para o segundo e 1000 € para o terceiro. Aumentan, por tanto, o segundo premio en 500 € e o terceiro en 400 €.
A organización agradece de novo as colaboracións da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Crítica para a constitución do xurado, o que non deixa de consolidar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega contará coa actuación musical de Xurxo Souto, quen ademais conducirá o acto. O evento incluirá tamén unha lembranza da figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Previamente inaugurase o Paseo das Letras, unha homenaxe a todos/as as persoas gañadoras destes 30 anos de galardón mediante a súa propia placa conmemorativa; tamén será plantada unha árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario. Por outra parte, aquelas que acudan ao evento poderán desfrutar dunha escultura de Dores Polo e Benito Freire situada perante a fachada do Centro Cívico Cultural de Arteixo, que foi instalada o pasado 13 de novembro de 2020 co gallo do 30 aniversario do Certame de narracións breves Manuel Murguía.
A Coruña: presentación de Nación Mar, de Xosé Iglesias, o 13 de maio
A Coruña: Jazzliza: a nosa voz de sempre nas nosas voces de hoxe
Ferrol: actos destacados do 23 de abril na Feira do Libro 2021
O 23 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 12:30 h. Inauguración oficial. Pregón a cargo de Henrique Dacosta.
– 17:00 h. Luís G. Soto e Tareixa Roca asinan Carvalho sempre. Alustres de vida e obra, publicada por Espiral Maior.
– 18:00 h. Paula Merlán asina A troglodita, publicado por Triqueta Verde.
– 20:00 h. Xurxo Souto asina exemplares de O retorno dos homes mariños, publicado por Xerais, e Pangalaica, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Pilar García Negro asina Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero, publicado por Laiovento.
Xurxo Souto: “Na cidade-barco da Coruña vivimos o ‘punkismo’ máxico”
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Coinciden nas librarías dúas publicacións de Xurxo Souto: a reedición 20 anos despois de O retorno dos homes mariños e Pangalaica, recortes poderosos. Un universo propio que fai país entre o real e o imaxinario: homes mariños, artistas que cruzan mares, e historias en que os mitos se confunden coa realidade. A entrevista pode verse aquí.”





