Xa na web da AELG os materiais da Polafía en Albá (Palas de Rei)

A Polafía en Albá (Palas de Rei) foi unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). Esta nova polafía, a carón do Camiño de Santiago, no Parladoiro de Arqueixal (Santiago de Albá, Palas de Rei), tivo lugar o día 29 de setembro, co seguinte título: Memorias (con historias) da Ulloa.

Coas intervencións de: Fernando García Penas, Afonso García Penas, Xusto García Castro, María José Gómez Alvite, Carlos Vázquez García,Toño Núñez e Lois Pérez.
Música: Recreación do Antroido e homenaxe a Ramiro Villamor “O gaiteiro de Santo Xusto”. Con J. Manuel Miguélez, Eusebio Varela, Roberto Balboa e Carlos e Jaime Villamor.
Organizou a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, coa colaboración de Arqueixal, Son d’aldea e Instituto de Estudos Ulloáns.
Patrocinaron: Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos).
Nesta ligazón poden verse todos os vídeos desta xornada.

“Recordamos a obra poética de Xela Arias”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Editorial Xerais recolle a obra poética de Xela Arias no volume Poesía reunida (1982-2004). Neste espazo cultural falamos con María Xesús Nogueira, responsable da recompilación, quen explica que se trata dun “traballo de anos que responde a unha gran demanda do público por acceder a estes textos”.
O volume inclúe as obras da poeta, dende Denuncia do equilibrio ata o seu derradeiro libro, Intempériome. A creación da poeta afástase da tendencia que dominaba no momento. A súa obra estaba en constante revisión e ruptura, o que deixaba latente certa tensión propia dos anos nos que viviu a escritora.
A recompilación tenta manter “a autenticidade de Xela Arias, que represente como escribía ela”, conta a investigadora María Xesús Nogueira. Coa publicación deste libro, a literatura dá un paso máis para evitar o esquecemento de voces que son fundamentais na cultura galega.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Paula Carballeira: “Os contos tradicionais galegos renacen cada vez que se escoitan”

Entrevista de Ramón Loureiro a Paula Carballeira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): De onde proceden os contos do seu repertorio?
– Paula Carballeira (PC): Hai de todo. Pero, concretamente no meu caso, hai unha aposta grande pola tradición, polo conto tradicional de Galicia. Un tipo de conto do que ademais teño que dicir que sempre é distinto, e que fiel á súa esencia vai cambiando unha e outra vez.
– LVG: ¿E nunca conta historias súas?
– PC: Ás veces si, tamén. Pero menos, moito menos. O que si fago, en cambio, é incluír historias de autores clásicos. E, entre os creadores contemporáneos, sobre todo teño incluído historias de Mia Couto.
– LVG: E cando conta historias tradicionais, ¿que elementos están máis presentes?
– PC: Pois todo canto forma parte da narración oral galega. Sen ir máis lonxe, nas miñas actuacións non faltan nin os relatos de aparecidos nin o humor. E grazas a todo iso [ri Paula], eu aínda sigo vivindo co conto. (…)
– LVG: E cando vostede escribe os seus libros, ¿é outra Paula diferente?
– PC: Cando escribo son unha Paula que utiliza rexistros moi distintos dos da narración oral. Escribir tamén é pensar moito en quen te vai ler, en quen vai ser o destinatario do teu texto. Por exemplo, se o libro vai dirixido especificamente a un público infantil. En cambio, cando ti estás contando contos en voz alta tes que pensar que o perfil do público que te escoita pode ser moi diverso, e daquela tes que facer todo canto estea na túa man para que cada espectador encontre atractivo o relato.
– LVG: ¿Que é o humor para vostede?
– PC: O humor, para min, é algo importantísimo. Especialmente cando estou a traballar coa tradición galega do relato oral, na que o humor ten unha gran presenza. Pero é que, ademais, a min me parece que no humor reside unha visión moi intelixente do mundo e da realidade. Valoro moito o humor, desde sempre. O humor galego é excepcional.”

