A AELG homenaxea o teatro galego cos seus premios

Desde Sermos Galiza:
“Os Premios da AELG deste ano terán ao teatro como protagonista. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere así recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará, en distintas categorías, a representantes de todas os ámbitos da escena galega. A compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional mentres Achádego de Lugo, que cumpre 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega homenaxearase no premio que a entidade concede á Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
A AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará ao proxecto Buxiganga, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego. Tamén a área de cultura de Deputación da Coruña, polo premio Rafael Dieste, foi valorada pola asociación profesional literaria. Narón e Tui entran no palmarés da AELG como concellos que dedican un especial destaque ás artes escénicas.
En canto iniciativas privadas, a editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son os dous proxectos que merecen destaque da asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias.
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.
Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.
Ao longo do mes de maio, a AELG dedicará tamén actos de homenaxe ás escritoras Xela Arias e Luísa Villalta, ao se cumpriren dez ano do seu falecemento.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego. Decidiuse, entre outras cousas, que a Gala das Letras terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra. Tamén se aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector e socio colaborador para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación.”

Santiago: Asemblea Xeral de Socios/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará mañá sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, ás 11:00 en primeira convocatoria e 11:15 en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego.
Ao final da Asemblea, previsto para as 13:00, e no mesmo salón de actos, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e a Secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha ROLDA DE PRENSA para dar conta de:

– Os pronunciamentos da Asemblea sobre as vindeiras actividades da entidade.
– Os nomes das entidades que recibirán os Premios AELG 2014 Institucións e o Premio Os Bos e Xenerosos 2014, que se entregarán na Gala das Letras que terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra.
– O nome do/a Escritor/a na súa Terra – Letra E, homenaxe que este ano chega á súa vixésima edición.
– O programa de actividades do Día de Rosalía de Castro.

A mar de historias

Do blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.
O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.
Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.
Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.”

Día de Rosalía 2014: GraffitiRosalía. A fenda nos muros

A AELG promoverá unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o nacemento da nosa autora.

Ademais de animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día, a AELG convoca para o día 24 de febreiro deste 2014 o programa GraffitiRosalía, dirixido a toda a sociedade galega, e especialmente aos centros de ensino de toda Galiza, para realizaren nos propios centros ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais de lecturas da obra rosaliana, unha acción colectiva en torno á figura de Rosalía de Castro co obxectivo de visibilizar os seus versos en espazos públicos e comunitarios.

Así pois, proponse a todos os centros educativos de Galicia  para que, en muros ou paredes habilitadas a tal efecto, nos propios centros de ensino ou nas súas proximidades, grafitteen algún verso de Rosalía de Castro, de modo que o alento da súa voz se faga presente continuo para toda a cidadanía galega.

Esta intervención visual e artística poderá ir acompañada do recitado dos seus versos, ou de calquera outra actividade que contribúa a dinamizar e dar pulo á obra poética de Rosalía de Castro, en canto símbolo colectivo.

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega póñense á disposición dos centros de ensino os seus medios dixitais e de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar e difundir todas aquelas ligazóns onde as comunidades escolares dispoñan as súas actividades organizadas para este día. Para isto é preciso que desde os centros confirmen á AELG a súa participación no desenvolvemento destas actividades e, en segundo lugar, fagan chegar este material para amplificar o seu coñecemento e visibilidade ao seguinte enderezo: oficina@aelg.org

A AELG convoca a toda a cidadanía a participar desas actividades.

Por outra banda, a AELG vén solicitando desde 2011 aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 29, sumándose tamén a propia Deputación da Coruña. A AELG seguirá a llelo solicitar aos que non o fixeron aínda. Así mesmo pediralles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

No 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Riotorto, Rois, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.

Rosalía de Castro é unha fenda.
Unha ferida aberta nas conciencias.
A voz que sempre nos asombra.

Querémola viva,
sabémola ceiba.

Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.

Queremos que os seus versos nos invadan,
fender con eles o mutismo das paredes.
Para que a súa voz ilumine os muros.
Alta e clara como murmurio e como berro.
Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía.

Falece Juan Gelman

Desde Sermos Galiza:
“Cando Juan Gelman se atopa en Uruguai coa súa neta 23 anos despois da desaparición e morte por parte da ditadura arxentina do seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, preñada entón, a súa imaxe percorreu o mundo enteiro. Gelman alzábase como a figura da dignidade, da loita contra a represión e unha memoria que non descansa diante das atrocidades dunha ditadura que conmocionou ao mundo e que a el o convertería en exiliado durante boa parte da súa vida. Poeta inmenso, a imaxe de Gelman era a do pai que, máis de dúas décadas despois, abrazaba á filla do fillo asasinado, como tantas nais, como tantos pais na Arxentina que non acougaron ate dar cos seus netos roubados ou nacidos no cativerio dos seus fillos.
Gelman nacera en Bos Aires en 1930, fillo de emigrantes xudíos ucrainos e a súa traxectoria, despois de varios oficios, habíase de encamiñar cara ao xornalismo, a tradución e a poesía. Roma, Madrid, Managua, París, Nova Iorque ou o México, no que morreu, serían algunhas das cidades do seu longo exilio, que comezaría en 1975 cando, pola súa militancia política nos Montoneros, se viu na obriga de fuxir da ditadura, que marcaría de maneira intensa a súa vida. A desaparición do seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, e o descoñecemento do paradoiro da neta, deixaría unha ferida aberta na súa biografía da que confesaba que non sanaría nunca. No ano 2000, dous despois de que finalmente puidera enterrar os restos de seu fillo, Gelman escribía en Página 12 -o xornal no que colaborou durante boa parte da súa vida- o artigo “Elogio de la culpa” na que se definía como “orfo de fillo: “Agora ten sepultura e é este un feito sumamente importante para un pai orfo de fillo, como son, porque o rescate dos seus restos foi o rescate da súa historia”.
Autor de obras como Violín y otras cuestiones, El juego en que andamos, Gotán, Sefiní, Valer la pena, Oficio Ardiente ou Miradas ​nunha conta ampla de libros que pecharía Hoy, Gelman fíxose cos máis relevantes premios literarios para autores en español, entre eles, o Cervantes, o Juan Rulfo ou o Reina Sofía de Poesía Latinoamericana.
En 2010 recollía na Galiza o recoñecemento como Escritor Galego Universal e entón, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), entidade que lle outorgaba o premio, lembraba as palabras de Julio Cortázar nas que defendía que “o máis admirable na súa poesía é a súa case impensábel tenrura alí onde máis se xustificaría o paroxismo do rexeitamento e a denuncia, a súa invocación de tantas sombras desde unha voz que sosega e arrola, unha permanente caricia de palabras sobre tumbas ignotas”.”

