Coñécense as obras premiadas no XXXVII Premio Modesto R. Figueiredo de relatos

“A Fundación Pedrón de Ouro elixiu Rianxo como lugar da entrega da edición número trinta e sete do Premio Modesto R. Figueiredo de relatos para, segundo explicou o seu presidente, ser partícipes da conmemoración do 125 aniversario de Castelao. A proposta tivo boa acollida no Concello, e o vindeiro día 30 farase entrega do galardón no auditorio municipal. Onte tivo lugar, na vila rianxeira, a reunión do xurado, que acordou premiar o traballo de Amancio Liñares Giraut Coreografía Obama. Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, destacou do traballo gañador que é unha obra “moi vangardista, moi ben artellada e moi ben escrita. Pensamos que é unha gran aportación á nova narrativa galega”. O gañador recibirá 1.000 euros en metálico como premio e a publicación do seu relato.
O xurado tamén quixo destacar outros traballos dos 39 que se presentaron ao certame concedendo dous accésits que foron para Frío azul, de Ledicia Costas, e para Eco da afasia, obra de Xaime Domínguez Toxo. Ámbolos dous recibirán 400 euros e a publicación dos seus relatos xunto co gañador. Fandiño, Anxo Angueira, Agustín Agra, Tucho Calvo, Esther Carrodeguas, David Otero e Xesús Santos, como coordinador, formaron o xurado encargado de fallar esta edición do Premio Modesto R. Figueiredo, que se entregará nun acto no que participará o escritor e académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos.” Vía La Voz de Galicia e Certo.

Francisco Castiñeira gaña o Certame Literario de Narrativa Breve do 90º aniversario da Federación de Asociaciones Gallegas de Arxentina

“A Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina informa os nomes de quen resultaron gañadores do Certame Literario de Narrativa Breve, organizado no marco do 90º aniversario desta institución, baixo a temática Vivencias da emigración galega. O Primeiro Premio recaiu en Francisco Castiñeira Romar, coa súa obra Sobre maletas. O autor, nado en Suíza en 1977, de pais galegos, reside actualmente en Regensburg, Alemaña. O segundo premio correspondeu a María Rosa Iglesias López, polo seu relato Las voces del silencio. Por expreso pedido do Xurado, formado por Débora Campos Vázquez, Andrea Cobas Corral e Hernán Díaz, o terceiro premio foi compartido por tres autores: Xulio Romero Suárez, polo seu traballo O artista de Senande, Manuel Iglesias Iglesias pola súa obra Jornal duma viagem em 1990, e Horacio Rodio Sein polo seu texto No es que no vuelva porque me he olvidado. O acto de entrega dos premios, con entrada libre e gratuíta, terá lugar o venres 16 de decembro, desde as 18:30 horas, na Federación, ubicada en Chacabuco 955, do barrio bonaerense de San Telmo.”.

Agradecemos ao autor premiado, Francisco Castiñeira, o envío da información, ao tempo que lle enviamos os nosos parabéns polo premio.

Adelaida Vidal Vizcaya gaña a XII edición do Premio Vicente Risco de creación literaria

No Concello de Ourense, sendo as trece horas do día vinte e seis de novembro de dous mil once, reúnese o xurado nomeado para o Premio Risco de Creación Literaria de Ourense na súa duodécima edición, e que estivo composto polas seguintes persoas: Arturo Lezcano Fernández (envía a súa valoración por escrito), Xulio García Golpe, Constantino Pazos Sobrino, Fernando Méndez e Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco, sendo a Presidenta do Xurado a Concelleira de Cultura, Festas e Festival de Cine, Auditorio e Normalización Lingüística, Isabel Pérez González (sen voz nin voto). O Secretario fai constar o agradecemento a todos os membros do xurado pola súa participación.
Tras unha ampla deliberación, acordouse conceder o XII Premio Risco de Narrativa ao traballo presentado co título: Olladas. O xurado cualifícaa como unha novela na que cómpre salientar un relato minimalista, cheo de realismo e frescura narrativa. Con personaxes moi contemporáneos que apostan polos soños. A trama está sostida por un narrador omnisciente que “todo o sabe”, e no entanto non emite xuízos de valor, deixando que os personaxes teñan autonomía e identidade propias.
O secretario procede á apertura do sobre correspondente, resultando autora da obra gañadora: Adelaida Vidal Vizcaya. En proba de conformidade, subscríbese a presente acta da que eu como Secretario dou testemuño no lugar e data arriba citados.

Ourense, 26 de novembro de 2011

Luís Martínez-Risco Daviña.

