Marilar Aleixandre: “Aínda en 2021 hai persoas ás que lles resulta imposíbel pronunciar a palabra homosexual”

Entrevista a Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): “Querido Eduardo, fuches dobremente excluído, por seres homosexual e por seres fiel ao Goberno constitucional”, manifestou a pasada terza feira ao recoller o galardón. Segundo denunciaba a través das súas redes, estas palabras foron substituídas por algúns eufemismos nalgúns medios. Que denota isto?
– Marilar Aleixandre (MA): “Fiel ao Goberno constitucional e non aos golpistas”, foi a frase completa. Era unha nota de prensa que se deu desde a Deputación de Ourense. Creo que denota que aínda en 2021 hai persoas ás que lles resulta imposíbel pronunciar a palabra homosexual.
Houbo quen saíu xa do armario, pero a palabra parece que non. E o mesmo a respecto de golpistas e Goberno constitucional. Blanco Amor foi iso que se chamaba un roxo e a súa obra sufriu censura e exclusión por eses dous motivos.
A miña novela é un exercicio contra a desmemoria, aínda que do século XIX, non ten que ver coa República. Porén, precisamente nun acto coma este debería recollerse o que comento sobre a memoria de Blanco Amor. E, sobre todo, non se pode pór entre aspas unha declaración distinta do que digo. É moi importante chamar ás cousas polo seu nome, hoxe en día xa non hai que falar de amor escuro.
– ND: É a desmemoria unha doenza que afecta con forza a sociedade actual?
– MA: Hai moitos problemas dos que non se pode dicir afectan á sociedade porque parece que así fosen un andazo bíblico. É como o machismo, a exclusión das mulleres non é un fenómeno meteorolóxico. A desmemoria tampouco, houbo intención de que se esquecesen determinadas cousas e non se falase delas.
– ND: Como aparece esa desmemoria en As malas mulleres?
– MA: Hai unha máis consciente e outra que ten a ver con diferentes urxencias da sociedade en cada momento. O exercicio de memoria da novela ten varios planos, un deles o das mulleres anónimas que estaban no cárcere da Galera. Ademais do das barcas nas que os penados remaban, ese foi o nome que se deu aos cárceres de mulleres, desde comezos do século XVII.
Concepción Arenal foi visitadora de prisións, que non é un cargo en plural: cando foi destituída -no século XIX os Gobernos cambiaban moi rápido de signo- desapareceu. E foi visitadora na Galera. Sorprendeume que persoas con moito interese e atención pola historia da Coruña non coñecesen a existencia dese cárcere que logo deu nome á rúa.
Considero un exercicio importante recuperar esas mulleres anónimas, que segundo un documento de Arenal eran 300. Hai algunhas notas de prensa en xornais, pero pouco máis. Preguntando, unha persoa díxome: “as cousas que son duras procuran borrarse”.”

Inventario dun adeus. Expiatoria de Andrea Fernández Maneiro acada o primeiro premio no IX Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde o Concello de Mondoñedo:
“Andrea Fernández Maneiro, natural de Vilagarcía de Arousa, álzase como gañadora da IX edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto de 100 orixinais recibidos. O traballo presentado pola gañadora, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título Inventario dun adeus. Expiatoria.
O xurado destacou nos versos de Andrea Fernández Maneiro a “elaborada imaxinería do conxunto, o coidado na dicción e na escolla das solucións léxicas, así como o estreito diálogo entre o musical e o textual que envolve harmonicamente toda esta escrita”.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Antípoda, da que é autora Paula Luís González, de Vigo.
O xurado salientou “a intelixente alternancia nestes versos de elementos da tradición culta con outros perfectamente pop, así como a hábil inserción de indicadores metapoéticos nun micropoemario con múltiples referencias á fauna e flora en xeral e mariña en particular”.
Rosa María Novoa Vázquez acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra presentada baixo o rótulo Barazas e Sedeños. Branca Trigo é de Xunqueira de Ambía.
O xurado puxo en valor neste texto “a elegancia na dicción, a capacidade para ganduxar os elementos poéticos nun todo consistente e o delicado equilibro entre os versos máis emotivos e íntimos e aqueloutros que acubillan unha evidente crítica social”.
A entrega do premio terá lugar o sábado día 12 de decembro de 2020 segundo o seguinte programa:
– 13:15 h. Recepción oficial no Cemiterio Vello e Ofrenda Floral ante a tumba do poeta.
– 13:30 h. Entrega de Premios no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo.
Manteranse as normas aprobadas polas autoridades en canto á capacidade e medidas sanitarias en relación coa situación actual de pandemia provocada pola COVID-19.”

