Desde Sermos Galiza:
“A poeta de Viveiro vén de facerse coa XIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro Pen de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 33 obras.
O poemario gañador -titulado Vestir a noite– é, en palabras do xurado, “unha proposta poética ben artellada e consciente da súa macroestrutura. Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos. Cómpre destacar a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos. Vestir a noite achega ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante”.
O xurado, que emitiu o seu dictame na segunda feira 5, estaba composto por Dores Tembrás, escritora; Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Ana Abelenda, xornalista e crítica literaria en La Voz de Galicia; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado. (…)”
Arquivo da categoría: Premios poesía: ditames
De Ela, obra gañadora no XVII certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores
Desde Crónica 3:
“Alba Sánchez Ares, veciña de Santiago de Compostela, foi a gañadora do XVII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. O traballo presentado pola gañadora que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título De Ela.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra O suicídio da camelia, da que é autora Tamara Andrés Padín, de Poio.
Daniel Irimia Yáñez acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Resoar de amor e morte. Daniel Irimia é de Momán, Cospeito.
A entrega do Premio terá lugar o vindeiro sábado, 10 de decembro a partir das 12:15 horas da mañá segundo o seguinte programa:
– 12:15 horas. Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:30 horas. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”
Coñécense as obras gañadoras do XXX Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, de Cornellà
“O sábado 26 de novembro, celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro 2016, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acada a súa XXX edición.
O acto de concesión dos premios foi precedido da presentación, no Centro Cultural García Nieto de Cornellà, do libro Follas Novas de Rosalía de Castro, unha edición crítica, que inclúe notas e comentarios de Anxo Angueira sobre o texto rosaliano. Como nos ten acostumados, Anxo Angueira volveu darnos unha lección maxistral dos textos de Rosalía en Follas Novas, coa súa narración e explicación.
Pola noite, e no transcurso dunha cea celebrada nas dependencias da entidade, coa presenza do presidente da Asociación, Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos da entidade, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, Anxo Angueira Viturro (Presidente da Fundación Rosalía de Castro) e composto polo vicepresidente Henrique Fernández Sánchez (presidente fundador do Certame, e poeta), vogais, Carmen Penim (profesora e cantante), Xulio Simón (profesor), Xosé Lamela (escritor) e como secretario o profesor Xulio Cougil Vázquez, deu a coñecer aos gañadores deste ano 2016 na súa 30 edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que foron os seguintes:
– Primeiro premio: Javier Rouco Ferreiro, da Coruña, polo seu poema titulado A escrita da Luz.
– Segundo premio: Miriam Ferradáns Ferradás, de Bueu, polo poema Situarémonos fronte ao frío, berrando.
– Terceiro premio: Modesto Fraga Moure, de Arteixo, polo seu traballo Éxodo.”
Coñécense as obras gañadoras do Certame Xuventude Crea
Lorena Conde gaña con Entullo o XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña
Desde a Deputación da Coruña:
“A actriz, dramaturga, directora, escenógrafa e atrezzista, Lorena Conde é a gañadora do XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña co seu libro Entullo. A obra de Lorena Conde impúxose na decisión do xurado entre os 85 libros presentados, unha cantidade sensibelmente superior á anterior edición.
Un xurado composto por Pilar Pallarés, Lucía Aldao, Marga do Val, Antón Lopo e Gonzalo Hermo, presidido pola vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín coa xefa de servizo, Mercedes Fernández-Albalat, como secretaria, decidiu, por marioria, escoller o libro Entullo, de Lorena Conde Martínez, presentada co lema K.Blum, como gañador do XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña.
O xurado valora na obra premiada a “orixinalidade na construción das imaxes e no tratamento do tema: a visión do corpo como espazo de reconstrución, nun proceso de degradación física e emocional”.
Lorena Conde (Pontesampaio, 1980), é actriz, dramaturga, directora, escenógrafa e atrezzista. Iníciase no teatro universitario primeiro como actriz e despois como directora. Desde 1999 traballa como actriz en varias compañías galegas.
Desde o ano 2000 dirixe varias compañías de teatro amador (Captatio Benevolentiae, Enlata Teatro, Farrapo Teatro) para as que adapta e/ou escribe e pon en escena máis dunha decena de espectáculos, gañando diversos premios como directora e dramaturga.
