Desde
o Diario da Universidade de Vigo:
“No panorama teatral galego as propostas máis innovadoras, aquelas que dalgunha maneira están repensando o tradicional e que non se conforman coa norma establecida veñen da man de mulleres creadoras, de directoras de escena ou, simplemente, de mulleres que veñen doutras artes e que atopan na escena o seu lugar. Así o deixaron ver e sentir as actrices e dramaturgas Antía Otero (A Estrada, 1982) e Vanesa Sotelo (Cangas, 1981) na clausura do VIII Ciclo Escritora/es na Universidade.
Baixo o título Teatro impuro para tempos bastardos púxose fin a unha edición centrada na literatura galega máis actual, aquela que están a facer os novos valores, novos profesionais de arredor de trinta anos “unha franxa de idade que habitualmente está escurecida ou, cando menos, pouco visible”, subliñou a escritora e docente Rexina Vega, coordinadora do ciclo, que fixo fincapé en que abrir as mesas redondas ás xeracións máis novas “serviu para que a comunidade universitaria coñeza uns traballos nos que cambian completamente as linguaxes tanto da poesía como do teatro e da narrativa”, un cambio xeracional que, ao seu xuízo, sorprendeu “tanto aos seus propios compañeiros como a xente doutras idades”.
Escritoras, creadoras, actrices… Antía Otero e Vanesa Sotelo fuxiron do debate das novas tecnoloxías, “pois é algo que todos asumimos e que todos traballamos”, recalcou Otero, e levaron a súa conversa cara algo que lles preocupa máis: o feito de “como a ficción, a escritura dramática ou o teatro pode negociar coas múltiples realidades nas que nos atopamos”, engadiu Otero, que non dubidou en sinalar que “o camiño” só pode facerse a través do proceso de investigación “de facer e de estar aí, que é o que se leva facendo toda a vida e que, ao final, é o que se vai seguir facendo”, recalcou a dramaturga, que insistiu na necesidade non tanto de “crear produtos, senón de crear coñecemento, que é o que fundamentalmente nos axuda a entender”.
Na idea de volver a centrarse no proceso e non tanto en agardar resultados centrouse tamén Vanesa Sotelo, que aproveitou a súa participación no ciclo para lanzar preguntas, cuestionar formas de mirar e cuestionar tamén o establecido.
En canto á resposta do público a estas novas propostas, Sotelo teno claro, “os tempos son complicados e críticos”. Pero non todo ten que ser de cor negra, ambas autoras recalcaron a súa confianza en que hai unha “necesidade do teatro”, xa sexa máis ou menos minoritaria, “pero a demanda sempre está”, recalcou Sotelo.
E como a cousa ía de teatro, para iniciar o acto preparouse unha instalación coa que contextualizar esta última sesión do ciclo, sesión que veu precedida pola proxección do vídeo En construción, “unha auténtica chamada á resistencia creativa”, subliñaron as autoras, o grupo de axitación teatral As ghatas salvaxes, dirixido por Xandra Táboas, estudante do Grao de Galego – Español, que foi tamén a encargada de presentar as compañeiras, Antía Otero e Vanesa Sotelo.”
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega
VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, a celebrar en Lugo o 9 de novembro
A
VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, que terá lugar o sábado 9 de novembro, é convocada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo.
Aberto o prazo de inscrición (até o 6 de novembro):
– O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG.
– Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.
Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 9 de novembro de 2013.
Horario: Mañá de 09:45 a 14:00 h. e tarde de 16:30 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8).
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula: Gratuíta.
Desde o punto de vista xeográfico, Galicia é un Cabo do Mundo, un finisterrae, o derradeiro paso antes do Máis Alá, do Mundo dos Mortos pero tamén é, por razón desa mesma posición xeográfica, porto de partida para a procura dun Paraíso posible.
Desde a foz do Eo ata a desembocadura do Miño, Galicia é beiramar, lindeiro dun océano inmenso, poderoso, ateigado de peixes pero tamén, ao dicir dalgúns, de monstros e de perigos, de misteriosas criaturas que ao tempo que nos atemorizan tamén nos fascinan.
