Moncho Iglesias Míguez: “Non creo nas fronteiras na escrita, os versos poden nacer dunha imaxe, dun cheiro…”

Entrevista a Moncho Iglesias Míguez en Zig-zag, da Televisión de Galicia:
“Moncho Iglesias foi mestre de castelán en Belén, en Palestina, e non volveu alí desde 2013. Publicou outros poemarios sobre Palestina como Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos ou pedras de Plastilina, pero agora sae a rúa da man de Urutau: Cheira, onde transita entre a poesía, a prosa poética e as imaxes de Palestina, fotografías tiradas polo autor. A entrevista pode verse aquí.”

Ramón D. Veiga: “Botaremos en falta o Entroido pero podemos celebralo na casa”

Desde o Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Que pretende con este libro [Non pare a festa. É tempo de Entroido 2]?
– Ramón D. Veiga (RDV): Igual que co anterior, É tempo de Entroido!, queremos que a rapazada (e os non tan nenos) saiba da enorme riqueza etnográfica que temos en Galicia. Porque hai máscaras moi coñecidas coma os Peliqueiros de Laza, as Pantallas de Xinzo ou os Cigarróns de Verín, pero tamén existen outros Entroidos, se cadra máis agochados, como os Vixigueiros de Samede ou os Follateiros de Lobios –por citar só dous– igual de interesantes.
– FV: Tamén ten unha parte musical interesante… con que fin?
– RDV: A música é fundamental en calquera festa e se en É tempo de Entroido! lle pedimos a Isabel Fernández Reviriego (Aries) que lle puxese música ao texto do libro, neste caso foron Os Amigos dos Músicos os encargados de musicar Non pare a festa e non podemos estar máis contentos co resultado. Ademais, unha canción (e un vídeo realizado por Siradella Films) é un recurso interesantísimo para os colexios, onde os mestres e as mestras poden cantar e bailar co alumnado ao mesmo tempo que lles dan a coñecer o Entroido galego.
– FV: Entendo que o libro fai unha descrición das figuras do Entroido en Galicia, os nenos e nenas son conscientes ou é precisamente para achegarlles estas figuras tradicionais?
– RDV: Os nenos e nenas que viven en vilas e aldeas onde hai un personaxe típico do Entroido coñéceno e víveno intensamente. Porén, hai moitos lugares en Galicia onde o Entroido é máis urbano e viven a festa dun xeito diferente: disfrázanse, asisten aos desfiles ou mesmo participan nas comparsas e nos concursos, pero isto é moi diferente do que queremos amosar cos nosos libros. Aquí trátase o Entroido tradicional e, mediante as ilustracións de David Sierra, damos a coñecer como son esas máscaras, eses traxes e, en definitiva, eses personaxes tan excepcionais que forman parte da nosa cultura e da nosa tradición e que debemos reivindicar e respectar. (…)”

Eva Mejuto: “Este libro conta a historia dunha crianza pero narrada pola propia nena”

Desde Xerais:
“O programa ZigZag Fin de Semana, da TVG, emitiu unha entrevista de María Solar con Eva Mejuto e Bea Gregores sobre o libro: A lavandeira de San Simón, publicado por Xerais. A entrevista pode verse nesta ligazón.”

Rexina Vega: “A figura paterna márcanos tanto como a materna, detesto esa hiperinflación da maternidade como valor absoluto”

