Anselmo López Carreira: “Sánchez Albornoz e Castelao representan visións contrapostas da historia medieval”

Entrevista a Anselmo López Carreira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Con que obxectivo se publica este libro [O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria]? Como xorde?
– Anselmo López Carreira (ALC): Foi unha proposta que Isidro Dubert fixo a Xerais. É unha colección sobre a historia de Galicia e o noso libro é a primeira achega. Non é unha historia do reino de Galicia, senón un libro de divulgación sobre a existencia do propio reino e sobre o seu tratamento historiográfico, é dicir, sobre o seu esquecemento.
– ND: Ao comezo falan dunha polémica: Sánchez-Albornoz repróchalle a Castelao a súa castelánfobia e Castelao a Sánchez-Albornoz o seu excesivo castelanismo. Por que é significativa?
– ALC: Os dous representan visións contrapostas da historia medieval de Galicia. Castelao non é historiador: bebe do que escribiran Risco ou Vilar Ponte, pero ten claro que Galicia ten unha historia de seu e reivindica, a través dela, a nacionalidade galega. Sánchez-Albornoz é a versión historiográfica da Xeración do 98, moi castelanista.
– ND: Sánchez-Albornoz recoñece que se chamaba Galiza a todo o noroeste da Península e Modesto Lafuente que ao reino de Asturias se lle chamaba Galiza. Mais iso non muda nada…
– ALC: Ambos os dous recoñecen ese feito, pero en notas ao pé de páxina. Eles sabíano. As crónicas árabes chamaban a todo o noroeste Galicia, pero a historia oficial feita por Modesto Lafuente e despois por Sánchez Albornoz, xa no século XX e con máis fontes, opta por chamarlle reino de Asturias e reino de León.
– ND: A documentación, en realidade, é interpretábel, alén dos motivos ideolóxicos. Aparecen expresións moi distintas para definir os reis e os seus territorios.
– ALC: É interpretábel, si, pero os motivos ideolóxicos pesan moito. Cando se comeza a facer unha historia académica normativa, a mediados do século XIX, non hai aínda unha historia de Galicia. O traballo de Murguía e Vicetto chega despois. A historia de España herda unha interpretación que vén de moi atrás, do século XIII, relacionada coa unión do reino de Castela co de Galicia-León e co proceso de hexemonización de Castela.
Os historiadores do XIX traballan coas crónicas do século XIII, sobre todo as feitas na corte de Afonso X, ou coas do XIV e XV, que salientan a historia de Castela por enriba dos demais reinos. Non é así no caso de Catalunya e Aragón, que teñen unha historiografía de seu moi potente. Ademais, Galicia pasa a ser xa o territorio da Galicia actual: non é a antiga Gallaecia, que tiña a capital en León. Modesto Lafuente continúa a tradición historiográfica do século XIII, que era a que había. Sabían que houbera un reino de Galicia, pero para eles era un título baleiro de contido.”

Xabier Maceiras: “Escoitar á xente maior para min é unha necesidade vital”

Entrevista a Xabier Maceiras en El Ideal Gallego:
“(…) – El Ideal Gallego (EIG): Que temáticas abarca [Crónicas de Arteixo II]?
– Xabier Maceiras (XM): Variadísima. Afortunadamente teño xente que me conta historias en case todas as parroquias pero segundo a poboación que teña o lugar sempre dá lugar a máis anécdotas ou menos. Aquí se fala desde os achados arqueolóxicos do xacemento do Reiro (Chamín), do castro de Pastoriza, da lenda do galo de Barrañán, do Rexurdimento en Arteixo, dos naufraxios, das Casas do Concello…
– EIG: Casas? Houbo varias?
– XM: O Concello actual inaugurouse nos anos 70 e o anterior derrubouse hai uns anos. Houbo varias e unha delas aínda está en pé, en Figueiroa.
– EIG: O de falar coa xente maior é un dos teus traballos diarios.
– XM: É un traballo que levo facendo toda a vida, é unha necesidade vital. O Arteixo de antano está chegando ao seu fin e queda a memoria viva desa xente que o viviu, pero cando marchen só quedarán os recordos que lles queden aos seus fillos das cousas que contaban. Este é o meu gran de area para intentar que esas historias non se perdan. Ademais, este libro só polo prólogo de Miguel Sande xa vale a pena telo feito. (…)”

Xabier Maceiras: “Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria”

