Ismael Ramos gaña o Premio de Poesía Miguel Hernández

Desde Nós Diario:
“Ismael Ramos vén de ser galardoado co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández, correspondente ao ano 2022, pola súa obra Lixeiro, (Xerais), a proposta do xurado. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.
O xurado destacou a súa obra “pola potencia da súa imaxinación poética, capaz de emprender un canto xeracional entoado desde un desencanto reconciliado que conxuga ironía e nostalxia”.
Aliás, o xurado sinalou que, como “bo coñecedor da tradición poética contemporánea, Ismael Ramos ofrece unha proposta desprovista de afectación e moi depurada lingüisticamente que conforma unha sorte de épica vivencial de ton á vez transcendente e lixeiro”.
Ismael Ramos, nado en Mazaricos en 1994, é autor dos poemarios Os fillos da fame (XVII Premio Johán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016), Lumes (Apiario, 2017) e posteriormente Lixeiro (Xerais, 2021).
En 2019 publica en La Bella Varsovia a primeira tradución ao castelán da súa obra Lumes, pola que recibiu en 2020 o Premio Javier Morote de ‘As Librarías Recomendan’.
Os seus poemas foron versionados tamén ao catalán, finés, francés, húngaro, inglés e portugués, e incluídos en numerosas revistas e antoloxías.”

Lugo: Letra das Festas. San Froilán 2022 (Revista oral do San Froilán), o 6 de outubro

A Letra das Festas. San Froilán 2022 (Revista oral do San Froilán) é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Chega a edición número 12 da Letra das Festas, a revista oral do San Froilán, baixo o título Vir ao San Froilán. Memorias e anécdotas de cando se vén ao San Froilán.
Terá lugar o xoves, quinta feira, 6 de outubro, ás 19.00 horas,  no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
A entrada será de balde até completar capacidade.

Interveñen:
– Anxo García
– Noemí Fernández Fusalba
– Xosé Espín
– Ramudo
– Orestes Currás
– Marta Veiga Izaguirre

Ambientación musical:
– Luís Monsalve

Coordinación e presentación:
Lois Pérez
Antonio Reigosa

Obradoiro de iniciación á escrita creativa: a construción das sombras, con Antón Riveiro Coello

O Obradoiro de iniciación á escrita creativa: a construción das sombras é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG e o Concello de Rianxo.

“Se gustas de converter en materia estética a realidade cotiá…
Se queres inventar coa palabra outros mundos máis interesantes….
Se aspiras a que na túa imaxinación as persoas volvan nacer, talvez mellores e máis fermosas do que en realidade foron…
Se desexas que a literatura faga vida en ti e, por que non, nas lectoras e lectores… Agardamos por ti.”

Será impartido por Antón Riveiro Coello, e cunha sesión maxistral a cargo de Berta Dávila.

10 sesións de 2 horas cada unha, en horario de 11:00 a 13:00, que se celebraron os sábados:
– 15, 22 e 29 de outubro
– 5, 12, 19 e 26 de novembro
– 3, 10 e 17 de decembro

Terá lugar na aula grande do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (como chegar), no marco das Aulas Socioculturais e ocio recreativo 2022 do Concello de Rianxo.

15 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, como máximo, e 8 prazas na mesma franxa de idade, como mínimo, que se adxudicarán por orde de solicitude.
A inscrición, gratuíta, farase en liña, até o 6 de outubro de 2022, no formulario específico dispoñíbel na páxina web do Concello de Rianxo, aquí. Máis información nesta ligazón.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Ledicia Costas gaña o Premio de Poesía Afundación con Ultraluz

Desde La Voz de Galicia:
Ledicia Costas, coa súa obra Ultraluz acadou a vixésima edición do Premio de Poesía Afundación entre os 32 orixinais que se presentaron. O xurado resaltou que o poemario da escritora viguesa, segundo recolle a acta, «é un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha clara vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción. Hai unha interpelación ao lector como axente activo convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo».
A elección dos versos gañadores desta edición do premio que convoca Afundación xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia estivo moi igualada, resaltaron desde o xurado. Unha das cuestións que decantou a balanza cara a obra de Ledicia Costas foi que se trata dunha «poesía moi limpa, moi depurada. Ademais, prevaleceu que se trata dun libro que pode achegar lectores e lectoras á poesía», salientou Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e do xurado que se reuniu este xoves en Santiago, que estaba formado tamén por Xabier Castro, Ánxela Gracián, Estíbaliz Espinosa e Luciano Rodríguez.
Ultraluz, que foi presentado baixo o lema de “Kodama”, constitúe unha «aposta valente e fresca porque as referencias á ciencia ficción e o anime non son tan comúns na poesía e o libro gañador levounas moi ben a un terreo fácil de ler, que introduce elementos do mundo infantil, do mundo dos contos, pero nunha visión adulta, con luces e sombras, con madurez», salientou Estíbaliz Espinosa. Ultraluz, profundaron os membros do xurado, «é unha fantasía no bosque, un bosque que ten frescor e madurez». O traballo galardoado, segundo incidiron, «é algo novidoso e desmárcase do resto de traballos que se presentaron».
O galardón de Afundación implica a publicación do poemario na colección Arte de trobar e conta cunha dotación económica de 6.000 euros. (…)”