Sara Vila gaña o Premio Blanco Amor

Desde o Diario de Pontevedra:
“A escritora e xornalista Sara Vila (As Neves, 1989), veciña de Pontevedra, é a gañadora do XLII Premio Blanco Amor, segundo se deu a coñecer este sábado en Ourense. Recibe o galardón pola novela O incendio.
O xurado destaca o “tratamento desprexuizado” do acoso escolar e sexual, así como das relacións familiares a través da protagonista da obra: unha muller que relata a súa adolescencia. A acta sinala que Vila emprega no seu traballo unha voz “poderosa e crúa” para achegarse a un “universo adolescente e rural que foxe da mitificación a través de personaxes ben construídos, realistas e coherentes”.
Tamén se sinala que a dureza da realidade pouco compracente de O Incendio “contrasta co sentido do humor no tratamento das diferenzas entre mocidade e vellez, ademais coa asepsia dos adultos e a problemática da infancia ou a vitalidade do primeiro encontro coa morte”. O xurado subliñou tamén a calidade literaria de todos os traballos presentados, 21 títulos orixinais.
O certame organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor, en colaboración coa Deputación de Ourense, está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano. A entrega desta distinción terá lugar o próximo 1 de decembro durante un acto literario previsto no Liceo de Ourense (20:00 horas). A data coincide co día aniversario do falecemento do autor de A Esmorga en 1979.
O xurado da 42ª edición do galardón foi presidido por Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Xosé-Henrique Costas González, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo; Maite Jiménez Pérez, catedrática de Latín e tradutora; César Lorenzo Gil, xornalista, editor e escritor, e Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta.”

Ourense: entrega do premio VIII Concurso Balbino de Relatos a Clara Martín e presentación de Loucine

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2023

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2023 conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2023 respectivamente a Mercedes Vázquez Saavedra e Xan do Vilar, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que terá lugar en Lugo, o 27 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.

No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Espín de Doncos, quen lerá a laudatio de Xan de Vilar, e Aser Álvarez, quen lerá a laudatio de Mercedes Vázquez Saavedra.