Muxía: proposta de participación nunha xornada de Letras Galegas por Palestina, prevista para maio

Desde o BNG de Muxía proponse a organización, no mes de maio, polo Día das Letras, dunha xornada de Letras Galegas por Palestina.
Nela haberá un pequeno recital e unha venda de libros de autoras/es galegas/os e palestinos e, tamén, ofrecer unha degustación de sobremesas árabes.
Solicítase a colaboración de escritoras e escritores galegos para que doen un ou varios exemplares dalgunha das súas obras, se fose posíbel, cunha dedicatoria e asinadas. Poríanse á venta co prezo que se indique e o importe íntegro sería doado á UNRWA, ao igual que na convocatoria feita hai un mes con artistas plásticos/as da Costa da Morte (a fotografía que acompaña esta noticia é da obra de Inma Doval doada para recadar fondos).

Todas aquelas persoas interesadas poden colaborar enviando as súas obras, até o 5 de maio, ao enderezo:
Mercé Barrientos
Rúa Real, 14
15124 Muxía (A Coruña).

Para calquera cuestión poden contactar con Mercé Barrientos no teléfono 600550620.

Vídeo do acto “Poesía e sociedade de onte a hoxe. Dialogando con Celso Emilio Ferreiro”

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela (III)

Estes son algúns dos vídeos do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela, que tivo lugar o 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica videográfica completa pode verse aquí.

Recital poético. María Lago Lestón, Alcaldía de Muros:

Recital poético. Suso de Toro:

Recital poético. Mohamed Safa:

Recital poético. Paula Carballeira:

Lugo a Versos 2024


A AELG colabora con Lugo a Versos 2024, actividade da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Centro Sociocultural O Vello Cárcere de Lugo.

No mes de marzo damos a benvida á IV edición de Lugo a Versos, a campaña de O Vello Cárcere para celebrar o Día Internacional da Poesía.

Este proxecto ten o obxectivo de conmemorar e divulgar a rica poesía galega, de forma presencial e virtual. A campaña que inicia na vindeira semana estará aberta a toda a cidadanía e contará coa vosa participación nas redes sociais e no recital que irá acontecer o día 21 de marzo ás 18:00 h, no panóptico do Centro.

Bases de participación na dinámica virtual #LugoaVersos: A dinámica virtual dará comezo o 14 e rematará o 21 de marzo. Durante eses días, as persoas interesadas en participar deberán subir ás súas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter) un vídeo ou audio recitando poesía, ou ben unha imaxe compartindo un poema galego en formato texto. Cada poema deberá ir acompañado do título e da autoría correspondente (que pode ser propia ou non). Todos os vídeos, audios ou imaxes que formen parte desta iniciativa deberán ir acompañados dos cancelos #OVelloCarcere e #LugoaVersos, e etiquetar os perfís de O Vello Cárcere (Facebook, Instagram ou Twitter).

Bases de participación no recital “Lugo a Versos” no panóptico do Centro: O recital de poesía terá lugar o xoves 21 de marzo ás 18:00h e as inscricións estarán abertas do luns 18 ata o mércores 20 ás 18.00h. As persoas interesadas en recitar deberán inscribirse a través do correo vellocarcere@lugo.gal indicando nome, apelidos, número de teléfono, e poñendo no asunto do correo ‘Recital Lugo a Versos 2024’. Durante o evento, e previa autorización das persoas participantes, gravaranse as intervencións co fin de ser posteriormente publicadas na nosa canle de Youtube e promocionadas a través das redes sociais. O acto estará aberto ao público ata completar cabida. Convidámosvos a eternizar connosco esta festa da poesía que é “Lugo a Versos”!