Entrevista
de Armando Requeixo a Eva Veiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Eva Veiga (EV): Se cadra, sóbralle aínda, ao igual que ao País en xeral, un certo complexo de inferioridade e nalgún sentido unha mentalidade minifundista. Así mesmo, tamén é xeneralizada a nosa escasa profesionalidade en materias de mercadotecnia e distribución. Podes xerar produtos marabillosos que, se non se poñen en valor e se non se fan visibles e desexables, só algúns con sorte chegan lonxe. Apenas existen axentes literarios, quizais tamén porque falla a infraestrutura necesaria. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EV: O noso presente literario goza, ao meu entender, de boa saúde e dunha gran riqueza. Hai xente moi nova, que vén achegando perspectivas diferentes, moi interesantes e cunha escrita de gran calidade. Tamén hai moita obra menor, pero iso sempre é así, o tempo vai decantando. É por iso que semella máis urxente unha boa promoción das obras, de modo que os lectores se sintan atraídos e se habitúen así á súa propia literatura. Por certo, coido fundamental que as e os profesores coñezan e amen a literatura. Sen este labor pedagóxico o ermo irá cada vez a máis. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Coruña: presentación de Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo
O
xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, na FNAC (Praza de Lugo) da Coruña, preséntase a novela Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo, publicada por Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participan Mercedes Queixas e Pablo González Mariñas.
Convocada a IV Edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira
“Convoca a Área de Cultura do Concello de Riveira e Edicións Xerais de Galicia para potenciar, apoiar e difundir a literatura en lingua galega e conmemorar a concesión do título de Cidade, outorgado pola S.M. o Rei Alfonso XIII o 23 de marzo de 1906.
1.- Poderán concorrer ao certame de novela curta todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade e/ou residencia, cun único traballo en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003) de temática libre, orixinal e inédito.
2.- A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 caracteres, presentarase por quintuplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados ou encadernados, sen firma ou calquera outro elemento que poida ser identificador do/a autor/a e cun lema ou pseudónimo, empregando o sistema de plica e debendo ademais incorporar un CD co arquivo dixital do texto.
3.- A plica deberá conter no seu interior os datos do autor/a e fotocopia de identificación (DNI/Pasaporte), así como declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e inédita.
4.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o 23 de marzo de 2013, aniversario da concesión do Título de Cidade a Riveira pola S. M. o Rei Alfonso XIII en 1906.
5.- Os traballos, citando IV Concurso Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, remitiranse a: Concello de Ribeira, Á/a da Área de Cultura, Praza do Concello, s/n, 15960, Ribeira, A Coruña, España.
6.- Establécese un Primeiro e Único premio de 3.000,00 €, diploma conmemorativo e publicación da obra, que será realizada por Edición Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
7.- O/A autor/a terá que recoller persoalmente o premio na data, lugar e hora que sinale a organización do certame, a non asistencia, ou delegación sen que estea debidamente xustificada por causa maior, suporá a renuncia a este.
8.- O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que non quedará deserto. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura a educación e as letras galegas e emitirá publicamente o seu veredicto no mes de maio de 2013, coincidindo coa programación do Maio Cultural e Letras Galegas que organiza este concello.
9.- O acto de entrega do premio terá lugar no mes de maio de 2013, do cal se dará conta anticipadamente aos medios de comunicación e ás persoas interesadas. A publicación e presentación da obra gañadora será entre os meses de marzo e maio de 2014, acto no que tamén se convocará a V Edición do certame.
10.- Os traballos non premiados serán destruídos vinte días despois do veredicto, polo que a súa reclamación farase persoalmente e con identificación no Auditorio Municipal de Ribeira durante ese prazo.
11.- O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das devanditas bases.”
Vigo: presentación do número 193 da revista Grial
O
xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o número 193 da revista Grial, que xira sobre Valentín Paz-Andrade, Isaac Díaz Pardo, emprendedores. Participan Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Uxío Labarta, Fernando Salgado e Alfonso Paz-Andrade.
Santiago: actividades destacadas do xoves 3 e venres 4 na Feira do Libro
Continúa
a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do xoves 3 e venres 4 de maio son as seguintes:
* Xoves 3:
– 19:00 h. Presentación dos libros Ruído de fondo, de Daniel Salgado e Os fillos do mar, de Pedro Feijóo, publicados por Xerais. Acompañará aos autores Manuel Bragado. Ao remate do acto, os escritores asinarán exemplares dos seus libros.
