Crónica da presentación na Coruña de De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal, de Mercedes Queixas, por Manuel Bragado

Desde Alberte_Sanchez_Mercedes_Queixas_xabier_Docampo-Manuel_Bragado_13-04-2016-e1460618045573Brétemas, de Manuel Bragado:
“Fermoso acto na Linda Rama da Porta de Aires coruñesa no que presentamos De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal, de Mercedes Queixas Zas. Abrimos o acto coa presentación do booktrailer do libro preparado por Distrito Xermar no que aparece a fraga do concello de Cerceda e a versión de Xoel López de “Quen poidera namorala”.
O escritor Xabier P. DoCampo comezou lembrando que hai quince anos presentara o primeiro libro de Mercedes Queixas, “unha persoa pola que teño un cariño grande por ela e pola súa estirpe”. Meténdose xa en fariña, DoCampo definiu a historia da literatura como “a historia dun pobo que atopa nas súas preguntas e respostas a súa razón de ser”. Deste xeito, “a historia da literatura galega é a historia do pobo galego que fai real o seu paso pola historia!. “Neste libro de Mercedes Queixas atopamos a pegada que o pobo galego deixou co propósito de afirmar o soño da súa existencia”. “Se eu fose profesor de lingua e literatura, que por ventura xa non o son, este sería o único libro de texto que tería o meu alumnado”. Despois de relatar o que lle contara Juan Farias para ilustrar o nacemento do relato e da cultura, DoCampo gabou a selección de textos literarios de cada capítulo, que “completan unha auténtica antoloxía”. Rematou as súas fermosas palabras salientando que “este era un libro escrito dende o feminino e dende sermos nación”.
Comezou Mercedes Queixas explicando que “o libro nacera coa intención de facer unha historia da literatura galega sintética, breve, cunha ollada propositivamente diferente, que non contase todo nin que fose un catálogo de datas, autores e obras”. “Hai unha intención de visibilizar o papel da muller, sobre todo na literatura medieval, onde non foi todo nin pasivo nin secundario. Tamén pretendín recuperar nomes, traelos ao primeiro plano, que non están presentes noutras obras como os de Manuel Lueiro Rey, Gonzalo López Abente ou Mª do Carme Kruckenberg. Ou nomes como os de Lois Pereiro e Xela Arias, que non poden caer no esquecemento”. Non esqueceu Queixas o papel da lingua, “que se mantivo no corpus da literatura oral” nin as referencias “a unha literatura viva que aumenta, expande e normaliza a súa expresión no xénero da literatura infantil e xuvenil, ou na tradución a outras linguas, onde se conformou un corpus xa considerable”.
Rematou Mercedes Queixas confesando as dificultades de acometer “este exercicio maiúsculo de síntese” e salientou a importancia da lectura: “dende a literatura podemos comprender e construír o mundo, se lemos máis tentaremos restaurar o desequilibrio no que vivimos, recoñecendo o propio e os valores nos que cremos”. “O título do libro apela ao espírito da literatura como un ser vivo, un ser que evoluíu, que brillou e superou momentos de asfixia”. “Temos unha literatura viva, que segue aí dende Arias Nunes á Berta Dávila, dende os pergamiños medievais á Poética.gal de Fran Alonso”.”

Santa Comba: presentación de O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963), de Carme Blanco Ramos

O Carme Blanco Ramos O volframio en Varilongosábado 16 de abril, ás 18:30 horas, no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba, terá lugar a presentación do libro O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963) de Carme Blanco Ramos, publicado en Xerais. No acto, organizado polo Concello de Santa Comba e a editora, participan, xunto á autora, Xesús Alonso Montero, José Antonio Ucha Velo, Manuel Bragado e Carmen Blanco Ramos.

Vigo: presentación de Alén da casta, de Xabier Pérez Davila

O Xabier Pérez Davila Alén da castavenres 15 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Alén da casta. Un ensaio sobre o poder e as clases sociais no século XXI, de Xabier Pérez Davila, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Pepe Carreiro e Paco Vizoso.

