Manuel Rivas: “A paisaxe xa non é bucólica, a terra está berrando”

Entrevista de María Solar a Manuel Rivas no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Un xabaril albino e sanguinario, autor de varias mortes, e unha batida de cazadores para rematar con el, é o inicio da historia que Manolo Rivas nos conta en Tras do ceo. Un libro que o devolve á novela nove anos despois da última. Tras do ceo é a trama escura de depredación humana, onde o rural e a natureza son tan protagonistas como os animais e as persoas. Rivas, abre o novo curso de setembro, no só volvendo á novela senón que xa anuncia que será unha triloxía. A entrevista pode verse aquí.”

Sara Martínez Bello gaña o V Premio de poesía Filomena Dato coa obra Eira

Desde o Concello de Bergondo:
“Sara Martínez Bello resultou gañadora do V Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario Eira.
O xurado, integrado por Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto), Dores Tembrás, Lois Pérez e Noelia Gómez, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Sara Martínez Bello valorando do mesmo que se trata dunha “lectura que sostén o interese da lectora de comezo a fin, polo traballo coa memoria apoiándose na presenza do sensorial sen caer en tópicos e revelando conceptos como a violencia contida e a dignidade do común, o desenvolvemento dunha psicoxeografía propia, o uso coidado da linguaxe”. Igualmente, o xurado salientou o “emprego e control de diferentes estruturas do poema que desembocan nunha conxunción entre forma e fondo, subliñando unha sensación de verdade”.
O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato.
Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.
A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026.”

Antón Dobao: “Nestes relatos quixen cuestionar os límites do que parece real”

Entrevista de Pilar García Rego a Antón Dobao no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”O Universo é un envurullo de papel que deus esmagou dentro da man. Hai quen di que apenas unha pantalla de ordenador”. Isto é un anaquiño dun dos contos de O tigre na boca do lagarto, o último libro de Antón Dobao. É un monllo de relatos, de contos narrados desde o interior da boca do lagarto. Entre a complexidade do material e a simpleza dos signos dun código binario, entre o carnal e o metaverso, entre a ciencia ficción e o real. A entrevista pode verse aquí.”