Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 2 de agosto

O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Coloquio sobre feminismo coa participación de Inma López Silva.
18:00 h. Xavier Seoane asina Threnói na caseta de El reino de Cordelia.
18:00 h. Crearte: con Charo Pita, Fábulas no berce.
18:00 h. Cándido Paniagua Pousa asina O caderno de erros, publicado por Edicións do Peirao, na caseta da Libraría Nobel A Coruña.
19:00 h. Antía Yáñez asina O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Daniel Asorey asina na Libraría Pedreira.
19:00 h. Presentación de Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes, de Luísa Martínez Lorenzo, publicado por Galaxia.
19:45 h. Presentación de Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, publicado por Galaxia. Con Berta Dávila.
19:45 h. Presentación de O soño da serpe, de Antonio Seijas, publicado por Galaxia. Con Andrea Maceiras.
20:00 h. El primo Ramón asina Novo Mundo na caseta da Libraría Moito Conto, publicado por Bululú, na caseta de Alvarellos Editora.
20:00 h. Aleixandre Lago Barcala asina Cartafol de miraxes
20:30 h. Presentación de Extraordinario, de Antón Lopo, publicado por Galaxia. Con Carlos Lema.

Bases do II Certame de poesía Torre de Caldaloba

BASES

PRIMEIRA.
Poderán concorrer ao certame todos os autores e autoras que o desexen, independentemente da súa finalidade, sempre que presenten as súas obras en lingua galega.
SEGUNDA.
Establécense as seguintes categorías:
Menores de 18 anos.
De 18 anos en diante.
TERCEIRA.
Establécense catro premios en función das categorías:
Para a categoría 1:
– 1º premio: Un lote de libros e unha tableta.
– 2º premio: Un lote de libros e un libro electrónico.
Para a categoría 2:
– 1º premio: 1.500 € máis a publicación da obra no prazo dun ano, contado a partir do fallo do xurado para poemarios que teñan unha extensión mínima de 300 versos e unha máxima de 600 versos.
– 2º premio: accésit máis a publicación da obra no prazo dun ano, contando a partir do fallo do xurado para poemarios que teñan unha extensión mínima de 300 e unha máxima de 600 versos.
Así mesmo, as persoas gañadoras recibirán unha figura conmemorativa e un diploma.
No caso dos nenos e nenas menores de idade, á hora de recibir o premio, a persoa gañadora estará acompañada polo seu pai, nai ou titor.
CUARTA.
Os poemas presentaranse escritos en lingua galega.
No caso dos menores de 18 anos, os poemas terán unha extensión máxima de 60 versos.
No caso de maiores de 18 anos, os poemas terán unha extensión mínima de 300 versos e máxima de 600 versos.
Presentaranse escritos a ordenador, a dobre espazo, por unha soa cara, con tamaño de letra 12, tipo «Arial».
Deberán ser orixinais, inéditos e non premiados en ningún outro concurso ou certame literario. A súa temática, métrica e rima será libre.
O incumprimento dalgunha destas condicións na obra premiada significaría a anulación da adxudicación e, logo, o xurado procedería a formular de novo a proposta de adxudicación ou declararía deserto o premio.
QUINTA.
O prazo de entrega remata o 4 de outubro de 2019.
Enviaranse tres copias dos traballos por correo ordinario, sen sinatura e cun lema á seguinte dirección:
Concello de Cospeito sito en Avda. Terra Chá n°29, Feira do Monte, 27377, Cospeito, Lugo
Nun sobre á parte e pechado constará o lema da obra que identifique o traballo, o pseudónimo e categoría do participante e, no seu interior, os datos do autor/a: nome, apelidos, idade, enderezo electrónico, número de teléfono, enderezo postal completo e declaración formal de que a obra se axusta ás normas contidas nas bases da convocatoria.
En caso de que as obras se envíen por vía electrónica farase a través da dirección www.concellodecospeito.sedelectronica.es, na que se indicará o lema do traballo e na que se achegará o arquivo en formato PDF co contido da obra. As persoas que opten por esta vía deben enviar por correo ordinario e nun sobre pechado o comentado anteriormente: o lema da obra que identifique o traballo, o pseudónimo e categoría do participante e, no seu interior, os datos do autor/a (nome, apelidos, idade, enderezo electrónico, número de teléfono, enderezo postal completo e declaración formal de que a obra se axusta ás normas contidas nas bases da convocatoria).
O xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ao disposto nesta base, unha vez requirida a documentación que falte e dado o preceptivo prazo de dez días para a corrección de erros (art. 68 da Lei 39/2015 do 1 de outubro).
Non se deben poñer os datos do remitente, senón os traballos serán nulos.
Cómpre destacar que só se abrirá o sobre do traballo premiado.
SEXTA.
De acordo coa Lei 15/1999 do 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, os datos dos participantes serán tratados de forma confidencial co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, así como a súa honra e a súa intimidade persoal e familiar.
SÉTIMA.
Os/as autores/as premiados/as convocaranse para o acto de entrega dos premios o día 14 de decembro de 2019 na sede do local social municipal de Pino.
OITAVA.
Formarán parte do tribunal con voz pero sen voto os seguintes:
– Presidente do tribunal: Alcalde-Presidente do Concello de Cospeito.
– Secretario do tribunal: Secretario da Corporación Municipal do Concello de Cospeito.
– Vogais do tribunal: Concelleira de Educación e Cultura do Concello de Cospeito, Presidente da Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, Secretaria da Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, ou persoas en quen deleguen.
O fallo será dado a coñecer o 29 de novembreo de 2019 a través dos medios de difusión e será comunicado ás persoas gañadoras. Os premios entregaranse nun acto convocado a tal fin o 14 de decembro de 2019.
O xurado con voto encargado de avaliar os traballos presentados estará composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e a súa composición será dada a coñecer xunto coa emisión do resultado. Así mesmo, o xurado poderá declarar desertos algún ou todos os premios motivando para iso a súa resolución (art. 35 da Lei 39/2015 de 1 de outubro).
NOVENA.
As obras orixinais quedarán en poder do Concello de Cospeito, o cal se reserva os dereitos de explotación, produción, distribución, exposición, transformación, tradución ou calquera outro tratamento posterior do traballo, sempre sen ánimo de lucro.
As obras non premiadas poderán ser devoltas no prazo dun mes despois da proclamación das persoas premiadas. De non ser así, serán destruídas.
DÉCIMA.
Os concursantes, polo feito da súa participación, aceptan en todos os seus termos as presentes bases. Calquera outra circunstancia non prevista nas mesmas será resolta polo tribunal.”

