A Academia inaugura a Primavera das Letras de Xela Arias no colexio vigués onde estudou a protagonista das Letras Galegas 2021

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega celebrou no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) a presentación da Primavera das Letras de Xela Arias da man da súa familia e da comunidade educativa do colexio onde a autora estudou a partir dos sete anos. O proxecto dixital fornecerá os nenos e nenas de diversos recursos lúdicos e didácticos, descargables e interactivos, para achegalos á figura da escritora, editora e tradutora á que a institución dedica as Letras Galegas 2021. Coa posta en marcha desta páxina web específica para o público infantil, a Academia complementa nas vésperas do aniversario de Xela Arias –nada o 4 de marzo de 1962– a súa oferta de xanelas virtuais sobre a súa vida e obra, tras a activación o pasado mes de xaneiro da sección das Letras Galegas 2021 na web institucional, academia.gal, en permanente actualización.
“Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa”, expresou o presidente da Real Academia Galega. “Nesta ocasión a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa, toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza”, engadiu.
A Real Academia Galega mantén a web primaveradasletras.gal dende o ano 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey. O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria. A académica expresou a súa satisfacción polo incremento paulatino de participantes en cada edición, mostrou o seu desexo de que esta progresión continúe e animou a todos os colexios a compartir a través deste certame as homenaxes e os traballos que lle dediquen a Xela Arias.
Fina Casalderrey agradeceu ademais a presenza no acto da familia da homenaxeada e a excelente acollida do colexio de Sárdoma-Moledo. A celebración contou con, Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns. “Temos moi bos recordos neste colexio, onde pasamos a infancia. Da nenez sempre hai boas lembranzas, pero é que ademais este colexio é moi bonito, está en Vigo pero nunha zona aberta, no medio da natureza”, gabou. (…)
A oferta de contidos dixitais arredor das Letras Galegas de Xela Arias incluirá propostas audiovisuais que poderán verse proximamente nas redes sociais da RAG e na sección das Letras Galegas de academia.gal. Neste espazo xa están dispoñibles a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas –unha delas a Amparo Castaño–, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos.”

“Os poetas que soñou Cunqueiro: A Universidade de Vigo edita unha antoloxía de poetas inventados polo mindoniense”

