Marcos Calveiro: “Non me gusta a literatura que recrea un mundo feliz”

Entrevista a Marcos Calveiro en Faro de Vigo:
“El último libro de Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), Palabras de augaPremio Merlín 2012– habla de la lucha por la vida en África, de la importancia del tótem y de los niños soldados. (…)
“Eu fago defensa da mentira. Non ten por que ser mala porque mostra unha capacidade de imaxinación e de risco. Hai delitos peores. Hai un gran segredo entre os protagonistas que se agocha e non se conta”. “Non me gusta a literatura que recrea un mundo feliz que non ten nada que ver co real”, señalaba el autor, quien reconocía la existencia de algunas escenas dramáticas y tensas. El deseo del escritor ahora es llevar la presentación de su libro a los centros escolares. No olvidó destacar la labor del ilustrador Ramón Trigo: “Fixo unhas ilustracións espectaculares, con moita forza e moi simbólicas”.”

Concurso Dragal nas redes sociais

Con motivo da celebración de @ForoUNIREDE, o II Foro da web 2.0 de Galicia, ponse en marcha o sorteo de 1 exemplar de cada novela da triloxía Dragal (A Herdanza do Dragón, A Metamorfose do Dragón e A Fraternidade do Dragón) nas redes sociais, coa dedicatoria personalizada da autora, Elena Gallego Abad (@elenagallegoab).
Para participar é preciso subir unha imaxe alusiva á Triloxía, o mundo máxico dos dragóns ou calquera outro elemento do universo Dragal (fotografía, debuxo, montaxe Instagram) á páxina de fans da Fraternidade Dragaliana no facebook ou tweets co hashtag #dragongalego dirixidos a @elenagallegoab e @ForoUNIREDE
Todas as imaxes recibidas nesta páxina ata as 13:55 horas do sábado 27 de outubro serán expostas ao longo da intervención que Elena Gallego Abad realizará en @ForoUNIREDE. Antes de finalizar a charla, con remate previsto ás 14:00 horas, o público asistente á xornada escollerá as dúas imaxes subidas á rede que, pola súa relación coa Triloxía, orixinalidade e/ou calidade artística, teñan maior popularidade, cando menos unha delas acompañada por texto en lingua galega. Unha terceira imaxe será elixida polos votos emitidos polos internautas ás fotografías subidas á páxina de fans.
A persoa ou persoas gañadoras recibirán como premio, por orde de selección, un exemplar do primeiro, un exemplar do segundo ou ben un exemplar do terceiro libro da Triloxía Dragal dedicados pola autora.
Poderán participar no sorteo todas aquelas persoas físicas que, sen límite de idade, sexan seguidoras da páxina de fans da Fraternidade dende a súa conta no Facebook, ou sexan seguidoras/es de @elenagallegoab e @ForoUNIREDE dende unha conta propia en Twitter.
O anuncio dos gañadores farase público durante a propia presentación e publicarase nas redes sociais xunto coas imaxes da súa autoría, notificándoselles mediante o envío dunha mensaxe directa para confirmar a aceptación do premio antes do luns 29 de outubro (ata as 20:00 horas), debendo especificar un correo electrónico de contacto.
Os premios do presente sorteo en ningún caso poderán ser obxecto de cambio, alteración, compensación a petición do gañador ou cesión a terceiros. No suposto de que algún dos gañadores non acepte o premio, non o recolla ou non cumpra co establecido nas presentes bases, considerarase deserto.
Reservas e limitacións:
Calquera comunicación falsa de datos persoais dará dereito á organizadora do sorteo á descalificación do participante, que non poderá dispoñer do correspondente premio. A organizadora queda eximida de calquera responsabilidade no suposto de existir algún erro na captura ou transcrición dos datos facilitados polos participantes, que poidan impedir a súa identificación. A organizadora poderá verificar a identidade dos premiados mediante copia do DNI ou outra documentación válida.
A organizadora resérvase o dereito a descalificar e eliminar da páxina de fans calquera fotografía ou tweet que conteña un contigo ameazante, falso, mal interpretable, abusivo, difamatorio, obsceno e/ou escandaloso, viole os dereitos das persoas á privacidade ou á publicidade ou inclúa marcas comerciais de terceiros.
Os datos persoais facilitados para participar no sorteo usaranse exclusivamente para o seu desenvolvemento a xestión da entrega do premio e para calquera outra finalidade prevista nas presentes bases. A participación no sorteo supón a aceptación das mesmas.

