Entrevista de María Amigo a Antía Yáñez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Be Water II: Terra é o segundo tomo dunha saga distópica. Que a levou a escoller este xénero?
– Antía Yáñez (AY): A fantasía e a ciencia ficción sempre me gustaron, foi con Os xogos da fame como descubrín o xénero da distopía xuvenil. Tamén é un tema a debater o que é ou non é xuvenil, porque parece que se pon esa etiqueta máis facilmente cando escriben mulleres.
A distopía é unha forma de criticar o presente índonos ao futuro. A min gústame escribir ficción e afastarme da realidade que estou vivindo e a fantasía sempre é unha ferramenta útil.
En xeral eu, como lectora, cando collo un libro, o que quero é tamén escapar por medio da imaxinación, igual que escapo vendo unha serie ou unha película.
Aínda así gústame facer preguntas sobre cara a onde nos encamiñamos como humanidade e cal será o noso futuro.
– ND: Continuar esta saga foi máis sinxelo ou máis complicado que comezar unha novela desde cero?
– AY: Máis difícil, porque había moitas expectativas creadas con Be Water I e había cousas das que non me lembraba. Tiña moito medo, primeiro a defraudar, e despois a ser incongruente co primeiro libro, que o escribín en 2019. Dese ese ano cambiei bastante e tiña medo de que parecese que o escribían dúas persoas distintas.
– ND: Todo isto afectoume psicoloxicamente, por iso tardei tanto en sacar esta segunda parte.
– AY: Na obra trata temas que están á orde do día. Como alimenta a actualidade a súa produción literaria?
As miñas preocupacións, aínda que intente fuxir delas, sempre están aí, pero gústame abordalas dunha maneira diferente. Sempre tiven a lectura como un pracer e non collo un libro para ver confirmados os meus pensamentos, cólloo por lecer. Vivo no mundo, son filla da miña xeración, son millenial, sufrín diferentes crises e non podo evitar que me preocupen temas que probabelmente lle preocupen a outros millóns de persoas no mundo. Ao final, como escribo do que me interesa, remato indo a cousas que son moi comúns. (…)”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Eva Veiga, autora do manifesto da AELG: “A poesía de Rosalía chega a todos os ámbitos e valores da sociedade”
Entrevista de Roi Fernández a Eva Veiga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que importancia ten Rosalía de Castro a día de hoxe?
– Eva Veiga (EV): A obra de Rosalía ten unha vixencia absoluta. É unha poeta universal e a súa escrita aborda a problemática humana en toda a súa fondura e matices dunha maneira tan eficaz poeticamente que chega a todos e a todas. Rosalía fala do fundamental do ser humano dunha maneira que me parece fascinante: o modo no que víncula o íntimo co mundo. Hoxe en día iso é algo moi interesnate, porque ás veces nós separamos esas dúas esferas; reducimos o íntimo ao femenino e o mundo ao masculino. Vincular eses dous aspectos, como fixo Rosalía, a dimensión social e política do ser humano, é fundamental para entendernos.
– ND: Que supuxo para vostede redactar o manifesto da AELG deste ano?
– EV: Unha honra, amo a Rosalía de Castro. Que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega me encargue o manifesto é unha honra e tamén teño unha grande emoción. Desde o punto de vista tanto poético como do contexto social e político, paréceme fundamental. A súa poesía permea toda a sociedade e os seus ámbitos, e é un valor impresionante e impagábel. Cando falas de Rosalía todo o mundo sabe quen é, mais non só polo nome, senón que tamén leron algo e quedaron prendidos e prendidas.
– ND: Como cre que podemos seguir reivindicando Rosalía a día de hoxe?
– EV: Sobre todo, no ensino. O ensino é fundamental en todos os sentidos. Rosalía é unha poeta que os rapaces acollen perfectamente. Temos feito recitais nos institutos e enténdena, e isto implica reflexionar sobre a condición humana e o mundo. Paréceme fundamental, así como falar de Rosalía de Castro onde se poida. (…)”
Comprenderás estonces
como abranda a delor as pedras frías,
anque abrandar non poida
almas de ferro e peitos homicidas.
Rosalía de Castro
Cara a onde imos?
Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.
Un legado, o seu, de total vixencia neste noso mundo do que cada quen, nalgunha medida, somos responsables. Un mundo que a día de hoxe produce alimentos suficientes para fornecer 1,5 veces a poboación actual e, non obstante, no que 673 millóns de persoas sofren de alimentación insuficiente, segundo datos da FAO. Miles e miles de crianzas morren de fame ou desnutrición severa. Como definir, entón, esta especie que dicimos humana?
Tembra un neno no húmido pórtico…
Da fame e do frío
ten o sello, o seu rostro de ánxel (…)
E mentras que el dorme
triste imaxen da dor i a miseria,
van e vén ¡a adoraren ó Altísimo,
fariseios!, os grandes da terra,
sin que ó ver do inocente a orfandade
se calme dos ricos a sede avarienta.
En efecto, só a compaixón cos máis vulnerables e a denuncia da cobiza dun capitalismo salvaxe xunto a esa hipocrisía que perverte o auténtico significado das palabras e do pensamento, poden crear un estado de conciencia crítica que limite as accións criminais dos poderes económicos e políticos que perpetran, ante os nosos ollos, xenocidios en Gaza, Sudán, República Democrática do Congo, Nagorno-Karabakh, Nixeria, Etiopía ou a China. Vítimas da fame e de todas as posibles formas de violencia, milleiros de persoas foxen desas circunstancias en procura de refuxio ou de oportunidades para sobrevivir. “Miran para o mar/ os que noutras terras/ ten que buscar pan”. Segundo o CEAR, sete persoas migrantes e refuxiadas morren de media cada día no mar. Se a hospitalidade debera ser signo de civilización, como entender ese odio cada vez maior ao que chega en precariedade e desamparo? Que sociedade estamos a construír se o racismo, a xenofobia e a aporofobia medran ao abeiro de discursos tan irresponsables como infames? Se un Estado non pode dar acollemento a quen nada ten ou o perdeu todo, a quen desafiuzan ou non pode acceder a unha vivenda digna, onde radica a súa razón de ser?
mais ¿cómo pagar, cómo, si un non pode
inda pagar a renda?