Neste noso océano quere a lenda pseudopopular que interviñese nos días da creación o deus cristián, e que ao pousar as súas mans xigantescas sobre o limo fundacional debuxase as rías. E logo, cando espeliu a lama apegada nos dedos, formou baluguiñas de lama que se transformaron nas illas todas do mar galego; as reais como Cíes, Sálvora, Ons, Coelleira …, e as outras illas, estas imaxinarias, entre as que está unha inmensa chamada Atlántida, invisible baixo as ondas.
O noso mar é a morada de sereas, de homes mariños, de cidades e barcos misteriosos, pero tamén é un camiño de ida de volta polo que transitaron e aínda transitan homes e mulleres de carne e óso. Emigrantes, mariñeiros, aventureiros, heroes engaiolados por ese horizonte que se esvaece canda o solpor.
Moitos e moitas dos que se foron volveron e trouxeron a cabeza ateigada de historias, moitas tan incribles que asolagan os nosos oídos de emoción. Os que, por desgraza, nunca regresaron por mor de naufraxios ou apreixados por quen sabe que incertos monstros, deixaron para sempre na memoria colectiva dos galegos e galegas unha ferida salferida, a partes iguais, de salitre e saudade.
Os galegos e galegas somos, a pesar de todo, mar. Amamos o mar e sabemos a mar.
Nesta VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, imos navegar pola memoria e polas historias do mar, baixo o reclamo do título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, e co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os investigadores e especialistas que convocamos van debullar diferentes aspectos históricos, literarios e culturais derivados da longa relación dos galegos e galegas co mar.
PROGRAMA
– 09:45 h. Entrega material e recepción.
– De 10:00 a 11:30 h. Conferencia: Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, por Xosé Lois Vilar Pedreira.
– De 11:30 a 13:00 h. Conferencia: Naufraxios literarios e reais, por Hixinio X. Puentes Novo.
– De 13:00 a 14:00 h. Mesa redonda: A memoria naufragada. Con Xosé Lois Vilar Pedreira e Hixinio X. Puentes Novo. Modera: Antonio Reigosa.
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia: O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galiza, por Xurxo Souto.
– De 17:30 a 19:00 h. Conferencia: Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, por Rosa García-Orellán.
– De 19:00 a 20:00 h. Mesa redonda: Andar o mar. As pegadas do salitre, con Xurxo Souto e Rosa García-Orellán. Modera: Isidro Novo.
– De 20:00 a 20:30 h. Recital poético. Transfusión oceánica, con Xosé Iglesias.
Xosé Lois Vilar Pedreira, activista cultural, arqueólogo, historiador, e experto en talasónimos falaranos de Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.
Hixinio X. Puentes Novo, mestre, investigador e escritor falará de Naufraxios literarios e reais, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.
Xurxo Souto, músico e, entre outras moitas cousas, escritor, levaranos baixo o título O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia pola querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.
A antropóloga, investigadora e profesora da Universidade de Navarra, Rosa García-Orellán, de ascendencia galega, guiaranos polos Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, un percorrido onde se sinalará a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.
Dúas mesas redondas baixo o título A memoria naufragada e Andar o mar. As pegadas do salitre, coordinadas respectivamente por Antonio Reigosa e Isidro Novo, e nas que intervirán os relatores mencionados, darán oportunidade aos asistentes de intervir e participar nesta xornada, de cuxos resultados se dará conta oportunamente cando se publiquen as actas correspondentes.
O colofón a esta xornada vaino poñer o recital poético multimedia Transfusión oceánica a cargo de Xosé Iglesias, un rapaz que é patrón de pesca de altura, natural de Cee, e que tamén exerce de poeta e escribe, como un novo Manuel Antonio, literatura contemporánea do mar, feita pola xente do mar.
Vigo: mesa redonda Teatro impuro para tempos bastardos, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade
O
xoves 7 de novembro finaliza o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A partir das 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, Antía Otero e Vanesa Sotelo conversarán sobre o hibridismo de linguaxes nas novas tendencias escénicas, co título: Teatro impuro para tempos bastardos.
