Margarita Ledo Andión: “Galiza é un país subexposto, moi censurado”

Entrevista de Daniel Salgado a Margarita Ledo Andión en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O premio Otero Pedrayo é oficialista…
– Margarita Ledo (ML): Si, moi oficialista.
– SG: …como se evita que este tipo de recoñecementos domestiquen a cultura?
– ML: Esta é unha cultura tan anómala que está ateigada de premios. En troques de haber eses premios nacionais a algo que en determinado momento che fai avanzar, hai toda esta sucesión de recoñecementos. Eu fiquei sorprendida. Porque non é un mapa que teña na cabeza. Cando me chama Carmela Silva, a presidenta da Deputación que convocaba este ano, sorprendeume. Despois o nome, Otero Pedrayo, fíxome sentir a gusto. Logo dígome que son a primeira muller e obrígome a saber por que. Ten a ver co rol da muller no terreo da proxección cultural. Logo descubro que, para alén das entidades convocantes, hai un xurado máis amplo, de 20 persoas. Pero podemos darlle a volta e, en honor a Junqueras, dicir “hai que recuperar as institucións”. Calquera sociedade se dota de instrumentos institucionais, que son xusto ese mundo de relación entre o diferente: diferentes intereses, diferentes tácticas, diferentes prioridades. Aquilo que é urxente para que unha sociedade non desapareza, que é o noso risco: que desapareza aquilo que Otero representa para converternos en reclamo turístico. Esa función como única posíbel. Nunha situación normal, nas institucións entrarían os recoñecementos. Na nosa, creo que hai unha sobreexposición dos premios.
– SG: Esa é a sensación.
– ML: E ao tempo hai aspectos da cultura absolutamente abandonados. Agora traballamos nun programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas. Traballamos con diferentes países europeos e con Catalunya e Euskadi. Galiza é o único país que non ten política de subtitulado. Hai áreas absolutamente abandonadas e outras sobreexpostas. Galiza é un país subexposto, moi censurado. Para a visibilización da cultura galega é necesaria unha institución como o Ramón Llull catalán ou como o Etxepare vasco. Hai subexposición nalgun Hai subexposición nalgunhas cousas e sobreexposición noutras. E seguramente o mundo dos premios está sobreexposto.”

Xosé Manuel Sánchez Rei recompila máis de 400 cantares tradicionais galegos

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Xosé Manuel Sánchez Rei recompila no volume Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX máis de 400 cantares tradicionais galegos. Pode escoitarse a entrevista aquí.”

Os concellos de Padrón, Ames e Brión converten os escenarios vitais de Rosalía de Castro nunha ruta turística

Desde Fervenzas Literarias:
“O stand de Galicia en Fitur foi o escenario escollido para presentar a nova ruta As pegadas de Rosalía, posta en marcha entre os concellos de Ames, Brión e Padrón.
A través desta iniciativa preténdese, en primeiro lugar, achegar a vida de Rosalía de Castro a toda a poboación, e ademais, desenvolver un itinerario cultural a partir dunha ruta xa existente deseñada polo intelectual dodrense Avelino Abuín de Tembra e que une os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Padrón e Dodro. Dito itinerario está concibido para que as usuarias e usuarios poidan percorrelo en autobús, a pé ou en bicicleta e pasa por lugares como San Xoán de Ortoño (Ames), a igrexa de Bastavales (Brión), a colexiata de Iria Flavia (Padrón), o Pazo de Arretén (Padrón) e a Casa de Rosalía de Castro (Padrón).
As pegadas de Rosalía é un novo produto turístico e cultural que responde ás actuais demandas das viaxeiras e viaxeiros, como son a busca de inmersión en destino, o respecto á identidade do territorio, o contacto coa poboación local ou a protección do medio ambiente, entre outras. Para a difusión e promoción desta nova ruta creouse diferente material promocional (chapas, folletos informativos, mapas da ruta, mochilas, cartelería, etc) e un entorno web que recolle toda a información desta iniciativa.
Asemade, os rexedores dos tres concellos implicados nesta iniciativa agradecen a colaboración prestada durante o proceso de creación da ruta As pegadas de Rosalía por parte de Xosé Vizoso, autor do deseño da portada do material promocional, e por parte da Fundación Rosalía de Castro, pola cesión de imaxes e o material documental empregado.”

Ramón Caride: “Que a biblioteca do colexio do teu pobo leve o teu nome é algo moi fermoso”

Entrevista a Ramón Caride en La Voz de Galicia:
“A Ramón Caride Ogando (Cea, 1957) fixéronlle en novembro un xantar de homenaxe os seus compañeiros do IES Ramón Cabanillas de Cambados. Prexubilouse daquela e recoñecía que «sempre seguirei formando parte do Cabanillas», ao tempo que xa avanzaba o que ía ser a súa nova vida: investiría o seu lecer en escribir, viaxar, pasear e cociñar. Hoxe e mañá volve ao seu pobo e faino con satisfacción e co valor engadido do recoñecemento: o colexio Virxe da Saleta ten organizado encontros do autor cos rapaces e dáselle o nome de Ramón Caride á biblioteca do centro.
– La Voz de Galicia (LVG): Xa leva uns meses alonxado do ensino. Cumpre co anunciado?
– Ramón Caride (RC): Si. De feito xa teño tres libros a piques de saír. Son dúas obras para o público infantil e unha para os lectores xuvenís que edita Xerais e que se presentarán nos vindeiros meses. E estou coa tradución de Soños eléctricos ao castelán. Neste caso a previsión é presentala na vindeira Feira do Libro de Madrid.
– LVG: Fanlle homenaxe no pobo.
– RC: Presentei libros e participei en actividades e proxectos, aínda que nunca me fixeron ningunha homenaxe ou recoñecemento no meu pobo -Caride conta con varios premios, do Blanco Amor ao Risco ou o Merlín-. Que agora o faga o colexio é para min un orgullo e unha cita especial. E aprézoo moito, aínda que non fun alumno do centro.
– LVG: E iso?
– RC: Daquela non existía o colexio. Estudiei na unitaria de Pereda e aos dez anos fun para Ourense. Fun dos últimos da unitaria, meu irmán -ao que lle levo catro anos- xa estudou alí no Virxe da Saleta.
– LVG: Como valora a homenaxe?
– RC: Que o fagan uns compañeiros, os profesores do centro, e sexa en Cea dálle un significado especial e fai que sexa un honor para min ser obxecto do recoñecemento. E máis sendo un colexio tan dinámico, que desenvolve moitos proxectos e que ten acadado numerosas distincións. (…)”