Entrevista de Montse Dopico a Rexina Vega en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [O estado intermedio] colle o título da idea do estado transitorio que segue á morte do budismo. E a partir da mesma érguese boa parte da estrutura da novela. Por que?
– Rexina Vega (RV): A idea de profundar neses 49 días despois do deceso tomeina dunha noveliña de Antoine Volodine, Bardo or not bardo. Cando xa estaba metida en fariña vin tamén unha película de Gaspar Noé, Enter the void, que trata o mesmo tema. Alén diso, xusto comecei a escribir logo dun período, poderíamos dicir que espiritual, e que en realidade estaba provocado pola crise da madurez e a menopausa, unha sacudida vital da que non hai aínda rexistros abondos, e que me levou a pescudar intensamente no budismo. Cadraba tamén no tempo a miña lectura, febril, da obra de John Berger, que ten unha dimensión que rescata a comunicación entre os vivos e os mortos. Con todo iso abriuse para min unha porta, a morte interésame desde sempre, creo que tiro máis ao Tánatos có Eros. Que pasa cando morremos?
– P: Unha filla volve á casa do pai para vendela e poder afastarse así do pai que non foi, que rexeita. É un tema moi presente na literatura, e máis aínda, penso, na literatura galega dos últimos anos: a volta a algún lugar da infancia para arranxar contas pendentes. Por que pode estar tan presente no noso contexto?
– RV: Este é un dos grandes temas, está claro, aquí e na literatura universal. A relación co pai, co nai é un subxénero en si mesmo. Eu creo que este tema ten máis presenza agora pola auxe da autoficción. Poucas cousas máis importantes nos pasan na vida que enterrar un proxenitor!! Agora, pode que teñas razón, e que nese axuste de contas que significa o punto final dunha relación sempre agónica, inclúase no noso caso o desexo tamén de matar o mundo ao que eles pertencen. De todos xeitos, no meu caso, a cultura labrega, o mundo rural non é visto como un problema, é visto como unha paisaxe. Eu, coma xa moita xente en Galicia, son filla dunha cultura urbana que mantén fortes vínculos co rural, un rural máis amable, desactivado, exótico e ao tempo presente nas capas profundas da identidade. Interesábame pescudar aí.
– P: Ao pai amolábao a vida que tiña. Molestáballe a muller, os fillos, o traballo. Tiña unha vida que non escollera, como era -e é- habitual. Refúxiase nas tabernas, nos compañeiros, nalgún momento na política. O pai é un personaxe típico do seu tempo: home frustrado, pai e marido egoísta. Por que é así? Dalgún xeito quixeches retratar un xeito de ser obreiro e pai dunha época?
– RV: Outro dos meus intereses ao escribir O estado intermedio é trazar a educación sentimental dunha xeración, dos pais e das nais, de todos. Quería comprender á xeración que protagonizou a Transición, e que é singular en moitos aspectos. Son fillos do franquismo de primeira hora, algo que equivale a dicir que foron educados nun mundo ficticio no que non había pasado. Eles medran aí nese baleiro, nese silenciamento e nas historias fantasiosas do réxime que debuxaba unha guía moi clara e nidia de actuación. Na mocidade esa xeración, en masa, rompe con aqueles cánones tan tan claros, a Transición é un movemento dunha extraordinaria violencia dentro das cabezas.
Esa xeración matou doutro xeito o pai e a nai, dun xeito moito máis frontal que ningunha das anteriores e posteriores. Abriron camiños de liberdade no persoal, pero tiñan unha cadea dentro, reaccionaban contra os valores nos que foran educados e nos que se construíran, pero nunca os esqueceron. Ese modelo de home, que non é exactamente un obreiro, senón un desclasado cheo de contradicións é o que quería reproducir. Curiosamente, pensei moito en Carlos Casares, tamén fillo de mestre e educado no seminario. Salvada a enorme distancia co protagonista do meu libro, creo que esa figura tamén representa á perfección o claroescuro dunha xeración de homes. (…)”

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG: “Sen condicións económicas dignas para o/a escritor/a, o sistema literario non é sostible”

Entrevista a Cesáreo Sánchez no Zig-zag de Televisión de Galicia:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega prepara o Libro branco sobre a situación do sector literario galego. A día de hoxe é un colectivo masculinizado, pero as mulleres comezan a ser maioría entre as novas xeracións de autores.
A entrevista pode verse aquí.”

Carlos López Bernárdez: “O estilo do portal de Tui non ten relación coa tradición anterior nin coa arte do Mestre Mateo en Compostela”

Entrevista a Xosé Carlos López Bernárdez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): No fascículo publicado por Nós Diario sobre San Martiño de Foz Aurelia Balseiro sitúa o inicio do románico neste templo. Vostede fai o mesmo, mais agora en referencia ao gótico, na porta occidental da Catedral de Tui. Pode avanzarnos algo sobre isto?
– Xosé Carlos López Bernárdez (XCLB): A catedral de Tui estaba a construírse de acordo cos modelos románicos, como tamén pasaba coa de Ourense. O certo é que a influencia nesa altura en Tui é a das construcións románicas da sé compostelá. A partir de 1180, despois dunha paralización, continúan as obras e xa se altera o trazado para adecualo ao estilo gótico. En concreto, na porta occidental o que temos é unha realidade estética diferente, trátase do primeiro portal gótico peninsular, que foi extraordinariamente analizado por Serafín Moralejo na súa tese de doutoramento Escultura gótica en Galicia (1975). O estilo do portal de Tui non ten relación coa tradición anterior nin coa arte do Mestre Mateo en Compostela. Realízase arredor de 1225 e introduce fórmulas que teñen como referencia a catedral de Laon, unha construción que está situada no Camiño francés a Compostela e onde se encontran algunhas das primeiras manifestacións do gótico inicial.
– ND: Vostede fala dun programa iconográfico novidoso e moi ligado á Franza. Cais son esas novidades?
– XCLB: Tui presenta novidades formais e temáticas. Formalmente destaca por unha marcada verticalidade, pola maneira de elaborar as figuras das xambas que xa son estatuas e polo tímpano organizado en rexistros superpostos con dinámica narrativa e relevos ligados ao fondo. No lintel e tímpano presenta escenas evanxélicas co tema do encontro entre Cristo e a Igrexa e nestas escenas insírense os primeiros interiores e paisaxes da arte galega. Nas xambas son representadas figuras do Antigo e Novo Testamento, entre elas Salomón e a raíña de Saba. (…)”

