Discurso de entrega e recepción da navalla de Manuel María, por Xosé Estévez

Desde Sermos Galiza:
“Cando oín por teléfono a voz clara e diáfana do “pregoeiro da luz”, Alfonso Blanco, co fin de comunicarme que fora elixido para entregarme a navalla do Manuel María e ingresar nesta enxebre confraría da Navalla, Santa Compaña e Alba de Gloria dos bos e xenerosos, sentinme moi honrado e orgulloso de pertencer á tribo chairega dos pacíficos navalleiros/as e a formar parte da nación dos galaicos. Pero, sobre todo, pois “de ben nacidos é ser agradecidos”, o meu corazón vibrou de inmensa gratitude. Gratitude, pois, para Alfonso, para a Irmandade Manuel María e para a Asociación Xermolos.
Quixera agradecer a presencia de bos amigos e amigas da Terra Cha, da Coruña, de Monforte, de Lugo, da Fonsagrada, de Quiroga, onde os viños son sedentarios e os bebedores nómades. Tamén os vidos doutros recantos deste noso País, que tanto precisa de verdadeiros patriotas, un sentimento de identidade, que vai con nós alí onde nos encontremos, pois “Galiza somos nós: a xente e máis a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala”. Os que fomos obrigados a sachar o barbeito da emigración fachendeamos sen complexos de ser galegos de nación, o que non nos impide abrirnos a solidariedade coa patria que nos doou pan, traballo, agarimo e familia.
Recordo tamén a todos e a todas as que gozaron deste santo grial navalleiro, as últimas, Moncho Valcarce, in memoriam, e a amiga Branca Rodríguez Pazos. Hoxe dela recibo esta credencial con lámina de Eneko, enfeitizada coa ferroviaria e  irónica presentación do bo amigo Paco Martín, a quen debo dicirlle que o profesor Lamote imparte tamén clases en Oiartzun nunha variante chairega do éuscaro. Afágame recibila na compaña de Xabier DoCampo. A Xabier dabondo cedo “lle petaron na porta pola noite”, pero coido que xa resolveu “o misterio das badaladas” e goza da casa da luz”, onde nos veremos na celestial memoria da chaira enteira. Todas/os participaron dalgún xeito desta liturxia de comuñón, rito irmanador de xantar en común unión con queixo, pan e viño. Prisciliano prefería leite e, aínda que son priscilianista confeso e malia que un galeno insensible prohibiume as bebidas inebriantes, non acredito nesta faciana, si noutras, do gran disidente do século IV, que procuraba a volta a un cristianismo evanxélico auténtico e afirmaba no crismón da Ermida: ”Aurum tibi vile est, argenti pondera caedant; melior est quod propia felicitate nites” (o ouro é vil para ti, abátase a prata. Mellor é o que brillas pola túa propia felicidade). E non serán resaibos priscilianistas o sol e a lúa, inseridos no mango da navalla de Consuelo Casanova, a quiroguesa, que deixou en herdanza ao seu neto, Manuel María? (A luz ressuscitada, 1984):
“Miña pequena, querida, preciosa navalliña
de marfil, prata, corno de cervo
e moi excelente aceiro cortador,
no lombo levas estas letras.C C.,
iniciais daquela miña avoa, chamada
Consuelo Casanova Neira, A Quiroguesa,
sombra esvaída na lembranza miña.
Tes gravada, no mango ben luído,
o sol e máis a lúa, símbolos
do mundo astral e da vida xenerosa,
que en nós latexa, corre, brinca e canta…”.
A navalla, que hoxe me entregades, pode servir para unha prosaica tarefa “in extrema necesitate”, a de calibrar a fondura do unto de algún desalmado, pero sobre todo ten unha función simbólica, transmitir os valores que Manuel María representaba: respecto, humor san e amable, trato cordial, coherencia, integridade, honestidade, xenerosidade, sobriedade franciscana, humanismo liberador, vitalismo contaxioso, acolledora hospitalidade, compromiso social e patriótico, comportamento ético, actitude de servizo, procura da unión e da concordia, nobreza de espírito, comprensión integradora, aprecio polo propio sen desprezo do alleo, aposta pola variedade, que é a riqueza do mundo, e coñecemento e amor inmenso polo País. Na casa da Saleta e do Manuel cumpríase o que di o frontispicio do pazo Arizmendi Enea de Oiartzun: “Hemen sartzen dana, bere etxean dago” (Todo o que entra eiquí, está na súa casa).