Manuel Lourenzo González gaña a XXIX edición do premio Blanco Amor de novela longa

O autor Manuel Lourenzo González gañou a XXIX edición do Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, organizado este ano polo Concello de Santiago. Co lema ATL, Manuel Lourenzo creou unha trama ambientada no futuro. En verbas do xurado, “a intriga que desenvolve a trama está ben dosificada e consegue captar a atención do lector. O mundo futuro no que se desenvolve resulta sólido e sen estridencias. E, ao mesmo tempo, ATL ocúpase dos problemas da identidade e o sentido da vida que son manexados de maneira eficaz”. O premio será entregado ao gañador polo alcalde, Xerardo Conde Roa, nun acto que se celebra o 2 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O escritor xa ten obtido outros senlleiros galardóns da literatura galega, coma o Xerais, o Pedrón de Ouro ou o García Barros, entre outros.  Vía Cultura Galega.

Celia Díaz gaña o Premio de narración Pura e Dora Vázquez novelando as ferreirías de Quiroga

Celia Díaz Núñez (O Páramo, 1961) fíxose coa IX edición do Premio de narración Pura e Dora Vázquez -que xa gañou na súa primeira edición, no 2004-, na súa modalidade de narración, que convoca anualmente a Deputación de Ourense e que está dotado cun premio de 3.000 euros. O texto premiado, Rugando, sitúase neste lugar de Quiroga, e a autora parte da base histórica do funcionamento das antigas ferreirías para constuir un relato de intriga. Como explicou, a obra estrutúrase, fundamentalmente, en dúas partes. A primeira sitúase no presente e os protagonistas son un grupo de xornalistas da TVG que se trasladan a Quiroga para realizar un documental sobre a elaboración do ferro. En pleno labor, atoparanse cun misterio, que Díaz Núñez, obviamente, non quixo desvelar. Na segunda parte da novela, o lector viaxará ata o século XIX, cando un monxe de Samos chega a Rugando para administrar a ferreiría. É precisamente nesta época onde se fragua o misterio que percorre a obra. “Logo hai un epílogo breve non que esas dúas épocas únense para resolvelo”, resume a escritora. (…)”. Vía El Progreso.

Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol con Microbios e outros paquidermos

“Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol coa obra Microbios e outros paquidermos, dotado con 9.000 euros e a publicación da obra na Editorial Galaxia. Fina Casalderrey, membro do xurado, definiu a obra gañadora como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos”, destacando “o uso da a contundencia do breve, utilizando a retranca, ou absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”. Son microrrelatos intelixentes que levan á reflexión, conseguindo un ritmo áxil que convida a facer paradas para o lector. “É un libro para pensar”, concluíu. Trinta e nove foron as obras orixinais e inéditas que, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120, se presentaron a este premio que chega á súa quinta edición. O xurado, formado por prestixiosas personalidades das letras galegas, estivo composto por cinco membros: Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey. A entrega do Premio terá lugar antes do final do ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.” Vía Galaxia. Entrevista en La Voz de Galicia, e reseñas en Xornal, La Opinión, Fervenzas Literarias e El País (Galicia).

Mario Regueira gaña o Premio de Novela Curta Lueiro Rey, con Outono aquí

O sábado 10 de setembro, e convocado polo Concello do Grove e a Editorial Sotelo Blanco, deuse a coñecer a obra gañadora do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2011. O xurado, composto por Armando Requeixo, Manuel Quintáns, Francisco Martínez Bouzas, Ánxela Gracián e mais Chelo Suárez, esta última en calidade de gañadora da anterior convocatoria do galardón, decidiu, por unanimidade, outorgar o premio á novela presentada baixo o título Outono aquí, que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do narrador, poeta e ensaísta ferrolán Mario Regueira. Nesta obra (que estará nas librerías previsiblemente contra finais de ano) Regueira narra a historia dun reencontro entre dous irmáns orfos. Un deles —o maior, famoso cantante que vive na cidade belga de Gante— sofre unha enfermidade grave e, logo dunha delicada operación, vese obrigado a gardar unha moi longa convalecencia encamado, así que opta por retomar o contacto co seu irmán menor —operario que mora nunha cidade galega—, co que hai anos que non ten maior relación, e decide chamalo cabo si. O que segue despois é unha intensa trama onde o papel da rememoración dos tempos da infancia e mocidade pasadas se entremestura coas complexas vivencias do presente, nas que o amor, a fidelidade e a xenerosidade alternan co odio, o rancor e a incomprensión creando un fresco de paixóns sostido por uns personaxes magnificamente perfilados e de grande fondura psicolóxica.

