Entrevista de Sergio Casal a Beatriz Maceda en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que decide reunir a Circe, Penélope, Morgana e Xenebra para narrar a vida de Begoña Caamaño?
– Beatriz Maceda (BM): Begoña deulles voz ás mulleres na mitoloxía, xa que sempre eramos retratadas como perversas. Deulles voz para expresar sentimentos e emocións. Despois de reler as súas dúas novelas foi cando pensei: “Agora que Begoña non ten a súa voz propia, que sexan elas as que contan a súa historia”. Era devolverlle a Begoña esa voz.
– ND: A amizade é o fío condutor do libro. Que di iso da maneira de estar no mundo de Begoña?
– BM: Dío todo. Eu fixen unha chiscadela co título. De Circe ou o pracer do azul, pois escollín Begoña ou o pracer da amizade. Porque para Begoña as súas amizades eran moi importantes e queríana moito. Iso comprobeino cando escribín o libro. É unha biografía que nace da sororidade de todas elas. Non falei con todas as súas amigas, pero súa irmá, por exemplo, compartiu comigo partes da súa infancia moi importantes. Todas as persoas coas que falei foron moi xenerosas. Nunca saberei se este libro lle gustaría a Begoña Caamaño, pero o que si sei é que lle gustaría como foi escrito, e foi escrito desde a sororidade e o afecto das súas amizades. Sen a información que me deron, sería imposíbel escribir este libro. (…)”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Abraham Pérez, escritor: “Na obra manifesto o inconsciente colectivo, cousas normalizadas pero que nos afectan”
Entrevista de Aroa González a Abraham Pérez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): No libro explora vidas urbanas condicionadas pola Grande Recesión. Como xurdiu esta idea?
– Abraham Pérez (AP): A obra xurde da idea de que ás veces os grandes feitos, os titulares, son os que van quedando nas capas dos xornais. Interesábame relatar unha serie de personaxes, tanto femininos como masculinos, que habitasen en cidades cotiás, mais que dentro desa cotiandade se revelasen e manifestasen unha serie de cuestións determinantes para as súas vidas. Unha das preguntas que estiven facendo a min mesmo ao escribir o libro foi como reaccionarían esas persoas en función da clase social, que é unha das cuestións máis importantes das nosas condicións como seres humanos. Moitas veces o concepto de clase social non é o que está en primeira plana á hora de analizar feitos históricos ou económicos. Esa é a idea principal da historia.
– ND: Con que lle gustaría que se quedase o lector despois de ler a obra?
– AP: Sobre todo que desfrute cos relatos. Non sei se “gustar” é a palabra que quero empregar, mais que lles resulte relevante e interesante. Ás veces podémonos atopar temas que ao mellor non son os que máis nos gustan pero rematan sendo moi interesantes. Espero que as persoas que o lean o desfruten e o experimenten. (…)”
‘Somos’ é o título do último libro de Luís Valle
Entrevista de Pilar G. Rego a Luís Valle no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Somos é un poemario diferente que vén ademais con notas do autor nada máis comezar para situarnos: para os que aman a poesía sen medo… e para os que necesitan algunha pauta para seguir o camiño de Somos. A entrevista pode verse aquí.”
A última novela de José Carou, ‘Ventre de madeira’, lévanos á Compostela de finais dos 80
Entrevista a José Carou no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A historia da novela é dalgún xeito autobiográfica. Ventre de madeira é a terceira novela de Xosé Carou, que tamén publicou dous poemarios. Ventre de madeira gañou o último premio Manuel Lueiro Rey de novela curta. A entrevista pode verse aquí.”
As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885 – 1936. Conversa con Carmen V. Valiña
Vigo: Os oficios do libro, Xosé María Álvarez Cáccamo
Xerardo Quintiá e Xesús Fraga presentan ‘Tempo de correspondencia’: “Introspección é unha das palabras que definen as nosas cartas”
Entrevista de Sergio Casal a Xerardo Quintiá en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como naceu esta obra epistolar: máis do azar ou da necesidade de comunicarse entre vostedes?
– Xerardo Quintiá (XQ): A verdade é que poden confluír estas dúas perspectivas. Primeiro foi algo totalmente azaroso, no sentido de que xurdiu dun correo electrónico que Xesús me envía a min e que eu, de forma azarosa, lle devolvo cunha resposta un pouco máis longa do que é habitual hoxe en día.
A partir de aí, propóñolle estabelecer unha correspondencia e despois a verdade é que foi fluíndo todo dunha maneira moi natural. Pouco a pouco foise dando tamén esa necesidade de escribir e ler o que nos escribira o outro.
– ND: Que é o que ofrece este formato epistolar á hora de crear a obra?
– XQ: Desde o meu punto de vista, este formato ofreceume a posibilidade de poder achegarme con toda a naturalidade do mundo a un ton confesional. Isto pasaba porque sabía que ao outro lado desa escrita que facía había unha persoa que ía ler o que enviaba e que ía interactuar co meu texto. (…)”
Xabier Quiroga presenta a súa nova novela: “A amizade, tan próxima ao amor ás veces, é a que marca o ritmo en Alguén ao lado”
Entrevista de Sergio Casal a Xabier Quiroga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que lle interesaba explorar nesta novela arredor dos sentimentos?
