“As letras”, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Nós Diario:
“Hai que dicir que si, que acertaron. Que foron quen de nos poñer de acordo a moitas persoas. E iso queda no seu haber, ser quen de unificarnos no desencanto e na frustración. Iso acaba de conseguir a RAG.
Unha vez máis, desoíu as numerosas peticións que reclamaban prolongar a celebración de Carvalho Calero ao ano 2021, habida conta da excepcional situación que, sexamos realistas, fixo que a celebración deste ano nada tivese que ver coas que se realizaron nos anos precedentes. Tamén é mal fado que, despois de agardar tantos anos e votacións a que recibise a honra das letras o primeiro Catedrático de lingua galega na Universidade, sobrevivente do Partido Galeguista, fose cadrarlle este ano imposíbel que deveu nunha celebración fanada en todos os ámbitos.
Unha xa imaxinaba, con ese pesimismo que nace das derrotas diarias, que a RAG non atendería a proposta de prolongar o ano Carvalho Calero. Tamén imaxinaba que, para evitar as críticas, utilizaría o nomeamento dunha muller, a ser posíbel, unha autora que viñese sendo reclamada tamén socialmente, co que estarían en condicións de dicir que si atenderon as peticións da sociedade. E desa fórmula resulta o nomeamento de Xela Arias.
A receita para partirnos o corazón, especialmente ás persoas que coñecemos a Xela e seguimos a lembrala con afecto.
Así as cousas, conseguiron poñernos de acordo na desilusión que sentimos. Nin celebramos a Carvalho como é debido, nin celebraremos a Arias como ela tamén merece. Nos medios e nas redes, aumentan a cada pouco as voces que fan notar esta desfeita, poetas, editores, investigadoras e amigos de Xela coinciden neste diagnóstico negativo.
A RAG acaba de demostrar a súa incapacidade para dialogar co presente das letras. Semella un organismo esclerótico e insensíbel que se parapeta nunha tradición enfaixada que xa non conecta co pobo galego.
En palabras da propia Xela Arias, tomadas do seu derradeiro libro:
Alienada morfoloxía dos deberes
tes por gloria a conquista do escaparate.””

Montse Fajardo, biógrafa da muller de Castelao: “Non sei se Virxinia Pereira tivo unha vida feliz, pero o que é seguro é que non se rendeu xamais”

Entrevista a Montse Fajardo no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Todo apuntaba a que ía ter unha vida cómoda como muller dun médico… pero a vida é incerta, e Virxinia Pereira foi testemuña de excepción de moitos dos acontecementos históricos do século XIX, primeiro na compaña de Castelao e logo soa, loitando por preservar o seu legado. A entrevista pode verse aquí.”

Trávelin, de Antonio Piñeiro, gañadora do XXVII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta

Desde o Concello do Grove:
“O xurado desta vixésimo sétima edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta convocado polo Concello do Grove emitiu o seu ditame. Os escritores e críticos literarios Alberto Avendaño, Armando Requeixo, Ánxela Rodríguez, Mario Regueira e Ignacio Vidal Portabales elixiron a novela co título Trávelin, presentada por Manuel Antonio Piñeiro Fernández baixo o pseudónimo ‘Avelaíña’. Trátase dun autor natural de Ribeira que conta no seu haber co Premio García Barros do Concello de Lalín pola obra As Fiandeiras e é ademais editor e director da editorial Bourel, na que se publican libros artesáns cosidos á man.
Piñeiro engade a súa referencia aos anteriores gañadores do Lueiro Rey, elixidos entre un elevado número de participantes que, como cada ano, quixeron optar a este premio. A alta calidade das propostas confírmase ano tras ano, o que converte a convocatoria do Manuel Lueiro Rey nunha das máis importantes do escenario literario galego. Queda pendente da evolución da situación actual a celebración do acto de entrega deste galardón que, ademais dos 3.000 euros, consiste na publicación da obra a través da editorial Edicións Xerais de Galicia.”

