Gondomar: Manuel Rivas participa en Espazo Lectura para falar da súa obra O raposo e a mestra

O sábado 1 de febreiro, ás 12:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, vaise celebrar unha nova sesión do club de lectura compartida en familia Lendo contigo, actividade que organiza a asociación Espazo Lectura. Nesta ocasión contarase coa presenza de Manuel Rivas, que falará do seu último libro infantil: O raposo e a mestra (Xerais, 2013). Ao remate da sesión, haberá unha interpretación das cancións do libro a cargo da Banda dos Cueiros no que se poderán aprender e cantar pezas tan coñecidas como Frère Jacques, Des kleine krokodil ou I can sing a rainbow. Aqueles nenos e nenas que queiran participar de maneira activa na actividade, formando parte do coro da Banda, teñen que estar a partir das 11:00 horas na Biblioteca de Gondomar para un divertido ensaio xeral.

Compostela: xornada 30 anos de novela negra galega, o 6 de febreiro

Máis información e inscrición aquí.

Gondomar: Nada se esquece, de Puri Ameixide, en Espazo Lectura

O martes 14 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, terá lugar a primeira sesión do ano do club de lectura Sete Vidas, de Espazo Lectura, na que se falará sobre a novela proposta para este mes: Nada se esquece, da autora Puri Ameixide, publicado por Redelibros, nun acto en que a autora se achegará á biblioteca para falar cos lectores e lectoras que desexen participar.

Santiago: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros

O mércores 18 de decembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida Xoán XXIII, s/n), preséntase Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, publicado en Xerais. Previamente, a partir das 18:00 horas, a autora manterá un encontro coas lectoras e lectores do Clube de Lectura Xuvenil da Biblioteca e o Clube de Lectura CleCa de Santiago de Compostela.

A Coruña: X Encontros con creadores, con Manuel Álvarez Torneiro e Ánxeles Penas

O martes 10 de decembro, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Uned de Coruña, comeza unha nova edición das Xornadas A creación literaria e os seus autores: X Encontros con creadores. A sesión inaugural contará coa presenza dos poetas Manuel Álvarez Torneiro e Ánxeles Penas. Organiza estes encontros o Centro de Formación e Recursos da Coruña, baixo a coordinación de Javier Pintor. Intervén como interlocutor na mesa de debate, Xavier Seoane. recoñecido autor galego. Este é o programa completo das xornadas: X Encontros con Escritores.
Estes encontros concíbense da maneira máis libre e aberta posible xa que o que se pretende é manter uns diálogos literarios e culturais con algúns dos autores máis relevantes do momento presente. Ademais de comentar textos, aproveitarase a cercanía dos autores para establecer vías de diálogo e pontes de debate, tanto sobre as súas obras como sobre aspectos culturais da actualidade dentro dun ambiente distendido e participativo.