A escritora Ledicia Costas, Premio Lazarillo 2017

Desde Xerais:
“A escritora Ledicia Costas resultou gañadora do Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017 que concede a OEPLI, Organización Española para el Libro Infantil e Xuvenil cunha novela titulada Plumas e unicornios, que publicará Xerais. O premio, elixido entre un total de 68 obras, foille concedido ex aequo canda a obra No te muevas musaraña, de Rafael Salmerón. O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI, e por Nuria Ranz, Montse Pena, Arantxa Bea e Idoia Etxegoien, en representación das catro seccións territoriais da OEPLI; actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaria Técnica da OEPLI.
A novela de Ledicia Costas está ambientada no Londres victoriano e ten unha marcada estética steampunk. Un dos seus personaxes principais é Ágata, unha humana mecánica, e o seu robot Tic-Tac, que emprenden unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador. Trátase dunha novela coral, onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza. Segundo o xurado, o texto crea un universo de fantasía orixinal poboada de poderosos personaxes. Unha representación da loita do ben o o mal nunha obra literaria extremadamente coidada. (…)”

Podcast de Chamando á Terra, 4 de novembro de 2017

Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
“Nova emisión do programa dirixido por María Solar. A nosa intención: contar historias, coñecer autores, ilusionarvos, e saber desas paxinas nas que vivimos outras vidas. Os nomes do día: Arantza Portabales, Pere Tobaruela, Mercedes Corbillón, María Reimóndez, Pilar Pallarés, Manuel Lourenzo e Sandra Lesta. Pode escoitarse aquí.”

María Canosa: “Con Muriel aprenderemos que a vida sen cor, sen soños, sen ilusión… vólvese gris”

Entrevista a María Canosa en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Cal é o xerme do que xorde Muriel? Hai detrás algunha influencia literaria ou cinematográfica?
– María Canosa (MC): É moi curiosa a forma que van tomando as historia. A primeira semente foi a actualidade galega. Os problemas das cotas do leite. E eu véndoo nos noticiarios non pensaba en facer unha historia para cativos que tivese que ver con isto, pero a idea de que se aprenda a valorar os potenciais cos que contamos no país, e a valoración das materias primas, dos oficios máis tradicionais.. comezou a moer na cabeza.
E aí comezou a medrar a semente e enfornarse Muriel, engorde. Con calma. Dando moitas voltas antes de decidir tomar un rumbo algo máis concreto. Navegar polo intramundo das historias é unha singradura longa e con moitas viraxes, sen dúbida. Quen diría que os gandeiros me ían traer ata aquí.
En canto á influencia literaria ou cinematográfica que preguntabas, non recoñezo unha en concreto. Houbo influencia visual, moita, para deseñar o personaxe de Fígaro. Pero si que é certo que, no fondo, Charlie e a fábrica de Chocolate estaba por aí. Moi no fondo, claro, porque as historias e personaxes son ben diferentes, pero a estética desa maxia, aínda que máis enxebre, foi inspiración. (…)
– PG: Penso que se pode dicir que Muriel fai unha viaxe tanto física como interiormente.
– MC: Sen dúbida ningunha. Muriel medra e sae da súa comodidade por fóra e por dentro. E diso trata esta historia, de saber medrar, de enfrontarse aos medos e adversidades (sexan do estilo que sexan) para superarnos a nós mesmos.
Muriel inicia a andaina asolagado pola tristura. Ten dúas opcións, quedar nela e buscar quen o arroupe, ou erguerse. Nin el mesmo sabe que está nesa tesitura, pero agarrarse ás pequenas oportunidades, aos detalles diminutos…. resulta a súa salvación. É unha das teimas que teño, valorar o pequeno, o case imperceptible… porque nestas cousas diminutas podemos atopar os grandes cambios, o sentido da nosa vida.
Con Muriel aprenderemos que a vida sen cor, sen soños, sen ilusión… vólvese gris. Un pode ir arrastrando os pés e deixando po ao seu redor, ou erguer os xeonllos e contaxiar vitalidade co seu andar lixeiro. Ser quen do segundo depende de cada un, pero afectará a un entorno considerable, non só ao propio embigo. (…)
– PG: En xeral, que é o máis importante para vostede á hora de confeccionar unha obra literaria?
– MC: Que se faga un novelo, que quede arredondada, como un universo propio no que non existan furados polo que se me caia a historia, ou os personaxes.
Que sexa crible, aínda chea de fantasía.
Pero… eu nunca estou totalmente convencida de que non se me escape nada, ou moito. Dubido constantemente. Preciso, logo, falar moito cos lectores. Pero claro… iso vén despois, cando xa un botou a historia a voar e pouco hai que facerlle…
Pero, como Muriel, intento avanzar e deixar atrás os medos. E moito aprendo de cada intento. (…)”

