Artigo de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“Hai só uns días apuntaba nestas páxinas que, particularmente, cheguei a María do Carme Kruckenberg como lector e que só a tratei ocasionalmente. No acto cívico-literario que se lle rendeu este pasado domingo no tanatorio vigués de Pereiró, adquirín consciencia da relevancia que no seu caso cobra atender á súa dimensión máis humana, pois non é difícil comprender como esta se foi filtrando, talvez inevitablemente, na súa obra, á vista dos asuntos polo que foi lembrada: ben difícil resulta entender doutra maneira a fervenza de afectos e emocións que transmitiron as voces e a música daquelas persoas que a trataron, que a acompañaron e que compartiron con ela amizade e complicidades.
Teño para min que hoxe cómpre, con todo, atender a ese legado fundamental que é a obra literaria que nos deixou e que non é menor nin secundario pois, entre outras razóns de relevancia, con el establece un elo inescusable na tradición poética galega contemporánea que vai desde Rosalía, levando como compañeiras de viaxe a Luz Pozo, Pura Vázquez, Helena Villar ou María Xosé Queizán, entre algunhas outras, e que chega ás voces das poetas de arestora. Ao fío disto, intúo que ela sempre foi moi consciente desta realidade, polo que alentou e impulsou a chegada de novas voces de muller á poesía galega, entendendo este xesto como unha responsabilidade e case un acto de fe.
O percorrido poético da autora supón, así pois, un exemplo de continuidade con máis de sesenta anos de presenza practicamente ininterrompida na escena literaria desde que se estrea como poeta no ano 1953 con Las palabras olvidadas, editado en Buenos Aires -esa cidade tan relevante na súa biografía e, dalgún xeito, na súa obra posterior, polas relacións literarias que mantén con exiliados e autores arxentinos- para se incorporar axiña ao discurso literario galego con Cantigas do vento (1956), malia ser posible que o seu paso máis firme fora o que deu con Canaval de ouro, editado por Galaxia en 1962.
Moitos libros publicados, moita poesía escrita e moita outra con seguridade desbotada, mais sempre fiel a unha visión da poesía en primeira instancia de clara filiación popular, onde deu pasos igualmente relevantes nese movemento literario que se denominou neotrobadorismo e que, posteriormente, como Camino Noia apuntou, abrazou o intimismo e, sen dúbida, a reflexión existencial, sen dar as costas a unha visión de corte social sobre o tempo que lle tocou vivir.
No libro que a profesora Mercedes Queixas publicou non hai moito tempo –Vivir, unha aventura irrepetíbel (2011)- a poeta viguesa afirmaba que «non vivimos tempos para nos adurmiñar. Cómpre estarmos ben espertos, atentos á vida, que é o importa. Hai que dicir as cousas e un poeta ten que estar na época exacta na que vive», ao tempo que insistía na importancia que ten a liberdade e o coñecemento preciso para usala. En efecto, relendo parte da súa obra máis recente, agroman aquí e acolá estes dous elementos que se configuran como esenciais para, neste caso, ir pechando unha traxectoria que se configura como constante, prolífica, exemplar, inconformista e intensa. A súa biógrafa comentábame que cumpría falar dela máis que nunca para que a súa obra non esmoreza. Comparto totalmente esa vontade: toda Kruckenberg repousa agora na súa obra. Convido, vivamente, a lela, ou relela, pois será a mellor homenaxe que se lle poida render.”
Arquivo da categoría: Homenaxes
O adeus a María do Carme Kruckenberg
Especial María do Carme Kruckenberg: a vida celebrada
María Victoria Moreno, protagonista do Día das Galegas nas Letras
Desde Sermos Galiza:
“Por segundo ano consecutivo, a plataforma A Sega celebrará a súa conmemoración anual da lingua e literatura, o Día das Galegas nas Letras, que se desenvolverá o vindeiro 15 de agosto. Despois de dar un par de pistas, e a poucos días de que teña lugar a xornada festiva que a Academia Galega decidiu dedicar a Filgueira Valverde, A Sega desvela o nome da muller que protagonizará a súa segunda festa das letras, a escritora nada en Extremadura que viviu boa parte da súa en Pontevedra e acolleu o galego coma lingua literaria, María Victoria Moreno.
