O domingo 24 de novembro, ás 17:00 horas, na Fundación Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces), no marco dos Encontros Literarios en Gres, terá lugar un encontro con Rosa Aneiros. Trátase da segunda sesión deste programa que comezou co coloquio mantido con Lois Alcayde e que coincidiu coa lembranza adicada a Anisia Miranda, de quen se cumpriron dez anos do seu pasamento. Destavolta, a autora de títulos como Resistencia ou Xelís, o guieiro das botellas de mar, que vén de obter o premio Merlín de Literatura Infantil, falará da pegada da obra de Neira Vilas na súa experiencia na lectura e na escrita. Departirá cos asistentes encol do seu taller de escritura, da súa concepción da escrita para a nenez e para os adultos ou dos temas que adoita tratar nas súas obras e da súa relación coa realidade social do noso tempo. O coloquio estará moderado por Mariluz Barreiro, profesora de lingua e literatura galega e veciña da aldea de Gres.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Coruña: XXIII Memorial Ibán Toxeiro
Compostela: Memoria e vivencias: encontro poético con Medos Romero
Compostela: presentación de Canto e contracanto e Barzhaz Bihan Galiza, de María Lopo
“Berta Dávila intérnase na ficción do eu”
Entrevista de Daniel Salgado a Berta Dávila en Sermos Galiza:
“”Durante moitos meses, espertei cedo cada día para non escribir nada. Despois tío Carlos morreu e pensei que necesitaba buscar o principio de todo isto. Así que que volvín a este cuarto de hotel. Agardaba atopalo igual que o deixara a outra vez”. O primeiro parágrafo de Carrusel (Galaxia, 2019) é xa unha especie de mapa secreto para as súas 121 páxinas. Así, no último libro de Berta Dávila (Compostela, 1987) hai un complexo xogo de tempos narrativos, certo enfrontamento coa finitude, a vontade de escribir contra vento e maré e a imposibilidade case física de facelo, tabús que se veñen abaixo, o outro como liberación e ás veces condena.
“Eu estaba escribindo sobre diferentes cuestións, como cabaliños nun carrusel que soben e baixan”, explica Dávila a Nós Diario, “pero decateime de que todo xiraba arredor dun mesmo asunto concreto. Decidín que precisaba un soporte e busquei un modelo”. Ese núcleo implícito era a doenza mental, o tema do que, nas súas propias palabras, a autora se agochaba. “Agora, cando lembro o tempo breve que pasei no hospital, ao tratar de facer un relato do que non posúe unha narrativa propia, vén á miña cabeza aquela canción terríbel de Johnny Cash, The beast in me“, afirma a voz en primeira persoa que enfía a obra.
A escritora cavilou cada movemento co que se internaba no subxénero da autoficción ou ficción do eu. Non excesivamente practicada na literatura galega -exemplos máis ou menos recentes son A identidade fascinada (Galaxia, 2015), de Antonio Piñeiro, ou Os xornalistas útópicos (Xerais, 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais, 2016), de Manuel Veiga-, asédiana a confusión e o pudor, a malinterpretación e a nugalla crítica. “Carrusel está moi meditado”, sinala Dávila, “porque unha sabe a que tipo de preguntas se enfrontará. Mais sucede con este libro algo que me interesa: hai certa vergoña á hora de preguntar sobre a súa cuestión central [a doenza mental] de maneira directa”. En todo caso, ela tomou a decisión de non respondelas. “Mais non me incomodan, sería inxenua se o fixese”, engade.” (…)
O tempo e o mecanismo ao respecto deseñado pola autora é outro dos elementos fundamentais de Carrusel. “Xogo con el desde unha perspectiva emotiva e non sucesiva”, afirma. A narración é como simultánea, ás veces circular pero con altos e baixos tal o propio carrusel, formulada por Dávila a xeito de tea. “Nela fanse dobreces e fragmentos da mesma acadan así intimidade absoluta”, esténdese. O reto era descubrir as maneiras en que unha emoción conecta cunha música que “sentías de adolescente, escoitas nun bar e de súpeto estás tan perdida como aos 15 anos”. (…)”
Italia: Xoán Curiel presenta o seu espectáculo Palabras en música
“O cantautor Xoán Curiel estará a vindeira semana en Italia co espectáculo Palabras en música. A través deste proxecto amosará versións musicadas de diferentes textos da poesía galega, desde as súas orixes ata a actualidade. En Roma estará o 19 de novembro na Galleria Nazionale d’Arte Moderna, un dos lugares máis notorios da arte e a cultura romana, mentres que en Perugia actuará o 20 de novembro noutro lugar emblemático, a Sala dei Notari del Palazzo dei Priori. A iniciativa nace da colaboración entre os Centros de Estudos Galegos de Roma e Perugia, na súa procura de difundir a cultura galega entre o público italiano.”
Crónica videográfica da XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú (III)
A XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, coa que se tentou, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas/os especialistas na materia, propoñer unha reflexión ao conxunto da sociedade sobre a evolución da nosa cultura popular. A xornada tivo lugar o sábado 26 de outubro de 2019 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Mesa redonda: Os camiños incertos da canción. Lingua e música popular no século da globalización, con Xurxo Souto e Branca Villares Naveira:
– Sesión práctica: Transmisión oral na música tradicional no século XXI: A Tradescola de Lugo e a Asociación de Gaiteiros Galegos:
Betanzos: 70minutos.con, con Yolanda Castaño e Lucía Aldao
A Coruña: presentación de O lado do que dormes, de María Canosa
O ourensán Raúl Gómez Pato gaña o II Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán
Desde O Sil:
“Raúl Gómez Pato, natural de Velle (Ourense) é o gañador do II Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, unha da iniciativas do proxecto As Letras de Florencio que ten como obxectivo reivindicar o Día das Letras Galegas para o poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).
A entrega do premio, dotado con 3.000 euros, tiña lugar na tarde do 16 de novembro no Teatro Lauro Olmo do Barco, nun acto presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado e o actor Xosé Barata. A gala discorreu entre notas de humor, reivindicacións e poemas musicalizados, ata o momento de entregar o premio polo poema Vinte, desolación que o propio autor recollía e lía.
Nesta II edición do certame foron presentados 23 textos a través do correo postal e 212 a través do correo electrónico. Destes foron desbotados 31 por non cumprir as bases establecidas para o premio, publicadas por resolución de Alcaldía do Concello de Vilamartín de Valdeorras o 1 de outubro de 2019, sendo o número final de participantes de 181 textos.
Ademais do gañador, o xurado formado por Xulio Pérez Veiga, Pilar Pallarés García, Francsico García Macías, Ramón Nicolás Rodríguez e Jorge Moral Vidal elixía catro finalistas: Rafa Vilar co texto Das Kapital; Beatriz Martínez-Sayanes de Saá co texto Sen menosprezar aos caniches; e Roberto Rodríguez González con texto Adolescencia en segunda persoa. (…)”