Crónica videográfica da XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. O humor na literatura de tradición oral (II)

A XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. O humor na literatura de tradición oral é unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega. Tivo lugar o 24 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo. Con esta xornada dedicada a ‘O humor na literatura de tradición oral’ preténdese amosar como funciona ese recurso intrínseco, estrutural dentro dos xéneros de literatura tradicional popular, como inflúe na memoria ou como pode axudar a resolver situacións de conflito.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Conferencia Humor salgado, por Suso Lista:

Conferencia A ágora da taberna, por Quico Cadaval:

Mesa redonda O segredo do humor, con Antonio Reigosa, Suso Lista e Quico Cadaval:

Crónica fotográfica do Roteiro Literario por Muxía, guiado por Xan Fernández Carrera

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Literario por Muxía, que guiou Xan Fernández Carrera o sábado 26 de decembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

“Xela Arias, unha elección con grande acollida e á vez con polémica”

Desde Nós Diario:
“O pasado 22 de decembro, a Real Academia Galega (RAG) facía o anuncio de quen sería a persoa homenaxeada no Día das Letras de 2021, tratábase da poeta Xela Arias, a voz dunha xeración “renovadora da poética galega”, feminina e feminista, reivindicada polas autoras do seu e do noso tempo.
Na súa comunicación a Academia describía o facer de Xela Arias explicando que “concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar”. E valoraba da autora “a pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, coa música e coa pintura”.
Tanto os medios como as redes sociais foron reflexo, xa nestes últimos días, do valorada que é a creación literaria desta autora e o que supuxo para as nosas letras, mais tamén sacou á luz a necesidade de reivindicación do feminino nunha celebración con 58 anos de historia e que ten como día chave a publicación de Cantares gallegos, un 17 de maio de 1863, obra da muller de referencia da literatura galega, Rosalía de Castro. Desde que se lle dedicara a ela o Día das Letras, en 1963, só catro mulleres forman parte desa listaxe: Francisca Herrera, homenaxeada en 1987; María Mariño, en 2007; María Víctoria Moreno en 2018; e, agora, Xela Arias Castaño.
“Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual que co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa e outra cando as nacións soxulgadas non o sexan e as mulleres discriminadas non o estean”, dicía Xela Arias nunha entrevista realizada en 1990 polo escritor Manuel Rivas e agora recuperada.
O feminismo e a modernidade de Xela Arias multiplícanse e multiplicaranse nas redes sociais e na prensa tamén en 2021. Entre as persoas que xa manifestaron a súa alegría polo nomeamento, tamén se atopa Francisco Castro, director de Editorial Galaxia, que explicaba que se trata “dunha poeta absolutamente moderna, incluso a día de hoxe” e felicita a Academia pola elección que, consideraba “conectará coa xente nova”.
Unha conexión que pasará pola divulgación da súa obra no mundo docente, coas ferramentas e tecnoloxías que o Ano Carvalho se viu na obriga de exercitar por mor da Covid-19. E, precisamente na educación é onde Xela Arias pasou os últimos anos da súa vida, nos institutos de Chapela (Redondela), Vigo, A Sagriña (A Guarda) e Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Compostela).
Antes diso, a poeta xa fora traballadora de Edicións Xerais e tradutora. Un terreo no que a filóloga María Xesús Nogueira, estudosa da obra da poeta, salientaba tamén a súa importancia. “Creo que Xela Arias foi unha das primeiras tradutoras profesionais ao galego e, tanto unha persoa que fai tradución como a dedicada á edición traballa coa lingua, co discurso e, sen dúbida, tivo que influír tamén ese labor que supón unha lectura doutra literatura nos seus referentes literarios”, explicaba en conversa con Nós Diario.
Diferentes organismos culturais, xente do mundo da crítica literaria, da tradución… Comezaron a propor a Xela Arias como homenaxeada polo Día das Letras xa en 2014, cando se cumprían os dez anos do seu pasamento. Naquela altura, defenderon o seu nome Ramón Lorenzo, Antón Santamarina e Xosé Fernández Ferreiro. Os outros candidatos ao Días das Letras Galegas de 2015 foron Ricardo Carvalho Calero, Celestino Fernández de la Vega, Manuel María e Xosé Filgueira Valverde, que resultou ser elixido.”