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 1 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:30 h. Pregón a cargo de Pilar Pallarés.
18:00 h. Amador Castro Moure asina Pillabán, pillabán, publicado por Edicións do Peirao, na caseta da Libraría Nobel.
19:00 h. Mesa redonda sobre “Mulleres de negro”, coa presenza de Ledicia Costas, Arantza Portabales e María Oruña.
19:00 h. Presentación de Quokka Moka, de María Solar, con ilustracións de Víctor Rivas, publicado por Xerais. Participan Víctor Rivas e María Solar. Ao remate sinatura ilustrada.
19:00 h. Álex Mene asina Indómita e Semente da da Inmortalidade, publicado por Bululú, na caseta da FNAC.
19:30 h. Pinto & Chinto asinan na caseta da Libraría Lume.
19:45 h. Conversa entre Érica Esmorís, autora de Quen salva un can e Andrea Maceiras, autora de Conta nove estrelas, Premio Lazarillo 2018, publicados en Xerais. Ao remate sinatura de exemplares.
20:00 h. María do Cebreiro e Germán Labrador asinan a súa edición de El primer loco, de Rosalía de Castro, publicado por Alvarellos.
20:30 h. Presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro, publicado por Galaxia, coa participación, xunto á autora, de Xosé María Paz Gago e Francisco Castro.

