Arquivos mensuais: Maio 2022
Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022, arredor de Luz Pozo Garza, con Susana S. Arins, o 21 de maio
Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, que permiten coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
– Todos os paseos comezan ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
– As inscricións faranse exclusivamente a través do correo electrónico inscricionslingua@coruna.gal desde o luns anterior a cada un dos paseos, ata que se esgoten as prazas. A duración é de aproximadamente unha hora e media. O lugar de saída para comezar o paseo comunicarase no correo de confirmación da inscrición.
Os paseos son os seguintes:
– 21 de maio, ás 12.00 h. “Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Pozo Garza“, con Susana S. Arins.
Os paseos imaxinarios (ou non) son unha versión fantasiosa das rutas biográficas. Exixen por parte das participantes a capacidade de se desprazar a outros lugares, pois o espazo en que se desenvolven non deixa de ser unha metáfora doutros espazos. Este paseo imaxinario (ou non) nace da lectura atenta da obra de Luz Pozo Garza e non é outra cousa que unha escusa para compartirmos os seus textos.
– 28 de maio, ás 12.00 h. “As malas mulleres“, con Marilar Aleixandre.
A novela recibiu o Premio Blanco Amor en 2020, e con ela recuperamos a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Coruña, onde Concepción Arenal e Juana de Vega foron pioneiras.
Recital Versos na baixamar en Barreiros 2022, o 22 de maio
O Recital Versos na baixamar en Barreiros 2022 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros.
O domingo 22 de maio, co gallo do Día das Letras Galegas, chega a II edición do ciclo poético Versos na baixamar, programa que fará parte dos actos de conmemoración do 17 de maio, adicado nesta ocasión a Florencio Delgado Gurriarán. Nel confluirán a poesía, a música e a palabra, da man e o talento dalgunhas das mellores e máis novas voces da Mariña e a poesía galega, así como figuras a nivel internacional.
Na baixamar do domingo 22 de maio buscaremos o eterno si do mar, aquel do que falaba Homero. Porque na baixamar a maré retírase e deixa espazo á poesía e ao verso, que florece por si só: recitado, falado, cantado, dito… Celebrado.
Versos na baixamar xuntará nesta súa segunda edición a poesía das focenses Paula dos Anjos e Natalia Alonso, que destacan pola frescura e a calidade da súa poesía e contará coa presenza dunha das poetas galegas con maior proxección internacional do país e o resto do Estado, Yolanda Castaño. A poeta, actriz e programadora cultural, habitual dos festivais internacionais de poesía e traducida a varias linguas, porá a guinda a un programa que mira cara adentro e cara fóra, aspirando a consolidarse no panorama da poesía galega. Todo, nun acto conducido polo narrador oral e poeta Lois Pérez, que tamén intervirá no recital.
En caso de choiva, o acto levaríase a cabo na Casa de Cultura de Barreiros.
Vídeo do Pleno do Día das Letras Galegas 2022 – Florencio Delgado Gurriarán
San Alberte, Parga: Festa da Fala 2022
A vilagarciá Andrea Fernández Maneiro gaña a cuarta edición do premio Eduardo Pondal de poesía
Desde o Diario de Arousa:
“A poeta vilagarciá Andrea Fernández Maneiro segue a sumar galardóns e recoñecementos. Medulia Editorial aproveitou a conmemoración do Día das Letras Galegas para facer público o fallo da cuarta edición do premio Eduardo Pondal de poesía. A obra galardoada é o libro Voto de silencio, no que a autora debulla as diferentes vivencias que se experimentan durante o proceso educativo nun colexio de monxas. Non é –como aclara a propia poeta– un poema que bebe unicamente de vivencias persoais, senón que a obra conta tamén cunha parte fabulada. A educación sesgadas, o feito de que as nenas fosen dirixidas cara unha determinada aprendizaxe ou a propia vivencia dentro da escola son algúns dos temas que se tratan no poemario Voto de silencio.
O xurado do premio promovido por Medulia Editorial coincidiu por unanimidade en darlle o máximo galardón ao poemario de Andrea Fernández, presentado baixo o título de “A xoaniña na eira de pampullos”. (…)”