Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, con Ledicia Costas: “Luces e monstros, da realidade á fantasía”, o 2 de outubro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A lectura como ferramenta de equidade é unha actividade onde a AELG colabora ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ledicia Costas, Yolanda Castaño, Carlos Negro, María Lado e Esther Carrodeguas ofrecen os martes de outubro cadansúa intervención, sempre a partir das 18.00 e na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense) da Universidade de Vigo, reflexionando sobre a lectura como ferramenta para a equidade nesta cuarta edición do ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

A entrada libre, con inscrición gratuíta en imocino@gmail.com se se quere acceder ao recoñecemento de 15 horas para créditos de libre elección.

2 outubro | Ledicia Costas | Luces e monstros, da realidade á fantasía

9 de outubro | María Lado | Como pode a literatura cambiar (un pouco) a túa vida

16 de outubro | Yolanda Castaño | Chaves en letra miúda

23 de outubro | Carlos Negro | Versos para especies diversas (menú de aula)

30 de outubro | Esther F. Carrodeguas | Cambiar coas palabras

Tabela dos libros. Outubro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Entrevista con Ledicia Costas sobre A balada dos unicornios

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Falamos con Ledicia Costas sobre A balada dos unicornios, a súa última novela galardoada co Premio Lazarillo 2017 de literatura infantil e xuvenil. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Vilar de Santos: representación de O valo, de Carlos Labraña

O sábado 29 de setembro, ás 18:00 horas, na Arca da Noe (Rúa do Forno, 13-15), en Vilar de Santos, represéntase a obra O valo, de Carlos Labraña, polo grupo de teatro Os Furabolos, interpretada por Pablo Núñez, no papel de Soldadiño de chumbo e o autor no de Sahara, o espírito do deserto.

Escarlatina, a cociñeira defunta, fala coreano”

Desde Sermos Galiza:
“O máis exitoso dos exitosos libros da escritora Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta (2014), fala coreano. A editorial Pink Whale acaba de publicar a historia de Escarlatina, a cociñeira do século XIX que, acompañada da araña Lady Horreur, elabora “gorentosas receitas” no inframundo. A tradución é de Jeongha Kim.
A obra que lle valeu a Costas (Vigo, 1979) o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura, nas librarías da man de Edicións Xerais, atópase traducida ao castelán ou ao catalán. O pasado ano, a autora deulle continuidade ao personaxe con Os arquivos secretos de Escarlatina (Xerais).”

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Eva Mejuto: Escrita ilustrada

O Obradoiro de creación literaria, con Eva Mejuto: Escrita ilustrada é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

Álbum ilustrado, libros ilustrados, cómic, novela gráfica… Son narrativas visuais nas que texto e imaxe conflúen para contar unha historia. Neste curso afondaremos principalmente no álbum como categoría propia, no formato, tipoloxía, público destinatario (maioritariamente álbum infantil pero tamén para público adulto), así como en cuestións prácticas de cara ao mercado editorial: cuestións legais e consellos para o contacto coas editoras. Tamén nos achegaremos, en función do público presente, ao mundo da banda deseñada, traballando en diversas propostas de guión.

A cargo de Eva Mejuto, e con clases maxistrais de Kiko da Silva.

Calendario e inscrición
– Días: venres 21 e 28 de setembro; venres 5, 19 e 26 de outubro; venres 2, 9, 16 e 23 de novembro; e venres 7 e 14 de decembro.
– Horarios: de 18:00 a 20:00 todos os venres de setembro, outubro e novembro. Os venres 7 e 14 de decembro de 17:30 a 20:30 h.
– 25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– As prazas asignaranse por orde de solicitude.
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en inscricions@pontevedra.eu, indicando os seguintes datos:

  • Nome e apelidos
  • Correo electrónico
  • Núm. do documento de identidade
  • Enderezo completo
  • Data nacemento
  • Ocupación

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.