Arquivos mensuais: Xaneiro 2017
Rianxo: presentación de Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo
Rosa Enríquez: “Estamos nun momento de abrirnos a outras culturas e formas de ver, sentir e pensar”
Entrevista de Noelia Gómez a Rosa Enríquez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de estrear, xunto a Nimrod -nado no Chad, na África central- o oitavo ano do ciclo de Poetas di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño.
– Rosa Enríquez (RE): Estou moi contenta de participar neste ciclo. Creo que é moi interesante para a literatura galega na medida que pon en contacto poetas galegos e galegas con outras persoas que se adican á literatura tamén e que son de diferentes lugares do mundo e teñen diferentes linguas. Paréceme moi necesario o diálogo intercultural. Este ciclo que organiza Yolanda, que está moi ben pensado, creo que é moi preciso. Estamos nun momento de abrirnos a outras culturas e formas de ver, sentir e pensar.
– SG: Neste encontro realizaches un percorrido polos teus últimos libros. Recitaches unha pequena selección de cada un deles, desde os máis intimistas e persoais até os que implican conciencia social e dignidade. Por que esa escolla?
– RE: Hai unha cuestión práctica detrás desta decisión que é que dispoñía de 20 minutos, entón iso condicionou un pouco a lectura dos textos. Se quería ler un texto longo tiña que ler logo outro máis curto para que non durase demasiado. Estiven buscando textos dunha lonxitude similar que fosen representativos e interesantes para ese momento. Así que escollín tres de Desobediencia, tres de Atlas de Chaguán, tres de Espectros e tres de Historia do meu corpo en labaradas. (…)
– SG: Ademais de varios poemarios, es autora de Unicrom, novela xuvenil de ciencia ficción e fantasía. Tes pensado escreber máis sobre este xénero?
– RE: Esa novela é unha cousa puntual. Aconteceu porque tiña un blogue -que xa non está activo- e comecei a escribir aí textos sobre seres doutros planetas. A min gústame moito a ciencia ficción e comecei a construír algo e participaron moitas persoas facendo comentarios. Cando xa levaba tempo no blogue con esa historia, animáronme a construílo ben e tiven a fortuna de que a publicase Sotelo Blanco, pero non, non teño pensado facer máis narrativa. Son lectora fundamentalmente de poesía e ensaio, pero narrativa leo menos. Entón non, non estou interesada en escribir narrativa.”
Isaac Xubín: “No futuro só haberá dous sabores: doce e salgado”
Entrevista a Isaac Xubín en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): O deseño de Non hai outro camiño non responde ao habitual proxecto narrativo que se publica maioritariamente hoxe en galego. De onde xorde a idea desta obra?
– Isaac Xubín (IX): A miña primeira idea era escribir unha colección de relatos que nunha primeira fase do traballo tiñan moito de autobiográfico. Chegou un intre, perfilados a meirande parte dos personaxes principais, en que me decatei de que realmente estaba a traballar cunha novela. E supoño que é daquela primeira idea dos relatos do que xorde a estrutura da novela e que se mantivo porque me axudou a presentar nas páxinas iniciais da obra os protagonistas que habitan a cidade e as situacións que se producen.
– B: O auténtico protagonista da obra é a cidade de Staro Selo, un porto con evidente ar balcánico, do que incluso vostede deseñou a vista urbana que se pode ver na capa do libro. É un trasunto ou unha compilación de cidades?
– IX: O deseño da capa é fundamental, penso que é unha introdución coa que enceto o ‘estrañamento’ que tamén se produce mediante a onomástica empregada na novela.
En Staro Selo hai moitas cidades, moitos espazos que forman parte da miña historia vital. Por mor do traballo do meu pai, a nosa familia viuse na obriga de cambiar de residencia en numerosas ocasións (Espinosa, Astorga, Xixón…), unha forma de vida que despois eu tamén adoptei e que me leva agora a residir en Sheffield, unha cidade que me está a ensinar moitísimo. Quizais Staro Selo é unha amálgama de Vigo, Cork, Bilbao… (…)
– B: Está vostede de acordo en que esta novela forma parte desa tradición literaria? Como opera na súa creatividade literaria a tradición galega?
– IX: Síntome moi parte desa tradición literaria porque me acompañou durante unha época en que eu, parafraseando a Chao Rego, renacía galego. Pero tamén me sinto, de xeito humilde e aguerrido, como todos e todas as que decidimos en escribir en galego e só en galego, partícipe de toda a tradición galega… en Non hai outro camiño hai homenaxes evidentes a Blanco Amor, a Ánxel Fole e á literatura oral.
– B: Séntese partícipe dela (aínda que sexa en parte) ou busca os seus referentes fóra?
– IX: Quizais o feito de ter vivido tanto tempo fóra e estar en contacto directo durante longo tempo con realidades que non son a galega deume facilidade para acceder a materias, recursos e experiencias que me axudan no proceso creativo e a tomar conciencia de proporcións e perspectivas diferentes. Algo que por outra banda, na actualidade, non é tan difícil de adquirir cun computador e moitas ganas. Cando eu marchei ao País Vasco xa sabía algo de éuscaro grazas a un curso en liña da universidade de Deusto. (…)”
Cee: presentación de Mulleres bravas da nosa historia
Na entrega do Premio da Cultura Galega de Letras a María Xosé Queizán, por Manuel Bragado
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Acompañei a María Xosé Queizán na entrega dos Premios da Cultura Galega 2016 outorgados pola Xunta de Galicia. Unha cerimonia institucional que resultou elegante, tanto pola excelente condución da presentadora Noelia Otero e da percusionista Lucía Martínez (para min sempre, a alumna de Agustín Fernández Paz), como pola presenza visual da caligrafía, reivindicando así a beleza e a pulsión da palabra manuscrita. Nas dúas horas do acto houbo tres momentos nos que reparei. O primeiro, a magnífica intervención dos membros da cooperativa NUMAX que reivindicaron o recoñecemento das empresas de traballo asociado e a súa importancia na creación de emprego no sector cultural. O segundo, a intervención de María Xosé Queizán, que investiu os dous minutos que lle concederon para ler “Caduco”, un poema contundente contra case todo. O aplauso intenso e longo, moi longo, recoñeceu o teimoso compromiso vital de María Xosé Queizán co feminismo e coa literatura, moi emocionada e arroupada polas súas amizades. E o terceiro, o anuncio que fixo Feijoo no seu discurso de promover un plan para a Cultura Galega. Un anuncio agardado, despois de oito anos de severísimos recortes, que abre un horizonte esperanzoso para reorientar as políticas públicas no que respecta a nosa creación e industria cultural.”
Lugo: Xesús Corredoyra e a súa obra, conferencia de Carlos L. Bernárdez
O venres 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8), terá lugar unha conferencia de Carlos L. Bernárdez, baixo o título Xesús Corredoyra e a súa obra, nun acto organizado por LugoPatrimonio.
Ferrol: presentación de Bestiario do vestiario, de Martiño Suárez
Foz: presentación de A candidata, de Miguel Sande
Entrevista a Víctor F. Freixanes no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Estamos instalados nunha banalidade do consumo que nos está empobrecendo aceleradamente e que vai ter, ou pode ter, consecuencias políticas graves”. Logo de trinta anos dedicado ao mundo da edición Víctor Freixanes deixa a dirección de Galaxia e a actividade profisional neste ámbito. Pode accederse á entrevista aquí.”