Embargaránnos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin ten alma.
Se non reaximos fronte a esa acumulación obscena que reteñen un reducido grupo de magnates, multinacionais ou fondos voitres que dirixen o mundo, provocando desigualdade, cambio climático, explotación laboral, escravitude e guerras, veranse reforzados por respostas cómplices de resignación e servilismo que ata os desfavorecidos defenden, cativos da súa ignorancia. Semella así que vivimos nun sistema feudal, moi lonxe da Declaración dos Dereitos Humanos ou do Dereito Internacional e tan preto da impunidade da clase poderosa. “Mais socede nesta vida/ que os que ten culpa na levan.” Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:
Sin amar cal é negra esta vida
E perde o sol o seu brilo.
Eva Veiga
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#maiselestamenperdidos
#_rdc2026
De cairos e gadoupas | O cinema gótico dende a Hammer a hoxe (parte II), con Iria-Friné Rivera Vázquez
Fina Roca: “A poesía sempre foi para min un xeito de expresar o que de verdade sinto”
Entrevista de Ramón Loureiro a Fina Roca en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Un libro singular…
– Fina Roca (FR): Si, un libro a dúas voces, que recolle poemas do tempo da miña xuventude, versos de poemarios que permanecían inéditos, e ademais todas esas imaxes, coma nun álbum persoal. Un libro que, grazas ao labor da miña filla, e a como o deseñou, é o que é.
– LVG: Se lle pregunto pola súa infancia, cales son as primeiras imaxes que lle veñen ao pensamento?
– FR: A casa nacín en Canido xa non existe, xa non está. Pero de Santa Mariña, que na miña nenez era un lugar cheo de hortas, teño moitos máis recordos. Alí foi onde aprendín a ler a escribir. Recordo moito aquela escola á que eu ía tan contenta, como recordo tamén os camiños entre as hortas, polos que eu ía cantando. Foi un fermoso tempo.
– LVG: Que é, para vostede, a poesía?
– FR: A poesía para min sempre foi un xeito de expresar o que de verdade sinto.
– LVG: Pero ata agora apenas publicara versos…
– FR: Así é. Publiquei cousas moi diferentes. Pero a poesía estaba aí. Tiña poemarios inéditos que fun gardando para min mentres o tempo pasaba. E agora chegou un momento da miña vida, tras deixar atrás momentos moi difíciles, nos que creo que xa é hora de dar a coñecer eses versos, de ir rescatando todo ese material. (…)”
Branca Trigo: “Gústame pensar nesa relación que hai entre o corpo e o baleiro”
Entrevista de Pilar G. Rego a Branca Trigo no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“No Mundo Carne amalgámanse o individual e o colectivo, a historia e a vida, a terra e o corpo. Este poemario, publicado por Malafera e ilustrado por Octavia Russo, abre na realidade unha ferida. Vomitei Deus, en edición bilingüe, é unha selección de poemas de Mundo Carne e dos seus libros anteriores con epílogo de Chus Pato. A entrevista pode verse aquí.”
Xesús Fraga: “Escribir unha carta e esperar pola resposta esixe desa atención plena na comunicación”
Entrevista de Pilar G. Rego a Xesús Fraga e Xerardo Quintiá no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Tempo de correspondencia é un libro que xorde do azar, da carencia e, en maior medida, da relación persoal entre Xesús Fraga e Xerardo Quintiá. Dezaseis cartas que tentan devolvernos ese sosego comunicativo. O libro, de xénero epistolar, inclúe nos textos desas cartas pequenas sorpresas como links, música, consellos literarios que xorden dese diálogo entre os dous escritores. A entrevista pode verse aquí.”
A autora fala da súa obra: entrevista longa a Medos Romero
Pode verse aquí a entrevista extensa sobre a súa traxectoria a Medos Romero.
Carlos Negro: “Este libro é un diálogo amoroso entre dúas persoas e a morte é unha ponte que hai que cruzar”
Entrevista de Pilar G. Rego a Carlos Negro no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Este libro botouse a voar porque levaba dentro unha crenza de que hai persoas que fan florecer os cadaleitos, en canto deixan en nós un pouso que sen temor ningún podemos considerar unha forma suprema de elegancia”. Así comeza a nota de autor deste libro, A caligrafía das espigas. O novo poemario de Carlos Negro volve con versos, notas manuscritas e coa lembranza de Pepita de Romero, a súa avoa materna, e con toda a elegancia que dela herdou. A entrevista pode verse aquí.”
Entrevista a Abraham Pérez sobre A vida a arder en Ames Radio
Desde Ames Radio:
Entrevista a Abraham Pérez arredor do libro A vida a arder, publicado por Galaxia. Pode escoitarse aquí.
Adrián Noia: “‘Pontealbar’ nace dunha lenda situada nesta aldea de Trazo”
Entrevista a Adrián Noia no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pontealbar foi publicada por Editorial Galaxia e é a súa terceira novela, unha historia fantástica e de aventuras con personaxes mitolóxicos. A historia parte dunha lenda da aldea de Pontealbar, en Trazo, que recollía Leandro Carré en Las leyendas tradicionales gallegas. Adrián Noia tamén gañou a novena edición dos Premios SELIC de Creación Literaria 2025 pola súa obra O silencio non arrola. A entrevista pode verse aquí.”