Redondela: acto destacado na Feira do Libro para o xoves 8

O xoves 8 de xuño comeza a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, co seguinte acto literario destacado para este día:

19:30 h. Inauguración da Feira, diante do Concello. Pregón a cargo de Ledicia Costas.

Manuel Esteban: “A ira dos mansos naceu como un cabalo de Troia para falar da síndrome de Down”

Entrevista a Manuel Esteban en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): De onde vén o seu interese pola literatura?
– Manuel Esteban (ME): Penso que o camiño é sempre o mesmo e pasa por ler. Ler moito e de todo. A paixón pola lectura, descubrir a capacidade que outorga para comprender o mundo, para tomar perspectiva, é a base mínima sobre a que se sustenta calquera exercicio literario. Pero a iso debe sumarse unha intención comunicadora, a necesidade de explicar a outros a visión propia do mundo. Esa necesidade non sempre existe e, na miña experiencia, acostuma a ser consecuencia de feridas interiores nas que agroma a necesidade de falar, de explicar, de resarcir.
Por outra banda creo que a novela, dentro da literatura, cumpre ademais unha función simbólica para o autor. Como eses xogos dos nenos nos que se proxectan e subliman mediante monecos as frustracións, os desexos, as aspiracións ou as necesidades dos rapaces. A novela é un xeito adulto e elaborado de facer o mesmo: construír personaxes e poñelos contra as cordas para facer aquilo que non podes facer na vida real. Darlle unha válvula de escape ás tensións interiores.
– PG: Que supuxo escribir A ira dos mansos para Manuel Esteban?
– ME: Un alivio. Coido que precisaba botar fora moita carraxe tras o nacemento do meu fillo maior, que ten síndrome de Down. Cando empecei a poñelo sobre o papel non sabía que estaba a escribir unha novela (diso decateime ao final, cando a xente da miña contorna mo fixo ver). O que estaba a facer, como dicía ao principio da entrevista, era xogar cos personaxes, proxectar nesa construción as miñas pantasmas para conxuralas. Foi un autotratamento, se se quere ver así. De feito se te das conta as dúas historias falan de dous pais de rapaces con síndrome de Down. Un deles paradigma do rexeitamento e o outro do contrario, ao seu xeito. E no medio, o inspector Manso, alleo a todo pero intentando atoparlle o sentido a todo iso. Quería librarme de moita morca e contarlle á miña contorna a visión que eu tiña sobre a discapacidade intelectual.
– PG: Por que decidiu acudir ó xénero da novela negra?
– ME: Por tres motivos. Por unha parte o xénero era un vello coñecido meu como lector. Coñecía os códigos e o canon. Por outra banda eu pretendía quebrar a arbitraria regra de medir o que valen as persoas e propoñer eu unha nova unidade de medida. Quería desfacer moito paradigma relacionado coa falsa “normalidade” dunha sociedade aferrada a simplificacións morais e estéticas. Para iso a novela negra ou policial pareceume un territorio axeitado: as convencións morais non aguantan ben nesa fronteira na que para atrapar a un asasino tes que cometer ilegalidades. Nese contexto é máis doado desfacerse dos arquetipos cómodos que funcionan ben cando nada os abanea. (…)”

Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do mércores 7

O mércores 7 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 16:00 a 22:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

19:30 h. Presentación de O monstro de Ille, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Galaxia. Participan David Cortizo e Francisco Castro.
19:30 h. Emma Pedreira asina exemplares Bibliópatas e fobólogos, publicado por Galaxia.
20:30 h. Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia. Acompañan ao autor Armando Requeixo e Francisco Castro.