– Xabier Quiroga (XQ): Este libro, un pouco separado da miña traxectoria anterior na que falaba moito de memoria histórica e da procura dunha identidade colectiva, partiu como unha especie de necesidade de demostrarme que podía achegarme aos sentimentos. É unha novela que fala de amor, de desamor, de amizade e tamén é unha reflexión sobre unha xeración. Unha xeración criada aquí que tivo moitos problemas e que saíu un pouco trasquilada por moitos sitios.
– ND: Até que punto o pasado dun protagonista condiciona a súa capacidade de vivir o presente?
– XQ: Até o límite. As persoas que lean o libro vanse dar conta de que o personaxe principal está completamente condicionado por unhas relacións de xuventude que o marcaron. Relacións de amor, de amizade e das procuras que un realiza cando é novo. Procuras que levan a pensar que atopou o esencial da vida e, a partir de aí, todo o demais foi caer costa abaixo. (…)”
Memoria, escoita e transformación cultural, eixos de César Morán en ‘O eco das ondas’
Desde Nós Diario:
“(…) Nun primeiro apartado, César Morán detense na música “en horizontal”, unha expresión na que fai unha reflexión aberta sobre que é a música, como a escoitamos e que lugar ocupa na nosa experiencia vital. Trátase dunha reflexión aberta sobre que é a música, como a escoitamos e que lugar ocupa na nosa experiencia vital, entendéndoa non como un obxecto illado nin como un produto exclusivo, senón como unha práctica cotiá que atravesa a vida das persoas.
A radio ocupa un lugar central nesta historia, non só como medio de comunicación, senón como espazo de aprendizaxe. “Eu escoito a radio todos os días, é fundamental”, afirma Morán, que recoñece nela unha das súas grandes influencias. Mais a súa relación coa música comezou antes: “De pequeno, a música entraba pola rúa, polas casas, pola familia. Cantaba todo o mundo”. Esa escoita colectiva, previa á industria e aos dispositivos, marcou profundamente a súa maneira de entender a música. “Foi unha forma de aprendizaxe básica”, explica, “porque a música non era algo separado da vida, senón parte dela”. No libro, esa lembranza convértese nunha reflexión máis ampla sobre como aprendemos a escoitar e sobre o valor da transmisión oral e comunitaria.
Outro dos eixos do libro é a análise das transformacións culturais a partir dos anos sesenta. Morán revisa a música desa época, as súas revolucións e as súas consecuencias, combinando análise histórica e experiencia persoal. “Foron anos de cambios moi fortes”, sinala, “non só musicais, senón sociais e culturais”. A súa vivencia na Coruña daqueles anos ocupa un lugar destacado, así como as influencias que chegaban de outros países. “Había unha sensación de apertura”, lembra, “de que a música podía ser unha ferramenta para cambiar cousas”. Esa mirada cara atrás non busca idealizar o pasado, senón entendelo. “Sempre volvemos ao pasado”, reflexiona, “porque só coñecéndoo podemos facer proxectos de futuro”. (…)”
O rural cobra un papel protagonista no último poemario da autora paramesa Lorena Souto
Entrevista de Antón Escuredo a Lorena Souto en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): “Son unha escritora de procesos demorados, en certa medida porque ao longo deses anos pasaron moitas outras cousas na miña vida”, recoñece Lorena Souto cando se lle pregunta polo espazo temporal que transcorre entre libro e libro. “Vivín no estranxeiro cinco anos, escribín e publiquei unha tese, mudei logo de país, traballei en cousas moi diversas e pasei por dúas oposicións”, agrega.
Coa escrita tamén realiza un proceso no que “os textos van collendo forma amodo”. Nel, indica, “ás veces son ideas que son como unha obsesión, mais até que queda un libro co que eu estea conforme hai moito proceso de expurgo e de cambio”. Neste sentido, compara ese momento da obra como “o levedar do pan até que está listo”.
O libro xorde como unha ampliación de Coleópteros, o seu anterior traballo, no que retrata un mundo onde non existen as palabras para entender o mundo que se representa e que está instalado no rural galego. “Agora, neste libro, miro máis como funciona a comunicación nese lugar onde se centra a poética até constatar que hai un código diferente que se basea noutras dinámicas comunicativas”, sinala a poeta. Así, na obra colle relevancia a interpretación dos silencios ou dos xestos.
“Hai un intento de comprender a comunicación máis aló do que se di explicitamente”, asegura Lorena Souto. Para tratalo remítese á súa propia familia, onde acha “situacións relevantes que non se verbalizan”. Con todo, a autora prefire “que cadaquén interprete e atope o que necesite”, polo que admite que os seus poemas “deixan bastante espazo para que quen lea colla o que se suxire”. (…)”