A navalla reparte anacos de emoción fraternal para compartir os alimentos naturais e espirituais, necesarios para a vida, unha vida compartida cos demais, que articule células de convivencia nos distintos chanzos da sociedade, coa finalidade de facer país, un país cada vez máis solidario, libre, xusto, soberano e orgulloso da súa identidade nacional. Hai que desterrar dunha vez por todas o complexo do colonizado e suprimir do noso vocabulario e das nosas actitudes dous refráns que circulan acotío e súan resignación e egoísmo por todos os poros da sociedade, sometida a un capitalismo consumista e individualista : “Éche o que hai” e “Cada un vai ó seu, menos eu que vou ao meu”. Non acreditemos no determinismo histórico. Temos azos para a revolta e para cambiar o sistema co noso libre albedrío. A única loita que se perde é a que se abandona.
Antes de nós houbo persoeiros que foron mestres e guieiros. Temos moitos espellos en que mirarnos, devanceiros que sementaron ideas e levaron unhas vidas exemplares. Uns ben próximos a este ritual e a estas terras, Avelino Pousa ou Díaz Castro, outros clásicos, fachos acesos sempre aos hai que volver, seguir, ler e reler: Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Plácido Castro, os irmaos Villar Ponte, López Cuevillas, Paz Andrade, Vicente Risco, tamén Risco. E por suposto, Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao e Manuel María. Os catro últimos son os meus constantes referentes e Manuel María é a empática simbiose de todos eles.
Que máis vou dicir de Manuel María, neste décimo quinto aniversario do seu pasamento!! Foi o meirande amigo que tiven nesta vida, un verdadeiro irmao. Cantas veces lembro as viaxes por Galiza e por Euskal Herria, as estadías e conversas en Hernani, en Monforte, na casa familiar de Outeiro, en Quiroga, na Coruña. Sempre volvía ao torrón natal co cobizoso desexo dunha vizosa lectura, co corazón latexando de emoción patriótica, co espírito gozoso de amizade, co ánimo fornecido coa miña escolla vital e cos anaqueis da cabeciña debida e competentemente asentados no seu auténtico lugar. Na miña xa provecta existencia houbo tres fendas vitais, que deixaron maltreito o meu corazón: a morte do meu pai en 1987, a de Manuel María no 2004 e a da miña filla Alda no 2006.
Manuel María prologou un libro meu e dedicoulle á miña familia un libro enteiro, Sonetos ó Val de Quiroga, e varios poemas.  Son moi parcial deste.
SONETIÑO ó carballo que o noso amigo PEPE ESTEVEZ, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Cha a Oiartzun de Guipuzkoa, pra trasplantalo nun eido da súa pertenencia e da súa dona MARIBEL GOÑI”.
“Carballo de Carballido:
na Terra Cha tes nación
e levas no corazón
un puro amor trascendido!
Non deas nunca ó olvido
idioma, patria e canción
que o teu nativo torrón
queda, sen ti, dolorido!
Asume un novo destiño
plenamente. E sen espera:
faite luz, símbolo e siño!
Ti non eres un calquera:
dille en galego ó Pepiño
que che adeprenda o euskera!”
Manuel María. Abril do 1997. Ano de Anxel Fole”.
Hoxe o carballo é un rebolo mozo e bilingüe. Cando foxen os ventos do Xistral, nas ponlas e follas o cuco e o melriño cantan a dúo o carro e máis o txoria de Mikel Laboa.
Manuel María, como o malvís dunha canción vasca, perdeu a vida terreal, pero segue a cantar nas súas obras, co seu exemplo, co seu compromiso ético e estético e na memoria total dos amigos e amigas do País enteiro. Dende o alén remítenos unha lumiera de esperanza e unha nidia mensaxe: acadar en harmónica e fraternal xeira a emancipación nacional e social desta nosa Patria, que espero percorrer algún día liberada do Courel a Compostela, dende Quiroga á Guarda e dende Fisterra deica Outeiro de Rei para depositar na súa campa unha rosa e un caravel.
Moitas, moitísimas grazas por concederme iste enorme galano e por aturar con paciencia o sermón deste Frei Xerundio de Campazas, empoleirado no púlpito como predicador da novena a Santa Isabel, composta por Manuel María. Recomendaba o autor, o “devoto”, rezala con “unción e recollemento”. O propósito final do primeiro día sentencia:  “Seremos sempre fieles á nosa Terra e procuraremos coñecela e comprendela mellor para amala máis fondamente”. Que así sexa. Per saecula saeculorum. Amén.
Consello final a xeito de Manuel María: Portádevos mal que sodes novos e estades a tempo, pois o meu xa prescribiu. Ben sei que a xente, se se lle dá tempo, morre. Pero non teñades présa en realizar a viaxe final, pois non se vai no taxi do Coles, senón en coche fúnebre. E se a Parca teima coa gadaña, repoñédevos coma o vello agonizante do conto. Cando o crego lle recitou a oración final da extremaunción:”Sal alma cristiana de este cuerpo pecador para gozar en el cielo de las delicias del Creador...”, o vello espertou e dixo:”Alma, non lle fagas caso ao cura; quédate onde estás, que estás moi ben”.

