#RosalíaTe: Día de Rosalía de Castro 2017

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Pode descargar aquí o cartel base do Día de Rosalía de Castro 2017, en formatos pdf e jpg.

Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.

#RosalíaTe

Actos promovidos pola AELG
Alén do acto central, que terá lugar ás 12:00 do domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG en colaboración coa súa base asociativa está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborará a escritora Ledicia Costas.

***

Actos organizados por outras entidades (actualización diaria) Sigue lendo

Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía infantil promove unha actitude comprometida cara ao noso idioma”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): De onde nace a idea de Versos para conversar?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Da necesidade de tocar esa vertente e tamén dun reto proposto polas miñas fillas, que me dixeron hai dous anos: “Papá, está moi ben iso que fas, pero a ver cando fas algo específico para nós”. A raíz diso nace este libro e outros que se están a facer.
– SG: Versos para conversar indaga na tradición popular e contén algún dialectalismo da fala. Cal é a intención?
– XCDA: Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición cultural culta. Por outra banda, está a reivindicación da lingua coa chiscadela esa de poñer trazos dialectais nalgún caso que formaron parte dunha cultura milenaria potente. O galego é unha lingua viva e nosa, unha lingua moderna adaptada a calquera situación comunicativa do presente e do futuro, de aí esa vertente de reivindicar o trazo dialectal. (…)
– SG: E quizais tamén para fomentar novas e novos poetas, non?
– XCDA: As editoriais, en xeral, apostan polo máis vendíbel, e promoven que o máis vendíbel sexa a narrativa e descóidase, por exemplo, a poesía. É necesario que haxa máis textos e desde logo traballar a cotío con ela. Na miña experiencia nas aulas, son profesor de secundaria de Lingua e Literatura Galega, decátaste que moitos rapaces apenas tiveron contacto coa poesía. Isto é unha carencia do sistema educativo, pero tamén da oferta cultural. Este ano no meu centro propuxen traballar coa poesía a todos os niveis educativos. Todos os anos traio un autor e este ano veu Carlos Negro, que estivo esta semana con nós. Os rapaces implicáronse moitísimo coa poesía de Carlos Negro. O ano pasado, coa de Manuel María, o mesmo. Entón ves que a poesía é algo que lle hai que ofrecer e que hai que traballar axeitadamente e que o público, neste caso o adolescente, responde moi satisfactoriamente. (…)”

Rosalía Fernández Rial: “O teatro vale para aprender linguas”

Entrevista a Rosalía Fernández Rial en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿En que consistiu o estudo [Aulas sen paredes]?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): É unha experiencia didáctica con alumnado de primeiro da ESO do Xelmírez I, que agora están en cuarto da ESO. Tamén se fixo un documental, que se adxunta como cedé. Consiste en propor unha nova metodoloxía didáctica para o ensino e a aprendizaxe de linguas, que aplicamos nas aulas de Galego e de Castelán, e que serve tamén para outras linguas.
– LVG: ¿Que utilidade ten?
– RFR: A idea é que se aplique como un método na aula e ver como o alumnado mellora as habilidades no día o día.
– LVG: ¿En que se nota a mellora?
– RFR: En que estudantes que tiñan moita inhibición van perdendo o medo a falar e melloran a comunicación a través do teatro, que é, pois, unha ferramenta que vale para aprender idiomas e permite traballar os contidos e habilidades curriculares, e tamén outros. (…)
– LVG: ¿Como foi a investigación?
– RFR: Foi un estudo no departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, orientado polo profesor Bieito Silva Valdivia. Primeiro fixen a investigación teórica do método, centrado nas posibilidades comunicativas de aprender linguas, que o alumnado se expresase. De aí o interese do teatro para mellorar as ferramentas do profesorado.
– LVG: ¿Utilizaron obras de teatro?
– RFR: Utilizamos textos elaborados polo propio alumnado, que representaron ao final. (…)”

Compostela: presentación de Aulas sen paredes, de Rosalía Fernández Rial

O venres 10 de febreiro, no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, preséntase o libro Aulas sen paredes, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas. O programa do acto é o seguinte:
12:00 h. Biblioteca. Presentación. Con Manuel Portas, un dos alumnos que aparece no documental, Manuel Dios, Valentín García e a propia autora.
13:00 h. Proxección do documental Aulas sen paredes, coa asistencia dos alumnos protagonistas.

Manuel Rivas: “Para min as novas tecnoloxías son a literatura e o teatro”

Desde Galiciaé:
“O novelista e poeta galego Manuel Rivas, autor de obras como O lapis do carpinteiro ou Que me queres, amor, defendeu este martes a importancia da lectura nos centros educativos e opininou que “a gran revolución” da ensinanza non son as tabletas electrónicas nin os teléfonos móbiles, senón a literatura.
Rivas (A Coruña, 1957) fixo esta reflexión nunha reunión con escolares de varios centros educativos da cidade de Ourense, unha actividade que organiza o Concello. Durante máis dunha hora o autor galego debateu cos alumnos de Primaria sobre o seu libro Bala perdida e destacou o “interese” e “atención” co que estes mozos se achegan á lectura.
Tras o encontro, Rivas defendeu o papel da literatura e da escola na formación das novas xeracións e reivindicou o papel do libro neste proceso. “Nestes tempos nos que parece que hai unha obsesión por meter nas aulas as novas tecnoloxías. Para min a gran revolución pedagóxica sería situar á biblioteca no centro xeográfico da escola”, reivindicou o autor coruñés.
O autor lamentou que na actualidade as escolas convertéronse en “un espazo onde todo pasa pola tecnoloxía” e no que “todos” os nenos teñen móbiles ou tabletas, “cando o importante sería que soubesen manexar ben un dicionario ou interpretar un libro”. “Hai nenos que xa non saben practicamente caligrafía, ou non saben facer contas se non é co computador. Para min iso é un atraso. O moderno e o novo é que leven un libro na man”, reivindicou.
O escritor destacou o éxito deste tipo de encontros con mozos, aínda que cualificou como “un reto” conseguir a súa atención e “falar de literatura contando historias, para que vexan que non é algo marxinal senón que forma parte da vida”.”

Escolares de Ourense participan nun faladoiro literario con María Solar

Desde a Televisión de Galicia:
“O 1 de febreiro en Ourense escolares de toda a provincia tiveron a oportunidade de participar e debater nunha tertulia literaria. O libro elixido foi desta volta As horas roubadas, da escritora María Solar. Ela estivo alí para escoitar as súas reflexións e compartir canda eles os segredos da súa última obra.
Proceden de institutos de toda a provincia, pero levan semanas debullando o mesmo libro.
As tertulias comezaron no ano 2007 e dende aquela pasaron por aquí milleiros de escolares, e moitos autores como María Solar, que compartiu inquedanzas con estes novos lectores.
A participación é voluntaria, non inflúe nas súas notas. Fano simplemente por amor á lectura.
E lembran que actividades coma esta serven non só para fomentar a lectura, senón tamén para coñecer xente da súa idade coas mesmas inquedanzas.”