Entrevista a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Cal é o obxectivo que se marca con este novo libro [Crónicas de Arteixo II]?
– Xabier Maceiras (XM): Realmente non me marco ningún obxectivo. O obxectivo é co blog. Crónicas de Arteixo II é un fillo do blog, igual que foi Crónicas de Arteixo I. O obxectivo que me marco co blog é encontrar historias e a seguir recuperando a memoria. O blog fixo seis anos en setembro. Procuro facer unha publicación semanal. Desde setembro de 2014 o blog tivo o seu primeiro fillo. En 2017 con 38 historias que publicaramos no blog. En 2020 volve con 50 historias. Fixeron unha viaxe da rede ao papel.
– LO: Curiosamente fai o recorrido inverso do habitual, vai da rede ao papel e non de papel á rede.
– XM: Efectivamente. Primeiro é o blog e logo o papel. Eu entendo que o papel para moita xente que mo demanda e así mo fixeron saber.
– LO: Crónicas de Arteixo I que acollida tivo?
– XM: Moi boa. De feito co tirón de Crónicas II houbo xente que me preguntou por Crónicas I.
– LO: Cre que se estas historias non as plasmase nun libro se poderían perder co paso do tempo?
– XM: Seguramente algunha si. O libro empeza en O Reiro con fotos atopadas. As historias máis recentes son coas que máis disfruto, con xente que viviu o Arteixo dos 50, 60 e os 70. Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria. Para algunhas historias chegamos a tempo para recuperalas.
– LO: Por iso é tan importante recuperar a memoria.
– XM: Eu teño a fortuna de ter amigos e coñecidos. Falo de xente maior, pero non vai vivir eternamente.
– LO: Gustaríalle ter vivido estas historias que conta no libro do Arteixo de hai 50 anos?
– XM: O mundo actual no que vivimos, de présas, non me gusta. Non me gusta o ritmo de vida que levamos. Entón, si que me gustaría facer unha viaxe no tempo. Se cadra para ver como era a miña vida na infancia, onde había máis socialización. Hoxe está cada un ao seu. Eu teño esa necesidade vital de socializar. (…)”

García Lorca volve percorrer Santiago nun libro do editor e escritor Quique Alvarellos

Desde a Televisión de Galicia:
“Na mesma Quintana que inspirou un dos seis poemas en galego de Federico García Lorca quedamos con Quique Alvarellos, autor e editor do libro Federico García Lorca en Santiago de Compostela. Con el falamos desta Quintana e dalgúns dos lugares en que Lorca pasou os seus días composteláns.
O libro dá boa conta da visita menos coñecida de Lorca a Santiago. En viaxe de estudos en 1916. No 32 volvería xa como o poeta que foi. Veu a dar unha conferencia ao, na actualidade, Instituto Rosalía de Castro. Nesta viaxe as amizades e os encontros vano marcar. Un moi especial foi no bar Viño, aínda aberto.
Tamén con Luís Seoane, Cunqueiro ou Ánxel Fole entre outros compartiría o seu tempo e as ansias de galeguismo e cultura. Moitos estarían na homenaxe popular que a cidade lle fixo a Lorca no Hotel Compostela. Debuxou e fíxolle un poema a unha costureira que lle amañou un pantalón. Anacos do Lorca máis galego e compostelán. Páxinas dun paseo pola cidade que, en palabras do poeta, acabou por hipnotizalo.”

A entrevista pode verse aquí.

Xan Fernández: “O Anllóns foi fonte de enerxía, pero tamén de alimentación”

Entrevista a Xan Fernández en La Voz de Galicia:
“O Instituto de Estudos Bergantiñáns vén de publicar o volume O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños, un texto obra de Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Antón García Losada e Luis Giadás Álvarez e no que colaboraron ducias de persoas aportando datos e informacións que foron minuciosamente recollidas nesta monografía. Nela recóllense datos como a descrición do propio río, mapas do seu curso e das parroquias polas que pasa, un estudo da flora e da fauna, outro de aves escrito por José Luis Rabuñal, o aproveitamento que se fixo, sobre todo, da súa desembocadura… «Non había un estudo tan amplo sobre o río e cremos que era necesario para coñecelo, protexelo e quizais poñelo en valor a nivel turístico», dixo o presidente, Xan Fernández en RadioVoz Bergantiños.
– La Voz de Galicia (LVG): Foi escrito a cinco mans.
– Xan Fernández Carrera (XFC): Exactamente, a cinco mans aínda que coa axuda de moita máis xente. Queriamos que fose un libro colectivo cun estudo integral do río, e para iso precísase de moita información e moi diversa. Este grupo de persoas fomos os autores do texto e tamén recollemos toda o material dos informantes. Ao mesmo tempo, queriamos festexar o vixésimo aniversario da entidade -que foi en 2019- sacando este novo libro, que nun inicio estaba previsto para inicios deste ano.
– LVG: O propio formato é bastante diferente a outros proxectos publicados anteriormente.
– XFC: A nosa intención xa era sacar un traballo moi diferente aos cadernos que viñamos facendo, que eran propostas máis sinxelas e concretas para, por exemplo, facer rutas. Este queriamos que fose un traballo extraordinario, como pensamos que así acabou sendo, que nos levou case dous anos de traballo percorrendo partes do río e entrevistándonos con moita xente. Con todo iso saíu este libro, destinado sobre todo aos bergantiñáns que teñan interese por saber máis do río, pero que tamén sexa útil. O Anllóns é o elemento natural máis importante que ten a comarca e, ademais, defínea totalmente, pois nace e desemboca nela: atravesa de leste a oeste todo Bergantiños e dálle moita personalidade.
– LVG: Dá vida á comarca.
– XFC: Exactamente. Este río foi fonte de enerxía para mover muíños, centrais eléctricas e mesmo outro tipo de industrias; pero tamén foi fonte de alimentación, xa que había salmóns en abundancia, reos, anguías, lampreas, troitas… Hai unha anécdota que di que os xornaleiros que traballaban no Anllóns protestaban porque lles daban salmón moitos días á semana. (…)”