Campa da Santa Isabel, Outeiro de Rei. Setembro de 2019″

Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: resposta á Laudatio, por Pilar Pallarés

“Na casa da infancia non había libros. O primeiro que tiven foi un para ir á escola. Meu pai comproumo un día en que chovía moitísimo. Cando chegou con el na súa Lambretta, os dous, pai e libro, estaban enchoupados, así que tivo que se facer con outro exemplar, que xa correspondía a unha edición diferente. Eu tiña unha querencia especial polo pobre libro estragado, como se fose un dos cadelos abandonados que tanto me facían chorar. Por iso, cando por fin souben debuxar unhas cantas letras, recompuxen pacientemente a súa capa, cartón macerado pola agua: Leyendas y narraciones del herrero. Non é só que non tivese nin idea de cando escreber un erre e cando dous; é que aquela palabra do final era para min un puro enigma. Tiña ouvido falar de ferreiros e ferradores, mais herrero era só música, suxerencia, a porta de entrada a un mundo próximo ao da poesía. Non comprender o significado libertábame das limitacións da lóxica e facíame pairar sobre o espazo e o tempo. Era o mesmo misterio das cancións que cantábamos saltando á corda, o das palabras en inglés ou alemán nas revistas que traían os emigrantes.

Así evocaba eu hai poucos anos o meu encontro inicial cos libros e coas palabras. Estes días, dándolle voltas ás circunstancias que me trouxeron até aquí, lembreinas e púxenme a desenredar un pouco o fío do novelo. Agora vexo que dese coup de foudre co libro como obxecto procede a miña incapacidade para me desfacer deles, de aí que moitos teñan acabado nunha especie de casa de acollida compartida con algúns felinos; tamén que para ficar ensarillada para sempre nas palabras só había que engadir uns cantos ingredientes: que pelón, na época en que a miña mestra Toñita xa me tiña ensinado os sufixos aumentativos, fose paradoxicamente o mesmo que careca, o cal non facía máis que aumentar o misterio (e como se pode resistir unha cativa ao misterio?); que unhas cantas operacións me retivesen na casa e na cama longos meses (cantos escritores infantís teñen nacido da soidade e do aburrimento!).
Falo de escrita, mais eu fun primeiro, evidentemente, ávida leitora. Misterio, aburrimento e uns pais que se botan a comprar libros para os fillos. A Biblia, unha colectánea de Xulio Verne, a colección RTV. Era xa no inicio da pubertade, en Vigo, e o que máis me impactou foi La busca, de Baroja, que inxenuamente tentei copiar nun amago de noveliña.
Foi nesa cidade onde, só uns anos despois, me tomou por asalto a literatura para sempre. Entre ecos da Revolução dos Cravos e do golpe de Estado contra Allende, nun cuarto usurpado ao irmán con vistas ás illas Cíes, unha adolescente solitaria, exiliada xa dos lugares da nenez e dalgunha das persoas máis amadas, educada polos pais cunhas expectativas que sobardaban amplamente os límites do feminino, caía no fascinio de Neruda, e Vallejo, e Rosalía. Os primeiros poemas imitan torpemente a paixón vital e a exuberancia de Pablo Neruda.
Estaba aínda mui lonxe do ponto en que me encontro aquí, convosco, e non só temporalmente: escrebía adoito, mais sen lle prestar moito interese, pois o que anseiaba en realidade era ser pintora; alén disto, a lingua en que compoñía os poemas xamais me iría levar a ser homenaxeada, nun acto de xenerosidade louca, por ningunha Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. De familia galego falante, por ambas as partes, eu pertenzo á primeira xeración de nenas (non os nenos, aínda) de Culleredo educadas en español para mellor estarmos armadas fronte á vida, que é o que cuidaban facer os adultos.