Residuos de chamas flamexando, de Raúl Gómez Pato, gaña o VII Certame de Poesía Xosé María López Ardeiro

Desde o Concello de Negreira:
Raúl Gómez Pato, co poemario Residuos de chamas flamexando, presentado baixo o pseudónimo de “Barca de tinta”, e natural do concello de Brión, é o gañador do VII Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, cuxo fallo do xurado e entrega, tivo lugar esta tarde nun acto literario-musical celebrado no Auditorio do Centro Sociocultural, coa presenza do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, encargado de entregarlle o galardón cunha dotación económica de setecentos euros. Ángeles Madriñán González, con Animais e outros deuses, natural de A Estrada, foi a outra finalista, quen recibiu un premio de trescentos euros.
Cando o alcalde do Concello de Negreira, participou no acto, o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, cuxo departamento colabora coa organización do certame de poesía na súa promoción e coa edición do poemario, e maila entrega de douscentos exemplares ao gañador. Dase a circunstancia, de que Raúl Gómez Pato foi finalista na edición de 2017 que gañou a teense, Claudia Castro.
O xurado, conformado por José Antonio Ponte Far, escritor e catedrático en Lingua e Literatura, xunto ao poeta Xulio López Valcárcel, e as profesoras María Rey e María López Sández, docentes do instituto Xulián Magariños, así como a avogada e poeta, Diana Varela Puñal, valorou a «unidade e alento poético, que non decae ao longo das páxinas, e a densidade conceptual».
Este acto cultural e social, rematou coa actuación da Coral da Universidade Sénior de Ferrol, chegada ata Negreira por mediación de José Antonio Ponte Far, membro deste coro ferrolán.”

“Manuel María, nace un dramaturgo”

Artigo de Héctor J. Porto en La Voz de Galicia:
“«Nace un dramaturgo para a escena e para a literatura galega. A hipérbole deixa de o ser», pregoa María Pilar García Negro nos comezos do seu prólogo á coidada edición da Obra teatral de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) que preparou para a súa publicación pola fundación que -dende a súa sede na casa-museo de Outeiro de Rei- custodia e pon en valor a figura do autor chairego. Pese a esta celebración, non hai unha chisca de sorpresa na faciana da profesora e escritora luguesa, que lembraba hai uns días como a fins da década dos anos setenta ela mesma promoveu a representación de O auto transcendental da escola tradicional (1976) coas súas alumnas no instituto coruñés Eusebio da Guarda. Xa daquela tiña clara a importancia da dramaturxia de Manuel María, e deseguido percibiu o papel basilar que xoga no teatro contemporáneo galego. (…)
Xa entón, no 2005, lle bulía a García Negro unha idea na cabeza. Ela nunca dimitiu da súa admiración por Manuel María, pero tampouco topaba tempo para dedicarlle ao arduo labor de poñer en limpo a súa obra teatral. «Non só era a revisión e confronto das diversas versións ou a recuperación de textos que faltaban, tamén estaba vixiar a homologación gráfica que el mesmo fixou e deixou disposta para a súa poesía. Era un traballo moi laborioso», subliña. Ata que o curso pasado decidiu interromper outros asuntos para poñerse en serio co proxecto de edición. Non era pouca cousa. Sabía que pasaban de trinta pezas e só unhas poucas foran editadas en libro, algunhas apareceran en xornais (como La Voz de Galicia) ou en revistas e suplementos literarios; e moitas permanecían totalmente inéditas, aínda que unha parte delas si chegaran ás táboas.
O máis fascinante do seu estudo foi verificar a súa grande diversidade, tanto no formato ou na temática como no estilo. E ademais ratificou que non se trataba dun empeño temporal, efémero: a súa dedicación teatral foi continua ao longo da súa vida, como demostran as datacións desde o seu primeiro texto, Auto do taberneiro (1957), ata o derradeiro, Auto do alugado ou O encanto de Raboces (2001). «Son cando menos 44 anos de traballo -di a profesora-. Cando me puxen á tarefa, na relectura de toda a obra, advertín que estaba ante a produción dun escritor experto. Mostraba un dominio dos recursos escénicos, da dramaturxia, da técnica, e un notábel abano de rexistros. Isto non era froito de quen está pensando nunha diversión, nun pasatempo, de alguén que está construíndo algo para entreter», incide. (…)”