Entrevista a Xesús González Gómez arredor da súa tradución de Algúns temas sobre a cuestión meridional, de Antonio Gramsci

EntrevistaXesús González Gómez a Xesús González Gómez na Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Qual é a tua visão sobre Antonio Gramsci? Que relevância tem esta figura em relação à(s) sociedade(s) de hoje?
– Xesús González Gómez (XGG): A miña visión de Gramsci continúa a ser, acho, a primeira que tiven del hai xa moitos anos: un dirixente obreiro, perdón, dun partido obreiro, que intenta atopar unha estratexia para a realización dunha revolución comunista en Occidente. De aí a súa distinción entre posición e guerra de manobras. Nesta última distinción de Gramsci, con outros conceptos desenvolvidos por el nos cárceres fascistas e antes, radica a súa actualidade intempestiva. Penso, tamén, que doutros momentos gramscianos, 1920, a ocupación de fábricas en Turín e a experiencia dos consellos, se poden tirar ensinos para a conformación dunha(s) organizacións(s) revolucionarias que visen un cambio de sociedade. A distinción gramsciana entre consello e sindicato e a función que cumpre, ou debe cumprir, cada unha destas institucións no plano do traballo político nas fábricas e lugares de traballo, aínda poden servir, eu penso que serven, para a creación de novas organizacións revolucionarias que impliquen á maioría da poboación sen que esta deba estar encadrada en partidos políticos determinados. Organizacións revolucionarias, porén, que non esquezan a teoría, pois como avisaba Benjamin Péret, unha acción sen teoría é un deporte e, xa que logo, tan va como todo deporte: é dicir unha acción sen futuro e sen incidencia. Isto no plano xeral, é dicir, político. Noutros planos, como o cultural, a posición ou posicións gramscianas, a pesar das “desviacións” ou manipulacións realizadas polos denominados estudos culturais, continúan a estaren á orde do día. Evidentemente, os apuntamentos débense enriquecer coas teorizacións e descubrimentos que se realizaron desde que Gramsci escribía nos seus cadernos: non en van pasaron oitenta anos e o capitalismo transformouse (e continúa a se transformar) radicalmente para continuar a hexemonizar a sociedade (hexemonía que nunca perdeu), como xa avisaran no Manifesto os fundadores do materialismo histórico. (…)
– P: Que perspectiva tens sobre a tradução? Como é a tua forma de trabalho neste campo?
– XGG: As traducións son fundamentais para calquera cultura. Traducións de clásicos, tanto da literatura como do pensamento e da ciencia, evidentemente, mais tamén de libros, e non só novelas ou poesía, de actualidade. Ora, existe entre nós un mercado para estes “produtos”?: velaí o problema. É moi bonito falar, e laiarse, sobre a falta de traducións, mais hai que entender que unha editorial é un negocio e non pode ninguén publicar libros, traducións, que pode resultar que non se vendan. Polo demais, o problema das traducións, penso eu, solucionaríase facilmente se houbese na Galiza librarías que ofertasen as que se fan en Portugal e, por que non, no Brasil. Só nos faltaría entón traducir o que non traducisen nin portugueses nin brasileiros. De momento, todos bebemos das traducións ao español, e así están as cousas, e difícil será cambialas como non cambie a sociedade. Como dicía Ramón Piñeiro, é o país que temos e é sobre este país co que debemos traballar en todos os terreos… se é que o queremos cambiar.
As traducións que eu fixen até hoxe (agás catro que foron de encarga) de libros ou temas que me interesan (é dicir, textos cos que teño “afeccións electivas”) e que, normalmente, non interesan aos editores por múltiples causas –outras veces polos dereitos–, o que me parece ben: ninguén ten a obriga de se interesar polo que me interesa a min ou calquera outra persoa, así que normalmente traduzo (e non publico) aquilo que me gusta ou me produciu un certo gozo ao lelo. A miña “forma de traballo” neste campo é moi sinxela: traduzo dun tirón (previamente xa lera o texto que me poño a traducir) e logo, deixando repousar o texto na gabeta durante un tempo, empezo as revisións, optando sempre pola solución que me parece máis simple, até que as dou por acabadas. O certo é que as revisións nunca deberían acabarse, mais entón nunca se publicaría nada. (…)”