Ponteceso: actividades do Outono Pondaliano 2013
VI Xornadas de Materiais Didácticos, o 29 e 30 de novembro de 2013

Organizado por Nova Escola Galega e a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
A Idea
As VI Xornadas de Materiais Didácticos pretenden ser continuación dos anteriores congresos de materiais didácticos, pretendendo nesta ocasión baixo o lema Recursos e materiais didácticos para o ensino en Galego crear un espazo de eminente carácter práctico, a través do cal poder difundir e dar a coñecer aqueles materiais didácticos e recursos educativos que están escritos en galego e contribúeno a desenvolver actividades de normalización lingüísticas nos centros educativos ou noutras institucións socioeducativas.
Sabemos das dificultades para encontrar materiais en galego para determinadas áreas e proxectos e polo tanto parece conveniente contribuir á difusión dos existentes e aportar aquelas ferramentas que poidan resultar de axuda para difundir e construir os materiais.
Igualmente, a través do coñecemento e difusión dos materiais elaborados polo propio profesorado pretendemos recoñecer o gran labor que hai detrás da construción de recursos educativos polos propios docentes e do interesante abano de posibilidades que se abre a través do intercambio de experiencias, do emprego e da conciliación de recursos elaborados por compañeiras e compañeiros.
Obxectivos
– Difundir os materiais didácticos innovadores concibidos e promovidos polo profesorado dos diferentes niveis do ensino e tamén dende diferentes colectivos de carácter educativo (concellos, movementos de renovación pedagóxica…), coa finalidade de contribuir á normalización lingüística.
– Reflexionar acerca da relevancia e da necesidade de dispor de recursos educativos en galego para os diferentes niveis do ensino.
– Participar en obradoiros que nos axuden a crear materiais didácticos e a contribuir á súa distribución.
Os materiais
Os obradoiros son sesións participativas, onde a/o asistente ten a posibilidade de iniciarse en técnicas de deseño e selección de materiais didácticos e recursos educativos. Na xomada do sábado realizaranse simultaneamente cinco obradoiros, dous en horario de 09:15 h. a 11:30 h. e tres de 12:00 h. a 14:15 h., as e os participantes deberán sinalar os obradoiros da súa preferencia na folla de inscrición (un entre os desenvolvidos na Sesión A e outro entre os desenvolvidos na Sesión B).
Ademais de asistir ás mesas redondas, conferencias e obradoiros, querémoste convidar a que presentes aos compañeiros/as algúns dos materiais didácticos que teñas elaborado para traballar na escola e que dalgún xeito estean contribuindo á normalización lingüística.
Se estás interesado en dar a coñecer a túa experiencia ou material, convidámoste a que accedas ao enlace Ficha para difundir material e cumprimentes a ficha que aparece no mesmo e a envíes a Rocio García Pazos (rocio.garcia.pazos@gmail.com) antes do 1 de novembro.
Como presentar material
Para pode presentar o teu material é necesario que esteas inscrito no encontro. Unha vez que recibamos o conxunto de propostas organizaremos as presentacións en función das temáticas e da tipoloxia de material. Cada autor de material disporá dun tempo aproximado de 15-20 minutos para presentar o seu recurso. Para as presentacións dos materiais disporase de ordenador e de conexión a intemet. Na realización da túa presentación, agradeceriamos que prestaras especial atención ás seguintes cuestións:
> Breve presentación do material
> Caracteristicas
> Destinatarios
> Por qué en Galego?
> Breve avaliación
As presentacións terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación.
A Federación Galeusca reafírmase na súa oposición á LOMCE
Desde
Sermos Galiza:
“Trinta anos despois da primeira xuntanza das asociacións de escritores e escritoras catalá, vasca e galega, a Federación Galeusca reafirmou en Pontevedra a súa vontade de apostar polas literaturas das tres nacións, en especial, pola escrita infantil e xuvenil, tema do encontro anual do que, desta volta, era a AELG anfitrioa. Nas conclusións da Asemblea anual, a Federación reafirmouse nos contidos do comunicado aprobado no mes de marzo no que mostraban a súa oposición á LOMCE por ser “unha lei que resta estatus educativo aos nosos idiomas propios e oficiais, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións”. Nun dos puntos das conclusións aprobadas na Asemblea, manifestan o “seu carácter regresivo e recentralizador é visible nos decretos que se están aplicando en Galicia, País Valenciá e Illas Balears” e solidarízanse coas mobilizacións desenvolvidas nos tres territorios con linguas propia.
