Santiago: actividades destacadas do martes 30 de abril na Feira do Libro

O martes 30 de abril prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. Sinatura de libros de María Reimóndez na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Encontro virtual con Gaia (protagonista da novela En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado por Edicións Xerais). Participa no acto Ana Romaní e a autora do libro.

Santiago: actividades destacadas do luns 29 de abril na Feira do Libro

O luns 29 de abril prosegue a andar a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

18:30 h. Presentación do libro de Os Bolechas O reloxio de Carlos, de Pepe Carreiro. No acto, participará o autor do libro.
19:00 h. O escritor Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros.
19:30 h. Presentación do libro O códice do Santo Lugar, de Pere Tobaruela, publicado por Edicións Xerais. Participan Luz Méndez, Manuel Bragado e o autor.
20:15 h. Presentación do libro Costa do Solpor, de Xosé María Lema. Participan no acto Manuel Bragado e o autor.

Fernando M. Cimadevila gaña o I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada

“Fernando M. Cimadevila, co texto da contraportada da súa obra O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, vén de gañar o I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada. A acta do xurado é a seguinte:
“Reunido en Canido (Ferrol), o día 25 de abril de 2013, o xurado do I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, convocado pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento, constituído por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Candela Lobeiras Barro, Marisol Soto Prieto e Antonio Yáñez Casal, que actuou en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou outorgarlle o premio, por maioría, ao texto da contraportada da obra O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila.
O premio recollerao o autor o próximo día 4 de maio, nun acto músico-festivo que terá lugar na praza do Cruceiro de Canido.”
Transcrición do texto gañador:
“Existe un lugar perdido no profundo da noite, unha cidade secreta sen casas nin edificios, só tellados, azoteas, faiados e chemineas, bufardas, campanarios, torreóns… A Cidade dos Tellados non ten rúas, só pontes e pasarelas, tubaxes e escaleiras que sortean o nebuloso mundo que existe baixo a súa superficie. Un segredo, tan antigo como o propio mundo, ocúltase tras este labirinto insondábel, pero para descubrilo, o profesor Basilius Hoffman e o seu sobriño Peter deberán enfrontarse á máis profunda escuridade, aquela que habita no noso interior.”

Santiago: presentación de “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez

O martes 30 de abril, ás 12:00 horas, no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, preséntase “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con edición de Henrique Monteagudo, e que ten por obxecto o estudo e edición dun conxunto de composicións poéticas medievais que foron descubertas recentemente nun arquivo familiar en Lugo. No acto, xunto ao seu editor, participa tamén Ramón Lorenzo.

Codeso, Boqueixón: homenaxe a Xosé Neira Vilas

Desde Galaxia:
Xosé Neira Vilas segue recibindo recoñecementos por todo o país. E así, este domingo 28 de abril, ás 17:00 horas, serán os seus veciños de Codeso os que llo darán cun amplo programa de actos que se celebrará no Local Sociocultural de Codeso..
Na homenaxe participarán José Antonio Solano (cónsul de Cuba), Mini e Mero, Luz Fandiño, As Pandereteiras de Codeso, Afonso García Penas, O grupo de gaitas Pena do Couso, Concha Rousia, a Escola de Teatro do CPI de Vedra, A Porta Verde do Sétimo Andar, o Grupo de Teatro da ANPA A Infesta de Pontecesures, Iolanda Aldrei e O Ghusto do Boi. (…)”

Santiago: actividades destacadas do sábado 27 e domingo 28 de abril na Feira do Libro

O sábado 27 e domingo 28 de abril bota a andar a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 27:
19:00 h. A xornalista María Solar asinará exemplares do seu libro As meigas de Lupa publicado por Edicións Xerais.
20:00 h. 2.0 editora presenta a colección Xornalistas. Participarán no acto Xosé Manuel Pereiro, Xosé Precedo, Daniel Salgado e Antón Lado, editor.

Domingo 28:
18:30 h. Presentación das Obras Completas de Roberto Vidal Bolaño, publicadas por Edicións Positivas.
19:30 h. Contos Extraños Editora e Urco Editora, celebran o 3º Encontro da Nova Fantasía Galega, coa presentación dos libros Ninguén lembra, de Vanesa Santiago Vázquez, Contos de soños e sombras, de Ariza Piñeiro, Galiza mutante: Poder nuclear, de Tomás González Ahola e As crónicas de Bran: A revolta dos Mestres, de Xosé Duncan. Tamén haberá una charla coloquio entre editores, autores e lectores.

Cee: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O sábado 27 de abril, ás 20:00 horas, na Restaurante Insua (Avenida de Fisterra) de Cee, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado polo BNG de Cee.