* Venres 4:
– 19:00 h. Presentación do libro Herdeiros pola forza, de Xurxo Ayán e Manuel Gago, publicado por 2.0 Editora. Xunto cos autores, participa no acto Antón Lado.
– 20:00 h. Presentación do libro Un pozo moi fondo, do doutor José Luís Iglesias Díaz, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Nieves Herrero e Francisco Castro.
Xosé Alfredo Naz Fernández gaña o XI Certame Avilés de Taramancos
“O
escritor Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo, 1972, profesor de Matemáticas que xa gañou o certame Ánxel Fole, o XXXVI de narracións curtas Modesto Figueiredo e o Ciencia que conta de 2009) gañou o XI Certame de relatos de aventuras Antón Avilés de Taramancos co relato O sorriso de Hitler. Leva por iso 3.000 euros e a publicación da obra. Nesta edición do concurso de relatos de aventuras participaron 18 obras. O xurado, no cal estaba, entre outros, o gañador do ano pasado, o ribeirense Antonio Piñeiro, destacou a calidade das obras presentadas.” Vía Certo.
A Coruña: inauguración da exposición A Galicia do Galicia, sobre Valentín Paz Andrade
A
Fundación Barrié inaugura o 2 de maio, na súa sede da Coruña, unha exposición comisionada polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, arredor da vertente xornalística de Valentín Paz Andrade. Debuxos, carteis, fotografías, correspondencia, exemplares orixinais do xornal ou obxectos persoais son algúns dos materiais que conforman a mostra. Trátase de documentos inéditos na súa maioría e procedentes, entre outras entidades, da Real Academia Galega, que renden homenaxe ao xornal Galicia, unha das cabeceiras máis relevantes da nosa historia xornalística. A Fundación Barrié súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa exposición A Galicia do Galicia (1922-1926), poñendo en valor e á disposición do público xeral o labor xornalístico levado a cabo polo homenaxeado no Día das Letras deste 2012. En palabras do secretario da Academia e comisario da mostra, Xosé Luís Axeitos: “A biografía intelectual de Paz Andrade non se pode explicar sen a súa faceta xornalística e sen Galicia”. No entanto, a exposición constitúe tamén un documento testemuñal en si mesma, pois “Galicia é a sinatura dos degoiros galeguistas dos anos vinte”, conclúe o secretario. A inauguración terá lugar o mércores 2 de maio ás 12:30 horas na sede da Fundación na Coruña e nela participarán José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Alfonso Paz Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade; e Xosé Luís Axeitos Agrelo, comisario da exposición e secretario da Academia. A mostra poderá visitarse ata o 1 de xullo.” Vía Real Academia Galega.
Pontevedra: presentación de Seara, de Xosé Vázquez Pintor
Santiago: actividades destacadas do 1 e 2 de maio na Feira do Libro
Continúa
a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do martes 1 e mércores 2 de maio son as seguintes:
* Martes 1:
– 20:00 h. Mesa redonda: Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Ao final do acto, os autores asinarán exemplares dos seus libros.
* Mércores 2:
– 18:30 h. Presentación do libro Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, publicado por 2.0 Editora. Participan no acto Martiño Noriega e Manuel M. Barreiro.
– 19:00 h. Presentación do libro O silencio, de Mario Regueira, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Arturo Casas e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación de Dark butterfly de Rexina Vega. Intervirán: Armando Requeixo, Rosa Enríquez, Manuel Bragado e a autora
Santiago: actividades destacadas do luns 30 de abril na Feira do Libro
Continúa
a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do luns 30 de abril son as seguintes:
– 19:00 h. O escritor Xosé Neira Vilas presenta o seu libro 100 anos do himno de Galicia publicado por Edicións Embora. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares das súas obras.
– 20:00 h. Presentación do libro A praza é nosa. Quen constrúe a democracia? de varios autores, coordinado polo xornalista Marcos Pérez Pena e publicado por 2.0 Editora. Participan no acto Marcos Pena, Antón Lado e varios dos autores da mesma.