Non vos quero cansar estendéndome excesivamente no percurso. Moitas persoas e circunstancias me teñen traído até aquí, mais algunhas foron determinantes. Foino coñecer sendo adolescente a Moncho Valcarce, o cura das Encrobas e de Sésamo e Sueiro. Con el tomei conciencia deste país, a Galiza, e da súa opresión, que era e é tamén unha opresión de clase. Mudar de lingua, na escrita e na vida, era inevitábel. E os poemas foron deixando de ser exercicio solipsista para neles coexistiren a reflexión existencial, cun certo tremendismo adolescente, e a mistura de indignación e esperanza que a situación do país me provocaba.
Xa teño contado en moitas ocasiónsque a decisión de argallar un libro e publicar non foi miña. A finais dos setenta a miña amiga Isabel Balaca, que tiña sido secretaria do propietario de La Voz de Galicia, comezou a levarme ás tertulias na casa de Francisco Pillado Rivadulla, o mellor director que tivo o xornal. Fíxolle coñecer os meus poemas e un día Paco organizoume unha encerrona. Andaba polo país o inmenso Luís Seoane e convencéronme para eu lle ler os meus versos, que tiña escritos a man en cadernos. De alí saín, bastante abraiada, con dúas encomendas: recitar os poemas de Lonxe, de Lorenzo Varela, que acababa de falecer, nunha homenaxe do Ateneu da Coruña e levarlle ese mesmo día a Seoane un libro que publicaría, por decisión del, Ediciós do Castro. A noite anterior á homenaxe Seoane morreu subitamente. Foron a súa viúva, Maruxa, e Isaac Díaz Pardo os que se ocuparon de que Entre lusco e fusco existise.
Esa foi a miña entrada no mundo literario. Non coñecía aínda outros poetas da miña idade, nin lidos nin en persoa. Lera a Rosalía, Castelao, Lamas Carvajal, Elipsis e outras sombras de Ferrín, xa nos anos de Vigo. Tamén A esmorga, e antes Los miedos, baixo a impresión provocada polo encontro con Blanco Amor nunha feira do libro coruñesa. Era a primeira vez que tiña diante un escritor de carne e óso, aínda que non soubese mui ben quen era.
Blanco Amor, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Dieste. Este último era tamén grande amigo e contertulio de Paco Pillado. Rifoume unha vez por afirmar nun poema de Entre lusco e fusco que tiña podre a alma. Como podía dicer tal cousa unha rapaza tan nova! Mais aínda así acolléronme el e Carmen Muñoz na súa casa, na que tamén había tertulia. Os vencidos da guerra, os exiliados. Escoitarde viva voz a defensa do cuartel da Montaña; a fuxida a Franza entre ringleiras de mulleres, nenos, vellos e soldados feridos; as angueiras en México e na Arxentina e a loita por sobreviveren.

A vida ten sido xenerosa comigo en amigos e en mestres. Foi decisivo nos meus anos de formación Ricardo Carvalho Calero. Tiven a sorte de coñecer a Seoane unha semana antes da súa morte e a don Ricardo un ano antes da súa xubilación. Fun a súa aluna o derradeiro curso en que impartiu aulas na vella faculdade de Mazarelos. Con el o humilde idioma familiar recuperado convertíase no da espléndida lírica medieval e abríase a un mundo que pasaba polo Alentejo e chegaba até o Brasil.
Pouco sabíamos entón os seus alunos de Carvalho, aínda que impresionaba, polo menos a min, ter como libros de estudo a súa Gramática e a súa Historia da Literatura. Mais, claro, tíñase omitido a si propio nela… Algúns fómolo coñecendo de pertonos anos seguintes. En tanto o “holding”, como el dicía, o silenciaba, eran as asociacións culturais de base ou esta mesma AELG as que solicitaban a súa colaboración. Tivo a xenerosidade de nos considerar “colegas”, esa palabra de que gostaba tanto, como se fose posíbel estar á súa altura.