Desde Nós Diario:
Cunqueiro traduciu ao longo da súa vida máis de oitocentos poemas de catrocentos vinte poetas. Seguindo o seu rastro como tradutor podemos ler en galego nomes tan coñecidos como Ezra Pound, Ana Akhmatova, Henri Michaux, Emily Dickinson, Dylan Thomas, Yorgos Seferis… e outros menos célebres como Annie Crossband, Carlo da Marjolana, Pat Paterson ou Vittoria Merlino. Nestes últimos céntrase a antoloxía que vén de publicar a Universidade de Vigo, Cunqueiro XL.
E, ben, se vostede non escoitou falar nunca destes autores, non dubide das súas lecturas: ninguén máis sabe nada deles. Xosé Henrique Costas, encargado da selección dos poemas, desvela que unha cincuentena deses poetas son froito da imaxinación sempre desbocada de Cunqueiro. Iago Castro, recompilador do volume Poesía 1933-1981 (Galaxia, 2011), xa advertía desta fantasía, mais só agora sabemos a magnitude que acadou a andrómena.
“Ao agruparmos os poemas traducidos”, explica Costas, “atopamos uns cincuenta autores dos que non sabiamos nada: consultamos bases de datos, especialistas de distintas universidades europeas… e fomos chegando á conclusión de que non existiron nunca. Ás veces, atopabamos un suposto poeta romanés cuxo nome non concordaba en absoluto coa onomástica do país, ou un hipotético poeta sueco con apelidos fineses… Comprobamos mesmo se había algún erro nas transcricións dos nomes e apelidos, mais descubrimos que algúns deses apelidos non existen en ningunha lingua: non existe, por exemplo, ningún italiano que se apelide Merlino”.
“Ao tempo” continúa, “detectamos cousas como que os primeiros versos dun poema atribuído á poeta Annie Crossband coinciden exactamente coas primeiras liñas dunha novela que Cunqueiro comezou mais que non chegou a rematar. E, fixándonos ben, identificamos na maior parte destes poemas os mesmos temas e teimas presentes na súa obra. É doado chegar á conclusión de que son poemas da súa man, que todo foi unha grande invención do seu enxeño”.
A liña que separa a ficción da realidade adoita ser moi delgada, mais no caso de Cunqueiro hai que preguntarse se ambos os planos non se dilúen até conformar unha única cartografía que o de Mondoñedo percorría coa mesma familiaridade na literatura e na vida. E as reviravoltas dese itinerario sempre sorprenden: “Antonio Odriozola, colaborador e amigo de Cunqueiro”, relata Costas, “escribiu no Faro de Vigo un artigo no que afirmaba que unha suposta estudosa sueca presentara unha tese na Universidade de Estocolmo titulada As invencións de Cunqueiro. Pois ben: está demostrado que non existen nin a tese nin a autora. Estamos convencidos de que Odriozola –como moitos outros críticos– caeron na trampa que lles tendeu Cunqueiro, que chegou a inventarlle a esta especialista unha biografía e unha bibliografía”.
Para maior ironía, as invencións de Cunqueiro non se conforman con ter a imaxinación como piloto: tampouco renuncian a unha causticidade que xoga co culturalismo para parodialo e parodiarse a si mesmo: o equipo liderado por Costas, por exemplo, descubriu que Pat Paterson, autor do poema “Os dous homes”, é tamén o nome do protagonista dunha novela de Marcial Lafuente Estefanía.
Mais que se pode deducir de todo este xogo de máscaras que Cunqueiro lles deixa como enigma aos estudosos e ao público lector en xeral? Que se pode albiscar tras esta recreación lúdica que oculta ao tempo que desvela? Costas contesta que hai varios elementos a ter en conta. “En primeiro lugar, en Cunqueiro a imaxinación e o soño van sempre por diante da realidade. El, por exemplo, inventa uns poetas suecos aos que “traduce” entre 1965 e 1967, e anos despois, acomete a tradución de poesía sueca de autores reais: Lars Forsell, Harry Martinson… É o mesmo que fixo coas Crónicas do sochantre: primeiro imaxina a Bretaña e só despois pisa o país real”.
Existe outro factor: Cunqueiro estaba moi doído polas críticas que recibía censurándolle a falta de compromiso coa realidade e acusándoo de evasionista e descomprometido nun momento histórico en que a poesía socialrealista marcaba o paso da creación lírica. “Igual que el e Fernández Del Riego mantiveron un suplemento cultural no Faro de Vigo, escribíndoo practicamente todo e asinando con varios pseudónimos para dar a impresión de que había moita xente comprometida co estudo e a difusión da cultura galega”, conclúe Costas, “o seu labor de tradución ten algo de xustificación da súa poética: presenta a enorme variedade de rexistros da poesía como un valor que hai que considerar en positivo: que fai, se non, traducindo poetas como Li Po, Queneau ou Ferlinghetti?”.”

Elixidos os Premios do Certame Vilariñas 2021

“Marga Pazos, de Lousame, Jeferson Costa Leite, de Brasil e Quique Roxíos son os gañadores da V edición do certame de micro-poesía Vilariñas.
O xurado, composto polos membros da Nova Poesía Guitirica NPG resolveu despois dunha difícil análise pola calidade dos poemas presentados.
Foron case 90 as Vilariñas presentadas de diversos lugares do país, Asturies, Portugal, Brasil e tamén do estado nun certame que se está a facer referencial na poesía galega e que complementa o Premio Díaz Castro, tamén de Guitiriz.
O Certame Vilariñas nasceu como homenaxe ao poeta do Vilariño Xosé María Díaz Castro, o poeta das cousas pequenas, e inspirouse no seu poema A Espada que fala das herbas pequerrechiñas e o nome de Vilariñas ao seu lugar de procedencia, o Vilariño na parroquia guitiricense dos Vilares.
O premio é unha peza deseñada pola artista muxián Viki Rivadulla que simboliza a unha muller galega co paxaro da inspitación na cabeza.
O primeiro premio foi para Mar Pazos, unha moza de Lousame residente en Vigo, o segundo prémio corresponde a Jeferson Costa Leite de Alegrete, no sul de Brasil e o terceiro correspondeu ao coñecido poeta de Boal, en Asturies, Quique Roxíos.
Este ano a diversidade linguística do galego-portugués viuse representada nas Vilariñas, onde as variantes idiomáticas cinviven en armonía.
As Vilariñas siguen a viaxar ademais de polos diferentes rincóns do país nestas cinco edicións, tamén por diferentes lugares do estado e mesmo alén mar, ao sul do planeta.
Se a situación sanitaria o permite, o acto de entrega será o 13 de xuño en Guitiriz conxuntamente co Premio Díaz Castro de poesía.”

