Miguel Sande: “A función da literatura é reinterpretar a vida, non reflectila”

EntrevistaMiguel Sande de Carlos Loureiro a Miguel Sande en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ser xornalista lévate a que na túa escrita aparezan aspectos moi puntuais da realidade cotiá que con outras profesións non terminarían vendo a luz literaria?
– Miguel Sande (MS): Ser xornalista condiciona a miña visión da escrita, en particular da narrativa. Completamente. Ao xornal no que traballo chegan decote informacións de todo tipo, historias que un nunca imaxinaría, eu alomenos non sería quen; incribles. Así un día tras doutro. Iso fai que centre a miña atención como autor máis na expresión, na linguaxe mesma como aventura, e na estrutura e concepción da novela ou do teatro e sexa aí onde trate de anovar, de abrir camiño. Non hai historia máis interesante que a propia aventura persoal. Do cotián. Por exemplo, en Se algún día esta muller morta, a miña primeira novela, coa que gañei o Premio Repsol, a protagonista é unha muller maltratada psicoloxicamente co seu interior en ruína. Esa muller existe, estiven a escoitala durante cinco ou seis anos, tomamos moitos cafés nese tempo e seguín todo o seu proceso de recuperación. Primeiro elaborei unha reportaxe para o xornal e posteriormente –seis anos despois- veu a novela. Eu, home, tiña que ser fiel á voz desa muller para reflectir toda a autenticidade. Ese foi, acaso, o meu mérito: a fidelidade a esa voz dela, porque a da novela é a voz auténtica desa muller. Non tiña outra opción (Logo adaptouse a unha obra de teatro nunha montaxe de Bengala Producións cunha interpretación magnífica de Amalia Gómez). E poñer tamén a atención na estrutura da novela: na 1ª parte o personaxe dela con frases rotas, sempre, como adoitaba explicarse; na 2ª parte só os escenarios, con esa muller ausente para que así gañase máis forza o seu personaxe, as súas palabras, e creo que gañou forza así. E aínda unha terceira parte cunha mirada obxectiva tras dela, a maneira dunha cámara. Esta novela estivo entre as seleccionadas tamén no seu momento para o Premio Nacional de Narrativa.
Na segunda novela, A vida fóra, o personaxe é unha anciá, María, en cadeira de rodas que ve pasar os días, a vida, a través da ventá ata que lle constrúen un edificio diante e lle quitan o único que lle quedaba: a vista. O recurso que queda aí é a imaxinación da vella María: ela é unha anciá con pensamento de nena, produto da perda de memoria, dun inicio de Alzhéimer. E comeza a morrer polas palabras e coas poucas que lle van quedando hai que defender a novela. Ese pensamento infantil, de nena, é fundamental para que a novela poida lerse cun sorriso ata o final. Por iso agocha a comida e as medicinas, e toma conguitos na vez de medicamentos, un cada dúas horas ou dous ou unha presada deles e quere ir morrer coas uñas pintadas e en tren, no tren que sae os luns á noite da estación, que está detrás da obra (para ela todos os días son xa luns e todo está detrás da obra, o que fai que esperte a súa imaxinación de nena). É naïf. Esa anciá é a miña propia avoa, de nome tamén María e en cadeira de rodas sempre onda a ventá, á que escoitei durante 15 anos ata aprender a súa linguaxe, a súa expresión repetitiva: deixoume unha presada de palabras, as que emprego na novela e a circunstancia, simple pero terrible, que envolve a noveliña de principio a final –á que ela é allea e tamén o lector ata as últimas páxinas- tamén é certa. Tamén é. Nese personaxe pretendín que se visen representadas todas as avoas de Galicia, por iso a novela ten esas pinceladas “etnográficas”, o tempo do estraperlo, da posguerra, pero tamén o tempo de hoxe, dos centros comerciais, etc, todo cunha mirada naïf.
E perdón pola extensión.
Á alba pide conmigo vivir está baseada nunha experiencia que vivín tamén en primeira persoa e Ninguén chorou por nós é como a segunda parte; tamén xorde dunha historia para o xornal: o desafiuzamento dun labrego, un arrendatario histórico que perde a terra que traballa o mesmo día no que a súa filla le a tese na facultade. Parto dunha historia real para reinterpretala, iso é a miña literatura. Esa é para min a función da literatura, reinterpretar a vida. Non reflectila sen máis, iso xa se ve na rúa. (…)
– NG: Normalmente cando alguén escribe unha obra de teatro soe pensar directamente na súa posta en escena, mais para ti vén a ser tan importante, cando menos, o teatro para ler… tanto peso ten para ti o texto?
– MS: Si, claro. O teatro tamén é Literatura, en maiúsculas. Isto que parece obvio aínda hoxe custa que o entendan nalgúns casos. Cando escribín Á alba pide conmigo vivir, o monólogo dunha moza universitaria que queda embarazada cursando o último ano de carreira e debe decidir que facer, non ocultei a miña condición, grande ou pequena, de poeta. Entón non había aínda premios para obras de teatro na AELG, por exemplo, e hai ata quen dubida que o teatro sexa Literatura, que sexa tamén para ler. Por suposto, a representación é a vida do teatro. Pero se queremos que perdure –o texto- ha ser Literatura. É unha pelexa case que inútil, non hai máis que ver os libros contadísimos de teatro que se editan, practicamente ninguén os le, non teñen saída. Pero eu persisto. Escribo teatro coa mesma intención, o mesmo afán, con que afronto un texto de narrativa ou a poesía. O mesmo coidado. Sen esquecer, xa máis maduro, a representación. (Están a traballar agora na adaptación ao teatro da novela A vida fóra; é curioso, represéntanseme as novelas case que máis que os propios textos teatrais, que tampouco non son máis que tres). (…)”