Xacobe García faise co Premio Platta de Teatro Breve-Portugal

Desde Sermos Galiza:
“O I Premio Platta de Teatro Breve-Portugal foi para o autor Xacobe García, gañador do galardón coa obra A importância de chamar-se António. Este título será publicado na colección Platta (Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador) en tres linguas: galego, castelán e portugués e empregarase nas lecturas dramatizadas tamén nesas tres linguas que terán lugar en Viana do Castelo no vindeiro mes de setembro organizadas pola mesma plataforma.
O xurado formouno Lois Soaxe Piñeiro, Rosa María Estévez Gantes e José Da Silva Paredes, actuando de secretario con voz e sen voto Pedro Pablo Riobó pola revista galega de teatro Erregueté.
Riobó valorou especialmente “a fluidez da trama ben estruturada e a sucesión de accións perfectamente articuladas que conducen inexorábelmente a un final kafkiano, sempre á sombra da comedia absurda”.
O galardoado Xacobe García estudou Administración e Dirección de Empresas na Universidade de Vigo, enfocando a súa carreira profesional cara ao ámbito do comercio internacional. Neste campo puido desenvolver o grande interese que sempre tivo polos idiomas, levándoo a vivir en São Paulo, no Brasil, entre 2005 e 2009. En 2015 incorporouse ao grupo de teatro afeccionado Eu.experimento do Instituto Camões en Vigo, onde tivo o seu primeiro contacto co mundo da dramaturxia.
O Premio Platta de Teatro Breve en tres linguas nace en 2019 co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador, e que xunta a Federación galega de teatro afeccionado, a Federación de grupos afeccionados de teatro de Castela e León, o Teatro do noroeste – Centro dramático de Viana, e erregueté – Revista Galega de Teatro).
O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: I Premio Platta de Teatro Breve de Castela e León, en castelán; o I Premio Platta de Teatro Breve – Galicia, en galego; e o I Prémio Platta de Peças Curtas de Teatro – Portugal, en portugués. Este texto será o terceiro da colección Platta de teatro breve editada pola Revista Galega de Teatro.”

Entrevista con María Reimóndez, tradutora de O meu pecado mortal, de Clara Campoamor

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Editorial Galaxia publica en galego O meu pecado mortal. O voto feminino e mais eu, de Clara Campoamor. Neste Diario Cultural falamos coa tradutora, María Reimóndez; e con Celia Pereira, autora do prólogo. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 27 e o 28 de xullo

O 28 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 11:00 a 14:30 horas e de 18:30 a 22:30 h. o sábado 27 e de 12:00 a 14:30 horas e de 18:30 a 22:30 h. o domingo 28), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 27
13:00 h. Presentación de Mnemea, de Xosé Duncan, publicada por Galaxia. Acompaña ao autor Raquel García Abuín.
20:30 h. Presentación de Na defensa dos animais, de Óscar Horta, publicado por Axóuxere. Coa participación de Rafa Xaneiro e o autor.
21:30 h. Presentación de Vir a menos. Crítica da razón nihilista, de Brais Arribas, publicado por Axóuxere. Coa participación, xunto ao autor, de Roberto Abuín.

Domingo 28
13:00 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, publicado por Xerais.
19:00 h. Concerto-presentación de Canta miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
20:00 h. Presentación de Por puntos, de Manuel Portas, publicado por Galaxia. Acompañan ao autor Antón Riveiro Coello e Marina Losada Vicente.
21:00 h. Presentación de O xiro, de Noelia Gómez, publicado por Xerais. Xunto á autora participa Quico Valeiras.

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 26 de xullo

O 26 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

20:30 h. Presentación de Liñas compartidas, publicado por Toxosoutos, onde se recollen os traballos literarios derivados do Obradoiro As historias no espello, dirixido por Antón Riveiro Coello en 2018.
21:15 h. Presentación de Mulleres, de María del Carmen Rey Núñez, publicado por Toxosoutos.