O xoves 30 de xuño, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do edificio do Café Moderno de Pontevedra (Centro de Maiores Novacaixagalicia), preséntase a edición especial do libro Un misterio na mochila de Alba, de Fina Casalderrey, publicado na Editorial Oxford. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, acompañando á autora, Antonio Ventura, Xosé Cobas, Xabier P. DoCampo (escritor), Ana Isabel Sabarís e Óscar Ibáñez (gaiteiro).
Arquivo da categoría: Infantil e xuvenil
‘Os libros galegos máis exportados’
‘A xeración Lamote ou cando a LIX galega se fixo por fin maior’
Artigo de Iago Martínez en Xornal:
“Hai traxectos que se asocian a unha lectura e quedan aí para sempre. A Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) pasoulle cando marchou a Gernika en 1976. Ensinante antes que Premio Nacional de Literatura, o vilalbés pagou no País Vasco unha das peaxes –”feliz”, matiza– que impoñía a carreira docente. Naquel tren que o levaba para alá, recorda agora, ía lendo No cadeixo, un dos primeiros títulos de Paco Martín (Lugo, 1940). Aínda quedaban moitos anos para que Fernández Paz debutase como narrador e moitos máis para que Manuel Bragado, vendo unha foto de Xurxo Lobato na que os dous escritores aparecían xunto a Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946), os alcumase como a xeración Lamote. Para que existise a “feliz creación” do editor vigués era necesario que Ramón Lamote, o personaxe creado por Paco Martín en 1985, se instalase na historiografía como un sinónimo –ou metáfora– da maioría de idade da literatura infantil e xuvenil galega. Nun tempo no que as comunicacións en Galicia eran africanas, bromea Fernández Paz, a renovación pedagóxica era unha tarefa titánica na que traballaban grupos illados de docentes por todo o país. Nun determinado momento, alguén propuxo sumar eses esforzos e centralizar en Santiago o traballo do que logo sería Nova Escola Galega. Verse periodicamente e organizar o ensino progresista daquel presente, aínda máis largo do que a Transición acabaría consentindo. Así empezaron a tratarse Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo, amigos de antes e compañeiros de traballo, con Paco Martín. Para o que ía ser e non foi a Revista Galega de Educación –que sería, pero con outro formato e outros presupostos–, Agustín fíxolle unha longuísima entrevista a Paco Martín. Calquera a atopa agora, resígnase o autor de Cartas de inverno, entre o mundo de casetes que gardan a memoria daquela época no local onde lle fixo sitio en Vigo á súa biblioteca. Son o testemuño, non só da prehistoria da literatura infantil e xuvenil tal e como a coñecemos agora, senón da época en que a renovación pedagóxica intentou tomar as escolas. Das cousas de Ramón Lamote (1985), gravado a lume na memoria infantil de varias xeracións de escolares, ten algo de libro fundacional. Para Agustín Fernández Paz, que tamén acabaría galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como DoCampo e Martín, obviamente en anos diferentes, é a primeira vez que na literatura galega se ensaia o que máis alá dos Pireneos había tempo que se facía. “Era o que nós descubríramos cando en España se empezaran a editar os libros de Michael Ende, Gianni Rodari, Ursula Wölfel ou Roald Dahl”, recorda agora o autor de Non hai noite tan longa. “Paco Martín fixo en Das cousas de Ramón Lamote unha novela galega pero tamén universal. Era o que buscabamos”. A crítica, non só a académica, e os lectores, acabarían dándolle a razón a ese pálpito, tanto polo número de exemplares vendidos como pola proxección internacional e o prestixio crítico da literatura infantil e xuvenil galega. (…)”
Anxo Fariña: “É máis difícil facer literatura infantil”
(Xornal)
Vigo: presentación de Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo
O sábado 11 de xuño, ás 11:00 horas, no local da Asociación de Persoas Xordas de Vigo (Rúa Romil 24), preséntase o libro Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo, publicado en Galaxia. O acto contará coa asistencia da autora e a representación dunha obra para nenos baseada no conto, ademais de xogos e outras actividades.
Jan estivo alí, de Xosé Antón Neira Cruz, na lista de honra da revista CLIJ
Rianxo: Contamos contos de aquí, encontro con Antonio Reigosa
O sábado 28 de maio, a partir das 12:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal “Castelao” (Praza de Rafael Dieste, s/n.) de Rianxo, terá lugar un encontro co autor de literatura infantil Antonio Reigosa, titulada Contamos contos de aquí.
A editorial galega OQO publicará títulos en Polonia
A Coruña: espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta, con Fran Alonso e Xurxo Souto
O venres 20 de maio, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños de Monte Alto (Campo de Marte, s/n.) da Coruña, Fran Alonso e Xurxo Souto presentan o espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos e tamén, por suposto, a adultos. Durante a sesión, a poesía converterase en maxia, música e xogo e soará o acordeón. O acto está organizado pola Librería Sisargas e Edicións Xerais.
Vigo: presentación de O meu gato é un poeta, de Fran Alonso e Xurxo Souto
O venres 13 de maio, ás 18:30 horas, Fran Alonso e Xurxo Souto presentan na Librería Libros para Soñar na (Rúa Triunfo, 1) de Vigo o espectáculo poético musical O meu gato é un poeta, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos e tamén, por suposto, a adultos. Durante a sesión, a poesía convertirase en maxia, música e en xogo, e soará o acordeón. O espectáculo está baseado no libro dos autores publicado en Xerais.