Celanova: plenario extraordinario da Real Academia Galega centrado en Celso Emilio Ferreiro

“(…) O cortexo cívico trasladouse ao Auditorio Municipal Ilduara, onde tivo lugar a sesión plenaria extraordinaria da Academia. Abriu a sesión o presidente, agradecendo ao Concello e á Fundación Curros Enríquez a súa xenerosa colaboración e ás autoridades, á familia do homenaxeado e ao público a súa presenza. A continuación, o secretario, Xosé Luís Axeitos, deu lectura á certificación do acordo, que se tomou en sesión ordinaria do Pleno o 30 de marzo de 2012, para a celebración deste plenario extraordinario. En primeiro lugar, interviu a académica de número Margarita Ledo Andión cunha alocución que titulou, Celso: editor clandestino, na que fixo memoria do labor do homenaxeado como propagandista político. Destacou “a importancia da forma na configuración do nacionalismo” e “a construción do noso imaxinario nacional a partir da espiral”. Lembrou que, nos últimos anos da década de 1960, se “desenvolveu unha pegada nunca subsumida na retórica esencialista”. Rematou o seu discurso reivindicando a vixencia das palabras de Celso Emilio: “a miña terra é íntima e tenra, pero a xuventude fuxe dela á procura de pan”. En segundo lugar, o académico Darío Xohán Cabana destacou a influencia de Celso Emilio e Curros Enríquez na súa formación como poeta: “foron os dous de Celanova, os virxilios que guiaron os meus primeiros pasos na literatura”. Sinalou tamén a dificultade que, para as xeracións máis novas, supón comprender o impacto de Longa noite de pedra tivo naquela altura, pois “chegou a vender quince ou vinte mil exemplares en tempos sen galego no ensino”. Para Darío Xohán Cabana, “Celso Emilio era o novo Curros, era o símbolo da loita antifranquista. Era o gran poeta que todos queriamos imitar”. (…)” Vía Real Academia Galega.

Santiago: encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, do 5 ao 7 de setembro

A UIMP organiza o Encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, entre o 5 e o 7 de setembro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. O curso pretende lembrar a obra e a faceta intelectual de Carlos Casares cando se cumpren dez anos do seu pasamento cun dobre obxectivo: o de reanimar o interese do profesorado de ensino secundario pola lectura e o estudo da obra de Casares, incentivando a recuperación dalgunhas das súas novelas como lecturas recomendadas para o estudantado dese nivel educativo, e o de suscitar o interese do alumnado universitario pola investigación académica do escritor e a súa produción. Con esta dobre finalidade realízase un percorrido en profundidade polo máis destacado de dita produción e unha achega a aspectos menos coñecidos (a relación de Casares coa cultura catalana) que amosen a amplitude do seu labor intelectual. A dirección corre a cargo de Dolores Vilavedra.
O importe da matrícula é de 129 euros. Para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo haberá unha redución do 50% (64,50 euros). A data límite para a solicitude da beca é a do 5 de agosto de 2012. O valor académico é de 20 horas, con recoñecemento do curso en créditos de libre escolla. As prazas son limitadas. Para máis información, matrículas e bolsas, pódese contactar coa Secretaría de Alumnos da UIMP (Fundación Luís Seoane, Rúa San Francisco, s/n., 2º andar, C. P. 15001 da Coruña). O teléfono é o 981140830, o fax 981140825, e o correo electrónico galiciasa@uimp.es.

PROGRAMA

Mércores 5 de setembro:
18:30 h. Inauguración a cargo de Dolores Vilavedra e Xosé Luís Barreiro Rivas.
19:00 h. A obra narrativa de Carlos Casares, por Ángel Basanta Folgueira.

Xoves 6 de setembro:
10:00 h. Xornalismo(s) e arredores na obra de Carlos Casares, por Iago Martínez.
12:00 h. O diálogo de Casares co mundo da infancia, por Montse Pena Presas.
13:00 h. Debate.
17:00 h. Carlos Casares tradutor, mediador e axente literario na historia contemporánea da literatura galega, por Iolanda Galanes e Ana Luna Alonso.
19:00 h. A achega de Carlos Casares ao ensaísmo galego, por Olivia Rodríguez González.

Venres 7 de setembro:
10:00 h. Carlos Casares e Nós, á luz de Deus sentado nun sillón azul, por Álex Alonso.
12:00 h. Casares e Galaxia, Casares en galaxia, por Dolores Villanueva.
13:00 h. Debate.
17:00 h. Os espazos literarios de Carlos Casares, por María López Sández.
19:00 h. Clausura e entrega de diplomas, por Dolores Vilavedra e María Esther Regueiro Fernández.

