Outeiro de Rei: Diálogos coa obra de Manuel María na Casa de Hortas

Manuel María Manuel Maríafaría 85 anos o vindeiro 7 de outubro e a Fundación que leva o seu nome, presidida pola súa viúva, Saleta Goi, conmemorará a efeméride o sábado 4 de outubro cunha xornada de irmandade na que foi casa natal do escritor, en Outeiro de Rei, hoxe convertida desde hai algo máis dun ano en Casa-Museo. Diálogos coa obra de Manuel María na Casa de Hortas é o nome da xornada de irmandade das amigas e amigos da Fundación Manuel María que se celebrará a partir das 11 da mañá do sábado 4 no auditorio -antiga palleira -da Casa de Hortas, no corazón da vila de Outeiro.
A Fundación Manuel María ten o obxectivo de instituír, de aquí en adiante, con carácter anual este encontro arredor da data do nacemento do poeta, con vocación de o converter en espazo de encontro e diálogo das amigas e amigos da Fundación, para dar conta da actividade fundacional desenvolvida cada ano e abrir ao debate a elaboración de novas propostas e iniciativas a desenvolver no futuro.

Eis o programa da xornada:
11:00 h. Encontro de amigas e amigos da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Información sobre a actividade da Fundación e iniciativas para o 2015, a cargo de Alberte Ansede (Secretario da Fundación)-
11:30 h. Coloquio e propostas.
12:00 h. Segredos da Casa Museo Manuel María (unha visita para descubrir algúns dos fondos máis valiosos da Casa-Museo).
13:00 h. Presentación das últimas publicacións da Fundación (Sonetos á Casa de Hortas e Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo), a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Estefanía Mosquera Castro e Xosé Manuel Sánchez Rei, responsábeis das edicións (as persoas que asistan ao acto recibirán un destes libros editados pola Fundación e un exemplar do Terra Chá editado pola Irmandade dos Vinhos ou polo xornal chairego Terra Chá Xa!).
14:00 h. Peche do acto.
14:30 h. Xantar de irmandade.
17:00 h. Visita guiada á Lagoa de Cospeito e lectura de poemas de Manuel María.

A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, por Inma Otero Varela

Inma Otero Varela Inma Otero Varelapublicou A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, o número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía de Euseino? Edicións.
Trátase dunha análise da elaboración do eu mediante a literatura e, fundamentalmente, da achega realizada polas escritoras. O cuestionamento do suxeito, levado a cabo polo feminismo contemporáneo, coloca este pensamento e a literatura de hogano nunha situación excepcional para poder propoñer unha nova concepción do eu a partir da reformulación do “eu muller”. Pódese descargar de balde nesta ligazón.

Compostela: presentación de Da natureza de escritores, artistas e vermes, de José María Durán Medraño

OJosé María Durán Medraño xoves 2 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx, de José María Durán Medraño, premio Ramón Piñeiro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Manuel Fernández Pellicer, Amalia Baltar, Valentín García, Antón Baamonde e Víctor F. Freixanes.

Lembranza de Celestino Fernández de la Vega, por Armando Requeixo

DesdeCelestino Fernández de la Vega o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Tal día coma hoxe, fai exactamente cen anos, naceu en Friol Celestino Fernández de la Vega (1914-1986), quen había ser, andando o tempo, unha das voces senlleiras do pensamento e o ensaísmo galego de Posguerra.
En homenaxe a quen foi o descubridor dos arcanos de O segredo do humor, hoxe recupero aquí un texto seu descoñecido, que pasou desapercibido todos estes anos mesmo para os grandes estudosos da súa figura, pois non aparece referenciado nas completas bibliografías que sobre del fixeron Carlos Fernández, Siro López ou, máis recentemente, Ramón López Vázquez.
Trátase dun pequeno artigo resumo dun seu traballo maior, o ensaio de carácter histórico El enigma de Santa Eulalia de Bóveda (1970), do que neste texto que reproduzo se fai unha acaída síntese.
O artigo, titulado Un curioso en Santa Eulalia de Bóveda, aparece integrado no volume colectivo Galicia Ano 70, unha publicación da vella librería-imprenta Celta de Lugo no que tamén colaboraron outras voces maiores da escena literaria lucense en particular e galega en xeral, como Ánxel Fole, Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, Ramón Otero Pedrayo ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros. (…)”

artigo-cilistro-grande

Vigo: coloquio arredor de Maternosofía, de Inma López Silva

OInma-López-Silva-685x1024 xoves 18 de setembro, ás 19:00 horas, no Centro de Recursos Feministas de Vigo (Biblioteca Pública Central, rúa Joaquín Yáñez, 6, 2º andar), terá lugar un coloquio-presentación arredor do libro Maternosofía, publicado por Galaxia, coa presenza da súa autora, Inma López Silva, acompañada por Mariana Fernández e Carlos Lema.

Afonso Eiré: “O pobo galego rebelouse e gañou”

EntrevistaAfonso Eiré a Afonso Eiré en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Eu estaba alí foi primeiro unha serie de reportaxes que se publicaron entre o 2010 e o 2011 en ANT Diario. Por que decidiu convertela nun libro?
– Afonso Eiré (AE): Logo de se publicaren estas “pequenas historias” decateime de que os traballos daban para un libro. Tiñan coherencia entre si e cubrían un oco na edición xornalística. Así que reescribín algúns textos, engadín outros e preparei unha visión persoal sobre a nosa historia recente, cun fincapé especial nos movementos sociais nos que medrou o nacionalismo galego contemporáneo.
– B: En tantos anos de carreira xornalística, vostede estivo en moitos sitios. Que criterios seguiu para incluír uns feitos e descartar outros?
– AE: Primeiro, a importancia de cada feito; a relevancia no seu momento e as consecuencias que deixou na a sociedade galega nalgún ámbito. Tamén escollín aqueles “momentos” nos que puiden alumar, con novos datos ou un enfoque distinto, o que pasou realmente. O lector non só vai poder recordar as Encrobas ou a morte de Moncho Reboiras senón tamén coñecer aspectos dos que nunca se falara. Por exemplo, no caso do Piloto dou conta do elo de continuidade entre a guerrilla galega e o novo nacionalismo que agromou a partir do 1972. Os mesmos que protexían o guerrilleiro nas aldeas protexían os militantes clandestinos. (…)”