Neste ano cúmprese unha década da morte de Mª Victoria Moreno, o que permitiría que o seu nome fora xa barallado pola Academia Galega para vindeiros Días das Letras Galegas. A Plataforma de crítica feminista A Sega non vai agardar a que isto aconteza e, como no ano anterior, decide dedicarlle xa a súa conmemoración anual que naceu para conmemorar ás mulleres, con tan escasa presenza na historia do Día das Letras Galegas.
Natural de Cáceres, María Victoria Moreno chegou a Pontevedra en 1963, cidade onde residiría e impartiría aulas a maior parte da súa vida, nos institutos Valle Inclán e Torrente Ballester e cidade tamén na que acollería o galego como a súa lingua de comunicación e escrita literaria. (…)”
Mondoñedo é poesía
Desde Fervenzas Literarias:
“Este venres 1 de maio as rúas e prazas de Mondoñedo encheranse de poesía. Mondoñedo é poesía 2015 é unha actividade cultural enmarcada nas Feiras e Festas das Quendas que convoca nesta segunda edición a trece poetas (seis deles mindonienses), tres músicos e arredor de vinte debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e do Auditorio Municipal “Pascual Veiga” ao longo da xornada.
Mondoñedo é poesía principiará coa actividade de Sketchcrawl Galicia, onde debuxantes e pintores (Xosé Vizoso, Xoán Guerreiro, Eduardo Baamonde, Lucía López, Isabel Seidel, Pelayo López, Julián Ardura, Antón “Caxoto” …) cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes ao vivo da cidade e das xentes, que difundirán a través das redes sociais. Lugar de cita ás 11.00 h. no Campo da Feira dos Remedios.
De seguido intervirá o poeta e narrador oral Lois Pérez na entrega de Premios do Concurso de Gando no Campo da Feira.
Xa á tardiña continuará o Sketchcrawl Galicia coa quedada de debuxantes e pintores na Praza da Catedral. Será a partires das 16.00 h.
Dende as 18.00 h. ata as 20.00 h. haberá recitados nas diferentes prazas de Mondoñedo. Na praza da catedral (ás 18.00 h.) interveñen Eduard Velasco, Chus Amieiro e Hermes López. Na praza do Concello ás 18.30 h. estarán Eduardo Estévez, Conce Agrelo e Aladino Montero; e a partires das 19.00 h. Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala e Luciano do Monfadal estarán na Praza Jaime Cabot. Tamén participará nestes recitais na rúa alumnado de diferentes centros escolares de Mondoñedo.
Pola súa banda as máis cativas e cativos terán un obradoiro aberto de creación con Caxoto Kativo. Terá lugar ás 18.00 h. na Praza Jaime Cabot.
Un dos actos centrais da xornada celebrarase ás 20.00 h. no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” co recital Mondoñedo é poesía, onde participan músicos (César Morán, Miro Casabella, Arcadio Mon), e poetas (Luz Pozo, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala, Eduard Velasco e Caxigueiro).
Como colofón a este Mondoñedo é poesía realizarase unha homenaxe a Antonio Noriega Varela polo 120º aniversario da publicación do seu poema” De Ruada” en 1895.
Ao tempo, continuarán as súas actividades na mesma sala os debuxantes e pintores da quedada Sketchcrawl Galicia.
O Festival Mondoñedo é Poesía está organizado polo Colectivo Mondoñedo É… e mais pola Asociación As San Lucas, e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación. Colaboran na súa organización o Concello de Mondoñedo, ACIAM Mondoñedo, Casa Penela, Casa de Mañas, CEIP “Álvaro Cunqueiro” e IES “San Rosendo”.”