Despois de dous días de debates e posta en común, a Federación Galeusca sinalou a necesidade de apostar por unha literatura infantil e xuvenil “viva, visibilizadora, cohesionadora, formadora de valores, superadora de estereotipos e prexuízos, arraigada no imaxinario propio e na expresión lingüística dos nosos respectivos territorios, que axude a interconectarnos con outras culturas”.
Literaturas “acosadas”
“A nosa consciencia das alertas e ameazas da barbarie negadora e desposuidora dos valores que acosan as nosas literaturas; despois de debater e compartir reflexións sobre as distintas problemáticas, constatamos e renovamos o compromiso ilusionante de continuar co noso labor creador a nivel individual e como colectivo interrelacionado cos outros sectores culturais e sociais”, defenderon, nun comunicado final que fixeron público como conclusión dunhas xornadas que xuntou en Pontevedra representantes das literaturas galega, vasca e cataláns, en especial con dedicación á escrita de públicos de menor idade.
Alertaron tamén, dunha reforma da Lei de Propiedade Intelectual que estableza novos recortes aos dereitos de autores e autoras que afectan, de maneira especial, á entidade de xestión CEDRO, “cuxa continuidade se ve seriamente afectada”.
O presidente da asociación catalá, Guillem-Jordi Graells será o novo responsábel máximo da Federación, despois da Asemblea de Pontevedra.”
Conclusións da Asemblea da Federación Galeusca 2013
“Reunidos
en Pontevedra os días 25, 26 e 27 de outubro de 2013 os membros da Federación Galeusca en torno ao tema A literatura infantil e xuvenil. Propostas de futuro e adecuación a novos formatos, manifestamos:
1. A necesidade de continuar a apostar pola creación dunha literatura infantil e xuvenil que sexa viva, visibilizadora, cohesionadora, formadora de valores, superadora de estereotipos e prexuízos, arraigada no imaxinario propio e na expresión lingüística dos nosos respectivos territorios, que axude a interconectarnos con outras culturas. Escribimos para continuar soñando e colaborando na transformación da realidade desde a procura de alternativas liberadoras que axuden a articular e reforzar a comunidade.
2. A importancia que ten a formación de novos lectores e lectoras e novos creadores e creadoras, tanto a través da escola como, de xeito cooperativo, desde todos os ámbitos de socialización posíbeis e para iso aproveitaremos as plataformas e medios existentes, como os obradoiros de expresión escrita, clubes de lectura, actividades interdisciplinares, redes sociais especializadas, blogues… e todos os soportes susceptibles de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico.
3. A nosa consciencia das alertas e ameazas da barbarie negadora e desposuidora dos valores que acosan as nosas literaturas; despois de debater e compartir reflexións sobre as distintas problemáticas, constatamos e renovamos o compromiso ilusionante de continuar co noso labor creador a nivel individual e como colectivo interrelacionado cos outros sectores culturais e sociais.
4. Ademais, reafirmámonos nos contidos do comunicado da Federación Galeusca contra a LOMCE do pasado mes de marzo, unha lei que resta estatus educativo aos nosos idiomas propios e oficiais, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións. O seu carácter regresivo e recentralizador é visible nos decretos que se están aplicando en Galicia, País Valenciá e Illas Balears, con cuxas mobilizacións nos solidarizamos.
5. Finalmente, ante a tramitación dunha nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual, reiteramos a nosa preocupación ante os novos recortes aos dereitos de autor/a e os intentos de laminación das entidades de xestión e, en especial, da que nos aglutina e defende como é CEDRO, cuxa continuidade se ve seriamente afectada.”
Na sesión do Encontro do sábado 26 fíxose patente a atención que escritoras e escritores prestan aos novos formatos que as novas tecnoloxías achegan á literatura. Os comentarios bascularon entre a necesidade de non perder de vista que a literatura como linguaxe artística debe ser preservada para poder acoller as contribucións que desde outras linguaxes e formatos dixitais poidan vir a incorporarse, e a constatación de que a literatura debe estar preparada para mudanzas de fondo.