Manuel Rivas: “A verdade hai que imaxinala”

Entrevista de Ana Abelenda a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Defende unha democracia afectiva [en Zona a Defender]. Que poder social e político ten o afectivo?
– Manuel Rivas (MR): O afectivo é o máis efectivo, aínda que o efectivo parece que é o que funciona como unha máquina. Pero, se nos movemos no afectivo, hai un respecto, un compartir. Non é un falso espellismo. Vémolo no libro Por que fracasan os países?, de Daron Acemoglu e James Robinson, que compara sociedades e ve por que unhas quedan no atraso. Falan de sociedades nas que predomina o círculo virtuoso e doutras de círculo vicioso. As primeiras son inclusivas. O exemplo sería a danesa, onde só unha parte menor da poboación é rica por herdanza. Hai fluidez social.
– LVG: Lanza unha pregunta directa: «Cando se fodeu o xornalismo?».
– MR: A maneira en que fala unha sociedade di como está, e o que vén. Hoxe a máxima prioridade é o cultivo ecolóxico das verdades. A mentira detéctase polo fume que bota. Podes detectar se alguén está mentindo polo tipo de fume que bota pola cabeza… O que temos que facer no xornalismo non é preguntar se chove ou non chove, senón saír fóra e ver se te mollas. O xornalismo é como saber facer os propios zapatos para andar, iso dicía Tolstói do escritor. Hai que coller desvíos, porque semella que todos imos pola mesma autoestrada. Hai que saber despistarse…
– LVG: Que palabra estamos a usar hoxe peor?
– MR: -Hai que preocuparse cando unha sociedade usa moito palabras grandilocuentes: patria, bandeira, inimigo… Pero as palabras son moi diferentes segundo o ton. As palabras queren dicir, pero ás veces están tan intimidadas… Os mellores momentos das palabras son cando unhas non mandan máis que outras, cando non discriminan bocas, cando están a gusto. ­Que envolves ti nunha bandeira? Que é ser patriota? Eu non concibo alguén que se diga patriota e descoñeza que árbores ten no seu país, que lingua fala. (…)”

Chus Nogueira: “Xela Arias rompeu co discurso dominante. Fixo poesía urbana e quixo levala á rúa”

Entrevista a Chus Nogueira na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Dicir que unha voz poética é singular pode soar a tópico. Por que a de Xela Arias o é? Que fai diferente a súa poesía da escrita por outros autores do seu tempo que tamén contribuíron a anovar as letras galegas?
– Chus Nogueira (CN): Ela mesma sentiu orfandade xeracional, manifestouna en moitas ocasións. Coido que o que marcou a súa poesía foi, por unha banda, o afán de innovación, de ruptura con boa parte da tradición que a precedía; e por outra a vontade de seguir un camiño propio, á marxe doutros vieiros que xa existían. Xela Arias mantivo distancia a respecto da estética dominante dos anos 80, non foi explicitamente culturalista, non elaborou un discurso retórico conforme aos canons do momento. Creo que todo iso fíxoa sentir entre dúas xeracións, por iso é tan difícil situala na historiografía.
– RAG: Que vieiros abriu seguindo o seu propio camiño? Adiantou o que sería máis común nas décadas seguintes?
– CN: Penso que si. Estaba a facer unha poesía urbana xa desde os primeiros poemas que publicou en revistas e fanzines a comezos dos anos 80, algo que era bastante infrecuente no momento. Abriu camiños temáticos e tamén formais, rompendo, como dicía, o discurso dominante. E sobre todo adiantouse en actitudes. Quixo levar a poesía á rúa, quitala do sillón do lector, en palabras textuais dela, mediante recitais e outras intervencións. Xela Arias anticipa a poesía, as actitudes e as consignas das xeracións dos anos 90. (…)
– RAG: Tense dito que Xela Arias é unha poeta de culto entre poetas e, ao mesmo tempo, pouco coñecida.
– CN: Produciuse un paradoxo. Por unha banda existe ese recoñecemento, pero Xela Arias tamén sufriu certa exclusión do canon. Hai unha reivindicación explícita de Xela Arias, moitas veces case como icona, como poeta de culto, sobre todo por parte das voces da poesía e das lectoras máis novas. Creo que a súa actitude rebelde e rupturista, e talvez a súa circunstancia biográfica, influíron na creación desta icona; mais tamén o seu esquecemento, porque foi esquecida precisamente pola difícil adscrición. Houbo un momento en que a súa obra estaba practicamente descatalogada, non era accesible máis alá das bibliotecas e das coleccións privadas, chegou a circular case dunha maneira alternativa, en fotocopias e a través da Rede. (…)”