Autoaxudas para a lingua

“Edicións Xerais publicaba recentemente Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, un volume no que Carlos Callón achega consellos e reflexións para mellorarmos o noso emprego da lingua. O título supón un exemplo dun tipo de obra que non resulta moi común no noso país, os libros de lingua destinados directamente aos falantes. Repasamos algúns destes proxectos.
Non se trata dun libro para aprender galego. Non é unha gramática nin un diccionario de dúbidas nin un libro de texto. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez preséntase como un manual para os falantes de galego que queiran mellorar a súa lingua, sen máis. A través de pequenos contos ou de breves reflexións, Carlos Callón busca nesta obra rachar tópicos sobre a nosa lingua e anima ao lector a se achegar a ela. “Brinco coa idea de autoaxuda, sobre todo coa intención de comunicar, tentando que os textos cheguen ao lector”, explica o autor. “Tento que se vexa como un manual práctico con consellos en positivo que pode practicar calquera persoa”. (…)” Desde Cultura Galega.

Ferrol: presentación de O carballo, de Calros Silvar

O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, no Salón de Exposicións da Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntase O carballo, de Calros Silvar, publicado en Baía Edicións. Con motivo da mesma, o autor impartirá un obradoiro de debuxo da natureza dirixido ao público infantil.

Crear en 2012 (I)

Desde Cultura Galega:
“É certo. Esta ano houbo crise por todas partes e, como non, nas industrias culturais. No entanto, non a todo o mundo lle afecta do mesmo xeito, e se no caso das letras estamos a vivir fondas mudanzas como, por exemplo, a práctica desaparición de espazos para a crítica literaria, semella que a música está no seu esplendor creativo, e que a banda deseñada continúa unha marcha firme e continua. Falamos destes ámbitos cos nosos especialistas.
“Penso que unha das cousas máis importantes que pasaron este ano foi a desaparición de plataformas específicas para a crítica literaria, como Luces, explica Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. A desaparición de medios de comunicación de ámbito galego está a deixar este importante elemento do noso sistema literario sen espazos de expresión. “Paréceme unha auténtica traxedia, e que a xente aínda non se parou a pensar o que realmente significa isto. Hai lugares na rede pero non existe un espazo xeralista no que tropezas crítica mentres les o xornal ou escoitas a radio. Son fundamentais e cada vez quedan menos, está o Faro da Cultura, a Radio Galega e pouco máis”. A falar de boas novas, a profesora destaca “O Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial para Kalandraka, que ten un grande mérito aínda que pasou algo desapercibido”. Este ano viuse tamén “o diálogo entre cine e literatura, que é un camiño de futuro. Temos dous exemplos como foi a edición de Pá negre traducido e con CD e mais a versión cinematográfica de Todo é silencio, de Manuel Rivas”.
A creación literaria
A nivel de creación apunta “un síntoma para min preocupante no que supón de involución no percorrido histórico da literatura galega que é o retorno da novela de tese, con obras como Atl, En vías de extinción e Como en Alxeria. Semella que en tempos de crise hai unha tentación de ofrecer respostas sólidas e compactas, e iso no terreo ideolóxico pode levar ao populismo e a nivel literario leva á tentación de mandar mensaxes claras e contundentes a tentar salvar o mundo desde a literatura”. En relación con isto, aínda que separado, Vilavedra sinala “a novela feminista de Begoña Caamaño, que se presenta nitidamente como unha escritora feminista. Podería ser novela de tese pero ten unha calidade literaria e unha frescura que marca unha distancia, afástase da ortodoxia e acada uns produtos para todos os públicos”. Canda a isto “biografías como a de Celso Emilio e de Murguía amosan a boa saúde deste xénero, que ten un longo camiño por percorrer. Está a medrar xa nos últimos anos e ten receptividade no público”. E despois “resulta paradoxal a aparición dunha nova colección de poesía, nun panorama de afundimento deste xénero”, como é o caso da recuperación por parte de Faktoría K da colección Tambo. (…)”.