A Coruña: Nacionalismo galego aquén e alén mar, con Uxío-Breogán Diéguez

OUxío-Breogán Diéguez mércores 13 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Uxío-Breogán Diéguez falará sobre Nacionalismo galego aquén e alén mar, sobre a obra homónima publicada en Laiovento, nun acto organizado pola A. C. O Facho.

Pontevedra: actos destacados do xoves 7 na Feira do Libro

O Feira do Libro de Pontevedra 2016xoves 7 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados:

18:00 h. Presentación dos libros infantís O Mago de Oz e Drácula, traducidos por Tamara Aymerich, publicados por Baía Edicións.
19:00 h. Presentación do libro A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, publicado por Baía Edicións.
19:00 h. Tamara Andrés asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Paz.
20:00 h. Presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride, publicado en Xerais. Acompañarán ao autor Xesús Constela e Manuel Bragado.

Taboleiro do libro galego XLII (marzo de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Unha nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas, nesta ocasión, ás trece librarías colaboradoras: Andel, Casa do Libro, Libros para Soñar, Cartabón e Librouro de Vigo; Miranda de Bueu; Biblos de Betanzos; Trama de Lugo; Suévia e Moito Conto da Coruña; Pedreira e Lila de Lilith de Compostela e, finalmente, Cronopios (Santiago e Pontevedra).

NARRATIVA
1º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
2º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
3º-. Xabier Quiroga, Izan o da saca, Xerais.
4º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
5º-. Manuel Portas, Lourenço, Xograr, Galaxia.
6º-. Alberto Fortes, O dobrón de a oito, Xerais.
7º-. Marcos Calveiro, Fontán, Galaxia.
8º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.
9º-. Pedro Feijoo, Morena, perigosa e románica, Xerais.
10º-. Manuel Iglesias Turnes, Que non te aten, Xerais.

POESÍA
1º-. María do Cebreiro, O deserto, Apiario.
2º-. Rosalía de Castro, Follas novas, Xerais (edición de Anxo Angueira).
3º-. Ismael Ramos, Os fillos da fame, Xerais.
4º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
5º-. Manuel María, Terra Chá, Fundación Manuel María.
6º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
7º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
8º-. Paco Souto, e Caín, Laiovento.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, Galaxia.
2º-. Jorge Mira, María Canosa, Dani Padrón, ¿A que altura está o ceo?, Alvarellos.
3º-. Manuel Veiga, Manuel María buscando un país, Xerais.
4º-. Mercedes Queixas, De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal, Xerais.
5º-. Carlos L. Bernárdez, Un pintor que sabía o que facía, Laiovento.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Carlos Meixide, Ons, autoedición.
3º-. Antonio Manuel Fraga, Tártarus, Xerais.
4º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
5º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Estíbaliz Espinosa, Caer de cu polo universo, Apiario.
4º-. Érica Esmorís, Nena e o mar, Xerais.
5º-. Mariana Ruiz, A viaxe de mamá, Kalandraka.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Casa-Museo Manuel María.
2º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
3º-. Margarita LedoManuel María: eu son fala e terra desta miña terra,  Nós Produtora Cinematográfica Galega.
4º-. Pirilampo, Teatro de Guiñol, Galaxia.
5º-. As Maimiñas, Unha viaxe polo mundo, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
2º-. Luís Davila, O bichero V, Edición do autor.
3º-. Jacobo Fernández Serrano, Marcopola 3, Xerais.”