Entrevista de Marcos Pérez Pena a Xurxo Souto en Praza Pública:
“(…) – Praza (P): No 2024 vaise celebrar o 30 aniversario do Bravú. Como vai ser a conmemoración?
– Xurxo Souto (XS): Non está nada organizado, pero temos aínda un ano para preparalo. Eu o que queria era festexar esa data, unha efeméride que semella ter ficado bastante invisible. Hoxe hai 29 anos estabamos aí en Viana, ceando e inventando aos postres esta palabra: o Bravú. Que un grupo de rapaces se xuntasen alí foi un fito fermoso: creouse unha etiqueta, un discurso estético, cunha vontade de deixar pegada. E isto non pasou nunha cidade, non pasou en Santiago, nin na Coruña nin en Vigo, senón nunha aldea. Iso tivo a súa repercusión e creou unha certa dinámica cultural da que estamos moi orgullosos. (…)
– P: O 18 de xaneiro publicas Somos un pobo de artistas! O método Luísa Villalta (Xerais), que en parte é unha homenaxe a Luísa Villalta e que afonda na idea de que música e literatura sempre están ligadas, e moito máis en Galicia. Que contas neste libro?
– XS: Somos un pobo de artistas é un libro que segue o método de Luísa Villalta. No ano 1999 ela editou unha obra que me deixou fascinado: O outro lado da música, a poesía. E a partir dese momento comecei humildemente a analizar a realidade nesa clave, na unión entre música e poesía. Nese libro ela conta que toda a nosa estética musical xa foi codificada polos gregos e, ademais, que toda a literatura galega é música, dende as cantigas musicais ata o Rexurdimento con Rosalía.
Como se nos puido explicar a liteatura sen música? Por que existe esa distancia aparente entre a poesía e a música, cando é o mesmo? A resposta está no propio libro de Luísa e vén de moi atrás. Platón e Aristóteles ponderaban os instrumentos apolíneos: os que permitían cantar e procuraban a orde, os instrumentos de corda, pero pola contra rexeitaban os instrumentos dionisícos: as trompetas, a festa, a loucura, porque eran o caos. Esa visión pasou ata nós. A música popular consideráse algo menor, algo frívolo, algo que está nun estatus inferior. E aí está Luísa Villata rachando con todo iso e falando da unidade infinita. A literatura galega (e tamén a literatura española) está mal explicada, porque obvia a música. Iso é o que eu propoño no libro: estudar a nosa realidade, sempre buscando o vencello entre música e literatura.
E póñoche outro exemplo: así como hai artistas e hai artesáns e teñen consideracións distintas, aos que compoñen versos para cantar non se lles considera poetas, senón letristas, que non ten a mesma categoría. Pero agarda un momentiño: quen é o maior letrista da música galega? Pois Rosalía de Castro, e Celso Emilio Ferreiro, e Curros Enríquez. Iso é o que propoñía Luísa Villalta e o que desenvolvo eu no libro. (…)”
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Compostela: inauguración da exposición “40 anos do Carrabouxo”, o 5 de decembro ás 19:30
A Coruña: conferencia “O Seminario de Estudos Galegos e a literatura”, con Teresa López
A Coruña: “O encontro do galeguismo coas ciencias”, conferencia por Tino Fraga
Vigo: festa-presentación do libro Antes molabamos máis, no 20 aniversario de reizentolo
Vigo: mesa redonda “Centenario de Olga Gallego”
Compostela: Congreso “Saber de nós. Cen anos do Seminario de Estudos Galegos”, os 10 e 11 de outubro
A Coruña: encontro con Xosé Estévez sobre “O Galeuzca e o recoñecemento de Galiza nación en 1933”
O 28 de setembro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, organizado por Vía Galega, haberá un encontro co profesor Xosé Estévez, que desenvolverá a palestra co nome “O Galeuzca e o recoñecemento de Galiza nación en 1933”. As persoas asistentes levarán de agasallo a publicación de 20 páxinas da Fundación Galiza Sempre 100 anos da tripla alianza. Poden reservar praza aquí.
Vigo: 20 anos da Biblioteca da Tradución Galega (Bitraga)
Miguel Anxo Seixas Seoane: “Cando se crea o Seminario de Estudos Galegos, a Universidade non atendía á realidade do país”
Entrevista de Marcos Pérez Pena a Miguel Anxo Seixas Seoane en Praza:
“(…) – Praza (P): A posta en marcha do Seminario buscaba afondar no coñecemento do país nun momento no que había unha carencia de esforzos colectivos e de institucións deste tipo. En que contexto nace o SEG?
– Miguel Anxo Seixas Seoane (MAS): Neses anos Galicia non tiña ningunha institución propia, agás a Real Academia Galega, que se crea en 1906, para velar pola lingua e a cultura galegas, ou a Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago, moi anterior, que se dedicaba a investigar ou a facer estudos económicos sobre o mundo mariñeiro ou agrogandeiro.
Estaban tamén as chamadas comisións provinciais de monumentos, que é un organismo que crea o Estado coa implicación das Deputacións para velar pola integridade dun patrimonio que estaba en risco de desaparición, especialmente o que fora exclaustrado co peche de conventos tras a desamortización.
Porén, a maior parte das iniciativas previas foran máis de carácter individual: Murguía, Verea y Aguiar, Lence-Santar, Rosalía, José Villamil e Castro, Marcial Valladares ou de moitos outros eruditos locais que facían un estudo ou elaboraban unha gramática. Houbo un labor moi importante, pero de carácter illado. O primeiro labor de equipo nace realmente coa Real Academia Galega e, sobre todo, co Seminario.
– P: Os mozos que impulsan o Seminario sentían que nese momento a Universidade de Santiago non permitía afondar no coñecemento sobre o país?
– MAS: A universidade non atendía á realidade galega. Eran profesores que impartían coñecementos para formar a un grupo de funcionarios que se colocasen en distintos postos da administración, pero vivía de costas á realidade do país. Un pouco antes de 1923 veu a Santiago Cotarelo Valledor, un profesor innovador procedente da rexión de fala e cultura galega en Asturias. E, ao tempo, créase na universidade a Sección de Historia. Entón estes rapaces, que estaban estudando maioritariamente Dereito, son conscientes de que a realidade galega non estaba a ser estudada e falan con Cotarelo. E Cotarelo dilles: “Hai que facer un Seminario. Temos que ver cantos castros hai, cantas igrexas, facer fichas, catalogar, mirar o que está sen investigar…”. Ten moita importancia tamén o papel dun catalán, Lluis Pericot, que é arqueólogo e que nese momento estaba na Universidade de Santiago, e que incide na importancia do rigor científico no traballo.
Un día de outubro estes nove rapaces fan esa peregrinación ata a primeira casa de Rosalía, en Ortoño, e comezan a traballar. O obxectivo era continuar co labor que illadamente fixeran os devanceiros, pero xa con máis rigorosidade e máis cobiza e, coma sempre, con poucos cartos. (…)”