Valorouse como necesaria a incorporación dos imaxinarios propios á creación literaria.
Na mesa de poesía os asistentes coincidiron en que é preciso achegala aos lectores e lectoras novas desde novas perspectivas, concluíndo que o poeta ten que aproximarse a eles a través de obradoiros e recitais. Neste xénero literario constatouse a existencia dunha poesía infantil, mentres que se puxo en cuestión o concepto de poesía xuvenil, na medida en que este público responde a perfís lectores con experiencias moi diversas.
No ámbito teatral remarcouse que este xénero fai patente a utilidade da literatura como instrumento que debe ser posto a disposición do público infanto-xuvenil, tanto a nivel da creación como de posta en escena tendo como único obxectivo final chegar ao coñecemento do propio corpo, voz e idioma. Insistiuse en que a mocidade debe ser protagonista do teatro para poder ser lectora e espectadora do mesmo cando adulta.
Fina Casalderrey e Xosé Vázquez Pintor, guiaron as delegacións galega, vasca e catalá, así como ao resto das persoas que acudiron ao Encontro, nun paseo literario por Pontevedra.
Foi unha xornada de intercambio das experiencias que nos últimos anos se están levando adiante en Galicia, Cataluña e Euscadi, e na que se impuxo o optimismo no futuro da creación.
Os textos completos das mesas redondas pódense descargar aquí: Conxunto-textos-encontro-galeusca-2013.
A Casa das Campás acolleu o domingo 27 a Asemblea da Federación Galeusca, da que saíron as conclusións do Encontro.
Anxos Riveiro, Concelleira de Cultura de Pontevedra, agradeceu a presenza da Federación na cidade e felicitouna pola profundidade das reflexións achegadas, de proveito para o futuro da Literatura Infanto-Xuvenil.
Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 21 ao 25 de outubro
Deixamos
aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 21 ao 25 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:
– Entrevista con Cesáreo Sánchez Iglesias arredor do Galeusca 2013.
– Premios da Crítica Galicia 2013.
– O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba no comentario semanal de crítica literaria con Chus Nogueira.
– Entrevista con Darío Xohán Cabana, homenaxeado en Lugo pola Asociación de tradutores galegos.
– Reportaxe do Día Mundial das Bibliotecas.
– De cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Manuel Darriba.
– Entrevista con Antón Riveiro Coello pola presentación do novo libro Acordes náufragos.
Pontevedra: Encontro da Federación Galeusca 2013, do 25 ao 27 de outubro
Do
venres 25 ao domingo 27 de outubro terá lugar o Encontro da Federación Galeusca do 2013 en Pontevedra, baixo o título A literatura infanto-xuvenil: Perspectivas de futuro e adecuación a novos formatos, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra.
O programa está formado polo seguintes actos (sublíñanse os actos abertos ao público en xeral):
Venres, 25 outubro
– 20:30 h. Recepción no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira).
Este acto contará coa presenza do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos tres presidentes das asociacións que conforman a Federación, e que atenderán á prensa:
Cesáreo Sánchez Iglesias (AELG).
Guillem-Jordi Graells (AELC).
Ander Iturriotz (EIE).
Sábado, 26 outubro. Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11).
– De 10:00 a 12:00 h. Mesa redonda de narrativa (presenta e modera Francisco Castro).
Pere Morey (AELC), María Reimóndez (AELG), Fernando Morillo Grande (EIE).
– De 12:30 a 14:00 h. Paseo literario por Pontevedra, con Xosé Vázquez Pintor e Fina Casalderrey.
– De 16:00 a 18:00 h. Mesa redonda de poesía (presenta e modera Antía Otero).
Josep Francesc Delgado (AELC), Carlos Negro (AELG), Nicolás Zimarro Bravo (EIE).
– De 18:15 a 20:15 h. Mesa redonda de teatro e outros formatos (presenta e modera Mercedes Queixas).
Pau Marqués (AELC), Ánxeles Cuña (AELG), Alaitz Olaizola Borda (EIE).
Domingo, 27 outubro. Casa das Campás.
– De 10:30 a 12:00 h. Asemblea Federación Galeusca.
– De 12:00 a 12:30 h. Lectura de conclusións e clausura.
As asociacións de escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e cinco anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.