Findo xa. Sempre tiven claro o que para min significa(ba) dar aulas de literatura ou analisar a obra de outr@s. É tentar transmitir o deslumbramento, contaxiar a paixón, confirmar que a literatura axuda a viver e transforma a vida. É ademais, cando da nosa literatura se tratar, oferecer o que á miña xeración lle foi escamoteado e negado, as palabras nas que facer niño para logo botármonos a voar.
O de escreber poesía é xa outro cantar, máis sinuoso, ás veces quebrado en ecos, case sempre contraditorio. Confeso que cando escrebo non penso en vós. Ando a procurar un espello que me reflicta, a min no mundo ou contra o mundo, sen piedade e que revele o que aínda nos sei mais talvez é un fragmento de verdade. Quero coñecerme e coñecer, e que ese coñecimento fale coa voz de sangue. Non me importa agradarvos ou que me entendades, porque aínda non me entendo eu. Estou no alén das fronteiras e dos xéneros, como un gromo que rebenta nun continente novo, no que todo está por nomear. Teimo en achar a palabra exacta, como se fose eu quen a inventase, cousa miña. Mais anda Dieste a susurrarme no ouvido que hai que aspirar a construír unha lingua que poida ser falada por unha estatua, os viciños de Arzúa oude Bergantiños a facerme o galano do seu léxico, as devanceiras a carrexar paxes de palabras que quizais non sabían escreber. Estou soa e en lexión perante o espello. Planeaba un soliloquio e véxome, ao cabo, dialogando convosco.

Pilar Pallarés
Auditorio do Centro Ágora, A Coruña
29 de xuño de 2019

A resposta á laudatio pode descargarse aquí.

Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga

A poesía necesaria

“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:

É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.

Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo

Compostela: homenaxe a Moncho Valcarce

Camilo Nogueira obtén o Premio Moncho Valcarce de Defensa da Terra

Camilo Nogueira, un dos nomes clave na evolución do nacionalismo galego, recibirá o Premio Moncho Valcarce á Defensa da Terra, galardón creado pola Irmandade que leva o nome do activista antifranquista, coñecido como O crego das Encrobas. O premio á Promoción da Terra recaeu, desta volta, na Asociación Socio-Pedagóxica de Galiza (AS-PG), movemento de renovación pedagóxica pioneiro no país con máis de trinta anos de actividade na súa traxectoria. Os galardoados recibirán os seus premios nunha gala organizada pola Irmandade Moncho Valcarce o sábado 26 de marzo na Coruña. Durante a entrega dos premios presentarase o libro Moncho Valcarce un símbolo para Galiza. Diarios inéditos e outros textos, que recupera textos escritos por Valcarce entre 1961 e 1968, ano no que foi expulsado do Seminario por ser demasiado idealista. Tamén se recupera un Diario de Exercicios Espirituais que corresponde cunha estancia en Pontedeume que data de 1983. No mesmo explica as razóns que o levaron ao sacerdocio e ao seu compromiso coa esquerda nacionalista. A nova provén de Galicia Hoxe. Tamén recollida en Galaxia.

A Coruña: presentado o libro Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza. Diario inéditos e outros textos

O venres día 16 de abril, ás 19,00 horas, na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga 10, A Coruña) vai ser presentado o libro Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza. Diario inéditos e outros textos, publicado pola Editorial Trifolium, dentro da súa colección Contextos. Estarán presentes no acto María Xosé Bravo (concelleira de Cultura do Concello da Coruña), Victorino Pérez Prieto (coordinador do libro), Ramón Muñiz (presidente da Irmandade Moncho Valcarce), Xácome Santos e Gumersindo Campaña (membros da Irmandade Moncho Valcarce, Xan Arias (editor do libro).