Miguel Mato: “A miña xeración está formada por anxos da derrota”

EntrevistaMiguel Mato de Carme Vidal a Miguel Mato:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que demorou a súa volta á poesía?
– Miguel Mato (MM): Non tardei en volver á poesía, senón en publicar. Escribo continuamente, mais, para sacar un novo libro, tenme que gustar; ten que responder a algo que está dentro de ti. Por outra parte, gustaríame publicar ensaio e narrativa, mais non é doado. En especial para min, que escribo relato. A realidade é así: quixera publicar; porén, non existen moitas ocasións.
– SG: En cambio, cónstame que desde Caldeirón, insistiron para que publicase este novo libro de poesía [Terra fría].
– MM: Así foi. Paco Souto tiña desexos de publicar un libro meu, e eu tamén de o facer con Caldeirón, porque é un proxecto no que o amor ao libro se nota. Alén da amizade, e que é unha editora de Malpica, a miña terra, estou feliz e agradézolles moito que mo ofrecesen. Eu non me atrevía a pedirllo, porque sei que publicar un libro é un esforzo, e teño consideración con quen inviste e fai esforzos económicos para a creación de cultura. Ponme moito respecto.
– SG: Se cada libro responde a un momento, que explica o nacemento de Terra fría?
– MM: Considero que é unha continuación de O whiskey na barrica, mais trátase dun libro máis sombrizo. Non é xa esa visión case arcádica, nostálxica e luminosa, senón algo máis amargo e pesimista. Deixa ver a consciencia do paso do tempo; das mudanzas que traen horizontes máis escuros. É unha visión pesimista sobre o mundo, sobre desexos frustrados e soños colectivos que non se cumpriron. Tamén a preocupación polo estado da lingua, moito máis ca unha ferramenta de traballo, a memoria da historia colectiva do país. Manuel María dicía que cando se perde unha lingua o mundo empobrece. O libro expón unha visión dun mundo que se esnafra contra unha curva sen ver o sinal de stop.
– SG: Esa sensación de derrota e desastre é un signo xeracional?
– MM: Compartido con poetas como Ramiro Fonte, Forcadela, Miguel Anxo Fernán Vello ou o mesmo Manuel María, unha referencia ética na concepción de como debe estar o poeta no mundo, da percepción do país a través da lingua, de talante ecoloxista e conservacionista.
– SG: Cita nomes cos que compartiu hai trinta anos o grupo De amor e desamor. Mudou o entusiasmo de entón en pesimismo?
– MM: Convivimos con formas de cultura que a xeración anterior non coñecera, como o rock, unha poesía moi desenganada. Este libro, poño por caso, inspírase nun tema de Tom Waits. Somos, en certa medida, anxos da derrota. Antes saïamos dunha época hostil e abríase unha etapa de esperanza, e agora volvemos a un tempo duro. (…)”