Actualmente a presidencia da Federación corresponde á asociación vasca, e será cedida ao remate da Asemblea da Federación ao presidente da catalá, Guillem-Jordi Graells.
Texto lido por Gonzalo Hermo na mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade
O
3 de outubro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Gonzalo Hermo leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:
POESÍA É PRECARIEDADE
“Os teóricos da escola de Santiago veñen falando desde hai algún tempo de dúas disposicións ou habitus, na terminoloxía de Bourdieu, que compiten por monopolizar o capital do campo literario: unha disposición lírica e unha disposición non lírica. De acordo con Arturo Casas, o habitus non lírico recolle todas aquelas prácticas poéticas que presupoñen a refutación da chamada actitude lírica, entendida esta como a construción dun suxeito discursivo que dá conta dunha subxectividade ligada á doxa romántica. Os discursos non líricos son necesariamente heteroxéneos, xa que se caracterizan á negativa, pero poden ser perspectivados como unidade na medida en que funcionan no seu conxunto como contrapeso dos líricos. En termos de Foucault, o discurso lírico sería a potentia ou forza hexemónica, mentres que o non lírico desempeñaría o papel de potestas, a contra-forza que resiste e nivela o influxo da forza dominante.
Pois ben, a miña idea sobre o estado actual da poesía galega é que a potestas está en condicións de darlle a volta á relación de poder e tornarse potentia. Tomando como referencia a produción poética galega a partir do ano 2000, ano no que, non por acaso, Chus Pato lanzaba un clamoroso «adeus á lírica», percibo cada vez máis tentativas de ensaiar fórmulas non líricas para o poema. Digo tentativas porque nalgunhas ocasións os resultados son tímidos, ou inseguros, e isto explícase pola presenza dunha tradición monopolizada ata tal punto polo habitus lírico que este chegou a confundirse coa esencia mesma do poético. No entanto, si parece claro que existe un certo cansazo das formas de escrita vertebradas en torno ao mundo interior dun eu que facilmente puidese confundirse co poeta mesmo e, por conseguinte, unha estratexia encamiñada a remarcar as fronteiras entre a voz do poema e a voz do poeta.
Ollo, con isto non quero dicir que o salto ao non lírico se salve mediante un cambio pronominal. De feito, existen poéticas perfectamente líricas que se expresan desde un nós. Da mesma maneira, o uso da primeira persoa non implica que o resultado sexa lírico de seu e, de feito, moitos textos nos que estou pensando constrúense deste xeito. A diferenza radica en que na poesía non lírica ese eu dá conta do poema, non é o poema. O texto despraza «a centralidade enunciativa e enunciada do suxeito», o reflexo dunha «sentimentalidade vinculada ao coñecemento» –son palabras de Casas. Cabe aquí a contaminación discursiva, coa entrada de modalidades neo-épicas ou epizantes, dramáticas e ensaísticas, e aínda das non literarias, pero moitas veces son poemas onde o eu simplemente se esforza por levantar a vista do embigo.
Adopte a forma que adoptar, a emerxencia de poéticas non líricas ten as súas implicacións. Por unha banda, revela unha negativa a asumir a máxima posmoderna segundo a cal é imposible saír dos esquemas pautados pola tradición (aquilo que Vattimo chamaba «a fin da era da superación») e, consecuentemente, a actualización da noción de vangarda, non na dirección de recuperar as vellas vangardas históricas, senón como confianza en que a historia, tamén para a poesía, non morreu coa caída do muro de Berlín. Por outra, representa unha posibilidade de intervención no espazo socio-político (se é que tal acción é aínda posible a través do poema), na medida en que, ao sacar o xénero da dimensión autorreferencial, se facilita a posta en marcha de análises críticas da realidade non niveladas polo recurso ao singular e ao emocional.
