Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: “Elas teñen a palabra”, conversa con Ánxela Gracián
Carlos Callón, autor de O libro negro da lingua galega: “A un taxista déronlle 48 horas para cambiar Rianxo por Rianjo”
Entrevista de Sandra Faginas a Carlos Callón en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): No libro constatas que ao longo de cinco séculos falar e escribir en galego foi unha heroicidade. Que anécdota che sorprendeu máis?
– Carlos Callón (CC): Eu non sabía que os fascistas profanaran a tumba de Alexandre Bóveda para cambiarlle o nome na lápida que el mesmo deixara disposta antes de que o asasinasen, porque el quería que puxese Alexandre en galego. E houbo franquistas que entraron na tumba e lle puxeron un iota por riba. Tamén me sorprendeu que non estivesen recollidas en ningún libro a cantidade de multas que se poñían por falar galego en público, ou ese expediente que se abriu a un funcionario da Deputación de Lugo por «exagerado acento gallego». Sorprendéronme moitas anécdotas.
– LVG: Ti partes de varias premisas ou falacias. Unha delas é que o galego non só foi perseguido no franquismo.
– CC: Si. Hai quen pensa que a situación do galego actual de perda de falantes é debida a que a xente espontaneamente non o ama ou porque non se reclamou a súa extensión social, pero o franquismo só aplicou unha política que xa era habitual. Durante a Segunda República o galego non foi lingua oficial non porque non cumprise os criterios, como foi o caso catalán, senón porque se lle puxeron paus na roda. Castelao pediu nas Cortes Constituíntes en 1931 que non se obstaculizase o uso do galego na Administración e votouse en contra. E antes, en 1910, pediuse a cátedra de galego para Santiago e o gobernador civil interveu parando esas mobilizacións. Hai moitos exemplos.
– LVG: En que época houbo máis represión?
– CC: Hai tres momentos traumáticos: a finais do século XV, coa doma do reino de Galicia por parte dos Reis Católicos, outro coa chegada dos Borbóns no século XVIII, que significou a agresividade escolar e as tentativas de desgaleguización. É cando se publica algún regulamento que di que hai que perseguir aos nenos na escola que falen galego. E o terceiro foi o franquismo.
– LVG: Cal foi a maior multa por defender o galego?
– CC: Se non me falla a memoria, foi para La Voz de Galicia. Nos anos 60 permitiuse utilizar na misa a lingua que a xente falaba, e no Estado español foi así para o castelán, o vasco e o catalán, pero non para o galego. Entón empezou unha mobilización en defensa da lingua, que penso que foi a maior do século XX, na que La Voz tivo un papel destacado. Deulle un premio Fernández Latorre a un artigo que defendía a misa en galego e por esa causa impúxoselle unha multa de 50.000 pesetas. Tamén á mestra Pepa Baamonde deixárona medio ano sen soldo por falar en galego a nenos de 4.º de primaria. Hai moitos casos.
– LVG: Como o do taxista.
– CC: Si, foi en 1972. Déronlle 48 horas para rotular o seu coche co nome de Rianjo en lugar de Rianxo. Se non o facía, quitábanlle a licenza. Eu agradecinlle en persoa a ese taxista, que puido asistir este verán ao acto de presentación do libro e contou alí mesmo a historia. Un relato que di moito porque son historias de xente que levantou a voz e non quixo asumir esas prohibicións como algo natural. Persoas que querían poñerlle nomes galegos aos fillos e non podían, ou aquelas ás que obrigaban a castelanizarlle o apelido, como esa señora que de golpe pasa de ser Meixide a Meigide. (…)”
“As nais saen do armario e elevan a literatura galega”
Artigo de Ana Abelenda en La Voz de Galicia:
“A reflexión en torno á maternidade, a escolla de ter ou non ter fillos, é xa un relato central nas nosas letras. Hai desexo, conciencia, reflexión e debate. Elas aleitan outra forma de rebeldía. (…)
Ser nai ou non ser nai é a cuestión, é cuestión candente na literatura. Como muro para conter a forza das novas propostas en torno a ela, resiste ben armado o canon dun sistema que mira para outro lado ou observa, ollos mouchos, como se afonda no discurso. Elas seguen no seu, creando, desbotando o canon.
Nos últimos anos, a maternidade botou a andar pasiño a paso cara ao centro do relato, a defender o seu oco sen ollarse no espello doutros, sen temer a represalia, sen pedir permiso. Ese lugar é un útero, que se dilata e dá vida a unha diversidade de fillas, visións sobre a muller en relación coa súa liberdade, co embarazo, o parto e a crianza, dende a descuberta á fin de que a realidade supera toda ficción herdada e os ditames ata a reflexión sobre novas formas de crianza ou a decisión de non traer fillos ao mundo.
As nais e as non nais non se perden no backstage literario, saen ao encontro, cunha literatura diversa. Só para nais e non nais, de mulleres? Non debera… (…)”
Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos?, con Bea Gregores, o 11 de outubro
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos? é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).
Desenvolverase os martes 4, 11, 18 e 25 de outubro, sempre ás 17:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. As persoas interesadas na actividade deben inscribirse previamente cubrindo un formulario, ao que se pode acceder nesta ligazón. Está en proceso a solicitude de recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. O programa pode descargarse aquí.
O programa previsto é o seguinte:
11 de outubro
Bea Gregores
Protagonistas: mulleres de conto
18 de outubro
Antonio Manuel Fraga
Bestiario diverso de personaxes normais
25 de outubro
Eva Mejuto
Álbums para entender o mundo
Pontevedra: VII Xornada de Onomástica Galega, o 15 de outubro
Foz: conversas arredor de venecia abandonada, de Eduardo Estévez
A Coruña: recital poético A palabra pola palabra, con Xulio López Valcárcel e Raquel Lanseros
Bases do XVI Certame Literario Terras de Chamoso
Compostela: rolda de prensa arredor da nova edición de O cabaliño de buxo, de Xosé Neira Vilas
Desde Galaxia:
“O 11 de outubro, celebrarase, ás 11:00 h., no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa arredor de O cabaliño de buxo, de Xosé Neira Vilas, ilustrado por Belén Rodríguez Pazo.
Estarán no acto, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Enfocada á cativada, O cabaliño de buxo, ilustrada por Belén Rodríguez Pazo, está ambientada no mundo de aldea que impregna a obra de Xosé Neira Vilas. Ruliño, o protagonista, olla o mundo coa curiosidade dos nenos, tratando de comprender o porqué das cousas. Este libro, dedicado a Anisia, que ten os ollos de rapaza galega, reflicte a grandeza do pequeno, poñendo en valor a cultura propia.
A edición desta obra contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. (…)”