Antón Riveiro Coello: “Baixo as bombas, amais da violencia, agroma a humanidade de moita xente comprometida”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches varios libros con guerras de fondo. Por que?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Si. A intención é que novelas como As rulas de Bakunin, Laura no deserto e mesmo un libro de relatos que estou a escribir, se toquen dalgún xeito con O paraíso dos inocentes e aspiren a forma parte dun ciclo cun pano de fondo e unha temática similar. Talvez esa teima se sitúe no meu gusto por colocar os personaxes en situacións límite que acontecen en momentos clave da historia. Non hai en min ningunha resistencia a tratar esas experiencias extremas que ás veces perturban, pero que nos obrigan a repensar radicalmente as nosas vidas, e espero que tamén as de quen nos le.
– P: Como foi o proceso de creación desta? Algún motivo especial para escoller o conflito sirio? (Alén da actualidade, presenza mediática…)
– ARC: Non adoito someterme aos criterios temáticos de actualidade, pero tamén é verdade que ás veces non é doado subtraerse a eles. O punto de partida xurdiu tras pasar polo aeroporto de Zaventem en Bruxelas pouco antes de que estoupase nun dos atentados xihadistas. Desa conmoción xurdiu a idea primeira de tratar o tema do terrorismo, ese mal abstracto que converteu o mundo nun lugar inseguro e vulnerable. Despois viñeron as conexións coa guerra de Siria e foi cando o proceso se volveu máis complexo para min porque foi como entrar nun territorio totalmente descoñecido.
– P: O libro está dedicado, entre outras persoas, a “Diana e Hussam”, que lle “emprestaron” a súa memoria. Son testemuñas da guerra? Contactaches con máis xente que a viviu?
– ARC: Si, contactei con algunhas testemuñas e de aí, desas conversas durísimas, foi de onde xurdiu un compromiso, digamos de xustiza restitutoria, para contar as súas traxedias. Quen máis me inspiraron foron precisamente Diana e Hussam, que si son vítimas da guerra e hoxe están en Holanda. De feito, toda a fuxida de Hussam está na base para a creación do personaxe de Isam. Esa viaxe terrible que tivo que sufrir dende Siria até chegar a Europa é a mesma que segue Isam e que tamén trazou o mapa da miña imaxinación.
Como curiosidade, dicir que cando Hussam me contaba o seu itinerario, a súa muller estaba a escoitalo por vez primeira. Fora tan duro que, nunca, nin cando xa ela e os fillos se reuniron con el nun avión dende o Líbano, Hussam tivo o valor suficiente para contárllelo. Non quería nin que se imaxinasen polo que tivera que pasar para chegar a Holanda. Traballar sobre a memoria doutras persoas é algo que me fascina e, dalgún xeito, dáme certa seguridade porque non camiño ás cegas. Toda esa memoria é coma unha materia viva que vas moldeando até acadar un retrato que é resultado do emprestado, pero tamén da túa conciencia e, sobre todo, da túa imaxinación.
– P: Amira, unha das protagonistas, é unha xornalista-activista que non ten moita esperanza de que o seu traballo sirva para que Occidente esperte. Mais o libro fala de esperanza, e de procura da liberdade, desde o primeiro capítulo. Era a túa intención, que o lector/a quede con esa idea?
– ARC: A novela, como todas as guerras, ten partes duras e dolorosas. Eu quero ser honesto con quen me le. Expresar esa dureza coido que vai na procura dun chisco de verdade. E parte desa dureza acolle tamén a decepción de Amira, que arrisca a vida para lle abrir os ollos ao mundo dende dentro da guerra, sen ver máis retorno ao seu activismo que indiferenza e abandono por parte da comunidade internacional.
Con todo, nos máis dos personaxes latexa a esperanza, encarnada sobre todo na solidariedade e no compromiso das persoas para seguir loitando pola liberdade. Baixo as bombas, amais da violencia, tamén agroma a humanidade de moita xente comprometida. No fondo, a novela é un canto antibelicista, comprometido coas vítimas e coa dignidade de moitas persoas que representan o mellor da sociedade. Estas son algunhas das ideas que están por tras do texto. (…)”