Desde 2013 é cofundadora de Matrioshka Teatro -compañía profesional gañadora de varios premios María Casares,- na que traballa como deseñadora e actriz, para a que escribe o seu espectáculo Manawee.”
Xavier Queipo gaña o premio de poesía erótica Illas Sisargas con O Home Invisíbel
Desde Sermos Galiza:
“O escritor Xavier Queipo acaba de ser distinguido co XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas por un poemario intitulado O Home Invisíbel.
O xuri do certame reuniuse na Coruña a pasada sexta feira e estivo composto por, na súa calidade de presidente, Francisco Souto, secretario da asociación cultural Caldeirón, ben como polo gañador da edición anterior, Mário J. Herrero, e por Antón Lois Noceda, animador sociocultural do concello de Malpica, que actuou como secretario.
Un total de 19 obras concorreron a este premio.
O fallo do xuri foi emitido por unanimidade e nel valorouse “a perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle. Así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica”.
Convocou este premio a Asociación Cultural Caldeirón, coa colaboración do concello de Malpica.”
Miriam Ferradáns acada o XXIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
“O Xurado do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, acordou seleccionar como obra gañadora deste ano a titulada Dos nomes de fume, de Miriam Ferradáns Ferradas.
Na acta do Xurado -formado polos escritores Lara Dopazo, Paco Souto e Eduard Velasco– saliéntase coma un valor do libro gañador “o fío narrativo que conduce a quen le ao longo de todas as páxinas”. Tamén se pon de manifesto que “o conxunto, escrito cun estilo limpo e cunha clara vontade de construción dunha voz propia, goza dunha forte unidade e solidez”.
Miriam Ferradáns é natural do concello pontevedrés de Bueu. Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, na actualidade desenvolve traballos relacionados co ensino secundario. (…)”
Xosé Iglesias gaña a 9ª edición do Premio Victoriano Taibo de Poesía
“O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acaba de acadar o acordo de concederlle o galardón ao poeta fisterrán de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor que participou con temas tamén relacionados co mar nun feixe de publicacións colectivas ademais de contar cun poemario propio, Transfusión oceánica, editado por Caldeirón en 2014.”
Xosé Otero Canto e María Xosé Lamas, premiados no XLII Certame Literario de Vilalba
Desde Terra Chá.xa:
“Os poemarios Telúrica e Sonetos preposicionais -presentado baixo o lema “Un anaco de vida en catorce versos”- obteñen o primeiro e o segundo premio do XLII Certame Literario de Vilalba.
Xosé Otero Canto e María Xosé Lamas resultaron ser os autores de cada obra, respectivamente, polas que obterán 3.000 e 1.000 euros; ademais de flor natural e diploma.
O xurado da XLII edición do Certame Literario convocado polo Excmo. Concello de Vilalba e integrado por José Antonio Pita Paz, concelleiro de Cultura actuando como presidente; Darío Villanueva, presidente da RAE; María Carmen Gueimunde, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en Lugo; Fidel Fernán Vello, Director do Grupo de Radio Principal; e Xulio Xiz, xornalista que actúa como secretario; daba a coñecer o fallo este luns 22 de agosto trala súa reunión na Casa da Cultura.”
Xurxo Alonso gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense
Desde La Voz de Galicia:
“Cartas da fronteira, do pintor e escritor Xurxo Alonso, foi elexida polo xurado entre os 57 orixinais presentados a concurso este ano
O escritor e pintor vilagarcián Xurxo Alonso converteuse no gañador do XXXII Premio de Poesía Cidade de Ourense 2016. O xurado reuniuse no Liceo para elexir a mellor das cincuenta e sete obras presentadas a concurso, nunha convocatoria que está aberta a todos os cidadáns da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (as obras poden estar escritas en galego ou en portugués). Isabel Alves, Fernando de Castro, Luciano Rodríguez, Amalia Mosquera e Luís González Tosar elexiron Cartas da fronteira, do consolidado escritor vilagarcián, como o orixinal que reunía as condicións para ser Premio de Poesía Cidade de Ourense 2016. A convocatoria está dotada con 6.000 euros e a publicación do libro. (…)”