Isaac Xubín gaña o premio literario Os Viaductos

“O premio literario de relatos curtos en galego Os Viaductos recalou este ano no filólogo coruñés Isaac Xubín, quen gañou 1200 euros e a publicación da obra presentada, titulada Le pied de Julien Dupuy. O novo autor explicou que o conto, de apenas seis páxinas, “narra a vida de tres persoas en Francia, en tres relatos diferentes unidos por un pano de fondo que é o deporte do rugbi”. O xurado do certame tamén recoñeceu os traballos de Pedro Feijóo Barreiro (O segredo do viaducto) e Alberto Rodríguez (Contradanza para dous coellos). A entrega de premios deste prestixioso concurso literario para mozos tivo lugar o sábado pasado na Casa da Torre, coa asistencia do escritor e académico da Real Academia Galega e xefe de Policía de Galicia, Luís García Mañá, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, o alcalde Javier Bas e o concelleiro de Cultura Alberto Pazos”. Vía Bibliotecas de Redondela.

Iria Morgade gaña o 7.º Premio Biblos-Pazos de Galicia coa obra Verbas no ar

‘Iria Morgade Valcárcel, unha moza de Poio (Pontevedra) de 23 anos que vén de licenciarse en Políticas en Madrid, é a gañadora do 7º Premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou o 22 de xullo do 2011 no transcurso da tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao (a quince quilómetros de Compostela) a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos. O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Xabier P. Docampo como titor e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. (…)
A novela Verbas no ar, da que é autora Iria Morgade Valcárcel, resultou gañadora por unanimidade ao considerala o xurado unha obra “actual e oportuna que procura relacionar as revoltas nos países do norte de África coa actitude de descontento e protesta da xuventude protagonista dos movementos que estamos a contemplar no noso entorno”. Para o xurado, integrado por Xabier P. DoCampo, Elena Veiga e Tucho Calvo, “a obra está escrita cunha vocación de estilo que acode a unha linguaxe directa, construída cunha disposición do texto baseada nas frases curtas e nos parágrafos de pouca extensión, que procuran máis a suxestión cá descrición. Seguindo un estilo case propio do panfleto, por agresivo, mesmo incendiario, Iria Morgade sabe o que fai disparando verbas ao ar”. Segundo o fallo, Verbas no ar “amosa o texto que as florituras non son necesarias para que nos desgarre, abríndonos os ollos ante un mundo en conflito a golpe de linguaxe tweet. E a autora sabe tamén que son tempos de combate, de manifestarse contra a inxustiza, como ela o fai a través das palabras dun Ayat que sufre lonxe pero que o sentimos preto grazas a ese certo ton de crónica que impregna a novela”. Verbas no ar, engade, “zóupanos con imaxes duras, facéndonos partícipes á forza dunha novela real. Percíbese tamén a tentativa da autora da incitación á loita, filosofando sen cortapisas, e instigándonos a filosofar a nós tamén. Así, o sabor agridoce que nos deixa a súa lectura é un dano colateral necesario, como moitos dos que sufren os personaxes. E, á fin e ao cabo, estes danlle voz a un manifesto que debera ser universal…”. O xurado “valora tamén positivamente os outros traballos finalistas e anima a Iria Ameixeiras Cundíns e a Andrés Carrasco Solla a rematar os seus respectivos proxectos dadas as moitas posibilidades que se apuntan neles”. Ambos autores recibiron cadansúa placa como finalistas. E Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo recibiron cadansúa escultora creada por Ramón Conde para os titores do premio. O acto concluíu coa entrega doutro galardón, o 3º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia e que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, que este ano correspondeu ao exconselleiro Vázquez Portomeñe polo seu labor de recuperación do Camiño de Santiago.’ Vía Biblos Clube.

Antonio Piñeiro gaña o XXIII Premio Manuel García Barros, con As fiandeiras

“O escritor e editor Antonio Piñeiro resultou gañador da XXIII Edición do Premio Manuel García Barros, coa novela As fiandeiras por decisión unánime do xurado, que estivo formado por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Lema, Valentín García Gómez que actúa como Secretario.
En opinión do xurado, a novela gañadora é intensa, reveladora e sutil e achega a historia dun tempo pasado lexible en clave presente, abrindo vías que convidan a repensar realidades como o poder, o xénero, o educativo ou o avance do progreso. Novela de prosa moi plástica e cinematográfica, presenta unha trama ambientada nos tempos das revoltas cantonais do século XIX na que se desenvolve unha historia moi elaborada na caracterización psicolóxica dos personaxes, con decisiva pegada simbólica, onde se producen desvelamentos susceptibles de ser lidos dende a denuncia do social e que acaban por debuxar un delicado retábulo de seres e vivencias.
Antonio Piñeiro reside en Ribeira, é profesor de Historia e dirixe a editora artesanal Bourel. Este ano obtivo o Premio Avilés de Taramancos co relato A dama fulxente. A obra gañadora será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia. Tamén en Fervenzas Literarias.