María Concepción Álvarez Lebredo: “A indiferenza espállase como unha praga”

Entrevista a María Concepción Álvarez Lebredo en Dioivo:
“”É un libro que toca á lectora, ao lector, cun estilo sinxelo, nada pretensioso, mais -se cadra precisamente por iso- tremendamente efectivo a nivel emocional”. O xurado do V Premio de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e Entidade Local de Morgadáns, explicou con palabras coma estas a súa decisión de escoller a obra Distancias e Simetrías, de Mª Concepción Álvarez Lebredo. A autora, que recollerá o galardón en novembro, xa gañara no 2002 o segundo premio no certame de relato histórico Reconquista do Instituto de Estudios Vigueses. Falamos con ela sobre Distancias e Simetrías, que será o seu primeiro poemario publicado.
– Dioivo: O poemario amosa un estilo sinxelo, directo e moi narrativo. Por que?
– María Concepción Álvarez Lebredo: En poesía gústanme a claridade, a sinxeleza e a sinceridade que enfían directamente cara a sensibilidade do lector e que poden chegar a un público máis amplo que unha obra de cariz máis intelectual. Iso non quere dicir que non guste doutro tipo de composicións. Como lectora tamén aprecio moitísimo á poesía máis elaborada, artificiosa, escura. Pero cando se pretende revivir as emocións propias e espertar as dos lectores é máis eficaz unha poesía clara e directa. Os poemas son como anacos de vida, de historias cotiás, pero son narracións truncadas, sen principio nin final, xustamente por seren cíclicas. Na brevidade do tempo transcorrido, na faísca de vida que se insinúa repetida en días sucesivos, radica, creo eu, o seu lirismo. (…)”.

Santiago: XXVII Foro Encrucillada: Ciencia e fe, o diálogo necesario

O sábado 27 de outubro, no Salón Obradoiro do Pazo de Congresos (Barrio de San Lázaro) de Santiago de Compostela, terá lugar o XXVII Foro Encrucillada, baixo o título Ciencia e fe, o diálogo necesario. O horario é o seguinte:
10:15 h. Presentación, por Ramón Cao.
10:30 h. Andrés Torres Queiruga introducirá o diálogo relixión-ciencia.
12:30 h. Carlos Pajares Vales falará de cosmoloxía e fin do mundo.
16:00 h. Presentación de libros.
16:30 h. Camino Cañón Loyes falará de novos ateísmos.
18:30 h. Celebración-oración homenaxe a Bernardo García Cendán. Preparada por Victorino Pérez Prieto.
19:00 h. Remate.

Lugo: presentación de Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho

A sexta feira 26 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho, publicado nos Cadernos Q de Vian. No acto, xunto ao autor, participa Alberte Momán.

Santiago: Roteiro da Lírica Medieval Galego-Portuguesa

O sábado 27 de outubro, a partir das 11:00 horas, terá lugar un Roteiro da Lírica Medieval Galego-Portuguesa baseado no libro O amor que eu levei de Santiago, publicado por Toxosoutos. Actuarán como guías Yara Frateschi, Isabel Morán e José António Souto, autores do libro, saindo desde a Praza de Cervantes.
A inscrición pódese realizar a través de Sandra Quintana no teléfono 981528740 e no correo electrónico squintanar@santiagodecompostela.org.

Arzúa: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes

O sábado 27 de outubro, ás 21:30 horas, na Capela da Magdalena de Arzúa, terá lugar a presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Pablo Vaamonde García e Che Turnes.

Boiro: presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá

O venres 26 de outubro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Principal, 65) de Boiro, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Editorial Galaxia a propia Galería Sargadelos organizan a presentación da última novela de Xavier Alcalá, Verde oliva, publicada en Galaxia e o número 78 do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto estarán presentes, xunto ao autor, Víctor Freixanes, María Xesús Blanco e Xerardo Agrafoxo.

A Coruña: conversa sobre lingua, música e literatura entre Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro

O xoves 25 de outubro, ás 19:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47), Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro inauguran o Espazo Escritorio desta entidade cunha conversa que versará sobre lingua, música e literatura en Galicia, coordinados polo xornalista Iago Martínez.