Cuestionario Proust: Alfonso Láuzara

DesdeAlfonso Láuzara o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alfonso Láuzara:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Nobreza plebea!
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Que sexan boas persoas. Ou polo menos que sexan persoas!
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan auténticas e leais. Son esixente mais tamén o dou todo!
4.– A súa principal eiva?
– Quizais algo teimudo. E algunhas cualidades en exceso tampouco son boas.
5.– A súa ocupación favorita?
– A escrita e tamén a conversa oral, moito.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir en sintonía cos sentimentos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O sufrimento extremo e caer no total desacougo, en especial polos seres queridos. A saúde e a dignidade son vitais.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ser feliz sen deixar nunca de ser eu mesmo. Eu nunca serei yo! hehe.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza soñada. A matria arelada dende o barrio de Teis sempre perto do mar.
10.– A súa cor favorita?
– Sempre foi a vermella. Hogano tamén a azul celeste e a violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Pois… non sei, quizais as rosas vermellas, as mapoulas, a herba de namorar…, se cadra moitas que nin coñezo! ha ha ha.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal na rúa e o corvo mariño na ría.
13.– A súa devoción na prosa?
– Buf!, moit@s! Cortázar, Kafka, García Márquez, Saramago, Blanco-Amor, Dieste, Castelao…
14.– E na poesía?
– Buf!, moitísim@s! Por varrer para casa: Ferrín, Novoneyra, Celso Emilio, Manuel Antonio, Manuel María… Rosalía naturalmente, ata poetas do meu tempo! E no plano internacional: Baudelaire, Walt Whitman, Lorca, Alberti, Eugénio de Andrade, Torga, Benedetti…
15.– Un libro?
– Complicada escolla. Direi O crepúsculo… ou calquera de contos de Ferrín.
16.– Un heroe de ficción?
– Eu son de realidades.
17.– Unha heroína?
– Da heroína paso! Xa teño dabondo co licor-café!
18.– A súa música favorita?
– Rock, cantautores/as de sempre, folk, jazz, blues…
19.– Na pintura?
– Urbano Lugrís, Chagall, Klimt, Picasso…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera nai-coraxe anónima ou loitadores/as silenciad@s.
21.– O seu nome favorito?
– Loaira, p. e., que é a miña sobriña. Gústame que teñan musicalidade, así moitos soen levar sons en “s” como sonia sara ou susana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A desconsideración total polos demais.
23.– O que máis odia?
– A ruindade, a hipocrisía e falsidade, a incoherencia. A traizón!
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Direi Hitler a xeito de metáfora de tantos inhumanos repugnantes que a Humanidade ten padecido.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolução dos Cravos Vermelhos. E a Revolución Cubana.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber facer feliz sempre a quen se quere, sobre todo a quen o merece.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Feliz, con amor e a conciencia tranquila.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Bo humor con ese punto necesario de mala hostia.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inocencia. E o medo: quen ten cu, ten medo!, non? Malia que non gusto de covardes. Pasa o mesmo coa ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Non fagas aos demais o que non queiras que che fagan a ti. Tenta non facer dano gratuíto e loita sempre polo que queres.”

Entrevista a Miguel Anxo Fernández na revista Palavra Comum

EntrevistaMiguel Anxo Fernández a Miguel Anxo Fernández en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Non son quen de procurar respostas transcendentes nin vagar polos recantos da retórica para esta cuestión, pode que pola miña condición de historiador vinculado ao audiovisual, que entende máis de imaxes que de palabras… Entendo a literatura como unha variante da comunicación pola vía da expresión escrita. A necesidade de contar historias porque na outra banda hai alguén disposto a aprecialas e a poñer o seu goce nelas. Se non existe ese elo, escritor-lector, entendo que non é literatura, é simplemente onanismo, á marxe de que uses de ferramentas de estilo que poderán ser máis ou menos sofisticadas, ou mesmo de estruturas narrativas audaces. Todo iso podo entendelo, pero nunca en contra da comunicación no sentido máis fondo da expresión, como sinónimo de empatía. E, naturalmente, o compromiso da literatura co entorno social e histórico no que vive, a súa condición de voceira da realidade.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– MAF: No meu caso laborioso, pero ao tempo dando prioridade á historia que vou contar. Quero dicir, procurando que leve un aquel de orixinalidade que sorprenda ao lector. Para contar o mesmo, xa o fixeron outros. Despois está a variante estrutural e de estilo. Iso tamén require consideración, sobre todo ao lector. Fuxir da idea de que o lector, como é soberano, está na obriga de asumir as ocorrencias, os experimentos e os xogos literarios en nome de non sei que patrón ou cousa… Por iso me mete medo cando escoito a verba “experimental”. É tan feble a liña que separa iso da arroutada, que me poño moi á defensiva. No cinema, os clásicos dicían que só aspiraban a “contar historias”. Cando escribo teño iso por única aspiración. Iso non implica rexeitar o agarimo coa lingua e porse de costas aos tempos que corren. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– MAF: Carezo de recursos para darche unha resposta lúcida porque ademais fuxo da transcendencia, pero entendo que o camiño literario do país, como ocorre co audiovisual, deberá ir pola diferenza, na procura de trazos que a afasten do mainstream, da tendencia global. Que a novela negra teña moito predicamento en todo o mundo, non pode levarnos a imitar a Mankell, a Márkaris, a Vargas ou a Camilleri, pero si a procurar trazos singulares que nos vendan como distintos desde o noso país. Só así, desde o distingo, poderemos reafirmarnos. O uso da lingua propia xa vai nesa dirección, pero non basta se non conseguimos saír a outros lectores, e polo tanto a outras linguas. Penso que o sistema literario galego ten aí un problema moi serio, algo que, regresando ao audiovisual, xa está a corrixir, ou cando menos a intentalo. Facer filmes na lingua propia que a través das lendas poidan ser disfrutados pola comunidade global. É que, do contrario, converterémonos nun gueto literario, se non o somos xa…. Xa che advertín de que son moi simple no meu argumentario… (…)”