“A Crítica da razón perralleira ou por que os galegos son, de seu, un “pobo anarquista que non pode vivir sen caciques””

Entrevista de Montse Dopico a Carlos Santiago en Praza:
“A que non se terán enfrontado Mofa e Befa. De Shakespeare e Valle-Inclán. De Diderot a McDonagh. De Quevedo a Calderón. Ningún texto, escenario ou público deu vencido o dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. E parte do segredo está na súa filosofía: se non hai solución, inventa unha. Improvisa. Xa o demostraron hai ben tempo co seu Manifesto para un Teatro Perralleiro, un dos seus primeiros espectáculos.
Mais van alá xa máis de 25 anos e agora parece máis claro ca nunca, pois así o confirma a Cranios Privilexiados ou Crítica da razón perralleira, a súa última montaxe, dirixida por Carlos Santiago, na que percorren nada menos que a Historia da Filosofía. Apuntando ademais algunhas irrebatibles teorías sobre o ser galego -co seu carácter “anarquista”- ou sobre temas de actualidade que, como mostra da “estupidez” hexemónica, superarían o talento creativo do máis retorcido dos pensadores. Falamos con Carlos Santiago aproveitando o paso de Cranios Privilexiados polo Teatro Principal de Santiago.
– Praza (P): O texto é teu e de Pepe Sendón. Atopei algunha información que dicía que tamén era autor Quico Cadaval…
– Carlos Santiago (CS): É que inicialmente iamos ser Pepe, Quico Cadaval, Manolo Cortés e eu pero, despois, por circunstancias varias, quedamos só Pepe e eu. Ao principio foi como unha choiva torrencial de ideas. Xuntamos tanto material que tiñamos un tocho descomunal e, despois, fomos desbotando cousas. Fomos traballando con eles dous, con Evaristo e con Víctor, para pulir o texto e pasalo pola turbomix imbatible do dúo. Foi un proceso moi guai, moi divertido.
– P: O público podería preguntarse, pero, Mofa e Befa van poñerse serios? Mais Mofa e Befa teñen feito de todo…
– CS: Son dous actorazos de recursos ilimitados que teñen tocado todos os paus: o teatro isabelino, o barroco español…. Esta vez tocoulle á filosofía, xa en plan rachar coa pana. (Ri).
– P: A obra estreouse no FITO. Leva xa unhas cantas funcións. Como andas indo e vindo a Portugal, non sei se puideches acompañalos moito…
– CS: Estreouse no FITO, si. Eu estiven en todo o proceso, claro, despois fun un tempo para Portugal e xa volvín coa xira avanzada. Mais aínda lle demos unha volta despois da estrea. Quedaban algúns filósofos por meter e decidimos meternos con eles en masa, na escena do Philosophical Freak Show, que acaba por ser unha psicanálise aldeá da historia da filosofía.
– P: Cando comezaba a obra, a min facíame pensar na túa outra peza Finlandia
– CS: Algo pode ter que ver, é parte do meu estilo… Pero a verdade é que este traballo está pensado a medida deles, co tema da filosofía como pretexto. A obra está feita en función deles, que levan xa 25 anos sendo Mofa e Befa. O xogo foi partir da súa propia filosofía escénica, que declararon hai dúas décadas e media no Manifesto do Teatro Perralleiro. A idea era retornar o formato inicial deles: o dúo cómico, o biombo… pero cunha volta filosófica. (…)”

A Coruña: recital poético arredor de Luísa Villalta, en novembro de 2017

“Recital poético e de textos arredor de Luísa Villalta, dentro do ciclo de actividades As Chaves do Tempo. Interveñen Nacho Pena Maceda, Cesáreo Sánchez, María Xosé Bravo, Beatriz Maceda, Chisco Fernández Naval, Dores Tembrás, Eli Ríos, Lino Braxe, Marica Campo, Olga Patiño, Xavier Seoane, Xulio Valcárcel. Inclúese unha montaxe sonora con texto de Xavier Campos, poesía de Luísa Villalta, locución de Eva Vieites e idea de Clara Soler. Foi celebrado no Monty da Coruña, o 25 de novembro de 2017.”

Mostra fotográfica arredor de Luísa Villalta



Mostra fotográfica feita a partir das achegas d@s twitteir@s durante a celebración do ciclo de actividades “As chaves do tempo” entre os días 18 e 25 de novembro de 2017, convocado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, arredor da figura de Luísa Villalta.

A escritora Mercedes Queixas presenta dúas novas obras

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Boas novas son sempre os libros que veñen polo camiño e tamén os que chegan voando ata este plató. Ata aquí chegou Xandra, desde a serra do Courel, trae soños de liberdade e algún verso de Novoneyra prendido no pico. Xandra, a landra que quería voar é un dos últimos traballos de Mercedes Queixas. A entrevista pode verse aquí.”