É dicir, a hipótese que lanzo aquí é que a proxección de poéticas non líricas en Galicia pode estar en consonancia cunha toma de conciencia e un querer posicionarse a respecto da realidade por parte dos autores que as poñen en práctica. Talvez sexa activada por poetas que se saben e se recoñecen como suxeitos históricos, perfectamente transidos polo seu espazo e o seu tempo. Non hai maneira de escapar destas coordenadas, non se pode escribir desde fóra, por moito que se nos repita que a poesía é a arte do transcendente e o poeta, a poeta, unha especie de ente atemporal que comunica as esencias do humano. Falando desta cuestión con Francisco Cortegoso, dicíame el que o escritor é un «conservador do seu tempo». Pode fantasiar coa idea de que escribe sen pai, sen tempo e sen patria, pero a súa produción deixará igualmente rexistro de quen é seu pai, cal o seu tempo e onde a súa patria.
Ora ben, isto non quere dicir que a práctica lírica e a vontade de artellar un discurso de resistencia sexan incompatibles. Por poñer un exemplo, as poéticas feministas continúan a articularse en boa medida valéndose dunha actitude lírica, é dicir, construíndo un suxeito poético feminino que, mediante a expresión dunha subxectividade liberadora, vén entrar en concorrencia co réxime simbólico do patriarcado. Hai moitos outros exemplos, e a tradición literaria galega pode fornecérnolos sen ter que rabuñar de máis. Aí esta Rosalía, sen ir máis lonxe.
En todo caso, sexa mediante a configuración de discursos non líricos, sexa mediante discursos líricos, os elementos repertoriais da recente poesía galega dan a entender que os produtores, incluídos os poetas que se incorporan á actividade literaria no último decenio, non esquecen nin queren esquecen a condición subalterna da cultura da que agroman e cúmprense así a pauta sinalada por González-Millán segundo a cal os autores de literaturas periféricas móstranse máis receptivos a subverter as tradicións discursivas dos xéneros literarios, que son percibidos desta volta como dispositivos de poder que vehiculan unha tradición repertorial que terma do statu quo.
Isto é especialmente visible se o comparamos coas modalidades de poesía que se practican hoxe nos grandes centros de cultura. Ultimamente estiven atento ao que están escribindo poetas novos dos Estados Unidos. Non hai dúbida de que a miña visión do asunto é necesariamente incompleta, máxime cando parte da lectura de antoloxías e panoramas, pero a impresión que extraio é que estes autores mozos proxectan suxeitos poéticos que reflicten a súa percepción ante experiencias cotidianas que se viven como cruciais para a autoformación persoal ou ben reivindican aquelas escritas que senten como próximas, pero non por vía do intertexto, é dicir, mediante o diálogo con eses textos de referencia, senón sinxelamente como catálogo de predileccións, como inventario de fetiches. O cambio verdadeiro que eu detecto nos seus discursos a respecto de, por exemplo, os confesionalistas dos anos 50 e 60, é que, por primeira vez, interesa máis o efecto que o texto produce nos lectores, a imaxe que se proxecta da propia poética, que a poética en si mesma. Interesa a superficie, talvez porque a cultura da imaxe fixo o seu traballo ou ben porque se chegou á conclusión de que calquera tentativa de significación está abocada ao fracaso.
Isto é, a lírica predomina con clareza, mesmo que sexa modulada polo humor, e, ademais, trátase de lírica á que se lle poderían aplicar boa parte dos trazos característicos que Alberto Lema fixaba a semana pasada neste mesmo encontro para a novela posmoderna: predominio dunha primeira persoa que carece de identidade colectiva, preponderancia da ironía, presentismo ou ausencia de profundidade histórica, renuncia ao proxecto que representaron as vangardas, ausencia de conflito de clases, etc.
En Galicia comezan a albiscarse retallos de poéticas máis ou menos afíns, pero, se atendemos á obra dos poetas que foron aparecendo dun tempo a esta parte, xusto é dicir que andan noutra cousa. E digo eu que a barbarie coa que nos obrigan a tragar a diario algo terá que ver con isto.
Ocórreseme, mesmo, que a vangarda ben puidese estar aquí, a este lado do mapa, onde cada vez é máis xeral a sensación de que a posmodernidade, tamén a posmodernidade estética, foi un mal soño que cómpre esquecer. Mentres tanto, nas capitais do imperio algúns continuarán a escribir poemas convencidos de que a realidade é un texto e que nada máis importa.
A precariedade conta coa vantaxe de que serve para manter os ollos abertos. Algo bo tiña que ter.”