A Coruña: conferencia de Alberte Suras sobre Celso Emilio Ferreiro

O venres 25 de maio, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha conferencia de Alberte Suras baixo o título Aquela noite de pedra. A esperanza de Celso Emilio Ferreiro.
Previamente, ás 17:00 horas, no Salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, Roberto Catoira pronunciará a charla-coloquio Alexandre Bóveda: vida, paixón e morte por Galiza.

Celanova: conferencia de Alberte Suras sobre Celso Emilio Ferreiro

O mércores 9 de maio, ás 12:00 horas, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, terá lugar unha conferencia de Alberte Suras baixo o título Aquela noite de pedra. A esperanza de Celso Emilio Ferreiro. Para participar será preciso preinscribirse na Biblioteca do Auditorio Municipal ou no teléfono 988-431930.

Vinte anos de poesía en Espiral

Entrevista a Miguel Anxo Fernán-Vello en Sermos Galiza:
“Máis de trescentos títulos de poesía e cincocentos en xeral completan o fondo de Espiral Maior que comezou a súa andaina editorial hai agora vinte anos. Nacía cunha sorpresa literaria, a estrea poética da narradora e ensaísta María Xosé Queizán con Metáfora da metáfora. “Non foi un inicio accidental, marcaba o arrinque dunha editorial no que as voces de mulleres terían protagonismo. Nace no contexto de reivindicar voces poéticas” apunta Fernán Vello. O Eu tamén navegar de Xohana Torres viría pouco despois, na publicación do seu libro Tempo de ría. “No momento no que moitas coleccións poéticas desaparecían, Espiral cría unha rede de poetas novos que coinciden con outros consagrados con nomes como Avilés de Taramancos ou Manuel María” sinala. Diante do seu propio catálogo, o poeta e editor considera que a poesía é un “dos tesouros estéticos que Galiza lle pode ofrecer ao mundo, dun valor inmenso”. Xunto ás obras completas de figuras como Avilés de Taramancos ou Manuel María, o selo deu á luz as obras reunidas dun feixe de autores nos que se incluían nomes da xeración dos oitenta como Xosé María Álvarez Cáccamo, Vítor Vaqueiro, Xavier Seoane ou Manuel Rivas. A editora cumpre as súas dúas décadas de existencia nun momento no que, ao seu ver, “o poder político está a desenvolver un programa de demolición da expresión cultural galega que ten base no idioma, sexa creación literaria, audiovisual ou teatral”. Toma o concepto de Clastres para falar de “programa de etnocidio dunha realidade cultural cunha actitude bárbara. Estamos diante de sociópatas. Pódese esmagar a poesía sen sentimento do cadáver que se deixa”. A gravidade dos feitos recomendarían, segundo Fernán Vello, unha denuncia diante da Unesco xa que “é o propio poder que emana do Estatuto o que actúa en contra do idioma e a cultura, unha contradición difícil de explicar”. “Os recortes non baixan do 50% o que supón que unha boa parte das novidades editoriais non van estar ao dispor da lectura pública” o que supón tamén “un mazazo para o sector editorial, fronte ao silencio tamén da Asociación de Editores e a indignación de varias das empresas”. A situación agrávase, para Fernán Vello, na edición de poesía pola baixada de vendas que, segundo ten computado, supón unha caída do 60%.”

Lugo: A Asociación da Prensa conmemora o Día Internacional de Liberdade de Prensa 2012

O xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, a Asociación da Prensa de Lugo conmemora o Día Internacional de Liberdade de Prensa, lerase un manifesto de carácter reivindicativo nun momento tan delicado para a nosa profesión, foi redactado na última asemblea nacional da Fape, celebrada en Valladolid o pasado día 14, e lerase ese mesmo día en diferentes actos públicos organizados polas asociacións da prensa de todo o país. O acto será presentado por Antón Grande e a lectura do manifesto correrá a cargo de Mº Amparo Roca Pena; directora de Radio Nacional en Lugo. Así mesmo os actos completaranse coa actuación musical de Paula Qiao; violinista da escola de música Aulos e dun grupo de performance.

Buenos Aires: conferencia de Ramón Nicolás sobre Celso Emilio Ferreiro

O mércores 25 de abril, ás 20:30 horas, nos locais da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, no salón Arturo Cuadrado (Chacabuco 955), emprazado no barrio de San Telmo en Buenos Aires, Ramón Nicolás falará de Celso Emilio Ferreiro, tanto da edición bilingüe de Longa noite de pedra como das novas achegas que incorpora na vindeira biografía que aparecerá en Xerais en datas próximas baixo o título de Celso Emilio Ferreiro no rodicio dos días. No apartado musical participarán María do Ceo e mais o seu grupo musical.