Entrevista a Antonio Reigosa

EntrevistaAntonio Reigosa a Antonio Reigosa na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a oralidade, a literatura popular?
– Antonio Reigosa (AR): O que denominamos oralidade é moito máis ca voz e palabras máis ou menos coordenadas ou organizadas nun discurso. A oralidade é un sistema integral de comunicación no que, ademais da voz, interveñen os nosos hábitos e costumes, a liguaxe xestual, ritos, as crenzas… A literatura popular tradicional é unha parte fundamental dese sistema, nútreo de sentido espiritual, organízao en códigos simbólicos e establece as regras que permiten a comunicación entre os individuos que usan eses códigos sen sequera necesidade de racionalizalos. (…)
– P: Que perspectiva tens sobre o processo de criação artística, num sentido amplo, e especialmente no referente à oralidade?
– AR: Somos, en xeral, por natureza, individuos creadores de arte. Temos tendencia innata a procurar e compartir beleza a través da fabricación de obxectos ou da ensoñación de fantasías. A linguaxe é unha creación humana que combina maxistralmente a necesidade de dar satisfacción á comunicación entre individuos coa vontade estética. As palabras son “obxectos” sonoros capaces de singularizar a un tempo un obxecto e un sentimento, e de formar parte de conxuntos (versos, frases…) capaces de influír no noso estado de ánimo. As linguas, por exemplo, son, por enriba de calquera outra consideración, obras de arte construídas colectivamente ao longo do tempo.
– P: Que características próprias tem, do teu ponto de vista, a oralidade e literatura popular galegas, e com que outros sistemas culturais achas que se vincula (nomeadamente, com a Lusofonia)?
– AR: Desde o punto de vista lingüístico, somos irmáns dos sistemas culturais que se expresan na mesma lingua ca nós. Pero tamén somos irmáns da maioría dos sistemas culturais do mundo, na medida en que construímos o noso, igual ca os demais, para dar resposta ás mesmas cuestións básicas: De onde vimos, que hai despois…
Mirando o mundo desde a óptica das culturas populares, decatámonos de contado de que nos preocupan as mesmas cousas. Somos os mesmos, a mesma idea construída con matices secundarios.
– P: Fala-nos da tua experiência de valorização e divulgação destas formas culturais (Polafías, etc.)…
– AR: Canto máis profundizamos no saber popular, máis nos decatamos de que nos guía un pouso atávico, unha ideoloxía que prioriza o comunitario. Nas Polafías (un proxecto que se promove desde a AELG para representar a cultura popular) conflúe a necesidade de encontrarse e relacionarse, de expresarse e entenderse fronte a propostas alleas, case sempre espurias, moitas veces corrosivas, que se administran a través dos medios de masas. Unha Polafía é unha oportunidade para re-coñecerse, por tanto, unha oportunidade para a catarse liberadora.
– P: Consideras que tem o reconhecimento que precisa a oralidade nos sistemas culturais contemporâneos?
– AR: Fálase moito da oralidade, do patrimonio oral, da literatura de tradición oral pero, en realidade, o que se está a pensar é que forma parte do pasado e que a modernidade, o futuro, son ou deben ser outra cousa. Todos apreciamos, e usamos, as posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías para relacionármonos pero non deberamos esquecer que somos debedores do inmediato. O que sostén o noso armazón cultural son os afectos dos máis próximos, non só as gabanzas dos máis afíns.
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a galega, em particular-?
– AR: Sempre é recomendable non perder as referencias do que somos sen deixar de pensar en mudar o que non nos gusta. Construír sobre o experimentado é sempre garantía de solidez, e sobre esa firmeza calquera aposta, mesmo revolucionaria, ten alguna garantía de futuro. Aínda que ás veces poidamos pensar que os cambios radicais son cousa de heroes, a realidade parece demostrar que é a necesidade a que fabrica eses heroes. Ninguén pode cambiar nada, se unha maioría non desexa ese cambio. (…)”