A Coruña: IV Día Lugrís, o sábado 21 de decembro

O colectivo In Nave Civitas Lugrís, a Asociación Cultural O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocan o IV Día Lugrís para lembrar e honrar a memoria de Urbano Lugrís.

O programa (aínda provisional en canto ás horas) é o seguinte:
18:00-18:45 h. (No adro do Museo de Belas Artes da Coruña) xuntarémonos para decorar paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.
19:00-19:45 h. (A recalada do mural) Recepción poética do mural de Urbano Lugrís Vista da Coruñá 1830, que o Museo de Belas Artes exhibirá por vez primeira ao público ese día.
20:00-21:00 h. (Manifestación atlántica) Cos paraugas decorados abertos e desde o Museo de Belas Artes da Coruña á praza Sellier (Rúa Real, Obelisco, Cantóns, Rúa Estrela, Rúa Manteleria, Rúa Santo André e Praza Sellier) percorrendo algúns dos lugares da vida do gran artista do mar, visitando os murais que se conservan e o grafiti que fai un ano fixo Outón na rúa Manteleria.
21:00-22:00 h. (A habitación do vello mariño) Praza José Sellier: recital artístico na memoria do Noso Señor Lugrís.

Convídase a todas as persoas a participar en calquera ou todos os actos organizados para ese día.
Acudan cos seus paraugas, pinturas, buguinas, vieiras e o espíritu morno e mítico da obra de Urbano Lugrís.

Medre o mar!

Lugo: remata o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG

O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo remata mañá martes, 17 de decembro, ás 18:00 horas, no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza de Avelino González, quen nos vai desvelar os seus particulares “trebellos do contar”, as fontes de onde bebe os contos, ou como os garda para logo volver a eles cando quere lembralos.
Contaremos coa presenza da Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartiron este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas prazas foron totalmente cubertas, abordou ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración  todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo foi, pois, o de traballar coa oralidade e chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudáronse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral.

Compostela: III Xornadas de Literatura e Ensino, Versos pintados no pupitre, os 13 e 14 de decembro

Horario: Venres 13 de decembro, de 16:30 a 20:00 horas; sábado 14 de decembro, de 10:00 a 20:00 horas.
Lugar de celebración: Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás), Santiago de Compostela.
Destinatarios-as: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Matrícula: Gratuíta, por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG e da AELG, a través da web da AS-PG: entre os días 11/11/2013 e 10/12/2013.
Número de prazas: 100.
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación:
Prazas reservadas: 25%
Número máximo de prazas: 25%.
Obxectivos previstos:
– Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualización da transmisión didáctica da poesía no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da poesía.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á lectura poética por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe poética para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega e mais coas figuras mediadoras.
– Coñecer o potencial creativo e expresivo da expresión lírica subxacente na literatura galega de tradición oral.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado.

PROGRAMA

VENRES 13 DE DECEMBRO
16:30 h. Entrega de material.
17:00 h. Conferencia: Poesía para xente miúda. Música e xogo de palabras, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo.
18:00 h. Mesa redonda: O Club d@s poetas viv@s, con Fran Alonso, Antonio García Teijeiro, Elvira Riveiro.

SÁBADO 14 DE DECEMBRO
10:00 h. Mesa redonda: Enredando versos nas aulas, con Montse Penas, Anxos Rial, Romina Bal.
12:00 h. Obradoiros de expresión escrita (simultáneos):
* Quen teme a poesía feroz?, con Antía Otero.
* Fascinio poético no proceso de creación, con Dores Tembrás.
* Versos transformers, con Carlos Negro.
16:00 h. Conferencia: E-memoria. Contidos e aproveitamento do arquivo de tradición oral da AELG, con Antonio Reigosa.
17:30 h. Mesa redonda: Voces de Rosalía, con:
* Uxía: Rosalía pequeniña.
* Najla Shami: Na lingua que eu falo.
* Aid: Rapoemas.
19:15 h. Actuación de Uxía, Najla Shami e Aid.
20:00 h. Clausura.

Metodoloxía que se vai empregar:
– Conferencia inaugural que centre o estado da cuestión con carácter informativo e analítico.
– Mesas redondas que faciliten a intercomunicación con ópticas diversas segundo os diferentes relatores que participan nelas.
– Interacción e participación co público nos coloquios finais das mesas redondas.

Entrada libre até completar aforo.