Compostela: Escenario Aberto, acto multidisciplinar

DesdeTeresa Moure 2015 Sermos Galiza:
“Os alumnos e alumnas do último ano do ciclo superior de produción audiovisual, radio e espectáculos da Escola Raio Verde de Santiago de Compostela organizan un evento que se realizará no Auditorio de Galicia (Sala Mozart) a cuarta feira 2 de marzo. Escenario Aberto reunirá a diferentes artistas e profesionais da cultura galega nun acto multidisciplinar con novas promesas e figuras consagradas, como Teresa Moure, Poetarras, a cooperativa Cestola na Cachola ou o grupo Break Inclán, entre outros.
O acto comezará as 20:30 horas e as portas do recinto abriranse media hora antes. A entrada é de balde ata completar aforo. O presentador Pablo Meixe será o encargado de presentar Escenario Alberto, un evento apadriñado por varios negocios da área compostelá, e que reunirá nun mesmo escenario disciplinas tan diversas como o teatro, a música, a ilustración e a danza.
Escenario Aberto forma parte do proxecto de fin de curso dos alumnos e alumnas do Raio Verde. Dez mozos e mozas que queren promocionar o amplo espectro cultural da nosa terra coa intención de crear sinerxias que deriven en proxectos conxuntos futuros.”

Manuel María: o dereito á dignidade e á enteireza

ReportaxeManuel María de Montse Dopico en Praza:
“A poesía de Manuel María, -dixo Uxía-, leva música dentro. Como Rosa namorada, poema dedicado a Saleta Goi. “A terra faise en ti,/ Saleta, sutileza,/ chama apaixonada/ e transparente,/ levidade de neve,/ torrente e forza/ de seiva poderosa”. Ou como O Melro, que Xabier Díaz cantou con Uxía, no que foi outro dos momentos máis álxidos do concerto, xunto con Heiche dar un bico e, despois, a moi actual Bando. “Dende agora as pombas teñen/ que pedir licencia para voar”. “Prohíbeselle á lúa/ andar ceiba de noite polo ceo”. Na mesma senda reivindicativa, veu despois a tamén moi coñecida O idioma. “O idioma é a chave/ coa que abrimos o mundo:/ o salouco máis feble,/ o pesar máis profundo”. (…)
A musicalidade dos versos de Manuel María é tamén destacada polo compositor e escritor Paulino Pereiro no libro A propósito de Manuel, editado pola produtora Nós, que acompaña o documental Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, dirixido por Margarita Ledo e tamén publicado por Nós. “Chao xurdiu coa ocasión da lectura do poema de Manuel. As palabras, o contido do poema, o ritmo e as sonoridades vocálicas e consonánticas, todo iso suxería música, sons que houbo que domear organizándoos para a expresión das ideas filosóficas do falante”, explica Pereiro, que traballou con Chao, de Manuel María, na súa colección de pezas pianísticas O tempo nas voces. Op. 82, na que evoca musicalmente as sensacións que suscitan os versos de poetas de distintos lugares e tempos.
“Cando eu xa estexa canso de verdade/ e as cousas e o mundo non alcendan/ en min nengun fervor, quero/ deitarme, Outeiro, no teu chao,/ contemplar o brillo das estrelas,/o paso das nubes tráxicas e grises/ mentras, con todo o meu ser, vou,/ moi de vagar, dun xeito lúcido,/ facéndome, pra sempre, terra túa/e ensumíndome, calado, no teu seo”, di Chao. E con Chao, -explicou Margarita Ledo na presentación en Numax do libro+DVD de Nós-, coa voz de Miguel Anxo Fernán-Vello, empeza Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Un filme de 2005 agora reeditado co engadido do libro, que presenta as distintas faces da vida de Manuel María a través da súa propia voz. (…)
Neste mesmo libro, Darío Xohán Cabana sinala algo que tamén comentou Ledo en Numax: “Manuel María encabeza historicamente a que nós chamaremos Xeración dos Cincuenta, a Grande Xeración, a gloriosa constelación que puxo o seu xenio e a súa enerxía militante ó servizo da resurrección das letras galegas feridas de morte pola ditadura fascista, e que acabou de conformar a estrutura esencial do edificio da Literatura Galega moderna tal como hoxe a percibimos”. (…)”

Taboleiro do libro galego XLI (febreiro de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un mes máis velaquí a nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas, nesta ocasión, ás trece librarías colaboradoras: Andel, Casa do Libro, Librouro e Cartabón de Vigo; Airas de Allariz; Paz de Pontevedra; Miranda de Bueu; Biblos de Betanzos; Trama de Lugo; Suévia da Coruña; Pedreira de Compostela, Cronopios (Santiago e Pontevedra) e Moito Conto, da cidade da Coruña, que se incorpora desde agora a este proxecto e a quen lle damos a nosa benvida.

NARRATIVA
1º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
2º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
3º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
4º-. Marcos Calveiro, Fontán, Galaxia.
5º-. Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, Galaxia.
6º-. Manuel Portas, Lourenço, Xograr, Galaxia.
7º-. Alberto Fortes, O dobrón de a oito, Xerais.
8º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.
9º-. Héctor Cajaraville, De remate, Xerais.
10º-. Pedro Feijoo, Morena, perigosa e románica, Xerais.

POESÍA
1º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
2º-. María do Cebreiro, O deserto, Apiario.
3º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
4º-. Manuel María, Terra Chá, Fundación Manuel María.
5º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
6º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
7º-. Tamara Andrés, Nenaespiraes, Medulio.
8º-. Silvia Penas, Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, Fervenza.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Montse Fajardo, Un cesto de mazás, autoedición.
2º-. J. A. Gurriarán, As mulleres do monte, Galaxia.
3º-. Manuel María, Farsa de Bululú, Xerais.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
3º-. Ledicia Costas, O corazón de Xúpiter, Xerais.
4º-. Carlos Meixide, Ons, autoedición.
5º-. Pere Tobaruela, Formig4s. Misión Barcelona, Xerais.
6º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.
7º-. Antonio Manuel Fraga, Tártarus, Xerais.
8º-. Elena Gallego, Dragal IV, Xerais.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
2º-. Munro Leaf e Robert LawsonA historia do touro Ferdinando (tradución de Xesús Fraga), Kalandraka.
3º-. Érica Esmorís, Nena e o mar, Xerais.
4º-. Manuel María (ilustracións de Xaquín Marín), O bigote de Mimí, Fundación Manuel María.
5º-. Estíbaliz Espinosa, Caer de cu polo universo, Apiario.
6º-. Anna Llenas, O Monstro de Cores, Flamboyant.
7º-. María Canosa (ilustracións de Nuria Díaz), Rubicundo, Xerais.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Casa-Museo Manuel María.
2º-. Troula Animación, Uxía Lambona e a Banda Molona.
3º-. Manuel María-Suso Vaamonde, Os soños na gaiola, autoedición.
4º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
5º-. Carmen Gil/Mamá Cabra, A bruxa Discordia, Galaxia.
5º-. Cé Orquestra Pantasma, Fíos do querer, Miudiño.

BANDA DESEÑADA
1º-. Luís Davila, O bichero V, Edición do autor.
2º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
3º-. Jacobo Fernández Serrano, Marcopola 3, Xerais.
4º-. Francisco José Abelleira (debuxo/cor: Pedro J. Colombo, Víctor Rivas, Beatriz Iglesias e Sagar Fornies), Abastos, Pintamonas.”