Arquivo da categoría: Infantil e xuvenil
Gálix e o Concello de Pontevedra renden homenaxe a Fina Casalderrey cunha exposición
“A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil foi a encargada de elaborar para o Concello de Pontevedra unha exposición sobre a escritora Fina Casalderrey, candidata ao premio Memorial Astrid Lindgren 2024 e ao premio Hans Christian Andersen 2024, coñecido este último como o “Nobel da Literatura Infantil”. A exposición, que se colocará na Praza da Ferraría, inaugurarase o vindeiro 18 de abril, nun acto que comezará ás 12 da mañá e no que estará presente a autora. Poderá visitarse ata o 18 de maio.
A mostra, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, leva por título Fina Casalderrey: medrando entre historias e está composta por 20 paneis que narran o seu percurso vital e literario. Son as propias palabras de Fina as que serven de fío condutor da exposición, ao destacar declaracións e anécdotas que ofreceu en diferentes ocasións e medios ao longo da súa carreira. Desta maneira retrátase unha autora referente da nosa literatura contemporánea que, xunto con outras compañeiras e compañeiros de xeración, asentou as bases da literatura infantil e xuvenil en galego. Tamén se presta atención ao seu traballo noutros xéneros e, especialmente, ao seu labor como mestra, oficio ao que dedicou 40 anos da súa vida e que ela mesma recoñece que estivo intimamente ligado aos seus inicios na escrita.
Dende Gálix agradecen a iniciativa do Concello de Pontevedra e consideran esta homenaxe un recoñecemento merecido que contribuirá a achegar á cidadanía a palabra e figura de Fina Casalderrey.”
Antonio Reigosa | O tesouro da tradición oral | Autores e autoras da literatura infantil e xuvenil
Vigo-Navia: Miñoca Tour 2024
Ponteareas: Miñoca Tour 2024
Ourense: presentación de A pulga espacial, de Alba de Evan e Xabier Domínguez
Ourense: presentación de Furia, de María Reimóndez
Vigo: presentación de O corazón das casas, de An Alfaya
A xanela de Gálix. Celia Díaz Núñez
Entrevista a Celia Díaz Núñez en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Celia Díaz Núñez (CDN): A maior fortaleza é a ampla variedade de voces e de temáticas en todos os xéneros e tamén o recoñecemento da súa calidade mediante premios literarios, presenza en listas internacionais, etc.
A debilidade maior é a escasa visibilidade e a falta de promoción que permita consolidar un lectorado independente das propostas escolares. A normalización da lingua vai parella á da literatura en galego e as dúas apóianse mutuamente, nestes eidos queda moito camiño por percorrer.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
– CDN: A aparición de novos formatos e soportes de lectura, a maior presenza do teatro nos catálogos das editoriais, o aumento das traducións, a proxección e recoñecemento exterior dos e das autoras e ilustradoras, o interese da crítica por unha literatura que ata non hai moito se consideraba menor, o desenvolvemento dos clubs de lectura nos centros de ensino como instrumento de animación á lectura.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– CDN:A LIX cada vez é moito máis coñecida e valorada, pero de maneira desigual. Hai un sector moi implicado: librarías, bibliotecas públicas e escolares, profesorado… Noutros ámbitos o coñecemento e o interese é moito menor. (…)”