Desde
Galaxia:
“Unha xornada emocionante. Amigos, compañeiros de andaina política, xente vencellada á cultura galega e ao galeguismo, mesmo de distintas xeracións, confluíron o domingo en Trasalba, na Casa Grande de Cimadevila, para homenaxear a Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936), por toda una vida comprometida con Galicia e o galeguismo. O espírito de Otero Pedrayo e da Xeración Nós deixábase sentir no ambiente, coa idea de Europa en primeiro plano, idea tan querida por Camilo, igual que o foi no seu día por Castelao, Otero, Vicente Risco, Villar Ponte…
O escritor Suso de Toro encargouse da laudatio. Unha intervención documentada e sentida, entregada á personalidade da figura a homenaxear, á que no anos 80 dedicou un libro de conversas: Camilo e outras voces (Xerais). “O optimismo da vontade e da intelixencia. A Idea de Galicia sempre en positivo, sempre para avanzar, porque a vontade das persoas é fundamental para construir o futuro dos pobos”, en palabras de Suso de Toro.
Camilo agradeceu o Premio e fixo una chamada á ilusión, a unidade de esforzos para seguir construíndo o país, porque as ideas seguen vivas “e non debemos deixarnos levar por circunstancias que debemos analizar e superar. Galicia é hoxe moito máis forte que hai cincuenta ou sesenta anos, ten moitísima máis creatividade, dispón de moitos mais recursos. Só temos que sabelo organizar e activar”. A continuación, recibiu de mans do Presidente de Honra da Fundación Otero Pedrayo, Xesús Alonso Montero, a figura en bronce de Otero Pedrayo, realizada polo escultor Manuel Buciños,
Actuou no acto o grupo musical Tundal, e presentáronse dous novos títulos da Fundación: a primeira entrega das memorias de Otero Pedrayo, Lembranzas do meu vivir, que comentou o profesor Ramón Villares, autor do limiar; e a recuperación de Parladoiro, escolma xornalística de Otero que no seu día, en vida do autor, realizou o profesor Carlos Baliñas. O presidente da Fundación, Víctor F. Freixanes, fixo tamén referencia ao Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que este ano se concedeu ao libro de Alfonso Mato e Santiago Lamas, De camiños, viaxeiros e camiñantes, unha homenaxe á viaxe a pé que en 1927 realizaron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey.”
Arquivo da categoría: Homenaxes
Redondela: homenaxe a Xosé Luís Franco Grande
A Estrada: presentación do libro Homenaxe a Olimpio Arca Caldas. Un mestre do pobo
Sada: presentación de Negruña, de Xosé Duncan
A Coruña: X Agasallo a Luís Seoane
Compostela: Irmandades em lilás
Compostela: Concerto Homenaxe a Manuel María
Ramil (Melide): Día da Diversidade Natural e Cultural 2016, adicado a Manuel María
Vilagarcía de Arousa: recital poético en homenaxe a Manuel María
O
sábado 21 de maio, ás 18:30 horas, na Peixería, en Vilagarcía de Arousa, terá lugar un recital poético en homenaxe a Manuel María, coa intervención de Xesús Alonso Montero, Tito Porto, Enrique Brumbéck, Goretti Fariña, Elvira Riveiro e Antón Blanco, acompañados polo pianista Germán Jesús Torres Sánchez, que interpretará unha selección de música clásica.