Entrevista a Ramón Nicolás sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

Entrevista a Ramón Nicolás en La Región, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – La Región (LR): Que foi o máis sorprendente que atopou no estudo [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): A época de mozo en Celanova porque a actividade política de compromiso coas Mocidades Galeguistas é fascinante. De feito, o grupo de Celanova converteuse na bandeira de toda Galicia daquela asociación xuvenil, e incluso con Pepe Velo dirixiu a propia Federación de Mocidades Galeguistas dende un posicionamento político galeguista, nacionalista e de esquerdas. No plano persoal, descubríuseme un personaxe moi afable, que sabía escoitar, cos seus evidentes momentos de arrouto pero cun carácter moi popular. Gustáballe gozar coa vida no posible, aínda que tamén é evidente que lle deu moitos golpes. (…)
– LR: Neste sentido, cre que se desvirtuou a figura do poeta?
– RN: Ó meu parecer, sufriu certo encaixe na faceta de carácter social ou reivindicativo, unha terminoloxía á que Celso Emilio lle fuxía moito. Aínda hoxe, é o escritor galego que máis musicacións de poemas ten e foi esa popularización a que puido causar un encasillamento ó meu xuízo falso porque tamén é un poeta sentimental, amoroso, intimista e, sobre todo, cun aguillón crítico extraordinario sen parangón na literatura do seu tempo e mesmo na actual. Isto é tamén froito dos moitos imitadores que viñeron despois e que agotaron o modelo. (…)”.

Silleda: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O martes 18 de decembro, ás 21:00 horas, na Biblioteca Municipal Daniel Castelao de Silleda, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.

Lugo: presentación de Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica

O martes 18 de decembro, ás 12:15 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo (Praza Pío XII, 3), preséntase o libro colectivo Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica, coordinado por Ana Chouciño e María Xesús Nogueira, e editado pola Biblioteca da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, da Universidade de Santiago de Compostela, con financiamento da Presidencia da Excelentísima Deputación de Lugo. No acto intervirán Pedro García Herradón, Lara Méndez López, María Isabel González Rey e Juan Luis Blanco Valdés, xunto ás compiladoras do volume.

Agustín Fernández Paz: “A ambición de escribir a mellor novela sempre está aí”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Como deben entender os lectores O rastro que deixamos? Como un anticipo das súas memorias, unha reflexión sobre a obra escrita até agora ou, acaso, como o peche dun ciclo e o comezo doutro na súa vida / literatura?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Das opcións suxeridas, a que máis se achega é a segunda. A miña vida, como a de calquera persoa, ten múltiples facetas; neste libro percorro dúas delas, sempre coa memoria como tema principal. A memoria da vida e a importancia da literatura nela, como lector e como escritor, pois lectura e escrita veñen ser as dúas caras dunha mesma moeda. (…)
– FdV: Outra confesión de O rastro que deixamos: di alí Vde. que se xubilou para ter máis tempo para escribir. Está certo de que as súas mellores obras aínda están por vir?
– AFP: De non crer na posibilidade de escribir libros mellores no futuro, quizais sería o momento de deixar este traballo. A ambición de escribir a novela da nosa vida sempre está aí. Outra cousa é que se consiga, pero é obrigatorio intentalo.
– FdV: Non podería rematar esta entrevista sen aludir ao doutorado honoris causa que lle outorgaron recentemente. Que sente o “rapaz de Vilalba” diante de semellante distinción por parte da Universidade?
– AFP: Ante feitos así, un séntese superado: son cousas que un sempre pensa que lle suceden a outros, non a unha persoa normal como son eu. Agradezo de corazón a distinción que se me outorgan. Que sexa a Universidade de Vigo, cidade onde vivo e traballo desde hai máis de vinte anos, paréceme un agasallo inesquecible.”