Crónica videográfica da V Xornada de Literatura Dramática (II)

A V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias foi unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña e o Centro Camões de Vigo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:

Mesa redonda As literaturas para teatro e danza fronte ás crises. Moderada por Afonso Becerra de Becerreá. Con Branca Novoneyra e AveLina Pérez:

Ledicia Costas, Xurxo Lobato ou aCentral Folque entre os distinguidos cos Premios da Cultura Galega

Desde Nós Diario:
“A escritora Ledicia Costas, o fotógrafo Xurxo Lobato, a Federación de Teatro Afeccionado da Galiza (Fegartea), a Central Folque, o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado, o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González Martínez, a Fundación Penzol e a responsábel do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj son as e os galardoados nos Premios da Cultura 2020 da Xunta. Foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior respectivamente.
O xurado destaca a Ledicia Costas como “unha das escritoras máis lidas e premiadas do panorama literario galego”. Esta “autora versátil que transita por diversos temas, estilos e xéneros” salienta especialmente “pola súa inquedanza por achegar a lingua galega ás xeracións máis novas”. Costas mereceu previamente o Premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura, o Premio Lazarillo ou, en dúas ocasións, o Premio White Ravens polas súas obras A balada dos unicornios e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
A Xurxo Lobato recoñéceno como “un dos fotógrafos máis representativos da actualidade” cunha traxectoria que abrangue “desde o fotoxornalismo ata a fotografía artística”. “A súa obra ofrece unha peculiar imaxe da realidade, un selo profesional e paradigmático que nace dunha mirada subxectiva para ofrecer un diálogo antropolóxico e crítico cos diferentes tempos e estéticas, paisaxes e contextos, retratos e costumes”, agregan os membros do xurado.
A Federación de Teatro Afeccionado da Galiza, Fegatea, naceu hai vinte anos da man de sete grupos de teatro: Asociación de Mulleres de Moaña, Atrezo, Aurín, Ditea, Escoitade, Metástase e O Trasno. Hoxe abrangue 53 agrupacións teatrais repartidas en toda a xeografía do país. Defender e promover “o teatro amateur en galego, interconectando o tecido escénico non profesional, e co propósito de fomentar a formación e o intercambio de experiencias” merécelles o galardón na categoría de Artes Escénicas.
En 2000 botou a andar o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, semente da actual aCentral Folque afincada en Compostela. A escola ampliou o seu labor “á promoción e á divulgación da música galega, cubrindo a carencia existente ata o momento nas ensinanzas regradas da nosa música popular”. A través do seu selo editorial ten difundido “o pasado, presente e futuro do patrimonio musical e oral galego”. Por todo este traballo recibe o premio na categoría de Música.
Na de Audiovisual o xurado distingue a traxectoria de Chema Prado á fronte da Filmoteca Española, cargo que ocupou entre 1980 e 2016. Previamente, Prado colaborou con Fotogramas, Cambio 16 ou Imagen y Sonido como cronista desde os festivais de Pésaro, Manheim ou Londres. “Apaixonado da fotografía, en particular da polaroid, organiza exposicións por todo o mundo sobre esta temática”.
O dinamizador, “no sentido máis amplo da palabra”, da lingua e da cultura galegas Xosé González é tamén premiado neste 2020. “É, de feito, o creador do primeiro servizo de normalización lingüística da Galiza, no Concello de Redondela, desde o que traballou coa sala do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en varios procesos que derivarían na primeira sentenza en lingua galega en 1985. É fundador, así mesmo, do amplo colectivo Galeguizar Galicia.
O galardón na modalidade de Patrimonio Cultural recae na Fundación Penzol, creada en 1963 cando Fermín Penzol decide doar a súa valiosa biblioteca especializada en temas galegos para que sexa de acceso público”. O fondo abrangue máis de 47.000 títulos de monografías impresas desde o século XV, uns 3.800 títulos de publicacións periódicas ou 106 títulos de libros manuscritos do século XVII ao XIX.
Por último, na categoría de Proxección Exterior distínguese o labor de Ildiko Szijj, responsábel do Centro de Estudos Galegos en Budapest desde 2014. Nesta institución imparte cursos de lingua galega, civilización galega e historia da lingua galega. Ten traducido obras do galego e é membro do comité editorial da publicación Cadernos de lingua, da Real Academia Galega.
A Cidade da Cultura acolleu a reunión do xurado presidido polo Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, a académica da Real Academia Galega (RAG), Marilar Aleixandre, a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade de A Coruña, Cristina López Villar, a profesora, investigadora e escritora Mercedes Brea, o xornalista e escritor Francisco López, o artista Acisclo Manzano e a escritora e comunicadora Elba Pedrosa.”

O escritor X. Ricardo Losada gaña o Torrente Ballester da Deputación da Coruña cunha obra sobre a relación do poeta Manuel Antonio coa súa nai

Desde a Deputación da Coruña:
O rosario e a buguina de X. Ricardo Losada Vicente foi a obra escollida polo xurado como gañadora do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega composto polos gañadores da edición anterior Álex Alonso e Antón Riveiro Coello, a xornalista Susana Pedreira e as escritoras Inma Otero e Beatriz Maceda e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e a xefa de servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat. como secretaria. O premio está valorado en 6.500 € máis a publicación da obra gañadora.
O xurado destacou a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo xeito de se enfrontar á morte próxima. “A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada”, destacou o xurado que sinalou tamén que a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar.
X. Ricardo Losada recrea na súa novela o final da biografía de Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar. “Sempre tiveran unha relación moi tirante, con amor, si, mais tamén con enfrontamento, e neste caso o conflito relixioso acentúase de maneira especial pola vontade dela de que o poeta reciba a extrema unción e a negativa del a aceptala”, explica o autor dunha novela que convida á reflexión sobre a vida, a liberdade e a morte.
Con anterioridade, o escritor asinou tamén unha obra, neste caso de ensaio e investigación, sobre a figura de Manuel Antonio que agora ficciona na novela gañadora. (…)”