Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ourense: presentación de Os fillos do lume, de Pedro Feijoo
Crónica fotográfica da Letra E – A Escritora na súa Terra, Pilar García Negro, 2017
Estas son algunas das fotografías da Homenaxe Letra E – A Escritora na súa Terra a Pilar García Negro, que tivo lugar o pasado sábado 10 de xuño en Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Outeiro de Rei: 4º Convívio da Cultura Galega, o sábado 8 de xullo
Rianxo: presentación de Bótame deste mar fóra, de Xosé Ricardo Losada
Vigo: Festival Internacional de Poesía PoemaRia 2017
Entrevista de Antonio Manuel Fraga a Andrea Maceiras
Entrevista de Antonio Manuel Fraga a Andrea Maceiras na revista Criaturas:
“(…) – Antonio Manuel Fraga (AMF): Cales cres ti que son as fronteiras da LIX? (Se as ten, claro!)
– Andrea Maceiras (AM): A historia da literatura infantil e xuvenil é bastante recente dentro da literatura universal. Durante algún tempo penso que si houbo moitas fronteiras na LIX, e de feito negouse incluso a existencia da literatura xuvenil, houbo moita problemática para que se asumise que era algo que existía e que funcionaba. Tamén penso que actualmente o seguinte paso que vai dar a LIX, especialmente a xuvenil, é desfacerse desa idea de límite e pasar cada vez a englobar un público moito máis amplo. De feito, existen obras como Harry Potter que ao principio o público adulto non se atrevía a ler porque tiña unha cuberta que era excesivamente infantil, ata o punto de que houbo que sacar outra edición cunha cuberta máis para adultos.
Hoxe en día, a xente adulta vai ao cinema ou compra libros que están destinados en primeira instancia a un público xuvenil, porque realmente transcende moitísimo esa periodización na idade. Entón, eu penso que o seguinte chanzo vai ser que iso evolucione de tal forma que se amplíe moito máis, se abra, e dea paso a algo diferente. No futuro non vai existir un límite tan claro.
– AMF: Consideras, daquela, que as fronteiras están a rachar e que o que vai haber é un tipo de literatura que tamén pode ler a xente nova, mais non feita en exclusiva para ela?
– AM: Coido que se vai perder ese concepto que relaciona literatura xuvenil exclusivamente con público adolescente. Esa vinculación inmediata vaise perder dentro de pouco, porque cada vez máis os libros que están saíndo en literatura xuvenil xa están buscando enganchar a un público que transcende moito esa etapa da adolescencia. Igual non adultos moi vellos, mais hoxe en día a xente de arredor dos trinta busca xa lecturas nese mercado de literatura xuvenil.
– AMF: Comezaches a escribir moi nova. Cal foi a túa motivación para dares o salto desde o rol de lectora ao de escritora?
– AM: Eu comecei a escribir contos para a miña irmá, que é catro anos máis nova ca min. Agasallábaa cun conto sempre polo seu aniversario, polo Nadal ou en datas así sinaladas. Así foi como comecei a escribir, realmente. Isto foi na primaria. Eramos moi pequenas, case como xogar. Despois, cando cheguei ao instituto, comecei a me presentar a certames literarios. Iso foi un pulo moi importante, porque me animou moito a seguir escribindo. Xa non era algo limitado ao meu contexto familiar, senón que estaba presentándome diante de xente que tiña un criterio específico, un criterio formado. Isto animoume moito. Eu presenteime moitos anos ao certame literario de Cambre, o meu concello, que gañei en varias ocasións, e que me animou realmente a seguir escribindo.
– AMF: Por que decidiches orientar a túa escrita cara á LIX?
– AM: Pois supoño que foi por como comecei. Eu estaba a escribir realmente para unha persoa que era máis nova ca min, polo que procuraba adaptarme sempre aos seus intereses e ás cousas que nese momento a ela lle gustaban ou lle interesaban. Coido que foi por iso.
– AMF: E continúas a sentirte cómoda, supoño…
– AM: Si. Eu estou encantada. Para min o público infantil e xuvenil é fantástico. É un público moi receptivo, moi crítico, moi sincero e moi fresco. A min gústame moito o contacto, as visitas aos institutos e todo iso. Pásoo realmente moi ben. (…)”
Quiroga: presentación de Unha verdade amarga, de Celia Díaz
O venres 16 de xuño, ás 19:00 horas, na Librería Celia (Rúa Real, 80), en Quiroga, Celia Díaz Núñez presenta Unha verdade amarga, publicada en Galaxia.
Cuestionario Proust: Ana Cabaleiro
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ana Cabaleiro:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade para compartir tempo e saberes.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non me xulguen.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión mental.
5.– A súa ocupación favorita?
– Fabular. Camiñar. Fabular. Camiñar. Fabular. Camiñar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ter un recuncho propio para almorzar mirando o mar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a familia, tanto a de sangue como a elixida.
8.– Que lle gustaría ser?
– A Moura que garda o tesouro: estaría toda a eternidade entretida vendo como os pobres humanos se afanan na súa busca, daríalle pistas falsas, xogaría ao despiste, a algún/ha axudaríalle. De non ser a Moura, elixo ser un paxaro dos que migran dun continente a outro: un albatro, por exemplo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza liberada.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello, en todas as tonalidades posibles.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As silvestres de cor amarela: principalmente a do toxo, a da xesta, a do codeso e a da herba de San Xoán.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco, sempre anuncia unha boa época.
13.– A súa devoción na prosa?
– Virginia Woolf e Alice Munro, en empate técnico.
14.– E na poesía?
– Poeta en Nova Iorque de Federico García Lorca.
15.– Un libro?
– Polaroid de Suso de Toro. No seu momento, marcoume.
16.– Un heroe de ficción?
– O replicante Roy Batty. Tremendo poeta!
17.– Unha heroína?
– Eva, a primeira habitante do Paraíso. Foi a primeira gran rebelde da que temos noticia documentada, e foi unha muller moi valente, un exemplo a seguir.
18.– A súa música favorita?
– Toda a que me recorda a adolescencia, e aí tanto caben Los Suaves como Andrés do Barro.
19.– Na pintura?
– Jean Michel Basquiat.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as nais traballadoras, ou sexa, todas as nais.
21.– O seu nome favorito?
– Ramona, que era o nome das miñas avoas “postizas” (eu non coñecín as miñas avoas, e a súa figura ocupárona as señoras maiores do lugar onde nacín).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– O abuso, en calquera das súas formas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores. Por poñer un exemplo familiar e próximo, diría Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A admiración e os feitos militares son incompatibles no meu ideario persoal.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da palabra falada, encantaríame ser unha estrela da narración oral.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo inconsciente e irracional.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A bondade, que é un defecto difícil de atopar pero de consecuencias terribles.
30.– Un lema na súa vida?
– Andaremos e veremos.”/p>
Héctor Cajaraville recupera as lendas de Compostela en Once portas
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A novela de Héctor Cajaraville Once portas está a cabalo entre o histórico e o fantástico. Con esta viaxe a través da memoria, das lendas e dos episodios máis sobranceiros da historia compostelá, o autor réndelle homenaxe á súa cidade natal. Pode accederse á entrevista aquí.”