Xosé Fuentes Alende gaña o premio de investigación Olimpio Arca

Desde Pontevedra Viva:
“Un traballo sobre os exvotos na relixiosidade popular galega foi elixido por unanimidade como o gañador da primeira edición do premio de investigación Olimpio Arca, convocado polo Concello de Cuntis.
O gañador, Xosé Fuentes Alende, é natural de Cuntis, que recibirá un premio de 1.500 euros.
O xurado do premio, formado por Mar Llinares García, Mercedes Queixas (en representación da AELG), Héitor Picallo (investigador cuntiense e coñecedor da figura de Olimpio Arca), Carlos Valle (director do Museo de Pontevedra), Gregorio Ferreiro (en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística), Mónica Arca (filla de Olimpio Arca) e Enrique Portela (concelleiro de Cultura), destaca que se trata dun traballo que significa unha grande achega ás temáticas de estudo dentro do ámbito galego e que ademais conta cunha maior proxección a nivel español e internacional.
Ademais, celebran que é unha investigación novidosa dentro do ámbito de estudo, é rigoroso, está escrito dun xeito impecable, o que facilita o acceso a diferentes planos de lectores, e que se trata dunha temática de actualidade.
A Concellería de Cultura de Cuntis traballa xa para iniciar os contactos para a súa publicación.
A entrega do premio terá lugar nun acto solemne o sábado 18 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres.”

A Coruña: Atesourando a Palabra, Homenaxe Nacional a Paco Souto, o sábado 11

O sábado 11 de novembro, a partir das 20:00 horas, no Teatro Colón da Coruña, terá lugar a Homenaxe Nacional a Paco Souto Atesourando a Palabra. En coherencia coa personalidade e discurso artístico deste escritor, levarase a cabo unha posta en escena na que confluirán a poesía, a música e a plástica. Diferentes profesionais das distintas áreas dialogarán arredor da figura dun escritor amigo que nos deixou para sempre a súa voz. O prezo é gratuíto, sendo necesario retirar a entrada na billeteira do Teatro.
Coordina e presenta: Rosalía Fernández Rial. Participan: -Poetas: Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández e Paco de Tano. -Artistas plásticos: Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña, Abraham Vila. -Músicos: Aida Saco, Serxio Moreira, algúns músicos de Samarúas. Vídeo: Xosé Antón Bocixa Rei.

O escritor Antonio Piñeiro gaña con A través do fume o Premio Torrente Ballester en galego da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O escritor Antonio Piñeiro vén de gañar o Premio Torrente Ballester en galego, convocado pola Deputación da Coruña, coa novela A través do fume. O xurado destacou a “habilitade narrativa” da obra elixida para a segunda edición da convocatoria na modalidade só de galego.
Un xurado composto por Antón Riveiro Coello, Montse Dopico, María Reimóndez, Armando Requeixo e a gañadora da edición anterior, Eli Ríos, presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e coa xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria decidiu conceder o Premio Torrente Ballester á obra A través do fume que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do escritor Antonio Piñeiro. O premio consiste en 25.000 euros –o de maior contía da narrativa en galego- e a publicación da obra gañadora.
O xurado valorou que a novela de Antonio Piñeiro é un “relato cunha grande habilidade narrativa que arrisca e funciona como mecano en que a persoa lectora ten que implicarse para construír o quebracabezas até a última páxina”.
Destaca tamén na explicación da escolla da obra, que se produciu por unanimidade, o seu “enfoque calidoscópico que recrea maxistralmente a memoria a través do tratamento exquisito da lingua e os obxectos simbólicos do cotián como os selos ou as cartas”.
“Esta prosa poética destaca polo xeito innovador e dinámico en que conviven o presente e o pasado”, engade o xurado despois da deliberación en que escolleron a novela de Piñeiro sobre as 12 finalistas das 59 obras presentadas. (…)”