Iria Misa: “Escribir o mundo de Ánxela foi botar unha ollada a aqueles anos intensos e cheos de sensacións”

Entrevista a Iria Misa en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Xa non estou aquí continua liderando o ranking dos máis vendidos en literatura xuvenil galega. Agardaba esta boa acollida?
– Iria Misa (IM): Non agardaba nada, a verdade. Ao partir de cero, todo o que foi chegando resultou marabilloso e un premio extra. De todas as cousas boas que foron pasando estes meses atesouro xa moi boas lembranzas. Lembranzas que me sacan sorrisos e me animan a moverme cara adiante cando me sinto feble.
– PG: Que teñen en común Ánxela e Iria Misa?
– IM: A experiencia da adolescencia, supoño. Escribir o mundo de Ánxela foi botar unha ollada a aqueles anos intensos e cheos de sensacións, boas e malas. Pode que os sentimentos sobre o valor da amizade, as experiencias do amor e o desamor…pero non é que sexan cousas que teño eu en común con ela. Son sentimentos e experiencias universais. Tenas Ánxela en común comigo e con calquera persoa que algún día, aínda que xa non o pareza, tivo dezaseis ou dezasete anos.
– PG: En esencia, esta novela é coral. Foi complexo para vostede crear unha voz persoal para cada un dos personaxes?
– IM: Foi un reto moi estimulante. Para facelo tiven que compoñer unha imaxe de cada un dos personaxes, crear una idea global deles moi rica e completa. Gustábame que fosen distintos. Que tivesen unha voz de seu e reflexasen a diversidade que existe dentro de cada grupo. Isto parecíame determinante nun libro para adolescentes, xa que ás veces parece que hai que conformarse a certas normas e que se non o fas es “raro” ou quedas á marxe. A diversidade enriquécenos. Ademais, a nivel técnico era un bo recurso para narrar a historia. Todo o que pasa en Xa non estou aquí enténdese mellor cando tes a imaxe completa, e iso pasa ao achegarse a cada un dos personaxes e o seu xeito de afrontar os feitos. (…)”

Antía Otero: “Reivindico a emoción, unha das poucas cousas que aínda non puideron negarnos”

Entrevista de Montse Dopico a Antía Otero en Praza:
“(…) – Praza (P): Emocións, sensacións e lembranzas parecen o punto de partida de O cuarto das abellas.
– Antía Otero (AO): Neste libro era importante para min, sobre todo, traballar co concepto de eco. O eco que provocan as palabras. O eco, e a emoción, foron dúas liñas moi importantes na construción de O cuarto das abellas. Moita xente di que o libro lle resultou moi sonoro. E é verdade que están moi presentes os sons, tamén porque aparecen os sons da casa, a música… Mais para min o máis relevante era o concepto do eco como son, e como son no presente. Por iso non é, en realidade, un libro sobre lembranzas -que tamén están-, senón sobre o eco do recordo máis que sobre o recordo en si mesmo.
– P: A estrutura de O cuarto das abellas é coma unha colmea. A editora que creaches con Dores Tembrás chámase Apiario… Por que a abella e a colmea como metáfora?
– AO: O libro comeceino antes da posta en marcha de Apiario. Cando buscabamos un nome para a editora decatámonos de que as abellas estaban presentes tanto na miña escrita como na de Dores. Nas nosas casas familiares facíase a esmelga. Iso foi o punto de partida, máis alá do contido simbólico: a comunidade, o traballo en común, a idea de tecer rede… Tamén era un símbolo moi presente na literatura. Foi natural, por todo iso, chegar ata aí.
En canto á estrutura do poemario, é, si, unha abellariza. Como as partes dun cuarto, sen que ningunha estea por enriba da outra. Sen relacións xerárquicas, senón horizontais. E con isto volvemos á idea do espazo transitado desde o presente. Comprendo que o libro poida ser interpretado como un poemario sobre a infancia, que nos leva ao pasado. Tamén está a morte, que nos remite ao futuro. Pero a miña idea era tratar os temas desde o presente.
Se está o pasado, é desde o eco do que vén de atrás. O rebote do eco. Tamén a morte: un rebote do eco sobre o que vai chegar, sobre o que sabemos que, indefectiblemente, está aí. A morte como algo intuído no presente. Interesábame, en relación cos tempos, mover os marcos do esperable entre o pasado e o futuro. O que quería era o presente da palabra. A presenza da palabra. A presenza e o presente na escrita. (…)”